main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

12/11/202012:19
Rebeca Atencia.
Santiago de Compostela

O programa Girl STEM entrevista a Rebeca Atencia, primatóloga no Instituto Jane Goodall no Congo

  • Trátase da segunda entrevista do ciclo de conversas con referentes en ciencia e tecnoloxía, que xa están a disposición dos centros educativos acompañados de unidades didácticas
  • A iniciativa está enmarcada no Plan de Talento Dixital da Xunta, para incentivar a vocación das rapazas en estudos STEM, onde as mulleres representan só un 29% das persoas matriculadas

 

Esta semana GIRL STEM conversa cunha veterinaria ferrolá, Rebeca Atencia, que está á fronte do centro de rehabilitación de chimpancés de Tchimpounga (República Democrática do Congo), dependente do Instituto Jane Goodall.

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), continúan así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).

Nesta edición, o programa GIRL STEM transfórmase nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19 e para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia.

Así, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos a conversa con Rebeca Atencia en formato de pílula audiovisual, acompañada dunha unidade didáctica, coa súa biografía, a explicación do seu traballo e os proxectos que está a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da Amtega.

Na actualidade, Rebeca Atencia dirixe o Centro de Rehabilitación de Chimpancés de Tchimpounga, situado na República Democrática do Congo e dependente do Instituto Jane Goodall. Neste centro fundado no 1992 coidan e protexen a uns 160 chimpancés co propósito de devolvelos á selva ao tempo que desenvolven un labor de educación e sensibilización sobre estes animais dirixido á poboación da zona. O centro ofrece un santuario aos exemplares de chimpancé en situación de orfandade, vítimas do comercio ilegal de carne de animais salvaxes ou de animais de compañía.

No 2011 o Instituto Jane Goodall (JGI) negociou con éxito co goberno do Congo a expansión a tres illas situadas no río Kouilou, onde o JGI poderá recolocar a uns 120 chimpancés que actualmente viven no santuario. Alí, os chimpancés vivirán nun hábitat máis natural e reducirase o amontoamento de Tchimpounga. Ata o de agora, 57 dos chimpancés máis fortes e mellor preparados foron recolocados nas illas Tchindzoulou, Ngombe e Tchibebe.

Na conversa, realizada por Bárbara Román, avogada responsable de Nolegaltech -unha empresa galega especializada en dereito tecnolóxico- Rebeca Atencia afirma que “ao principio ser muller foi un impedimento, pero ao final transformouse en algo positivo porque acabaron dando máis valor ao meu traballo”. Neste sentido, a primatóloga aconsella ás rapazas novas “que crean nelas mesmas, se realmente soñan con algo, por moi raro e inalcanzable que pareza”

O próximo xoves 19 de novembro, o programa GIRL STEM publicará a conversa coa referente Dhaunae de Vir, desenvolvedora de negocio transmedia; e Gisela Vaquero, deseñadora de videoxogos, entrevistadas por Luz Castro.

Entrevista a Rebeca Atencia

12/11/202008:16
Edición anterior de Talentia Summit.
Santiago de Compostela

Talentia Summit ‘20 ofrece 18.000 prazas en centos de actividades virtuais

O Concello de Santiago vén de achegar máis detalles sobre a nova edición da feira de emprendemento innovador Talentia Summit, que se celebra entre o luns 23 e o venres 27 de novembro, en formato cen por cen virtual e con ofertas de emprego activas, cursos de formación, certificacións oficiais e un foro de conferencias estratéxicas. O período de inscrición abrirase este sábado 14 de novembro ás 18.00 horas. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado polo técnico municipal de Emprego, Xavier Ferreiro, presentou este mércores 11 de novembro, en rolda, o contido do foro, que virá con máis de 18.000 prazas en diversas actividades para potenciar o perfil profesional das persoas participantes.

O alcalde expresou a “gran satisfacción e a responsabilidade” que supón organizar esta edición, totalmente online, “o que non significa que sexa peor”, engadiu o rexedor, que vaticinou que a do 2021 será “a mellor de todas”.

Segundo fixo saber, durante a feira, os participantes poderán achegarse ás empresas máis relevantes que están na procura de talento, coñecer as súas ofertas de emprego e reservar chamadas directamente cos responsables de contratación. Na feira ofertaranse milleiros de prazas en cursos de formación en directo, certificacións oficiais, actividades online de formación, sesións de mentoring persoal e orientación laboral.

O rexedor e o técnico municipal de Emprego explicaron que “previo rexistro e solicitude de participar no evento”, os usuarios poderán visitar os stands virtuais das empresas, nos que poderán descubrir as ofertas de emprego activas das empresas, coñecer as actividades das empresas e os programas de captación de talento e contactar cos responsables das áreas de contratación de persoal.

Nos stands virtuais as empresas indicarán a súa dispoñibilidade e establecerán contacto telefónico directo coa persoa que realiza a reserva. As ofertas de emprego xa están accesibles na páxina web da Axencia Local de Colocación do Concello de Santiago de Compostela.

Máis de 2.000 prazas en formación

Ademais dos cursos de formación en liña, Talentia Summit porá a disposición dos usuarios webinars, obtención de certificados oficiais, xornadas de orientación laboral para a optimización do seu currículos e tamén consultoría e asesoría coas sesións de mentoring persoais.

Segundo fixo saber o Concello de Santiago, a oferta de formación de Talentia deste ano é a seguinte: - 330 Prazas en certificacións oficiais - 2000 Prazas en cursos de formación - 672 Prazas con 28 mentores profesionais - 1.000 Prazas en 25 webinars - 360 Prazas de orientación laboral

O Foro Talentia: expertos comparten como superar a incerteza

Este ano, o Foro celebrarase o venres 27 de novembro ás 18.00h. Dada a situación excepcional provocada pola COVID19, reformularase o formato seguindo as instrucións das autoridades sanitarias. Así, malia a situación actual, multiplicarase o aforo de asistencia xa que poderán seguir o evento vía streaming.

Actualmente, está confirmada a participación de Beatriz Navarro, directora de Marketing e Comunicación de FNAC España, Juan Carlos Alcaide, experto en experiencia cliente na era do coronavirus, María José Alonso, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago e adscrita ao CiMUS, e Joaquín "Kin" Martínez, codirector do festival O Son do Camiño e presidente da Federación ES Música, entre outros. Ademais estarán presentes as autoridades institucionais Pedro Duque, ministro de Ciencia e Innovación, Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, e Xosé Sánchez Bugallo - alcalde de Santiago de Compostela.

10/11/202013:31
Maker Faire Galicia 2020.
Santiago de Compostela

A Cidade da Cultura acollerá a presentación de proxectos tecnolóxicos e educativos de seis países na 'Maker Faire Galicia'

  • Do 18 ao 22 de novembro terá lugar a sexta edición, e primeira virtual, deste escaparate para a creatividade e o enxeño, que inclúe como novidade unha xornada exclusivamente centrada en innovación educativa
  • O secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta, José Luis Mira, destacou que esta Maker Faire permitirá coñecer proxectos didácticos innovadores e afondar en temas como tecnoloxía e educación inclusiva
  • O encontro poderá seguirse ao completo por videoconferencia, a través dunha plataforma que converte o Museo Centro Gaiás nun entorno en 360 graos

 

A Cidade da Cultura, transformada nesta ocasión nun entorno virtual en 360 graos, acolle un ano máis a Maker Faire Galicia, que estrea un formato totalmente en liña no que argalleiros e argalleiras de seis países diferentes –España, Francia, Portugal, México, Colombia e o Brasil– presentarán os seus proxectos. A través dunha plataforma dixital que recrea o Museo Centro Gaiás, as persoas asistentes poderán interactuar con makers de todas as idades, ademais de participar en obradoiros e asistir a charlas e mesas redondas con referentes nacionais e internacionais. O encontro reinventa así o seu formato tras cinco edicións polas que pasaron máis de 50.000 visitantes.

O secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta, José Luis Mira, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación do evento, onde destacou que “a innovación educativa teña tamén o seu espazo neste encontro no que tecnoloxía, cultura e educación van da man”. Quixo ademais felicitar á organización por dar “este salto dixital co que o encontro continúa a eliminar fronteiras e achegar o coñecemento, a innovación e a creatividade a todo tipo de públicos, e moi especialmente aos máis novos, algo aínda máis importante se cabe nestes tempos de pandemia”.

A rolda de prensa, emitida a través de videoconferencia, contou tamén coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; o director de operacións da Asociación para o Progreso da Dirección, Santiago Sesto, e o responsable do encontro, Marcos Saavedra, que debullaron polo miúdo o programa do evento.

Tecnoloxía, innovación e educación inclusiva

Mira quixo tamén deterse nalgúns dos contidos que incluirá a xornada da Maker Faire dedicada á educación, que dará “a oportunidade de afondar nas realidades da innovación educativa, a educación inclusiva ou a aplicación das tecnoloxías no ámbito didáctico”. Así, o programa permitirá coñecer o traballo de docentes galegos como José Viñas ou María del Camino Pereiro, recoñecidos polos premios Educa Abanca como algúns dos mellores docentes de España; ou Javier Mur –docente no IES Illa de Tambo de Marín– que recibiu a máxima distinción do Ministerio de Educación pola súa iniciativa Proxecto Guillén, para integrar na dinámica da aula a un alumno con cancro, un proxecto que inspirou a historia do recentemente estreado filme Uno para todos.

Ademais das mesas redondas e charlas, desenvolveranse tamén actividades como a Game Maker Jam, unha competición para crear un videoxogo en dous días, ou obradoiros destinados a docentes e tamén á cativada, sobre temas como computación cuántica ou robótica virtual.

Outros contidos e relatores destacados

Durante os cinco días da Maker Faire Galicia 2020, a plataforma do encontro –á que xa se pode acceder rexistrándose de balde en https://makerfairegalicia.com/; dará opción ás persoas visitantes circular, dun xeito similar ao coñecido sistema do Google Street View, polo interior do Museo Gaiás, podendo informarse sobre os diferentes proxectos expostos e conectando en directo cos seus promotores. Tamén desde esta mesma web poderase acceder a todos os obradoiros, charlas e mesas redondas programadas, nas que ademais de educación se tratarán temas como aeronáutica, automoción, alimentación, enerxía, saúde, economía circular, videoxogos ou innovación social.

Entre os relatores máis destacados do encontro atópanse Yannick Roy, co-fundador e director da comunidade máis grande do mundo de neurotecnoloxía (NeuroTchX); Sofía Belenguer, co-creadora e CEO de MyRealFood, a app que axuda a levar unha dieta saudable baseada en comida real; Maitane Alonso, a maker que con só 18 anos sorprendeu á NASA coa súa máquina de conservación de alimentos; ou Antón Vázquez, de Alén Space, a empresa galega dedicada ao deseño e construción de satélites dixitais, cuxo orixe se remonta ao ano 2008 co deseño e fabricación do primeiro nanosatélite español lanzado ao espazo: o Xatcobeo.

Completan o programa unha mentoría para startups ofrecida por Startup Galicia e diversos obradoiros para todas as idades, que nos permitirán desde aprender a crear unha app de realidade aumentada en tan só unha hora, a construír un levitador ultrasónico ou aprender nocións básicas de robótica, desenvolvemento de videoxogos, ciencia espacial ou electrónica creativa con plastilina condutiva.

Unha edición que perdurará

Ao final das xornadas premiaranse os mellores proxectos e, a diferenza doutros anos, esta feira virtual non será efémera, senón que os contidos permanecerán en aberto ata a celebración da seguinte edición e engadiranse outros novos que poidan resultar de interese aos rexistrados.

A Maker Faire Galicia 2020 celebrarase co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e Asociación para el Progreso de la Dirección (APD).

06/11/202015:00
PassCOVID.
Santiago de Compostela

A aplicación PassCOVID informa á cidadanía das novas medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para conter a pandemia

  • Calquera usuario desta ferramenta informática ten acceso a información sobre a situación actual da covid, podendo elixir o concello do seu interese

A Xunta de Galicia puxo en marcha, recentemente, o sistema PassCOVID, unha canle de contacto telemático coa cidadanía para facilitar a xestión da pandemia. Esta ferramenta informática en forma de app para dispositivos móbiles, ofrece información actualizada sobre a situación da crise sanitaria en todo o territorio e a nivel local, con avisos, recomendacións e alertas das medidas que a Xunta de Galicia está a activar para conter a pandemia orixinada polo coronavirus.

As persoas que descarguen PassCOVID poden optar por facelo como usuarios identificados, empregando o sistema de claves concertadas Chave365, ou ben levalo a cabo de xeito anónimo.

Calquera usuario da aplicación ten acceso a información sobre a situación da pandemia en toda Galicia, e pode seleccionar o concello do seu interese para estar ao tanto das medidas que a Xunta está a adoptar. Ademais, todos os usuarios reciben alertas, avisos e recomendacións que as autoridades sanitarias emiten sobre a evolución da pandemia.

PassCOVID ten, por tanto, a finalidade de dar información próxima e de interese á cidadanía galega sobre a situación actual da crise sanitaria na nosa comunidade, e na liña de garantir información próxima, de fontes oficiais, contrastada e de interese.

Esta ferramenta informática tamén recolle información sobre precaucións e bos hábitos, seleccionables por colectivos ou perfís.

Así mesmo, PassCOVID serve de apoio na aplicación dos diferentes protocolos de seguimento definidos tanto pola autoridade sanitaria galega como outros departamentos da Xunta con competencias na xestión da crise, tanto sanitaria como social.

Sanidade lembra a importancia de Instalar RadarCOVID e PassCOVID para axudar ao control da pandemia.

05/11/202016:56
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A directora da Amtega destaca a importancia da colaboración entre institucións para abordar os retos en materia de confianza dixital

  • Mar Pereira inaugurou hoxe a última xornada do II Foro Cybersec@gal, centrado nos riscos do teletraballo
  • A directora sinalou que a implantación do traballo online en tempo récord a causa da pandemia supuxo unha proba de fogo e que agora toca definir o modelo de funcionamento e facilitar a seguridade neste ámbito a cidadáns e empresas
  • Recordou que a Xunta ven de poñer en marcha o Nodo de Ciberseguridade de Galicia, un instrumento de cooperación entre administracións e outros axentes públicos e privados dispostos a aliñar esforzos para impulsar a concienciación e a formación, dar resposta a retos complexos e promover a xeración de talento
     

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou hoxe que nos enfrontamos a importantes retos en materia de confianza dixital tras o salto cuántico na absorción da tecnoloxía que implicou a crise da covid-19. Neste sentido cualificou de “inescusable” a colaboración entre as administración e outras entidades públicas e privadas para estar a altura do que demandan cidadáns e empresas e que a tecnoloxía siga sendo un elemento de axuda e tamén de confianza.

Mar Pereira inaugurou hoxe a última xornada do II Foro Cybersec@gal centrado nesta edición nos riscos do teletraballo, destacando que “a súa adopción dunha semana para outra ao inicio da crise sanitaria supuxo unha proba de fogo para administracións e empresas e que agora toca definir o seu modelo de funcionamento e a estratexia para xerar confianza dixital en empresas e cidadáns”.

Mar Pereira lembrou que Galicia vén de poñer en marcha o seu Nodo de Ciberseguridade, un instrumento de cooperación entre administracións dispostas a aliñar esforzos neste ámbito. Xunto coa Administración autonómica colaboran no Nodo a Fegamp, as catro deputacións e o Goberno estatal, a través do Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), e o Centro Criptolóxico Nacional, e está aberto á adhesión doutros axentes públicos e privados para impulsar a concienciación e a formación de cidadáns e empresas, dar resposta a retos complexos e promover a xeración de talento neste eido que aglutina as capacidades existentes.

Cátedra R

Mar Pereira aproveitou a súa intervención para felicitar á Cátedra R por impulsar este Foro que naceu con vocación de permanecer no tempo e consolidarse como unha cita anual para abordar os retos en torno a Ciberseguridade. O Foro enmárcase nas actividades da Cátedra R de Ciberseguridade, a primeira cátedra interuniversitaria de Galicia, desenvólvese en colaboración coas Universidades de Vigo (UVIGO) e da Coruña (UDC) e Fundación Euskaltel Konekta. Persegue basicamente promover o desenvolvemento de competencias profesionais do alumnado e mellorar a capacitación dos membros da comunidade universitaria. A idea é adaptar todo ese potencial de coñecemento e preparación ás necesidades da empresa fomentando, en paralelo, a formación continua, a innovación e a investigación na área da Ciberseguridade.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS