
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Aula CeMIT de Ribeira recibiu na mañá deste 21 de marzo novo material tecnolóxico procedente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) coa finalidade de que sexa incorporado a súa actividade formativa. A concelleira de Educación e Innovación Tecnolóxica, Juana Brión, foi a encargada de recepcionar o novo equipamento de tecnoloxías disruptivas, que inclúe os dispositivos que se citan deseguido.
A entrega de equipamentos materializouse a raíz da solicitude do Concello de Ribeira de adherirse ao Plan de Reforma e Ampliación da Rede de Aulas CeMIT.
A Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galicia inicia o día 28 de marzo un novo ciclo formativo en materia de ciberseguridade orientado a cidadanía, especialmente ás persoas maiores.
Baixo o lema “O teu día a día en liña, con seguridade” estas sesións buscan non deixar a ninguén atrás en materia de competencias dixitais e ciberseguridade. Desenvolveranse de xeito presencial nas aulas CeMIT de 17 concellos de toda Galicia e no centro GaiásTech, na Cidade da Cultura.
O prazo de inscrición xa está aberto e pode realizarse a través da páxina web da Rede CeMIT ou de xeito presencial nas aulas de A Cañiza, Fisterra, Ribeira, Leiro, O Barco, Abegondo, Ortigueira, Monforte, Cuntis, Celanova, Cerceda, Tomiño, Ribadeo, Quiroga, A Fonsagrada, Betanzos, Gaiás Tech e Pontevedra.
As xornadas farán foco nos riscos cos que nos podemos atopar na contorna virtual e exporán as medidas para poder previlos, facilitando un uso seguro da tecnoloxía sen abusos.
É a segunda edición deste ciclo, que se enmarca nas actividades do Nodo CIBER.gal para dar cobertura ás necesidades da cidadanía, empresas e administracións públicas en materia de ciberseguridade.
|
Aulas participantes |
Datas e horarios |
|
28 de marzo de 11:00 a 12:00 horas. |
|
|
30 marzo de 17:00 a 18:30 horas. |
|
|
3 de abril de 11:30 a 13:00 horas. |
|
|
4 de abril de 11.00 a 12:30 horas. |
|
|
5 de abril de 11:00 a 12:30 horas. |
|
|
9 de maio de 11:00 a 12.30 horas. |
|
|
10 de maio de 11:00 a 12.30 horas. |
|
|
11 de maio de 12.00 a 13.30 horas. |
|
|
15 de maio de 11:00 a 12:30 horas. |
|
|
16 de maio de 11:00 a 12:30 horas. |
|
|
19 de maio de 12:30 a 14:00 horas |
|
|
22 de maio de 11:30 a 13:00 horas |
|
|
23 de maio de 11:30 a 13:00 horas |
|
|
6 de xuño de 13.30 a 15:00 horas |
|
|
12 de xuño de 12:30 a 13:30 horas |
|
|
20 de xuño de 12:00 a 13:00 horas |
|
|
21 de xuño de 11:00 a 12:00 horas |
|
|
4 de maio de 16:00 a 17:30 horas |
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica) é unha iniciativa posta en marcha pola Axencia autonómica, que conta coa colaboración de 90 concellos e está integrada por 96 centros. Entre os seus obxectivos está o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar ás pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: https://cemit.xunta.es/centros.
A Xunta regulará o uso da intelixencia artificial no sector público autonómico, de acordo cos resultados do informe elaborado polas tres universidades públicas galegas sobre o marco ético e normativo para o desenvolvemento desta tecnoloxía.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, inaugurou hoxe o acto de presentación do estudo sobre o Marco ético normativo e adopción da intelixencia artificial (IA) en Galicia, onde destacou que a aposta da comunidade pola colaboración e a implicación de todos os actores no proceso de transformación dixital sitúa á nosa comunidade nunha posición de vangarda. O acto contou coa participación dos reitores das tres universidades: Antonio López (Santiago de Compostela); Julio Abalde (A Coruña) e Manuel Reigosa (Vigo).
Miguel Corgos sinalou ademais que, a intelixencia artificial é unha responsabilidade compartida e que desde esta posición se poden afrontar mellor os retos relacionados coa especialización da sociedade galega en tecnoloxías e a forma na que se aplican, tendo sempre en conta o benestar das persoas e o desenvolvemento social e económico. Neste marco, lembrou que a comunidade galega foi a escollida para acoller a primeira axencia estatal europea de supervisión da intelixencia artificial, a AESIA, que estará na Coruña.
Na súa intervención, o conselleiro fixo fincapé nas preocupacións da Administración relativas á utilización das tecnoloxías intelixentes de xeito que cumpran os criterios éticos e normativos máis esixentes: que a administración sexa cada vez máis eficiente, a través automatización de procesos, robotización ou minería de datos; que avance na mellora dos servizos que se ofrecen á cidadanía, cada vez máis personalizados, a través de tecnoloxías de xestión intelixente do dato e novos modelos de procesamento, almacenamento ou servizos na nube; e que faciliten as relacións entre a cidadanía e a administración, mediante o desenvolvemento de asistentes virtuais e novas ferramentas para dispositivos móbiles. Sen esquecer garantir o acceso aos servizos das persoas sen habilidades dixitais, a través de figuras como a do apoderado ou o funcionario habilitado.
Marco ético normativo e adopción da IA en Galicia
Expertos das tres universidades destacan que “hai marxe para que os Estados e as comunidades autónomas reforcen os obxectivos da lexislación europea sobre Intelixencia Artificial, incluso dende antes da súa entrada en vigor”. Neste sentido, inciden en que “nada impide que a comunidade autónoma regule xa a utilización das tecnoloxías baseadas en IA polo propio sector público autonómico e, no seu caso, polas entidades locais galegas”.
Tampouco hai impedimento a que “a comunidade autónoma poida desenvolver unha política propia de fomento do desenvolvemento de tecnoloxías baseadas na IA”. Sen embargo, advirten de que “está xurdindo un mosaico de normas nacionais con posibles diverxencias que entorpecerá a circulación fluída na UE de produtos e servizos asociados a sistemas de intelixencia artificial e non garantirá de maneira efectiva a seguridade e a protección dos dereitos fundamentais e os valores comunitarios”.
Esta é unha das conclusións do estudo presentado hoxe na Cidade da Cultura, promovido pola Xunta e elaborado por equipos multidisciplinares das tres universidades públicas galegas.
Este informe é o primeiro elaborado nunha comunidade autónoma española para afrontar os retos para unha IA fiable e acorde cos valores humanos que promove a Unión Europea.
Previamente á presentación do estudo desenvolveuse un espazo de diálogo sobre “O papel da linguaxe para unha IA ética e fiable” no que participaron o catedrático de Teoría da Literatura, Darío Villanueva, e o director do Foro de Humanismo Tecnolóxico de ESADE, José María Lassalle. O debate foi moderado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño.
O estudo foi presentado polo catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, Luis Miguez; a catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, Amparo Alonso, e o profesor titular de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Alberto Vaquero.
Entre as conclusións do traballo, os autores destacan que “para estudar posibles escenarios de regulación da IA en Galicia resulta recomendable seguir activamente os acordos e avances da AI Act (Lei europea de IA) de cara a situarse como pioneiros na aplicación que corresponda e lograr aliñarse para impulsar o mercado único europeo e crear oportunidades claves en torno ao desenvolvemento e uso da IA en Galicia”.
Sinalan, así mesmo, que “as empresas galegas contan con certas vantaxes, como as derivadas da existencia dunha clara aposta da Xunta pola IA, materializada nunha estratexia formal, e a implantación de graos universitarios neste ámbito de formación”.
O estudo articulouse en torno a tres aspectos: o marco lexislativo da IA, a identificación das claves do éxito na adopción da IA no mundo e un sistema de indicadores para Galicia, e a análise da situación actual da adopción da IA en Galicia e recomendacións para o seu impulso.
En canto ao sistema de indicadores proposto, os expertos tomaron como referencia a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e os datos dispoñibles a través do Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA). Entre os aspectos de análise atópanse as conexións da rexión coas principais redes de intelixencia artificial; a formación e adaptación do capital humano e da poboación; o desenvolvemento das condicións necesarias para o desenvolvemento da IA: Administracións públicas, empresas e sectores estratéxicos; e o apoio dende os axentes do ecosistema de innovación galego e a súa aportación á evolución social e económica de Galicia.
