
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Os obradoiros itinerantes Crea R da operadora de cable van recalar este sábado 23 de novembro en Cambre, e farano cun novo obradoiro sobre robótica e máis unha charla didáctica sobre Internet e as novas tecnoloxías. No taller as nenas e nenos da cidade poderán potenciar a súa creatividade e facer voar o seu espírito emprendedor, ao tempo que adquiren nocións básicas sobre programación da man da escola de emprendemento xuvenil Líbolis. A sesión terá un formato didáctico á par que divertido, sendo o obxectivo contribuír a que a as rapazas e rapaces saiban o doado que é pasaren de simples usuarios de tecnoloxías a facérmolas nós mesmos.
Entre as cousas concretas que poderán facer atópanse un coche de plastilina condutiva con luz propia, unha maqueta urbana na que se incluirá un semáforo programado por eles/as mesmos/as, ou mesmo unha barreira de acceso tamén dentro dunha maqueta. A cita será na Casa da Cultura Vila Concepción (praza Vila Concepción 1) de Cambre, A Coruña, en horario 11:00 h a 13:00 h para un máximo de 30 nenas/vos. A sesión completarase cun recanto para os maiores: no mesmo edificio, as nais, os pais e as docentes poderán recibir consellos dun pedagogo especializado, que lles resolverá dúbidas sobre a educación dos que si naceron na era dixital; e sobre o bo uso que adolescentes e millennials poden facer de internet, das redes sociais e das novas tecnoloxías en xeral. “A través de casos prácticos e de dinámicas”, sinala R, “pais, titores, avós ou educadores atoparán respostas a inquietudes como, por exemplo, a que idade deben ter móbil os rapaces ou que límite de horas débeselle pór ao uso das pantallas”. Asemade, falarase da nova terminoloxía neste campo (cyberbulling, sexting, grooming...) e de como nos afecta a todas/volo cambio dixital.
Pilotando a sesión, pensada para un máximo de 40 persoas, contarase coa presenza dun experto de Sherpa Dixital, que tentará guindar luz a esas dúbidas dos adultos sobre a contorna dixital e a xente nova. Os talleres Crea R proseguirán o seu periplo até final de ano visitando Santiago o mes que vén, tras percorrer Ourense, A Coruña, Pontevedra, Ferrol, Carballo, Viveiro, Vilanova de Arousa, Lugo e Cambre. En todos os casos, os obradoiros están abertos ao público xeral, clientes e non clientes do operador galego. Toda a información para participar témola no blog de R Digitalent 2020, o programa de AMTEGA ao que se abeiran estas actividades da operadora.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou hoxe que Galicia ten capacidades para estar na liga dixital europea. A responsable da Axencia autonómica inaugurou hoxe o Encontro Presentación do Capítulo Galego da Asociación Española para o Fomento da Seguridade da Información ISMS Forum, que se celebra en Santiago de Compostela
Pereira destacou que a Comunidade aproveitou ben os fondos europeos para impulsar a transformación dixital e que a nova Estratexia Dixital de Galicia 2030, en proceso de elaboración, quere atraer máis financiamento para impulsar tecnoloxías de futuro, como a tecnoloxía dos datos, a nova conectividade ou a ciberseguridade como marco indispensable da economía dixital. A directora da Amtega fixo fincapé na importancia da colaboración público privada neste ámbito e na necesidade de atraer talento para poder desenvolver todas as iniciativas en marcha.
ISMS Forum
A Asociación Española para o Fomento da Seguridade da Información, ISMS Forum Spain, é unha organización sen ánimo de lucro fundada en xaneiro de 2007 para promover o desenvolvemento, coñecemento e cultura da Seguridade da Información en España e actuar en beneficio de toda a comunidade implicada no sector. ISMS Forum Spain ten xa a máis de 230 empresas asociadas e máis de 1.200 profesionais asociados.
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (AETG) organiza o vindeiro 28 de novembro unha xornada informativa sobre a adaptación das antenas de recepción da televisión que será preciso levar a cabo como consecuencia do denominado “Segundo Dividendo Dixital". A sesión, de carácter informativo e de asesoramento, terá lugar no Centro Demostrador TIC de Santiago con conexión directa con diversas aulas CeMIT do noso territorio e está dirixida á cidadanía en xeral, asociacións, administradores de fincas, antenistas, instaladores de telecomunicacións e tamén aos concellos e deputacións.
Segundo informa o Concello de Vilagarcía, unha das entidades participantes na actividade (dende a aula CeMIT do Centro de Matosinhos) a participación é de balde pero é preciso inscribirse previamente antes do 20 de novembro a través do enderezo segundodividendodixital@aetg.gal, indicando nome, apelidos, teléfono e correo electrónico de contacto. Amais da aula de Vilagarcía tamén se sumarán á xornada, dando conta dela, as aulas de Abegondo, Celanova, Santa Comba e Valga.
Esta actividade lévase a cabo no marco do Plan de Comunicación e Divulgación sobre a liberalización do Segundo Dividendo Dixital que está a desenvolver a AETG. O proceso, segundo informa a asociación, supón “un cambio significativo para a sociedade na área do desenvolvemento das telecomunicacións, con melloras nas redes e capacidade das mesmas, e que implicarán modificacións dos sistemas de cobertura da televisión dixital, de aí a necesidade das adaptacións dos equipos técnicos”. A sesión desenvolverase entre as 12.00 e as 13.30 horas na aula CeMIT mediante videoconferencia impartida dende o Centro Demostrador TIC de Santiago de Compostela.
A través desta sesión, a AETG ofrecerá asesoramento individualizado en relación coa liberación do segundo dividendo dixital e as súas implicacións, ademais de informar sobre as liñas de subvención existentes para a adaptación das instalacións de recepción do sinal da TDT.
O vindeiro 29 de novembro non só será unha cita para o consumismo por mor do Black Friday, senón que a data tamén foi a elixida por Coruña Bloggers para celebrar unha nova edición no salón de actos da Fundación Barrié a partires das 19:30 horas, estando xa dispoñible o formulario de inscrición ao evento de asistencia de balde, aínda que prégase aos que acudan que leven un mínimo de 1 quilogramo de alimentos non perecedoiros para a súa doazón á Cociña Económica local, como vén a ser habitual nesta cita que en anteriores edicións achegou 2.520 quilos de comida.
Nesta ocasión o encontro botará a andar cun relatorio de Edu Rubianes de Refrescando Negocios, quen ilustrará sobre «como potenciar o teu negocio grazas á túa marca persoal»; completará a cita Santi Rey, un dos responsables do programa de radio da Asociación AtlanTICs para CUAC FM que tamén pode seguirse en formato podcast, e que explicará como gravar un podcast sen contar cun grande investimento económico.
A Asociación TADEGa e Coruña Dixital (a fronte común do Concello e as comunidades locais de desenvolvemento e divulgación tecnolóxica), van celebrar esta semana unha das grandes actividades da tempada en materia de TIC e accesibilidade, dous conceptos (as tecnoloxías e a accesibilidade) que, segundo sinalan as súas entidades organizadoras, deberan camiñar sempre xuntos.
O sexto congreso TADEGa, que se desenvolve o 22 e o 23 de novembro, é un foro de referencia de profesionais (principalmente da nosa terra) da educación, co foco na tecnoloxía e a atención á diversidade, en aspectos como a diversidade funcional (discapacidade), a multiculturalidade, o mundo do maior, o do rural, o ámbito das altas capacidades ou a marxinalidade social.
O congreso, que terá a súa sede na Facultade de Ciencias da Educación da Coruña, artéllase en dezaseis obradoiros que se desenvolven de maneira simultánea e nos que as persoas participantes traballarán en función dos seus intereses, que serán comunicados á organización uns días antes do evento. As actividades (que podemos consultar ao detalle en formato PDF) comezarán o venres 22 ás 17.00 horas, coa benvida e a inauguración e, posteriormente, o comezo do primeiro dos obradoiros. Estes son: