
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe, na rolda de prensa do Consello da Xunta, dunha iniciativa para mellorar a cobertura de telefonía móbil en zonas rurais, cun investimento de ata 5 M€. Será posible grazas a sinatura dun acordo marco coa Federación Galega de Municipios (Fegamp), que se materializará nos vindeiros días.
No que respecta aos pasos a seguir por parte dos concellos interesados, o presidente da Xunta explicou que estes deberán presentar, no prazo que se habilitará inmediatamente despois de asinar o dito acordo, un proxecto que inclúa: a posta á disposición dun terreo adecuado segundo os criterios técnicos e comprometerse a abordar a acometida eléctrica, para o que poden solicitar unha axuda máxima de 30.000 €.
A continuación, dixo, os concellos que cumpran os requisitos integraranse nun proxecto que se desenvolverá a través dunha encomenda ao operador público Retegal para a construción das torres e unha convocatoria pública a operadores en concorrencia competitiva. E, pola súa banda, engadiu, a adxudicación do proxecto está prevista para finais do primeiro semestre de 2020.
O presidente da Xunta salientou ademais que en total poderán beneficiarse núcleos de ata 118 concellos do ámbito rural nos que se ten detectado algún problema coa cobertura móbil. A maioría deles, subliñou, teñen menos de 10 habitantes, pero algúns son destinos turísticos ou están situados no Camiño de Santiago.
Nese sentido, Feijóo explicou que, tras solicitar reiteradamente ao Estado a inclusión da cobertura móbil dentro do servizo universal de telecomunicacións, decidiuse optar por esta solución alternativa, semellante a outras que se están a levar a cabo en Italia e que tamén se están a analizar en Alemaña.
Por último, o titular do Goberno galego situou esta iniciativa nun contexto de esforzo por mellorar o acceso a internet e, neste ámbito, destacou que entre 2010 e 2020 a Xunta terá investidos 185 M€ de fondos públicos.
A maiores, concluíu destacando o obxectivo de incrementar a porcentaxe de galegos con acceso a redes ultrarrápidas que permitirán que o 90% dos galegos teñan acceso a internet de 100 Mbps en 2021. Na actualidade e segundo os datos do ministerio “máis do 99% dos galegos dispoñen de acceso a internet a través de redes fixas sen fíos”, afirmou.
Estes días comezan as visitas ás 12 empresas do sector tecnolóxico que colaboran coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) na iniciativa “Tecnólogo por un día” para amosarlles aos máis novos as posibilidades das profesións dixitais.
Nesta terceira edición do programa, 74 rapazas e rapaces compartirán unha xornada laboral con profesionais das TIC, En total, sumando as tres edicións, 175 estudantes tiveron a oportunidade de ser tecnólogos por un día.
A iniciativa consolídase, incrementando o número de solicitudes en cada edición ata chegar a máis de 380 nesta terceira convocatoria. En total, máis de 700 alumnos e alumnas galegas interesáronse no programa. É por iso que xa se está a traballar para poder ofrecer novas prazas nunha cuarta edición antes de finais deste curso 2019/20.
Co obxectivo de continuar a mellorar a visión que proxectan as profesións científico-tecnolóxicas e a percepción que os máis novos teñen delas, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) impulsa o programa Tecnólogo por un día.
Implicación clave dos centros educativos
Máis de 50 docentes de preto de 40 centros educativos localizados en máis de 20 concellos desenvolveron un papel fundamental para a participación do seu alumnado, realizando as máis de 380 solicitudes de inscrición a través do formulario dispoñible na web DigiTalent.
Unha vez pechado o período de inscricións, as prazas asignáronse aplicando o resultado dun sorteo considerando as opcións e preferencias do alumnado sinaladas no formulario, con carácter xeral, priorízanse as solicitudes dos/as alumnos/as que amosan preferencia polas TIC. En termos de idade, nesta edición dous de cada tres participantes teñen entre 15 e 16 anos, o 66,2% do total.
Ademais, co obxectivo de reforzar o atractivo vocacional das profesións TIC entre as nenas, nesta ocasión reservouse un terzo das prazas para as nenas, que supuxeron finalmente un 45% das prazas asignadas.
12 empresas colaboradoras e aumento das prazas ofertadas
Despois de adxudicar as prazas, as empresas TIC que colaboran no desenvolvemento do programa contactan cos alumnos e alumnas seleccionados para concretar a data exacta na que acudirán ás súas instalacións.
A propia Amtega e as empresas TIC recibirán este mes de novembro e decembro ao alumnado participante, ofrecéndolles a oportunidade de mergullarse nos seus proxectos tecnolóxicos acompañando aos profesionais nas actividades que teñan na axenda, como reunións, sesións de traballo, etc. e deste modo coñecer de cerca as aplicacións das TIC no mundo empresarial dunha maneira totalmente práctica.
Nesta terceira convocatoria os participantes acudirán a 19 centros de traballo distintos distribuídos nas 4 provincias galegas correspondentes á propia Amtega e ás 12 empresas que colaboran no programa: Aldaba, Altia, Coremain, Corporación Televés, Dos Espacios, DXC Technology, everis, Iecisa, Orange, Sivsa, Sixtema e Tecalis.
Plan DigiTalent
O Plan DigiTalent, impulsado pola Amtega en colaboración cos axentes do ecosistema dixital, ofrece actividades dirixidas aos diferentes perfís da cidadanía segundo o punto do ciclo vital no que se atopen.
Do total de 37 actividades deste curso, cabe destacar que Coremain e Sivsa do Grupo Kiom impulsarán O Core das TIC e Future Lab+CodeFun respectivamente, combinando talleres de ideas, demos e/ou actividades lúdicas nas instalacións para nenos de 12 a 17 anos.
Ademais, Televés liderará AcercaT visitando coa súa unidade móbil diferentes centros educativos achegando as telecomunicacións e robótica a estudantes de secundaria e bacharelato e impartiranse charlas divulgativas en centros educativos, grazas á colaboración de empresas como Indra ou everis.
A información relativa ás actuacións do catálogo DigiTalent, actualizarase constantemente no espazo web digitalent.xunta.gal, onde se recollen os detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación) a medida que están dispoñibles.
Ponteareas está a presentar estes días un amplo programa de formación tecnolóxico-dixital para a cidadanía. Trátase dunha serie de obradoiros a desenvolver na aula CeMIT e adaptados, en palabras do Concello, a “todos os niveis e totalmente de balde deseñados en función da demanda que exista”. Impartiranse no mes de decembro e comezarán o día 2, en horario de tarde, con actividades (tres) para iniciar á veciñanza no uso e posibilidades das follas de cálculo, na informática para maiores e na mecanografía.
O día 9 arrincan os cursos para o deseño de currículos, para a procura de información a través de Internet e para formar ás veciñas e veciños, novamente, en mecanografía. O día 12 e 13 impartirase un obradoiro destinado a adestrar aos asistentes na procura de emprego a través de Internet. O día 14 na aula CeMIT mostrarse como tirar proveito da ferramenta Gmail. Do 16 ao 20 de decembro haberá cursos de uso básico das redes sociais, de Scratch 2 (iniciación á informática) e de alfabetización informática para maiores. O 21 de decembro ofrecerase axuda para a utilización do teléfono móbil.
As persoas interesadas poden chamar ao número de teléfono 673 794 883, achegarse ata a aula emprazada no centro social da rúa Oriente ou enviar un correo a cemit.ponteareas@xunta.gal.
O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe en Santiago de Compostela, na xornada técnica promovida polo Clúster TIC, que o esforzo deste sector é clave para facilitar a mellora da competitividade das empresas galegas en xeral, facendo máis doado o camiño cara á Industria 4.0, e reforzando os avances na internacionalización do tecido produtivo.
Cividanes interveu na apertura dos encontros que forman parte da misión comercial inversa apoiada polo programa Galicia Exporta que desenvolve a Consellería de Economía, Emprego e Industria, e que dá continuidade á delegación internacional que o pasado mes de maio visitou Galicia. Durante esta semana, seis compañías de México e dúas Chile -punteiras na fabricación e distribución de moda, industria retail e alimentaria e no sector das telecomunicacións- manterán encontros bilaterais e de networking con empresas do sector TIC galego.
Ademais de subliñar que o impulso transversal do sector TIC é clave para adaptar o resto dos ámbitos produtivos estratéxicos galegos á implantación da fábrica intelixente e ás tecnoloxías emerxentes, que a Xunta promove ao abeiro da Axenda 4.0, Cividanes resaltou a boa evolución da presenza exterior das empresas galegas desta industria, e lembrou que accións como esta do sector reforzan a proxección exterior das pemes galegas no seu conxunto.
O director do Igape subliñou que en 2018 exportaron aos dous países participantes na misión comercial 825 empresas galegas por importe de 445,98 millóns de euros, e destacou o incremento que rexistraron as vendas a Chile, cun ascenso do 29% con respecto a 2017. No que respecta a 2019, ata agosto, as exportacións a ese destino e a México acadaron un valor de 269,11 millóns de euros.
Con preto de 18 millóns de euros en exportacións a México, este é actualmente o primeiro país estratéxico de América Latina para as empresas TIC galegas. De feito, hai xa 20 compañías socias do Clúster TIC que teñen sede en ese destino, e outras oito están focalizando as súas vendas cara el. Nos primeiros oito meses de 2019, exportaron ao país centroamericano preto de 399 empresas galegas por importe de 151,91 millóns de euros. Por outra banda, as exportacións do sector TIC galego a Chile acadaron os 8,9 millóns de euros o pasado ano.
Durante a xornada de hoxe as oito empresas mexicanas e chilenas que integran a delegación comercial realizaron exposicións técnicas, ás que seguiron presentacións das pemes que integran o Clúster TIC e dos centros tecnolóxicos galegos que traballan no eido da I+D+i. Finalmente, todas as compañías tiveron oportunidade de establecer encontros bilaterais para propiciar a cooperación e posibles acordos tecnolóxicos e comerciais.
A Área de Persoas Maiores do Concello de Vilagarcía vén de pór en marcha una nova acción formativa para facilitar tirar abaixo as barreiras que separan ás veciñas e veciños de máis de 60 anos das vantaxes e posibilidades informativas e comunicativas das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC). O departamento que dirixe Tania García organiza un curso sobre o uso do móbil e o computador coa intención de que a xente de idade poida “sacar o máximo rendemento aos seus dispositivos para a realización de tarefas cotiás”. O obxectivo: contribuír a romper a brecha dixital que afecta especialmente a este sector da poboación. O curso é de balde e as/os interesados poden inscribirse xa nas dependencias da Concellería.
Segundo informa a Área de Maiores, a través deste obradoiro as persoas asistentes aprenderán cuestións básicas sobre o uso dos seus dispositivos móbiles, que lles permitirán relacionarse e comunicarse a nivel persoal e coas administracións, así como realizar trámites relacionados co ocio ou a vida cotiá, como comprar unha entrada para ir ao cine por Internet ou pedir a compra a domicilio a un supermercado. “No curso aprenderán cousas tan sinxelas como axustar o volume do teléfono, usalo para escoitar a radio, empregar os auriculares, gardar números na axenda e a comunicarse por mensaxe ou a través do servizo Whatsapp”, explica a Concellería, engadindo que tamén se achegarán recursos para a identificación de iconas, o acceso á Rede ou para sacar, gardar e enviar fotos e audios. O obradoiro tamén fará unha introdución ao uso do computador para que os maiores “saiban abrir e usar unha conta de correo electrónico, usar os buscadores de Internet para procurar información, e mesmo facer algún trámite online, como pedir cita no médico”.
O curso comeza o 25 de novembro e se impartirá no Auditorio en horario de mañá en días alternos do 25 de novembro ao 20 de decembro. Os interesados poden inscribirse nas dependencias da Concellería ata o día 22 de novembro ou ata que se cubran as 20 prazas dispoñibles, que se adxudicarán por rigorosa orden de inscrición.