main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

23/04/202312:00
Unha rapaza e un rapaz construíndo un robot.
Santiago de Compostela

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia promove as vocacións e talento femininos no Día Internacional das rapazas nas TIC

  • A Rede CeMIT e o Centro GaiásTech celebran unha xornada lúdica formativa destinada ao alumnado de entre 8 e 14 anos
  • Esta iniciativa persegue impulsar o talento tecnolóxico entre as mulleres, que actualmente representan o 34 % das persoas matriculadas en titulacións tecnolóxicas, a pesar de ser máis do 55% do total do alumnado das universidades
  • Aumenta nun 5,5% o total de mulleres empregadas no sector TIC, ata o 32,9%

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia celebrará o 27 de abril, o Día Internacional das rapazas nas TIC cunha xornada no centro GaiásTech da Cidade da Cultura e na Rede CeMIT, dirixida ao alumnado de entre 8 e 14 anos. As actividades programadas nesta xornada terán como obxectivo fomentar o interese no sector tecnolóxico entre as persoas máis novas.

A xornada comezará coa actividade interactiva “Coñece a importancia da muller nas TIC”, na que se realizará un breve percorrido histórico sobre a relevancia da muller neste ámbito. Haberá tamén unha charla da xornalista e presentadora Esther Estévez do programa da CRTVG “Dígocho Eu”.

A sesión rematará cun taller de robótica no que os rapaces e rapazas poderán programar e poñer en funcionamento un vehículo e experimentar de primeira man a aplicación práctica da robótica e a programación. As persoas que non poidan asistir de maneira presencial poderán seguir as dúas primeiras actividades online que se retransmitirán dende o GaiásTech a través desta ligazón.

Presenza das mulleres nas carreiras STEM e no sector das TIC

Coa iniciativa do “Día das rapazas nas TIC” perséguese impulsar e fomentar as vocacións STEM entre as rapazas, co fin de aumentar a presenza da muller no sector tecnolóxico.

Os datos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), indican que, a pesar que as mulleres representan máis do 55% do total do alumnado nas universidades galegas, no ámbito dos graos universitarios STEM, a porcentaxe de mulleres matriculadas representan o 34%. No caso das ciencias, as mulleres son maioría, pero a porcentaxe nas enxeñarías e tecnolóxicas descende ata o 26%. Na informática e comunicacións son o 13,8% e no resto de enxeñarías, o 28,5%.

A inserción laboral é lixeiramente superior no caso das mulleres. Segundo un estudo da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), a porcentaxe de inserción de persoas tituladas en carreiras STEM sitúase no 86,6% no caso dos homes e no 87,3% entre as mulleres. A fenda de xénero nas retribucións do conxunto de persoas con titulación STEM, é case nula.

No eido do Hipersector TIC, segundo datos do OSIMGA, a porcentaxe de mulleres empregadas sobre o total do persoal foi en 2022 do 32,9%, o que supón un total de 8.983 mulleres empregadas, cun crecemento do 5,5% respecto ao ano 2021.

Das persoas que realizan tarefas tecnolóxicas no sector TIC, o 21,3% son mulleres. A fenda de xénero é máis evidente no caso dos ciclos formativos: un 29,3% do persoal técnico son homes con formación profesional (FP2 ou FP1) fronte ao 5,7% de mulleres.

Os resultados detallados pódense consultar na web www.osimga.gal.

Vocacións e talento feminino para liderar o cambio tecnolóxico en Galicia

As actividades do Día Internacional das Rapazas nas TIC forman parte do Plan para o Impulso da Inclusión, Capacitación e Talento Dixital en Galicia, DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, e contribúe aos obxectivos de estimular o talento precoz no ámbito das tecnoloxías, así como, fomentar o atractivo vocacional de profesións científico tecnolóxicas desde idades temperás e promover a redución da fenda de xénero para contribuír ao aumento da taxa de mulleres en carreiras técnicas.