O traballo tamén incide en que debe ser prioritario “a creación de espazos de datos empresariais compartidos, a transformación dixital das empresas, o despregue de infraestruturas e o fomento da creación de empresas de prestación de servizos de IA especializados en PEMEs.
O estudo está dispoñible na seguinte ligazón: https://amtega.xunta.gal/documento/estudo-sobre-o-marco-etico-e-normativo-e-o-potencial-impacto-da-adopcion-da-intelixencia
A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, puxo en marcha a iniciativa “Ciberseguridade Galicia”, cunha imaxe que identificará todas as accións e contidos destinados a mellorar a concienciación e capacitación da sociedade en materia de seguridade dixital.
No marco das medidas destinadas a reforzar a concienciación cidadá na materia, a Axencia autonómica puxo en marcha o portal https://ciberseguridadegalicia.gal. Entre os seus obxectivos atópase o de recompilar datos sobre novos incidentes, avisos e alertas de ciberseguridade e poñelos a disposición das persoas usuarias do portal.
Así mesmo, ofrecerá información de fondo sobre ciberseguridade: Información técnica e práctica, documentación, recursos formativos, vídeos, catálogo de empresas deste ámbito e outros recursos, así como novas sobre ciberseguridade, como informacións de actualidade, accións ou eventos de axenda.
O portal tamén dará difusión ás actividades máis relevantes promovidas polo Centro de resposta a incidentes de seguridade da información da Xunta de Galicia (CSIRT.gal), así como detalles dos servizos que presta.
Este portal púxose en marcha a finais de 2022, como unha máis das actividades desenvolvidas dentro do proxecto de ampliación dos servizos de ciberseguridade ofrecidos pola Xunta, co propósito de estender o seu ámbito de actuación para dar cobertura ás necesidades da cidadanía, empresas e administracións públicas. Os contidos do portal web complementaranse con publicacións sobre ciberseguridade nos perfís de redes sociais da Xunta de Galicia.
Accións dirixidas a escolares e persoas maiores
No marco do reforzo das medidas de concienciación da cidadanía e, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade, realizaranse nos próximos meses 130 obradoiros nos que participarán preto de 4.000 estudantes de 2º, 3º e 4º da ESO. O alumnado recibirá formación práctica sobre como xestionar de xeito seguro os seus dispositivos dixitais e redes sociais, e aprenderá a protexer a información e facer un uso seguro destas ferramentas.
Nesta mesma liña, vaise iniciar a partir do 28 de marzo a segunda edición da formación en ciberseguridade dirixida a persoas maiores, que levará a 19 aulas CeMIT sesións formativas centradas en temas como a xestión de contrasinais, uso do correo electrónico ou navegación segura.
No mes de marzo, o nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal constituirá e porá en marcha outro dos seus grupos de traballo, neste caso o da cidadanía, que contará coa participación e colaboración de case vinte empresas e tamén coa cooperación dos seus socios fundadores, entre os que se atopan o Instituto Nacional de Ciberseguridade.
Por outra banda, todas as novidades do xa consolidado Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, xuntanza de referencia da ciberseguridade en Galicia, publicaranse no novo espazo web https://ciberseguridadegalicia.gal. A próxima edición deste encontro, no mes de novembro, será acollida un ano máis na Cidade da Cultura de Galicia.
A Aula CeMIT de Ribeira, emprazada na contorna de Cubeliños, vai albergar o vindeiro luns 3 de abril unha charla dedicada á ciberseguridade, ou sexa, ás metodoloxías e recursos que podemos aplicar no noso día a día para garantir a protección da nosa información (e da allea) e das nosas comunicacións.
A sesión, titulada O teu día a día en liña, con seguridade, desenvolverase en horario de 11:30 a 13:00 horas e é de carácter gratuíto. Alí ofrecerase unha visión sobre a actualidade da dixitalización, os riscos ao ter en conta na navegación pola web e medidas recomendadas para facelo de forma segura.