
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nun encontro con alumnado de 4º da ESO do instituto vilalbés Santiago Basanta Silva. Este encontro enmárcase na iniciativa Referentes Galegas nas Aulas, organizado pola Asociación de Executivas de Galicia en colaboración coa Deputación de Lugo, co obxectivo de visibilizar o traballo de mulleres profesionais galegas de diferentes sectores.
Patricia Argerey atendeu ás preguntas do alumnado e falou da súa traxectoria profesional e das súas responsabilidades actuais á fronte da Axencia Galega de Innovación e explicou que unha das prioridades do seu departamento é espertar o interese e a motivación da mocidade galega, especialmente das rapazas, pola ciencia e a innovación, co obxectivo de contar cos mellores profesionais do futuro en áreas con grande potencial para a economía galega e a economía global.
Con este obxectivo, a Axencia Galega de Innovación ten en marcha un programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas que inclúe, ademais de actividades consolidadas como a feira Galiciencia, as Aulas Tecnópole ou as Aulas Isidro Parga Pondal, novas actuacións como o Programa D´tec, para fomentar o deseño, a ciencia e a tecnoloxía entre a comunidade educativa galega que está a desenvolver talleres e espectáculos no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol.
Tamén se está desenvolvendo o Programa de Fomento de Vocacións da Civil UAVs Initiative, unha iniciativa estratéxica para desenvolver o sector dos avións non tripulados (drons). Co obxectivo de conseguir o achegamento da ciencia e da tecnoloxía aos máis novos e o fomento de novas vocacións especialmente vinculadas ao sector aeronáutico e aeroespacial, inclúe talleres, charlas e visitas ao Aeródromo de Rozas, e iniciativas como as Aulas Newton ou os Drone Day en colaboración coa multinacional aeronáutica Boeing.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) veñen de asinar un acordo de colaboración que, ademais da cooperación institucional neste ámbito, permitirá a posta en marcha de accións de capacitación e concienciación destinadas a cidadáns e empresas.
A sinatura deste acordo enmárcase dentro das medidas do Plan Director de Ciberserguridade da Xunta, que ten entre os seus obxectivos principais protexer os servizos públicos dixitais fronte a este tipo de ameazas e crear un clima de confianza para xeneralizar o seu uso por parte de cidadáns e empresas.
Grazas ao acordo, a Amtega e o Incibe colaborarán na transferencia e intercambio de coñecemento e experiencias ou proxectos de ciberseguridade, tanto a nivel estratéxico como a nivel operativo ou técnico.
Ademais, impulsarán actuacións de sensibilización, concienciación e capacitación dirixidas a pemes e cidadáns, neste caso especialmente no ámbito de menores, familias, educadores e centros educativos.
Tras a sinatura do acordo, o seguinte fito será a xuntanza da comisión de seguimento, integrada por representantes de ambas as entidades para concretar as actuacións e servizos que se desenvolverán.
Ciberseguridade nas pemes galegas
A ciberseguridade é un elemento clave no proceso de transformación dixital que estamos a vivir e un tema de vital importancia a nivel empresarial. Os últimos datos do Osimga sobre as TIC nas empresas sinalan que no ano 2018 o 85,3% das empresas de 10 ou máis traballadores e o 41,6% das microempresas galegas empregan sistemas de seguridade. Entre as microempresas este indicador increméntase en 2 puntos porcentuais con respecto ao ano anterior.
Por outra banda, respecto a percepción dos cidadáns sobre os riscos no mundo dixital, un estudo do Osimga sinala que o 90% dos galegos considera recomendable ter máis información para navegar de xeito seguro pola rede
INCIBE
O INCIBE é unha sociedade estatal adscrita ao Ministerio de Economía e Empresa a través da Secretaría de Estado para o Avance Dixital que se ocupa do desenvolvemento de actuacións de ciberseguridade e de promover a confianza dixital de cidadáns, e empresas, especialmente para sectores estratéxicos.
Esta entidade estatal coordina actuacións e esforzos co resto de organismos públicos e privados, nacionais e internacionais, que traballan nesta materia.
Xa hai entidades gañadoras para o Reto Industria 4.0 lanzado por CITIC Censa ao abeiro do centro de crowdworking tecnolóxico Galicia Open Future, impulsado por Telefónica dende a Cidade da Cultura en Santiago. Segundo informa a operadora, a empresa Siali tratará de mellorar o proceso de fabricación de pezas metálicas semicilíndrica, e o CEIT (Centro de Estudos de Investigacións Técnicas con sede en Guipuskoa), encargarase de emendar problemas de perforación.
Como lembraremos, a firma CITIC Censa, situada no Porriño, é unha empresa de caldeirería pesada e recipientes a presión que iniciou a súa actividade en 1965, e que no ano 2011 foi integrada dentro do grupo CITIC, un holding chinés que emprega a 140.000 persoas en negocios tan diversos como banca, seguros, enerxía, enxeñaría, tecnoloxías da información e industrias do metal.