22/04/202315:42
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O plan Digitalent 2030 comeza o segundo trimestre do ano con máis dunha decena de iniciativas destinadas a fomentar o talento precoz e a especialización tecnolóxica

  • Entre abril e xuño están convocadas diferentes actividades para fomentar as vocacións STEAM entre os máis novos e para achegar os perfís dixitais a estudantes universitarios e de Formación profesional
  • Charlas divulgativas, concursos, visitas e novas iniciativas como DXCPinchos&Datos ou os TFGs solidarios impulsado por NTT Data, integran a oferta deste trimestre
  • Tecnólog@ por un día está a celebrar a súa oitava edición posibilitando a rapazas e rapaces de 12 a 16 anos a oportunidade de compartir unha xornada de traballo en empresas TIC

O “Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital”, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, inicia o segundo trimestre do ano con trece iniciativas en marcha destinadas ao fomento das vocacións temperás e do talento dixital avanzado.

O catálogo de actividades de DigiTalent, que se pode consultar na web DigiTalent, conta coa colaboración das entidades do Pacto Dixital de Galicia, que manteñen o seu compromiso co impulso do talento tecnolóxico na comunidade.

As trece actividades, que se desenvolven entre abril e xuño, están aglutinadas en dúas liñas de actuación. Por unha banda, DigiClan reúne as actividades dirixidas a espertar, motivar a potenciar as vocacións STEAM desde idades temperás, estimulando as destrezas e capacidades tecnolóxicas dos máis pequenos a través de actividades en formatos dinámicos cunha perspectiva lúdico-formativa. Por outra banda, están as actividades dirixidas a aumentar a xeración, retención e atracción de talento tecnolóxico especializado, unidas baixo o epígrafe DigiLeaders.

DigiClan: Talento precoz no ámbito dixital

Entre as actividades destinadas aos máis novos, tamén está a oitava edición do Programa Programa Tecnólog@ por un díaunha actividade que ofrece ao alumnado de 12 a 17 anos a oportunidade de experimentar unha xornada inmersiva nas empresas do sector tecnolóxico galego que colaboran nesta iniciativa.

Ademais, continúa a cuarta edición GenTech, que achega ao alumnado de bacharelato a relevancia das profesións dixitais e as oportunidades laborais que ofrece o sector TIC, da man de profesionais da tecnolóxica Altia. A empresa continúa a ofrecer aos centros escolares galegos a oportunidade de visitar as instalacións do seu Data Center.

A estas iniciativas súmanse ata o mes de maio DXC Iberia Codes e Charlas DigiTalent DXC, dúas actuacións impulsadas por DXC Technology e dirixidas a centros educativos de primaria, secundaria e bacharelato. Coas súas Charlas DigiTalent, DXC introduce ao alumnado nas novas tendencias dixitais dende a experiencia dos seus profesionais.

Doutra banda, a través de DXC Iberia Codes, achéganse a nenos e nenas de 5º de primaria a 4º curso de secundaria as disciplinas STEM a través dun concurso de programación no que compiten en parellas na creación dun videoxogo baseado en Tecnoloxía "Scratch".

DigiLeaders: Talento especializado

Nesta outra liña, a Axencia autonómica e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades están a impulsar Mentoring FPunha iniciativa que busca titorizar e acompañar ao alumando dos ciclos de Grao Superior e de cursos de especialización da Formación Profesional na identificación de saídas profesionais adaptadas ao seu perfil.

Neste mesmo eido da Formación Profesional, Altia FP Dual ofrece estancias formativas na empresa. Doutra banda, no ámbito universitario esta mesma empresa ten activas Altia Staging e Altia Tech Day, dúas iniciativas enfocadas a fomentar o talento especializado do estudantado en tecnoloxías avanzadas.

Tamén continúa activo o Observatorio DXC, un programa de DXC Technology que conta con liñas de asesoramento especializado, prácticas titorizadas e a oportunidade realizar Traballos de Fin de Grao e Mestrado cotitorizados, dirixidas ao alumnado universitario que está a cursar disciplinas técnicas. No marco do Observatorio celébrase tamén a VI edición do premio DXC para o recoñecemento do mellor Traballo Fin de Mestrado e Big Data da Universidade de Santiago de Compostela.

Como novidade este 2022/2023, DXC pon en marcha a iniciativa DXC Pinchos&Datos, un encontro que se celebrará no mes de maio en Santiago de Compostela con charlas sobre novas tendencias tecnolóxicas, impartidas por expertos da universidade, a empresa e o sector público nun formato distendido.  

Por último, en colaboración con HackABoss, NTT Data ten en marcha o Bootcamp Data Science, un curso de formación intensivo no eido da predición, análise e interpretación de datos para a optimización na toma de decisións no eido empresarial.

Ademais, NTT Data continúa a impulsar durante estre trimestre os seus TFGs solidarios no marco da Cátedra en Diversidade e Tecnoloxía en colaboración coa Universidade de A Coruña, que teñen por obxectivo ofrecer a oportunidade aos alumnados de Enxeñaría Informática de realizar Traballos de Fin de Grao con impacto e valor social, da man de organizacións sen ánimo de lucro.

20/04/202318:18
O director da Amtega, Julián Cerviño, durante a inauguración da xornada.
Santiago de Compostela

O Nodo Galego de Ciberseguridade e o Portal de Transparencia da Xunta reciben os premios ‘Socinfo Digital’

  • O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, inaugurou esta mañá a xornada “Prioridades TIC nas AAPP de Galicia ante os Fondos Next Generation” organizada pola revista ‘Sociedad de la Información Digital’
  • A colaboración da Xunta coas entidades locais para a capacitación dixital da cidadanía na rede CeMIT e no Marco Galego de Competencias Dixitais centrou unha das conferencias da xornada
     

O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal e o Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia recibiron esta mañá os premios ‘Socinfo Digital, Galicia TIC” nas categorías de Cooperación de empresas TIC coas Administracións Públicas e Goberno Aberto, respectivamente. 

Estes premios están organizados pola revista Sociedad de la Información Digital (Socinfo Digital), e foron entregados durante a xornada sobre “Prioridades TIC nas AAPP de Galicia ante os Fondos Next Generation” que tivo lugar na sede de A Fundación en Santiago de Compostela. 

A xornada foi inaugurada polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, que destacou que a Xunta ten xa en marcha cerca do 90% dos proxectos correspondentes ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) xestionados por esta Axencia. 

Destacou, neste sentido, que un total de 93 millóns de euros corresponden a proxectos que xa están licitados, en fase de execución ou executados. Estas iniciativas están englobadas en 26 liñas de actuación enmarcadas na Estratexia Galicia Dixital 2030. 

Premios ‘Socinfo Digital’

O premio na categoría de Cooperación de empresas TIC coas Administracións Públicas e Goberno Aberto, concedido ao nodo CIBER.gal, foi recollido polo xefe da Subárea de Seguridade da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Gustavo Herva en presencia, como representación do sector privado, do presidente do Clúster TIC de Galicia, Antonio del Corral. 

Tras recoller o premio, Herva referiuse ao carácter pioneiro do Nodo e agradeceu a vinculación e colaboración do INCIBE, o CCN, a Fegamp e as catro deputacións provinciais galegas, así como “a todas as entidades públicas e privadas que se adheriron a este espazo, poñendo á súa disposición os seus recursos e cooperando na execución das súas accións”. En concreto, son máis de 50 entidades adheridas. 

Pola súa banda, o premio de Goberno Aberto foi recollido polo director xeral de Simplificación Administrativa da Consellería de Facenda, Jesús Oitavén, que subliñou que o Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta contén máis de 2.256 páxinas web nas que se poden visualizar máis de 6.857 documentos, e cuxos contidos poden ser interpretados por un sistema de voz de contido. 

Así mesmo, a información solicitada polos cidadáns é de moi distinta natureza, comprendendo áreas temáticas relacionadas coa ordenación do territorio e do medio ambiente, coa contratación pública, información en materia de persoal ou información de relevancia xurídica, entre outras. 

Capacitación dixital da cidadanía

Na xornada tamén participou o director da Área de Sociedade Dixital da Axencia, Miguel Rodríguez, que pronunciou unha conferencia na que se referiu á colaboración entre a Xunta de Galicia e as entidades locais para “dotar ao conxunto da cidadanía da capacidade necesaria para desenvolverse con confianza e seguridade no contexto dixital e reducir a fenda dixital entre zonas rurais e urbanas. 

En canto ao novo Marco Galego de Competencias Dixitais, o director de Sociedade Dixital da Axencia destacou que “define os coñecementos, capacidades e aptitudes necesarias para o desenvolvemento dunha sociedade usuaria dos servizos dixitais en todos os ámbitos sociais e é o soporte sobre o que se asenta a súa certificación e acreditación”.

17/04/202307:44
All Digital Weeks.
Santiago de Compostela

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica súmase á campaña europea “All Digital Weeks 2023” cun programa de actividades para mellorar as habilidades dixitais da cidadanía

  • A Rede CeMIT e o Centro GaiásTech acollerán desde o 18 de abril un ciclo formativo centrado na ciberseguridade e na capacitación dixital para a equidade, diversidade e inclusión

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia iniciará o día 18 de abril un ciclo de actividades para mellorar as habilidades dixitais desde unha orientación inclusiva así como o uso seguro de internet e que terán lugar nas aulas da Rede CeMIT e o Centro GaiásTech. Esta programación enmárcase na Campaña “All Digital Weeks 2023”, que se celebrará entre o 17 de abril e o 7 de maio en toda Europa baixo o lema “Mellora as túas habilidades dixitais”. 

O programa de actividades arrancará o día 18 de abril cunha sesión presencial “Novas pedagoxías para o ensino das TIC” destinada a axentes TIC da Rede CeMIT, que se complementará o 3 de maio coa celebración dunha sesión online “Aprender ciencia creando: introdución ao método STEAM”, co obxectivo de mellorar as metodoloxías de ensinanza das TIC e facilitar diversas temáticas de interese para a cidadanía.

Ademais, o 27 de abril, Día Internacional das rapazas nas TIC, a Axencia autonómica celebrará no GaiásTech da Cidade da Cultura unha xornada dirixida a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos para fomentar as vocacións STEAM entre os máis novos. Para poder participar nesta xornada de maneira presencial, é necesario inscribirse nesta ligazón.

A xornada comezará ás 16:30 cunha actividade interactiva baixo o nome “Breve percorrido histórico sobre a relevancia da muller nas TIC”. Posteriormente, continuará cunha charla da xornalista e presentadora Esther Estévez do programa da CRTVG “Dígocho Eu” e rematará cun taller de robótica no que os rapaces e rapazas poderán programar e poñer en marcha un vehículo. As persoas que non poidan asistir de maneira presencial poderán seguir as dúas primeiras actividades online dende o GaiásTech a través da seguinte ligazón.

A conmemoración das All Digital Weeks pecharase cunha charla sobre ciberseguridade “O teu día a día, con seguridade” o día 4 de maio de 16:00 a 17:30 no centro GaiásTech, no que se fará foco nos riscos cos que nos podemos atopar na contorna virtual e exporá as medidas para poder previlos. Para poder asistir a esta charla de maneira presencial, é necesario inscribirse nesta ligazón.

A Campaña All Digital Weeks 2023

A Campaña All Digital Weeks é unha das principais iniciativas a nivel europeo de sensibilización sobre as habilidades dixitais para a inclusión, empoderamento e a mellora da empregabilidade. Está organizada pola All Digital Network e, dende os seus inicios en 2010, a campaña leva axudado a 1,5 millóns de persoas a conectarse por primeira vez ou a mellorar as súas habilidades dixitais. Este ano a campaña conta co apoio da Comisión Europea como apoio á promoción do Ano Europeo das Competencias. Nesta edición, a Rede CeMIT participa da man da asociación estatal Somos Digital, escollida nesta ocasión para ser a coordinadora da campaña a nivel nacional.

13/04/202313:19
Cartel da iniciativa.
Ribeira

A Aula CeMIT de Ribeira leva a formación en uso de móbiles ás parroquias de Castiñeiras, Olveira e Artes

O Concello de Ribeira apostou esta tempada por levar a formación tecnolóxica ao rural do termo, sacando dos seus límites físicos (na rúa de Cubeliños de Santa Uxía) a actividade TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) da Aula CeMIT. Deste xeito, a iniciativa da Concellería de Educación, as parroquias de Castiñeiras, Olveira e Artes van dar cabida a candanseus cursos gratuítos sobre uso básico de móbil Android impartidas polo axente da Aula CeMIT de Ribeira.

Con catro horas de duración cada acción formativa, as correspondentes a Castiñeiras e Olveira terán lugar do 17 ao 20 de abril (de 11.30 a 12.30 e de 19 a 20 horas nas súas respectivas Casas de Cultura), en tanto que o de Artes celebrarase do 25 ao 28 de abril, de 19 a 20 horas no Centro Recreativo.

As inscricións poden facerse, como de costume, a través da web da Aula.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS