main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

02/11/202012:04
Girl STEM.
Santiago de Compostela

AGASOL e Amtega lanzan a terceira edición do ciclo de conversas con mulleres referentes no ámbito dixital para impulsar as vocacións STEM

  • Debido a situación provocada pola pandemia, nesta ocasión serán conversas gravadas que se porán a disposición dos centros educativos e do público en xeral
  • Participan referentes como Rebeca Atencia (Primatóloga na Jane Goodall Foundation); Begoña Vila Costas (Astrofísica na NASA); ou Rocío Martínez Núñez (Investigadora con robots sobre a COVID 19 no King’s College en Londres).
  • Trátase da iniciativa GIRL STEM, enmarcada o Plan de Talento Dixital da Xunta, para incentivar a vocación das rapazas en estudos científicos e tecnolóxicos, onde as mulleres representan só un 29% das persoas matriculadas.

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), lanzan este ano a terceira edición do programa 'GIRL STEM: derrubando estereotipos', enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino representa un 29% do total de persoas matriculadas.

 

Este ano o programa transfórmase nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19, pero tamén para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia.

 

'GIRL STEM: derrubando estereotipos presentará a partir de hoxe un total de seis conversas gravadas con mulleres referentes, que achegarán a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos. Ademais, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos estas pílulas audiovisuais acompañadas de fichas didácticas, coas biografías das mulleres entrevistadas, a explicación do seu traballo e os proxectos que están a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da Amtega.

 

Tamén se inclúen temas clave ou áreas coas que ten relación o seu perfil, cunha proposta didáctica que aposta por desenvolver estes contidos desde unha perspectiva transversal e multidisciplinar, e que pretende abrir debate nas aulas sobre a ausencia de referentes femininos; as desigualdades de xénero á hora de acceder a determinados traballos, carreiras e proxectos; e a importancia de considerar as carreiras STEM como unha opción de futuro na que as mulleres teñen que aumentar a súa participación dunha forma progresiva. 

 

O obxectivo é orientar e empoderar ás rapazas con experiencias inspiradoras para animalas a escoller, se o desexan, titulacións STEM. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, Plan DigiTalent, impulsado pola Amtega para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado máis novo, especialmente nas rapazas.

Mulleres líderes en Ciencia e Tecnoloxía

Na selección das mulleres referentes tívose en conta a súa actividade profesional no ámbito dixital, valorando aspectos como a notoriedade da súa traxectoria, o seu liderado e participación en proxectos innovadores e habilidades para a motivación grupal.

  • Begoña Vila Costas é unha enxeñeira astrofísica natural de Vigo e está especializada no estudio de galaxias espirais. Estudou nas Universidades de Santiago de Compostela e Manchester, onde se doutorou, así como no Instituto de Astrofísica de Canarias. No 2016 recibíu o Premio “Logro Público Excepcional” da NASA e ao ano seguinte obtivo o Premio da Xunta de Galicia pola Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, “María Josefa Wonenburger Planells”. O seu percorrido profesional abrangue dende a Axencia Espacial Canadense ata a NASA.
  • Rebeca Atencia naceu en Ferrol, estudou veterinaria na Universidade Complutense de Madrid. Traballou no centro de reprodución Help Congo onde coñeceu a Jane Goodall e dende 2012 dirixe o seu centro de rehabilitación de chimpancés de Tchimpouga. O Concello de Ferrol concedeulle o Premio 8 de marzo no ano 2019 en recoñecemento pola súa traxectoria profesional.
  • Dhaunae de Vir naceu nos Ancares, pero actualmente reside entre Estocolmo, Madrid e Londres traballando como desenvolvedora de negocio de proxectos transmedia para unha empresa de videoxogos. Á parte da vertente de negocio, a súa experiencia no transmedia abrangue deseño, produción e tradución de videoxogos, series, sitios web, xogos de rol e outros formatos a varias linguas. Produciu proxectos exitosos na industria cinematográfica, obtendo numerosos premios internacionais, incluíndo un premio BAFTA New Talent. O seu primeiro proxecto profesional na industria dos xogos de rol converteuse no segundo proxecto máis financiado en España en todas as industrias.
  • Rocío Martínez Núñez estudou Bioloxía na Universidade Complutense de Madrid, seguida dun doutoramento en Bioloxía Molecular e Inmunoloxía na Universidade de Southampton. Actualmente é profesora e investigadora no King’s College London na especialidade de regulación do ácido ribonucleico (ARN) en inflamación, enfermidades inflamatorias e, en especial, asma e infeccións respiratorias. Na crise da covid-19 conseguiu traer a España uns súper robots capaces de facer test PCR masivos. Tamén ten interese na área do Big Data.
  • Amparo Alonso Betanzos naceu en Vigo. É una enxeñeira química española e investigadora en intelixencia artificial. Tamén é catedrática e coordinadora do grupo de investigación LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) no departamento de Ciencias da Computación da Facultade de Informática da Universidade da Coruña. En paralelo, continúa co seu labor investigador no Colexio Médico de Georgia (EEUU) e no departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. Foi a primeira española en recibir o premio internacional L´Oréal-UNESCO For Women in Science.
  • Susana Martínez-Conde é unha científica neuronal nada na Coruña. É catedrática de Oftalmoloxía, Neuroloxía, Fisioloxía e Farmacoloxía; e directora do Laboratorio de Neurociencia Integrada na Universidade do Estado de Nova York (SUNY). Doutorouse na USC para, a continuación, trasladarse aos EE. UU. a traballar xunto ao Premio Nobel David Hubel na Universidade de Harvard. Actualmente é profesora na Universidade Estatal de Nova York, no Centro Médico SUNY Downstate, onde dirixe o Laboratorio de Neurociencia Integrativa. Recibiu o EyeTrack Award polos seus estudos con pacientes de Parkinson, o Empire Innovator Award outorgado polo Estado de Nova York e o Premio 100 Españois.
  • Gisela Vaquero traballou na industria dos videoxogos durante máis de cinco anos. É licenciada en Comunicación Audiovisual, en Publicidade e Relacións Públicas e especializada en deseño e guión de videoxogos. É fundadora de Jellyworld Interactive, unha compañía que busca mellorar a igualdade de xénero mediante os videoxogos; é Presidenta da Asociación Women in Games España (WIGES).
  • Luz Castro Pena, nada en Ferrol, estudou Enxeñería Informática na Universidade da Coruña. Fundou a Plataforma polo Galego na Informática. É socia fundadora da empresa galega Imaxin Software e profesora na Facultade de Comunicación Audiovisual da UDC dende 2008. Foi vicepresidenta da asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e, dende 2012, é representante na Rede de Mulleres en Informática (MUIN). Tamén foi parte do comité directivo do Cluster TIC de Galicia e é cofundadora da Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos. Recibiu premios como o Eganet ao mellor ambiente de traballo para a súa empresa Imaxin Software e o Ada Byron do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia.
02/11/202009:02
Mans tecleando.
Ribeira

A aula CeMIT de Ribeira achega dez cursos de informática a través do programa Outono TIC

A aula CeMIT de Ribeira vén de convocar para os meses que restan, e até rematar o ano, un completo feixe de cursos informáticos de balde. As actividades formativas, un total de dez e agrupadas no ciclo Outono TIC, están destinadas a persoas adultas do termo municipal. A concelleira de Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro, acompañada do axente TIC Manuel Bello, debullou na mañá deste venres 30 de outubro o programa, que inclúe tanto accións formativas para principiantes como outras máis especializadas, tendo unha duración entre as 6 e as 20 horas.

Entre as sesións dirixidas ás persoas que se adentran por primeira vez nas novas tecnoloxías hai cinco cursos previstos: Whatsapp desde cero, Facebook desde cero, Instagram desde cero e Coñece o teu móbil, neste último caso con dúas edicións, un en outubro e outro en decembro.

Ademais haberá outras ofertas sobre informática básica, retoque de imaxe (co programa libre de edición de imaxes GIMP), sede electrónica, ofimática na nube (Google Drive) e Libreoffice (Write, Calc e Impress). Aquelas persoas interesadas poden inscribirse a partir do luns 5 de outubro ben na propia Aula CeMIT (teléfono 981 876 043) situada en Cubeliños ou ben na súa páxina web. O Concello engade que “dadas as limitacións pola COVID, cada curso ten un aforo de oito usuarios en lugar dos doce habituais”.

Rede Araña

Ademais, Ana Barreiro avanzou que o Concello está en xestións para poder albergar unha semana en outubro e outra en novembro unha colaboración da iniciativa Rede Araña, destinada a mellorar as competencias dixitais das persoas en situación de desemprego, con tres eixes diferenciados: Aulas TIC, Muller TIC e Brúxula. O último bloque estará enfocado a usuarios con problemas de drogodependencia. De frutificar tales xestións, darase cumprida conta das datas e o contido específico desta colaboración.

30/10/202008:33
Presentación da iniciativa por videoconferencia.
Madrid

Fundación ONCE presenta novos deseños de obxectos en 3D que melloran a vida diaria de persoas con discapacidade

  • Entre estes obxectos figuran un prolongador de asa para maleta, un punteiro para teclear ou vasos máis cómodos e seguros

A Fundación ONCE presentou novos deseños de obxectos para a súa impresión en tres dimensións cos que pretende mellorar a vida diaria de persoas con discapacidade. O proxecto foi posible grazas á colaboración do Real Padroado sobre Discapacidade e o seu obxectivo é desenvolver produtos alcanzables que faciliten a realización de tarefas cotiás ás persoas con discapacidade.

 

Algúns deles son un prolongador de asa para a maleta, un punteiro para teclear ou diferentes modelos de vasos, con escotadura e cónicos, que permiten beber con comodidade e seguridade a aquelas persoas que non poden realizar a extensión do pescozo.

 

Os novos deseños déronse a coñecer este mércores nunha xornada sobre 'Deseño e impresión 3D de produtos de apoio'. O encontro contou coa participación de Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE, e Maite Fernández, conselleira Técnica do Real Padroado sobre Discapacidade. 

Obxectos 3D

Outro soporte para maleta; distintos pomos para os mandos das cadeiras de rodas eléctricas 'en cadeira de montar e en 'U'-, e unha panca para chave de paso de cisterna, completan a listaxe de obxectos que foron deseñados para facilitar o seu uso por parte das persoas con discapacidade. 

 

Todos eles súmanse aos obxectos que xa estaban dispoñibles, como o soporte na cadeira de rodas para colgar o bolso, o repousa antebrazos que se adapta á mesa para dar soporte adicional a aquelas persoas que, por diferentes motivos, non teñan a posibilidade de manter a postura, ou unha carcasa que axuda a escribir con precisión nun teclado a quen necesita apoiar toda a man. 

 

Os ficheiros dos distintos deseños atópanse no portal 'Accessibilitas', dentro da sección 'Produtos de apoio', onde tamén se poden consultar novas, normativa, boas prácticas e outros contidos máis relacionados coa accesibilidade universal. 

 

Todos os produtos pódense consultar no portal https://accessibilitas.es/.

29/10/202012:18
Videoconferencia do taller sobre os nesgos de xénero na docencia universitaria.
Vigo

Unhas xornadas na UVigo lembran a fonda desigualdade de xénero que existe nas carreiras TIC

Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, a través das súas profesoras, promoveu esta semana unhas xornadas sobre as discriminacións de xénero no actual panorama educativo, tanto xeral como universitaria, un feito que mostra “a existencia dun teito de cristal e dunha desigualdade real que se perpetúa malia os avances na esfera formal”. Para analizar as causas destas eivas e da súa continuidade a directora do centro, Elena Alonso e a profesora Teresa Rivas puxeron en marcha unha actividade de dous días de duración que inclúen unha conferencia (este martes 27) e máis un obradoiro (o xoves 29) impartidos por Llerena Perozo, directora de Versátil Servizos Editoriais e especialista en comunicación e xénero, quen puxo o foco, entre outros asuntos, na fonda desigualdade que existe en ámbitos como a Enxeñaría en Informática.

Llerena Perozo comezou o seu relatorio deixando claro que, a pesar de que España é “un país cunha lexislación moi ampla e un nivel de igualdade formal dos máis altos do mundo”, aínda que “non podemos caer no engano de que con esta protección formal temos o camiño feito”. Na súa opinión, a realidade é outra, “na vida cotiá, na educación social e afectiva, na maneira na que aprendemos a pensar” mantéñense os roles de xénero. Sostén que os plans de igualdade ou as lexislacións non poden facer nada para “garantir xuridicamente” esa ansiada igualdade real. “A única maneira de que poidamos cambiar a nosa forma de enfocar a realidade é que cambiemos a nosa maneira de pensar, de ler a realidade e a nós mesmas e mesmos”. Mostra de como os arquetipos e os roles xénero aprendidos na esfera privada acaban por filtrarse á pública son algunhas cifras do sistema universitario español, dixo Perozo, citando o feito de que nos graos de Informática só un 12,2% do alumnado son mulleres e, nas enxeñarías a cifra é do 28,4%. “Isto representa en si mesmo un fracaso social, porque seguimos asignando determinados roles e arquetipos a determinadas tarefas”. Salientou tamén que o 72% do profesorado nas diferentes etapas son mulleres; unha porcentaxe que baixa ao 66% nas universidades. Pero algúns datos son aínda máis significativos: “as mulleres representan o 96,7% do profesorado de Educación Infantil, desenvolvendo “o rol tipicamente feminino, a formación das crianzas”. Tamén fixo fincapé no feito de que nas universidades, as mulleres, malia ser o 66% do persoal docente, só ocupan o 14% dos cargos directivos. “Aquí é cando comezamos a pensar ata onde chega a esfera privada e ata onde chega ese nesgo que nos coloca nunhas determinadas tarefas e comportamentos segundo o xénero, trasladando o rol dunha esfera á outra”. 

Charla-obradoiro este xoves 29

A xornada deste martes complétase cun taller previsto para este xoves 29, tamén da man de Llerena Perozo, destinado a persoal docente da Universidade de Vigo, con preferencia para o profesorado da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. Esta actividade centrarase en identificar o sexismo na docencia universitaria, fundamentalmente nas propias profesoras.

29/10/202007:49
Escornabots.
Ourense

Robótica, impresión 3D e e-téxtiles para achegarse ás novas linguaxes educativas

  • O obxectivo da iniciativa é contribuír a democratizar o seu uso

Baixo o título Metodoloxías innovadoras e novas linguaxes. Robótica educativa, impresión 3D e e-téxtiles, o campus de Ourense acolle desde o pasado 19 de outubro e ata o 2 de novembro un taller que ten como finalidade achegar estas ferramentas á comunidade universitaria e contribuír así a “democratizar” o seu uso tanto no eido educativo como no do lecer.

A iniciativa forma parte da programación de obradoiros de extensión universitaria que este cuadrimestre se imparte no campus de Ourense. Con 22 horas de duración, as sesións celébranse de xeito presencial as tardes do luns e xoves na Facultade de Educación e Traballo Social, onde naceu por iniciativa de profesorado seu. O taller está dirixido por Almudena Alonso e María Ainoa Zabalza participando ademais como docentes o “maker” Miguel Gesteiro e a mestra e asesora de bibliotecas María Pousa. As dez prazas dispoñibles cubríronse e o perfil de participantes abrangue estudantes de Enxeñaría Informática e de Educación e mestres e mestras xa en exercicio. A idea de pór en marcha por primeira vez este obradoiro, apuntan as súas responsables, xurdiu ante a escaseza de actividades deste tipo e a convicción de que “é necesario máis movemento no que é robótica educativa, traballo de programación e deseño e impresión 3D”. Neste contexto, indican, “pareceunos interesante achegar estas novas linguaxes a diferentes colectivos da comunidade universitaria do campus e aplicalas a diferente ámbitos, tanto educativo como de lecer”.

Perder o medo

“O obradoiro pretende achegar novas formas de aprender, en ambientes formais e lúdicos, á comunidade universitaria”, explican as súas responsables. Trátase, apuntan, dunha oportunidade para reflexionar arredor das novas linguaxes e metodoloxías innovadoras, iniciándose as e os participantes na robótica educativa, no deseño e impresión 3D e nos e-téxtiles. A iniciativa, recalcan as súas coordinadoras, quere contribuír a democratizar este tipo de aprendizaxe, seguindo a filosofía da cultura “maker” e co compromiso de fomentar a accesibilidade a estas ferramentas. Así, detallan, a formación pretende abordar “as potencialidades e posibilidades educativas destas metodoloxías" a partir dun efoque fundamentalmente aplicado, chegando as e os participantes a deseñar e crear recursos coas diferentes técnicas explicadas, montando por exemplo cada asistente o seu propio robot Escornabot. “Achegarse a estas novas linguaxes é algo que a moita xente lle custa moito ao principio, polo medo inicial que supón o seu descoñecemento, pero logo ven que non era tan difícil e que é algo no que traballas moitas cousas de xeito transversal, desde o movemento á tecnoloxía”, sinalan desde a organización do obradoiro.

Ao longo das sesións, as e os participantes achéganse á robótica educativa e de xeito específico ao proxecto Escornabot que “naceu para democratizar e achegar a todo o mundo a robótica educativa”. Cun prezo e un nivel de programación accesibles para o público xeral, as responsables do obradoiro sinalan como durante o obradoiro as e os matriculados montan, programan e poñen en marcha o seu propio robot Escornabot. En deseño e impresión en 3D, engaden, o obradoiro fomenta no alumnado o coñecemento destas ferramentas para que “sexan autónomos e libres para utilizar os recursos e atender as súas propias necesidades”, apostando polo uso de material orgánico e a reciclaxe. Por último, no caso dos e-téxtiles desde a organización da actividade apuntan que no obradoiro as e os participantes coñecen como funciona unha pila, un led e un circuíto para poder realizar as súas propias maquetas. "O importante é que lle perdan o medo a estas ferramentas", subliñan por último as responsables da iniciativa.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS