main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

05/12/201907:50
Persoa usando Seeing AI coa etiqueta dun bote.
Santiago de Compostela

Seeing AI axuda aos invidentes a recoñecer e describir o seu contorno

En 2017 Microsoft anunciou Seeing AI, unha aplicación de balde para iOS que busca axudar a persoas con eivas visuais recoñecendo o que capta a cámara do móbil mediante intelixencia artificial e narrándoo verbalmente, e aínda que esta útil ferramenta só estaba dispoñible en inglés, co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade incorporaron 5 idiomas máis á aplicación: alemán, francés, xaponés, neerlandés e español.

Para o desenvolvemento do Seeing AI Microsoft contou coa colaboración de expertos da ONCE e da Fundación ONCE, que se involucraron na fase de probas do produto e achegaron recomendacións para a súa mellora.

Con Seeing AI os usuarios poden empregar a cámara do seu móbil para a lectura de textos curtos, recoñecer documentos, localizar e escanear códigos de barras para identificar produtos, recoñecer as caras das persoas que estean ao redor (deducindo tamén a súa idade e estado de ánimo), recoñecer o contorno (obxectos, persoas, animais...), identificar cores de obxectos, ler textos escritos a man, recoñecer fotografías (identificando a persoas e obxectos que san nas mesmas) e incluso recoñecer imaxes doutras aplicacións (como o correo electrónico, Twitter ou WhatsApp).

04/12/201911:43
Momento dun acto do Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
Madrid

Medicamento Accesible PLUS, elixida por Pacto Mundial de Nacións Unidas como unha das mellores prácticas no Día Internacional da Discapacidade

  • A App Medicamento Accesible PLUS, desenvolvida polo Consello Xeral de Farmacéuticos e as Fundacións ONCE e Vodafone, ofrece información accesible sobre todos os medicamentos 

 

A App Medicamento Accesible PLUS foi seleccionada pola Rede Española do Pacto Mundial de Nacións Unidas como unha das mellores prácticas con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Esta App facilita á poboación en xeral, pero especialmente ás persoas con algún tipo de discapacidade ou maiores, información accesible, rigorosa e gratuíta sobre máis de 20.000 medicamentos comercializados en España. Foi desenvolvida polo Consello Xeral de Farmacéuticos e a Fundación ONCE e Fundación Vodafone España. 

 

Medicamento Accesible PLUS incorpora funcionalidades para promover o bo uso dos medicamentos e alcanzar así os obxectivos en saúde esperados e evitar erros non desexados. Así, ademais do buscador de medicamentos, a sección "As miñas medicinas", permite ao paciente gardar os medicamentos que utiliza. Entre as últimas melloras, incluíuse un sistema de alertas personalizado, capaz de advertir sobre alerxias ou intolerancias a excipientes, administración de medicamentos en celiacos, embarazadas, deportistas de competición, etc., en función do perfil persoal previamente configurado. 

 

Esta boa práctica foi seleccionada pola súa contribución ao Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable (ODS) 10, redución das desigualdades, ao facilitar a información sobre medicamentos a todos os cidadáns, especialmente a colectivos con algún tipo de discapacidade ou persoas maiores. Esta é a terceira vez que en 2019 o Pacto Mundial, selecciona unha iniciativa do Consello Xeral entre as súas mellores prácticas. Con anterioridade elixiu o programa conSIGUE pola súa contribución ao cumprimento do ODS 3 sobre saúde e benestar e Nodofarma Verificación pola súa contribución ao ODS 16 Paz, xustiza e institucións sólidas, e ao ODS 17 Alianzas para lograr os Obxectivos.

 

En todo o relacionado co medicamento, a Farmacia é fundamental para facer efectivo o ODS 10 pois a rede de 22.071 farmacias e os 52.000 farmacéuticos que traballa nas mesmas, facilitan o acceso ao medicamento en igualdade de condicións aos 47 millóns de españois. Unha rede que é garantía de cohesión social e territorial. 

 

Podes consultar o dossier de Boas Prácticas con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade na seguinte ligazón. 

 

https://compactlink.pactomundial.org/plataforma-boa-practica"bbpp=608642

03/12/201913:15
Momentos previos da xuntanza de dinamizadores.
Santiago de Compostela

A rede de Aulas CeMIT prevé superar os 96.000 usuarios o vindeiro ano

  • Desde a súa creación en 2011 ofreceu máis de 370.000 horas de formación en TIC
  • É un dos instrumentos chave do Plan de Inclusión Dixital de Galicia e xa conseguiu, cun ano de antelación, o obxectivo proposto en 2016 de superar a porcentaxe do 75% de galegos que acceden a Internet
  • De cara a vindeira década xogará un papel fundamental para facilitar a acreditación do futuro Marco de Competencias Dixitais
  • A directora da Amtega agradeceu ao axentes TIC, dinamizadores e formadores da Rede o seu labor, nun encontro que tivo lugar na hoxe na Cidade da Cultura

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizou hoxe unha Xuntanza de Dinamizadores CeMIT baixo o lema “Traballando no Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020”, destinada aos axentes TIC da Rede de Aulas CeMIT de toda Galicia, que tiveron a oportunidade de expoñer os seus proxectos e intercambiar ideas.

Dende os seus inicios en 2011, a Rede CeMIT planificou máis de 370.000 horas de formación en TIC en diferentes niveis e, actualmente, conta con máis de 90.400 usuarias e usuarios rexistrados. Ao longo de 2020 está previsto superar os 96.000 usuarios e realizar máis de 35.000 horas de formación e 2.500 actividades.

A contribución da Rede ao incremento no acceso a Internet

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, inaugurou o encontro agradecendo aos responsables das aulas CeMIT, formadores e dinamizadores o labor na capacitación dixital dos galegos. Neste sentido, a responsable da Axencia autonómica destacou que se cumpriu cun ano de adianto o obxectivo proposto hai tres anos de superar a porcentaxe do 75% dos galegos que acceden a Internet. Os últimos datos do INE sitúan esta porcentaxe xa no 84% a día de hoxe

Mar Pereira resaltou especialmente o incremento no acceso a internet entre os maiores de 55 a 64 anos, que creceu 15 puntos, só no último ano, e lembrou que entre a poboación máis nova, por debaixo dos 35 anos, o uso de Internet é practicamente universal na Comunidade.

Tamén adiantou que a Rede CeMIT continuará sendo un instrumento fundamental para acreditar os coñecementos en base ao novo Marco Galego de Competencias Dixitais, que aprobará proximamente o Goberno galego. 

Xornada de balance e intercambio de ideas

Ao longo da mañá, as instalacións da Cidade da Cultura convertéronse nun espazo para fomentar a metodoloxía de traballo participativa e colaborativa que, a través da experiencia da realidade do día a día da Rede, axude a debuxar novas propostas, novos retos e dar impulso á figura de “axentes do cambio” dos dinamizadores das aulas CeMIT.

Ademais, fíxose balance dos traballos realizados e obxectivos acadados no marco do Plan de inclusión Dixital, identificáronse as actuacións programadas para o horizonte 2020, e tamén se presentaron as novidades da Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), no correspondente ao Marco de Competencias Dixitais de Galicia e ao papel da Rede CeMIT neste novo contexto.

A Rede CeMIT e o Plan de Inclusión Dixital

A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos e 53 comarcas e está integrada por 98 aulas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. 

A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento e conta con máis de 800 aliados dixitais. 

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de cursos, charlas e outras actividades. 

Paralelamente, os centros da Rede contan cun servizo de “titorización”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios e usuarias para a utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

02/12/201917:00
Mar Pereira e Carmen Pomar.
Santiago de Compostela

A Xunta constitúe un comité de expertos das tres universidades galegas, que colaborarán na elaboración da Estratexia Dixital 2030

  • A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional e a directora da Amtega presidiron hoxe a creación do comité, integrado por 22 académicos de diferentes disciplinas
  • Complementarán a visión dos centros tecnolóxicos, empresas e axentes sociais que están a participar na definición da nova folla de ruta para abordar os retos da transformación dixital

A Xunta avanza un paso máis no proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030 (EDG2030) coa constitución dun comité académico de expertos en diferentes disciplinas que contribuirán a configurar as directrices da folla de ruta dixital para a vindeira década.

 

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, presidiron hoxe a creación deste comité de expertos, integrado por 22 académicos do ámbito tecnolóxico, industrial, económico, xurídico, sociolóxico, educativo e sanitario das tres universidades galegas.

 

As cuestións clave sobre as que este grupo de expertos fará as súas achegas e reflexións xiran en torno aos novos modelos económicos e laborais; as competencias dixitais da sociedade; os novos perfís profesionais; a adaptación dos servizos públicos as demandas sociais; a posición de Galicia nas tecnoloxías do futuro; así como o marco ético e xurídico necesario nun contexto de rápido e continuo avance dixital.

 

Proceso de elaboración

A creación do comité de expertos supón un novo fito no proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030, que arrancaba o pasado mes de xullo coa celebración dos foros de debate profesional, nos que participaron arredor de 200 axentes sociais e económicos da Comunidade, implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación.

 

Representantes das principais empresas da Comunidade, do Hipersector TIC, das institucións públicas e da sociedade civil abordaron nestes encontros posibles liñas de actuación da futura Estratexia en torno a catro áreas temáticas: Territorio Verde e Conectado, Vida Dixital Economía Aberta, e Especialización Tecnolóxica.

 

O comité de expertos académicos complementará a visión dos centros tecnolóxicos e empresas, e axentes económicos e sociais que están a participar no proceso de elaboración da EDG 2030

 

EDG2030

A Estratexia Dixital de Galicia 2030 quere contribuír a un desenvolvemento sostible da Comunidade tanto a nivel económico, como social e medioambiental. Esta nova folla de ruta para a vindeira década enmárcase na políticas europeas para incrementar o despregamento de tecnoloxías dixitais clave a gran escala e promover a súa adopción para que os beneficios da transformación dixital cheguen a todo o mundo.

 

Metodoloxía

Para a elaboración da EDG2030 establécese a metodoloxía de elaboración derivada do Centro Común de Investigacións da UE, contando con paneis de profesionais non soamente tecnolóxicos, senón tamén do ámbito do dereito, a economía e as humanidades.

 

Estas achegas multidisciplinares serán de especial relevancia á hora de facer fronte ás cuestións éticas, xurídicas, e económicas derivadas dos novos modelos sociais e económicos vinculados á Intelixencia artificial, ao tratamento dos datos, ás adiccións, aos ciberdelitos ou o futuro do emprego...entre outras

 

Oportunidade para o coñecemento

Durante a súa intervención a conselleira destacou a oportunidade que supoñen as tecnoloxías dixitais para xerar coñecemento que, ao mesmo tempo, dea resposta aos novos desafíos. “Nese contexto, a Estratexia Dixital de Galicia 2030 quere contribuír ao aumento da calidade de vida e a un desenvolvemento sostible da nosa comunidade, tanto a nivel económico, como social e medioambiental”.

 

Pomar agradeceu o papel dos expertos participantes cuxo traballo vai ser “un dos piares nos que se asente o éxito da Estratexia Dixital de Galicia 2030. A colaboración e a especialización intelixente, sumada ás vosas respectivas experiencias e traxectorias fan que agardemos grandes cousas de vós”.

 

Pola súa banda, a directora da Amtega sinalou que neste proceso de elaboración da nova Estratexia é de vital importancia “combinar o coñecemento experto nos distintos ámbitos co dixital e a creatividade para dar resposta aos retos da transformación dixital”.

 

Neste sentido destacou que o “papel dos expertos, aos que agradeceu a súa colaboración, será fundamental na identificación das principais pancas a incorporar na Estratexia, e na vixilancia das últimas tendencias para contribuír a identificar nunha fase temperá os cambios que se aproximan en todas as esferas da sociedade”.

30/11/201911:51
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A contratación de internet no rural crece máis dun 20% en catro anos

  • A porcentaxe de fogares con servizo de banda larga supera o 76% nos concellos de menos de 10.000 habitantes
  • Tamén crece o uso de dispositivos electrónicos, en máis dun 13%, e o de Internet un 6,5%
  • A convivencia con estudantes elimina a fenda entre fogares rurais e urbanos, elevando a máis do 97% a contratación de internet nos concellos máis pequenos
  • Dous de cada tres galegos residentes no rural utiliza redes sociais, máis as mulleres que os homes, e especialmente os máis novos
  • O uso de apps nos dispositivos aseméllase xa ao conxunto de Galicia (94,6%), con especial incidencia do uso de aplicacións de mensaxería instantánea
  • A Xunta vai por en marcha un proxecto de mellora das comunicacións móbiles no rural cun investimento público de ata 5 millóns de euros
  • Desta actuación poderán beneficiarse núcleos de ata 118 concellos do ámbito rural nos que se ten detectado algún problema coa cobertura móbil

Tres de cada catro fogares do rural galego (máis dun 76%) contan con acceso a Internet, o que supón un incremento de máis dun 20% en catro anos. Ademais, a convivencia con estudantes eleva a contratación a máis do 97% situándose en cifras similares a fogares con estudantes de zonas urbanas. Son datos do estudo “A Sociedade da Información no rural galego”, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información de Galicia (Osimga), dependente da Amtega.

 

Incremento de actividade dixital no rural galego

O 68,7% dos galegos residentes no rural utilizou Internet nos últimos tres meses, o que supón un crecemento de algo máis de 6 puntos no último ano. O 33,1% utiliza a Rede para facer compras e o 50,7% a usa para acceder a servizos de Banca Electrónica.

 

Respecto ás compras online os galegos de zonas rurais destacan por riba da media da Comunidade na compra de roupa e complementos (o 55,3% dos residentes no rural e o 52,3% en Galicia), na compra de roupa e material deportivo (32,3% no rural e 31,7% do total) e na procura de equipamento electrónico (23,9% fronte ao 21,6%).

 

Crece tamén en medio punto porcentual o uso de dispositivos electrónicos, que se utilizan ademais de para realizar chamadas, para conectarse a Internet (74,2%), sacar fotos (65,8%) ou gravar vídeos (51,8%).

 

Redes sociais e apps

As redes sociais son un recurso de Internet empregado polo 65,8% dos internautas residentes no rural. Este uso está fortemente relacionado coa idade, superando o 90% dos internautas que as utilizan antes dos 44 anos e comezando a descender a medida que se incrementa a idade. Tamén empregan as redes para chatear ou enviar mensaxes (99,4%) ou para ver/compartir vídeos ou música (64,2%). 

 

O uso de aplicacións entre os internautas galegos do rural (94,6%) e os das zonas urbanas (94,5%) é practicamente semellante. A grande maioría usa exclusivamente aplicacións gratuítas (97,9%) e as utilizan para redes sociais (96,1%), coñecer a predición meteorolóxica (70,9%) e usar a Banca Electrónica (46,4%)

 

Os internautas do rural, máis cautos ao subministrar información en Internet

Os internautas galegos residentes no rural sufriron menos incidentes de seguridade que o conxunto dos galegos que se conectaron a Internet no último ano: 25,8% no rural e 28,5% do conxunto de Galicia. O incidente máis frecuente é a recepción de spam, que supón un 78,9% dos incidentes. A grande distancia sitúanse as vítimas de virus ou software malicioso (21,4%).

 

Un dos factores que poden incidir neste feito é que os internautas residentes no rural mostran maior cautela que o conxunto de internautas galegos á hora de subministrar información sensible na Rede. Así, é menos frecuente que subministren datos persoais (54,9% no rural fronte ao 62,8% da media galega) ou que faciliten detalles de pago como o número de tarxeta de crédito ou de conta corrente (41,6% fronte ao 51,3% do conxunto de Galicia). 

 

Pese a todo, o 56,8% non toma medias para protexer a súa intimidade na Rede, como cambiar o contrasinal do wifi privado ou facer copias de seguridade regulares da súa información (37%).

 

Mellora da cobertura móbil no rural

A Xunta vai por en marcha un proxecto de mellora das comunicacións móbiles no rural cun investimento público de ata 5 millóns de euros. A Administración autonómica desenvolverá esta iniciativa en colaboración coa Federación Galega de Municipios (FEGAMP) e a través dun acordo marco que está previsto asinar nos vindeiros días para facilitar aos concellos á adhesión a iniciativa, a partir de decembro

 

As entidades locais presentarán un proxecto que inclúa cesión dun terreo adecuado para a instalación das infraestruturas de telecomunicación. A previsión é adxudicar o proxecto a operadores no verán de 2020, tras unha convocatoria pública en concorrencia competitiva. O obxectivo é completar a construción dos emprazamentos en dous anos. Desta actuación poderán beneficiarse núcleos de ata 118 concellos do ámbito rural nos que se ten detectado algún problema coa cobertura móbil.

 

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.org

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS