
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Desde o luns, 26 de outubro, coincidindo co Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido, está dispoñible nas plataformas de distribución dixitais Google Play e Apple Store de maneira totalmente gratuíta, a aplicación Dano Cerebral App, a primeira ferramenta dixital para Android e iOS deseñada para facilitar os trámites e a procura de recursos existentes para persoas con dano cerebral adquirido, unha vez abandonan a etapa hospitalaria. A aplicación Dano Cerebral App, desenvolvida pola Fundación Gmp, a Fundación Mapfre, FEDACE e a Fundación Polibea e a consultora dixital MO2O, vén cubrir desta forma unha das grandes necesidades que teñen as persoas despois de sufrir unha lesión cerebral derivada dun accidente cerebrovascular, un traumatismo cranioencefálico, un tumor ou unha infección.
Dano Cerebral App inclúe, nunha única ferramenta, toda a información necesaria para realizar un test de diagnóstico, coñecer as axudas dispoñibles (Lei de Dependencia, Cheque Servizo...), establecer un mapa de recursos e centros de axuda, ademais de crear un rexistro de todos os trámites e estados actualizados. Todo iso, por suposto, en función dun perfil personalizado e adaptado ás necesidades reais de cada usuario en función da súa idade, sexo, patoloxía... En definitiva, a aplicación está pensada e desenvolvida co obxectivo de facer realidade a mellora das condicións de vida das persoas con Dano Cerebral Adquirido, así como dos seus familiares, para unha plena inclusión familiar, escolar, laboral e social. Segundo revela o estudo 'Coñecemento do DCA na Sociedade Española', realizado en 2018 pola Fundación Gmp, a empresa de estudos de mercado GfK Spain e a Plataforma Española polo Dano Cerebral Adquirido, na actualidade, un 12% dos fogares españois ten algún membro con esta patoloxía, o que se traduce en que, como mínimo, máis de 650.000 persoas están afectadas no noso país por un DCA. Iso, unido a que o dano cerebral é a primeira causa de discapacidade en España, pon de relevo a importancia de que se desenvolvan ferramentas como esta aplicación.
Quen é quen detrás de Dano Cerebral App
Fundación Gmp é unha institución privada sen ánimo de lucro con sede en Madrid que ten como obxectivo fundamental mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down, ou outros tipos de discapacidade intelectual, e dano cerebral, para lograr a súa plena integración familiar, escolar, laboral e social e cun especial interese na infancia.
Fundación Mapfre é unha institución sen ánimo de lucro creada por MAPFRE en 1975, que desenvolve actividades de interese xeral en España e noutros países para contribuír á mellora da calidade de vida das persoas e ao progreso da sociedade mediante programas e actividades multinacionais.
A Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE) representa e dinamiza ao movemento asociativo de persoas con Dano Cerebral Adquirido (DCA) e as súas familias en España. É unha Entidade de ámbito estatal declarada de Utilidade Pública que, desde hai case 25 anos, apoia ás persoas con Dano Cerebral Adquirido e ás súas familias no exercicio dos seus dereitos de cidadanía e na súa plena inclusión na comunidade.
Fundación Polibea foi creada no ano 2005. Está dedicada á atención de persoas con discapacidade e as súas familias, e reúne máis de 35 anos de coñecemento e experiencia de profesionais na xestión e rehabilitación de persoas con discapacidade.
MO2O é unha consultora que garante a optimización do negocio dixital dos seus clientes e axúdaos nos seus procesos de transformación. Cun percorrido de máis de 10 anos de experiencia, ofrecen solucións integrais e diferenciais que abarcan a conceptualización, a estratexia e a execución de proxectos.
Acceso a máis información aplicación en play.google.com.
A Xunta de Galicia impulsa unha trintena de actividades para celebrar este novembro o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas da rede pública da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, así como nas bibliotecas escolares. O obxectivo desta iniciativa, que se desenvolverá entre os días 7 e o 28 do vindeiro mes, é sensibilizar aos máis novos sobre a necesidade de empregar o galego na literatura científica.
Os secretarios xerais de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e de Política Lingüística, Valentín García, presentaron hoxe en rolda de prensa a programación de actividades. No acto, celebrado na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, participou tamén o autor do Manifesto do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas deste ano, o profesor, investigador e divulgador científico Xurxo Mariño.
Anxo M. Lorenzo sinalou a importancia de celebrar un ano máis este programa, por medio do cal as bibliotecas constitúen espazos seguros para promover accións adaptadas aos novos protocolos por mor da covid-19. “O Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas achega unha trintena de actividades para a divulgación social do coñecemento científico en bibliotecas públicas e escolares”, explicou. “Trátase –dixo– dunha iniciativa orientada principalmente ao público infantil e xuvenil, que se suma ao resto de políticas que o goberno galego está apoiando para reforzar o sector cultural na nosa comunidade”.
Iniciativas lúdicas dos EDLG para experimentar ciencia en familia
Pola súa banda, Valentín García, recordou que xa durante o curso pasado “os equipos de dinamización da lingua galega, a miúdo en colaboración cos de biblioteca e cos departamentos, promoveron tamén múltiples iniciativas para que o alumnado puidese investigar, descubrir e divulgar a ciencia non só no centro de ensino senón tamén na casa, no período de obrigado confinamento por mor da pandemia”. “As iniciativas caracterízanse por se achegaren de forma cada vez máis lúdica á experimentación científica, por procuraren máis que nunca a colaboración das familias e por divulgaren os resultados de forma xeneralizada a través das TIC”, abondou.
O secretario xeral destacou que con estas iniciativas dos EDLG “o coñecemento científico pasou da aula ao ámbito familiar e a súa divulgación, das revistas impresas ás dixitais, das charlas ou xornadas presenciais ás virtuais e dos experimentos colectivos á vista do alumnado aos individuais gravados e difundidos a través da Rede” e tamén que “a respecto da temática, obsérvase nas actividades de todos os niveis educativos un crecente interese pola saúde e pola ecoloxía ambiental”. O Portal da Lingua Galega ofrece desde hoxe, en aberto, as iniciativas máis recentes dos EDLG de facer e difundir ciencia en galego.
Para todos os públicos
A Biblioteca de Galicia, as bibliotecas públicas da Coruña Miguel González Garcés, de Lugo, de Ourense Nós, de Pontevedra Antonio Odriozola, de Santiago Ánxel Casal e de Vigo Juan Compañel serán os espazos nos que se desenvolvan as actividades programadas. Todas elas estarán adaptadas ás restricións por mor da covid e respectaranse todas as medidas de seguridade.
A programación inclúe actividades para todos os públicos e todas as idades, desde contacontos para pequenos de 3 a 8 anos e obradoiros creativos para nenos a partir de 6 anos ata representacións teatrais para toda a familia, pasando por talleres de selfie para aprender a sacarlle partido á cámara do teléfono móbil, máis dirixidos a un público adolescente. Así mesmo, celebraranse faladoiros de ciencia centrados, fundamentalmente, no público adulto. Durante este mes, as bibliotecas tamén destacarán a súa bibliografía científica, en especial a dirixida a un público infantil e xuvenil.
A celebración do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas enmárcase no decidido apoio aos sectores culturais por parte do Goberno galego. De feito, a Xunta decidiu incrementar este ano nun 54% as axudas a concellos para a adquisición de novidades editoriais en galego e para mellorar as coleccións bibliográficas das bibliotecas e axencias públicas de lectura integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, a través dunha convocatoria extraordinaria que se resolveu a pasada semana, dentro do Plan de Reactivación do sector cultural para reforzar o apoio ao sector editorial galego. En total, o Goberno autonómico inviste 850.000 euros e benefícianse preto de 200 concellos.
Asemade, e dentro do esforzo que se está a facer para reforzar o número de licencias, así como a incorporar novos títulos ao catálogo, GaliciaLe, a plataforma de préstamo dixital da Xunta de Galicia, triplicou o número de usuarios desde o inicio da pandemia.
Bibliotecas escolares
No caso das bibliotecas escolares, estimularase nelas a celebración de proxectos e iniciativas de divulgación científica. A asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería pon ao dispor dos centros un portal cunha selección de materiais relacionados coa ciencia en galego, así como unha selección de libros de divulgación científica publicados en galego e moi demandados desde as bibliotecas dos centros educativos para poder cubrir as necesidades informativas do alumnado e apoiar os seus traballos
de investigación.
A maiores, en #bescolaresgalAbertas pode consultarse unha escolma de traballos realizados pola comunidade educativa desde a casa no último trimestre do curso pasado, onde poden atoparse retos matemáticos, titoriais para facer experimentos caseiros, información científica sobre a covid-19, ou recomendacións de aplicacións para crear contidos audiovisuais ou podcasts de radio con contidos científicos vinculados ao programa Radio na Biblio.
Cómpre lembrar, ademais, que a Consellería vén de publicar a resolución dos centros participantes neste curso 2020/21 no programa Biblioteca Creativa que apoia a introdución, dentro da biblioteca escolar, dun espazo de creación e experimentación para a introdución do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe de programación a través de pequenos robots, os Escornabots. Búscase, así mesmo, ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo.
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta mañá unha reunión co reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, na que lle trasladou que a Xunta de Galicia incluíu á Cidade das TIC na candidatura presentada ao Goberno de España para optar aos fondos europeos de reconstrución Next Generation.
Deste xeito, a Cidade das TIC é un dos 108 proxectos inicialmente seleccionados polo Goberno galego para acceder a estes fondos. De saír adiante esta proposta, a previsión é que a iniciativa chegue a mobilizar 55M€ para, desde a colaboración público-privado, construír un Polo TIC que albergue empresas, un campus tecnolóxico con cabida para un centro de I+D en novas tecnoloxías, unha incubadora de alta tecnoloxía centrada na intelixencia artificial e no big data, un centro demostrativo e de servizos avanzados, un centro de formación e difusión TIC, así como a sede dun nodo da Estratexia dixital galega 2030 e nacional de intelixencia artificial.
O vicepresidente económico trasladou ao reitor da UDC o compromiso da Xunta con esta iniciativa que pretende dar resposta ás demandas do tecido industrial galego, activar proxectos de I+D disruptivos vertebradores e atraer novos investimentos a Galicia. Neste sentido, dentro da convocatoria dos centros de fabricación avanzada, a Cidade das TIC recibiu un apoio de 4,82M€ para acondicionar unha das naves nas que se instalarán catro laboratorios e empresas do sector TIC.
Conde subliñou que a Cidade das TIC, enmarcada na candidatura de Galicia aos fondos europeos dentro do eixe destinado á modernización do tecido produtivo galego, encaixa cos criterios europeos e nacionais, xa que é o exemplo dunha iniciativa viable, ben definida e madura que contribuirá á transformación económica e social de Galicia.
O encontro forma parte da rolda de contactos do Goberno galego para contar coa colaboración das principais institucións e axentes socioeconómicos no deseño de iniciativas que encaixen e se adapten aos fondos de reconstrución europeos. Conde manifestou o interese da Xunta en que a UDC teña un papel activo neste importante proceso.
O Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña deron a coñecer detalles do seu traballo conxunto para facer avanzar a capacitación dixital entre a cidadanía, poñendo o foco (achegándolles recursos e coñecementos básicos de informática) en combater a exclusión tecnolóxica entre a comunidade de usuarios e usuarias das entidades sociais.
Segundo informou a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, tendo en conta que “a nova situación xerada pola pandemia aumentou o traballo telemático, e tendo en conta tamén as eivas arredor destas habilidades que mostran moitos usuarios das entidades, queremos traballar de forma conxunta para achegar as novas ferramentas aos beneficiarios das asociacións”. Con este fin artellarase o curso Deseño e impartición de talleres de alfabetización dixital, achegado polo Grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos da Facultade de Ciencias do Traballo da UDC.
As entidades interesadas en participar teñen de prazo ata o venres para enviar un correo electrónico a asuntos-sociais@ferrol.es e solicitar formar parte desta iniciativa. Recibirán pílulas formativas sobre o traballo en liña, o procesador de texto e a folla de cálculo.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), Iker Sertucha, para a prestación do servizo de intérpretes en lingua de signos e de guías-intérpretes destinado a persoas xordas e xordocegas no seu acceso á Administración de Xustiza.
Trátase dun novo servizo de atención permanente operativo tódolos días do ano que garanta que sempre haxa dispoñible un intérprete en lingua de signos para que, no prazo máximo de tres horas desde a solicitude, poida acompañar ás persoas con discapacidade auditiva e xordocegas que o requiran nas súas xestións ante os servizos xudiciais.
“Xa tiñamos un sistema de intérpretes de lingua de signos para actos xudiciais, pero queríamos perfeccionalo”, explicou Alfonso Rueda. Este convenio ten como obxectivo que as persoas xordas e xordocegas “como calquera cidadán, teñan a dispoñibilidade de alguén que estea de garda sempre por se nalgún momento precisa un profesional, por exemplo, para un acto un fin de semana nos xulgados de garda”. Así, precisou que este convenio vén a solucionar esta situación e “ao igual que hai avogados da quenda de oficio a disposición un fin de semana, tamén debe haber intérpretes”.
Deste xeito, o Goberno galego asume, a través deste acordo, o custo das actuacións destes profesionais cando unha persoa xorda ou xordocega teña que relacionarse con algún órgano ou servizo xudicial, así como os gastos derivados da súa dispoñibilidade nos servizos de garda.
Nesta liña, lembrou que o Goberno galego xa vén colaborando coa FAXPG a prol da integración plena e a igualdade de acceso das persoas con dificultades auditivas. O convenio asinado hoxe é a “continuación do traballo que se foi facendo estes anos, pouco a pouco, para poder facilitar o acceso a cada vez máis servizos públicos”. Así, por exemplo, todos os teléfonos de emerxencia da Xunta contan cun sistema de videointerpretación ao que, desde 2018, se pode acceder mediante unha aplicación móbil.
A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) ten como obxectivos fomentar a autonomía e a independencia das persoas xordas e xordocegas a través de actuacións orientadas á eliminación das barreiras de comunicación en todos os ámbitos e, de forma específica, nos contornos públicos e institucionais.