No caso particular de CITIC Censa, o 80% da súa actividade está centrada na fabricación de grandes pezas metálicas (sobre todo muíños e fornos) destinadas ao sector da minería, unhas pezas de gran envergadura que, polas súas características, precisaban unhas condicións axeitadas e específicas de carrexado. Deste punto, da necesidade de facilitar o seu transporte, abrollan os dous retos achegados pola empresa. Polo tanto, os desafíos tiñan relación directa co seguinte: como poden as novas tecnoloxías axudar a CITIC Censa a mellorar o proceso de mecanizado de pezas metálicas semicilíndricas de gran tamaño, por unha banda, e de pezas planas por outro? No caso da proposta orientada ás pezas semicilíndricas, CITIC Censa buscaba solucionar o problema que xorde cando as pezas se deforman lixeiramente debido á gravidade, a temperatura, as tensións de fabricación e a propia memoria do material, o que fai que os centros dos puntos marcados e cargados segundo plano no Control Numérico por Computadora (CNC) non coincidan co punto real sobre a peza dividida, o que obriga aos operarios a ir axustando manualmente a máquina para que as coordenadas correctas se aliñen co punteiro que está fixado ao CNC. No caso das pezas planas, nas que se centraba o segundo reto, tratábase de achar solucións técnicas para resolver problemas de perforación asociados sobre todo ás irregularidades das superficies. Con ambos desafíos, CITIC Censa tiña o obxectivo de “reducir os tempos de mecanizado das pezas, mellorar os prazos de fabricación e aumentar a capacidade produtiva”.
Siali Technologies e CEIT
Siali Technologies, radicada en Santander e especializada en automatización industrial a través de visión artificial, tratará de mellorar o proceso de fabricación de pezas metálicas semicilíndricas de gran tamaño. Estas deben ser seccionadas para o seu transporte e posterior ensamblaxe en destino, pero, como dixemos, sofren unha lixeira deformación que provoca diferenzas entre a peza real xa dividida e a cargada no Control Numérico por Computadora (CNC), segundo o plano, e que provoca que os operarios teñan que axustar manualmente a maquinaria para facer coincidir as pezas. Pola súa banda, o CEIT buscará solucións técnicas para resolver problemas de perforación nas pezas planas asociados, fundamentalmente, ás irregularidades das superficies. Siali Technologies e CEIT foron elixidas por un comité técnico de avaliación, tendo en conta criterios como o problema que resolven, o seu grao de adecuación ao reto, a adicación do equipo ou o tempo de posta en marcha das solucións.
Tras a súa designación como gañadoras, Siali Technologies e CEIT desenvolverán nos vindeiros meses un piloto da súa solución con CITIC Censa, para o que recibirán unha axuda de 20.000 euros da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ademais, tanto os gañadores como o tres finalistas de cada reto poderán acceder a un programa de aceleración dentro do ecosistema Open Future de Telefónica, e recibirán un patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como recoñecemento ao seu esforzo innovador. Transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase á mellor do tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros achegada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Á parte das achegas económicas directas, Siali Technologies e CEIT poderán acceder a un préstamo participativo, até un máximo de 100.000 euros concedido por XesGalicia, dependente da Xunta de Galicia. No caso das finalistas, a un préstamo participativo de até 50.000 euros, tamén concedido por XesGalicia.
Coa súa participación na edición Retos Industria 4.0 de Galicia Open Future, CITIC Censa busca mellorar os prazos de fabricación e aumentar a capacidade produtiva da súa planta do Porriño. Convértese así nunha das cinco grandes empresas galegas (Pescanova, FINSA, COREN e COFRICO), que até o momento lanzaron desafíos dirixidos a emprendedores, startups, PEME e organismos de investigación de todo o mundo, a través de Galicia Open Future.
O actual programa formativo FEUGA (Fundación Empresa-Universidade Galega), con sede na Universidade de Santiago, ampliouse esta tempada co Curso sobre Predición da Demanda en R, o software estatístico de gran presenza en ámbitos de investigación e empresariais avanzados. Segundo informa a fundación sobre os obxectivos da actividade formativa, esta quere ser un recurso de gran utilidade para sermos quen de anticiparnos aos requirimentos dos nosos clientes e dos usuarios dos nosos servizos: “A xestión da demanda é un aspecto importante de case calquera cadea de subministración, representa a conexión entre os clientes, o produto, e outras facetas da empresa”.
Isto que é importante en calquera ámbito de actividade, convértese en crítico no eido das cadeas de subministración do tipo Push, sinala FEUGA, lembrando a importancia de predicir futuras vendas co fin de “ofrecer un nivel de servizo o máis alto posible”. O curso, neste sentido, facilita “unha visión da previsión da demanda dentro do contexto da xerencia e de como a información da demanda histórica pode empregarse para proxectar a demanda futura”.
En definitiva, o curso subministrará os coñecementos necesarios e as técnicas a utilizar para crear previsións estatísticas, empregando o software R como linguaxe de programación estatística para realizar as diferentes análises. “Revisaremos os conceptos básicos, proporcionaremos detalles sobre os modelos matemáticos dispoñíbeis e mostraremos como todos estes elementos pódense ensamblar nun motor de predición de alta calidade”, engaden dende a fundación, lembrando que o curso ten un custe de 350 euros (con descontos do 10% para os socios) e que inclúe 8 horas de formación, a desenvolver a partir do día 28 de novembro na sede de FEUGA en Santiago, en horario de mañá e de tarde. Como lembraremos, R é un software orixinariamente deseñado para a análise estatística e a realización de gráficos e que nestes intres estase a utilizar en numerosos eidos relacionados coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, Big Data, bioloxía, ...). R ten unha natureza dupla de programa e de linguaxe de programación e distribúese baixo licenza GNU-GPL.
O centro AtlanTTic da Universidade de Vigo, centrado en novas tecnoloxías da información (Intelixencia Artificial, ciberseguridade, Big Data, telecomunicacións, etc) celebra este venres 15 unha manchea de actividades de divulgación con motivo da segunda xornada de portas abertas do programa Ciencia Singular (que tamén abrangue os restantes centros singulares da UVigo, en datas vindeiras). En AtlanTTic, o programa incluirá obradoiros prácticos e divulgativos e visitas aos laboratorios deste centro de investigación. Quen queira máis información (e facer as inscricións) pode consultala na web http://cienciasingular.gal/AtlanTTic/. As accións, unha vintena de actividades, celebraranse en horario de 16.00 a 19.00 horas.
Esta xornada celébrase ao abeiro do programa de actividades de divulgación científica e tecnolóxica Ciencia Singular, que chega á súa segunda edición co obxectivo de dar a coñecer á sociedade o traballo desenvolvido nos catro centros singulares de investigación da universidade viguesa: AtlanTTic, o Centro de Investigación Mariña (CIM), o Centro de Investigaciones Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial (Cintecx). Segundo explica Carlos Mosquera, director do centro TIC da UVigo, “como centro de investigación, aquí abórdanse numerosos retos da sociedade con tecnoloxías de telecomunicación en ámbitos como a saúde, o medio ambiente ou a seguridade nas comunicacións. A participación neste tipo de iniciativas permítenos facer chegar este traballo á sociedade, dun xeito que mesmo nos permite achegarnos á tecnoloxía que se atopa detrás a través de diversos obradoiros e visitas guiadas”. Mosquera engade que “as tecnoloxías de telecomunicación están presentes nas nosas vidas máis do que imaxinamos, a veces de maneiras insospeitadas, e vemos preciso contribuír á súa difusión, dado que como sociedade necesitamos coñecer para opinar con criterio. Así, comunicacións por satélite, comunicacións ópticas, ou o 5G, todo ten matemáticas, física e unha importante dose de enxeñaría que poden espertar incluso vocacións entre os máis pequenos e pequenas”. Ademais, explica, esta iniciativa “fainos entender algo esencial, que se pode facer investigación de calidade aquí moi preto, nos centros da Universidade de Vigo, en moitos casos con xente nova e moi motivada que formará parte do equipo que acompañará ás persoas visitantes”.
Todas as actividades serán de balde e para toda a familia e desenvolveranse entre as 16.00 e as 19.00 horas nas instalacións do centro TIC na Escola de Enxeñería de Telecomunicacións no Campus de Vigo. Aínda que non é imprescindible realizar inscrición previa, todas as persoas interesadas en asistir poden rexistrarse na web (http://cienciasingular.gal/atlanttic/) e axudar así á organización a ter unha estimación de participación.
Nun plano máis concreto e poñendo o foco nas temáticas a tratar, haberá 13 obradoiros e 3 visitas guiadas, co persoal dos grupos de investigación que conforman AtlanTTic explicando o que se fai neste centro de investigación, como e onde se fai. Falarán dos proxectos nos que se están a traballar na actualidade, amosarán os laboratorios e os equipos que empregan no seu traballo cotiá e desenvolverán obradoiros, experimentos e actividades para dar a coñecer máis en detalle a tecnoloxía. Ao longo da tarde desenvolveranse os seguintes obradoiros:
Ademais, como complemento a estes talleres as persoas interesadas poderán participar na visita guiada que se fará ao laboratorio de seguimento de satélites, que conta cun gran número de antenas e un moderno equipamento electrónico que permite participar en todas as etapas que seguen ao lanzamento dunha misión espacial; o laboratorio de medidas radioeléctricas, onde se realizan ensaios de medidas de antenas ou medidas de compatibilidade electromagnética, entre outros; e os laboratorios de acústica, onde se farán probas para experimentar de primeira man as diferentes posibilidades acústicas.