
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Esta semana GIRL STEM conversa con dúas expertas no campo dos videoxogos e deportes electrónicos: Dhaunae de Vir, desenvolvedora de negocio transmedia, e Gisela Vaquero, deseñadora e guionista de videoxogos. As dúas forman parte do movemento Women in games, que axuda, promove e dá visibilidade ás mulleres desenvolvedoras e xogadoras de videoxogos, tanto estudantes, afeccionadas coma profesionais.
A entrevista realizada por Luz Castro, fundadora da Asociación Galega de Videoxogos, analiza cal é a posición das mulleres neste crecente negocio e as medidas que é preciso adoptar para evitar que queden excluídas deste ámbito.
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), continúan así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
Nesta edición, o programa GIRL STEM transfórmase nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19 e para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia.
Así, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos a conversa con Dhaunae de Vir e Gisela Vaquero en formato de pílula audiovisual, acompañada dunha unidade didáctica, coas súas biografías, a explicación dos seus traballos e os proxectos que están a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da Amtega.
Dhaunae de Vir naceu nos Ancares, pero actualmente reside entre Estocolmo, Madrid e Londres traballando como desenvolvedora de negocio de proxectos transmedia para unha empresa de videoxogos. Á parte da vertente de negocio, a súa experiencia no transmedia abrangue deseño, produción e tradución de videoxogos, series, sitios web, xogos de rol e outros formatos a varias linguas.
Produciu proxectos exitosos na industria cinematográfica, obtendo numerosos premios internacionais, incluíndo un premio BAFTA New Talent. O seu primeiro proxecto profesional na industria dos xogos de rol converteuse no segundo proxecto máis financiado en España en todas as industrias. Foi a fundadora e xerente de Biblioteca Oscura ata que foi reclutada por White Wolf Entertainment. Na actualidade, Dhaunae é a súa Directora de Desenvolvemento de Negocio, centrándose na distribución e a dispoñibilidade. Dhaunae é unha evanxelista da marca (brand evangelist), unha embaixadora dos videoxogos dende a escola primaria ata a universidade, e unha consultora de eSports.
Gisela Vaquero traballou na industria dos videoxogos durante máis de cinco anos. É licenciada en Comunicación Audiovisual, en Publicidade e Relacións Públicas e especializada en deseño e guión de videoxogos. É fundadora de Jellyworld Interactive, una compañía que busca mellorar a igualdade de xénero mediante os videoxogos; e Presidenta da Asociación Women in Games España (WIGES), unha organización creada no 2017 que promove, dá visibilidade, defende os dereitos das mulleres desenvolvedoras de videoxogos, e incentívaas nos campos tecnolóxicos.
O próximo xoves 26 de novembro, o programa GIRL STEM publicará a conversa coa referente Rocío Martínez Núñez, investigadora do King´s College de Londres, que será entrevistada por Noa Orizales, directora da empresa galega Contidos Dixitais.
O Campus de Ourense (Universidade de Vigo) impulsou a mostra virtual Exxperimenta en feminino, iniciativa que ten como obxectivo último espertar nas rapazas e nos rapaces a vocación científica suplindo a carencia de referentes femininos nestes eidos. A nova andaina inclúe 14 vídeos curtos nos que investigadoras e profesoras de catro centros do Campus de Ourense explican de xeito divulgativo a traxectoria e relevancia de 14 mulleres referentes nos ámbitos da ciencia, a tecnoloxía e as enxeñarías.
Co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, desde o ano 2017 o Campus de Ourense acolle anualmente en febreiro a feira divulgativa Exxperimenta en Feminino. Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, organizada por profesoras e investigadoras da Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, a Escola Universitaria de Enfermaría e a Facultade de Ciencias. Co obxectivo de dar continuidade a esta acción, as súas promotoras puxeron en marcha este ano unha mostra itinerante para centros educativos do sur de Galicia composta por 14 pósteres sobre outras tantas mulleres cun destacado papel na investigación. Cada muller destacada foi elixida polas investigadoras de cada un dos 14 stands que formaron parte da edición 2020 de Exxperimenta atendendo á súa área de especialización.
“En febreiro de 2021, por mor da situación sanitaria, non poderemos celebrar a xornada de forma presencial. Por iso, queremos poñer a disposición dos centros de ensino unha exposición virtual sobre destacadas científicas”, explican as responsables da iniciativa, as profesoras Alma Gómez, Julia Carballo e Nieves Lorenzo. Con este obxectivo, decidiron realizar unha serie de vídeos nos Campus de Ourense que participou na elaboración dese material. A escolma de mulleres da exposición abrangue desde a investigación básica á aplicada, desde o ámbito galego ao internacional e desde a física á informática. Concretamente, a mostra virtual, que conta con financiamento da FECYT e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, ofrece información da física Mileva Maric; da física e pioneira na apicultura Eva Crane; da programadora Ada Lovelace; da astrónoma Antonia Ferrín; da bioquímica Margarita Salas; da química e nutricionista Elsie Widdowson; da enxeñeira química Frances Arnold; da enfermeira Isabel Zendal; da microbióloga Esther Lederberg; da psicóloga e bióloga Linda B. Buck; da química industrial e farmacéutica María José Núñez; da farmacéutica e química Tarsy Carballas; da tecnóloga dos alimentos Concepción Llaguno e da química e farmacéutica Teresa Toral.
O Concello de Lousame puxo en marcha a campaña en contra da violencia de xénero que terá como nome A árbore do bo trato. Esta iniciativa terá a súa base no formato dixital, como así indicou a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo: “Diante da situación actual, evitamos actividades tradicionais como a Andaina contra a Violencia de Xénero e apostamos polas novas tecnoloxías, a nosa páxina web e as nosas redes sociais”.
A campaña terá como imaxe simbólica unha árbore, que estará composta por follas e froitos con propostas que impulsen o bo trato. Os veciños de Lousame poderán promocionar súas ideas a partir de vídeos, textos, imaxes e demais arquivos multimedia que se exporán na páxina web do Concello. Para poder participar, o Concello de Lousame habilitará un photocall na Casa Consistorial para facer uso del en caso de que algún veciño o precise. Ademais poderanse enviar aportacións ó WhatsApp (689 126 385) e por wetransfer (nos@noscomunicacion.com).
A iniciativa, organizada pola Concellería da Igualdade do Concello de Lousame en colaboración co Ministerio de Igualdade e o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, non será a única actividade posta en marcha deste tipo. Ademais da campaña A árbore do bo trato, o Concello celebrará nos próximos días unha reunión na que tomarán a decisión de levar a cabo unha serie de actividades que impulsen a repudia á violencia machista.
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, defendeu esta mañá, na inauguración da Maker Faire Galicia 2020, o impulso da dixitalización, a economía verde e o talento para poder construír na Comunidade unha economía de maior valor engadido:
“O talento é o motor de toda a transformación que temos por diante e se algo hai nesta Maker Faire é, precisamente, talento”, asegurou.
Conde destacou que esta nova edición do evento, que se desenvolverá 100% en liña, supón un reto de organización e unha mostra do compromiso de Galicia coa dixitalización e a aposta polas novas tecnoloxías como ferramenta para a creación de solucións innovadoras e como alternativa á presencialidade.
O vicepresidente explicou que a feira porá de manifesto ata onde pode chegar a creatividade tecnolóxica en eidos como a industria 4.0, a mobilidade, a alimentación e a saúde, ou a enerxía e a economía circular. Á súa vez, é unha oportunidade para que se dea cita o emprendemento galego a través das aceleradoras e startups das Business Factory Auto e Aero, así como o mundo da investigación.
Conde defendeu o fomento da innovación como eixe transversal e o compromiso do Goberno galego co impulso dunha Galicia máis innovadora, verde e social de cara a 2030 para o que os fondos europeos de recuperación serán unha gran oportunidade. Neste sentido, a Xunta xa trasladou ao Goberno de España os primeiros 108 proxectos deseñados da man do tecido produtivo que teñen como base a innovación e como obxectivo a modernización da industria galega e dos servizos públicos.
“O elemento vertebrador da candidatura que presentamos aos fondos é a cooperación público-privada. Debemos identificar proxectos que impulsen a transformación, creen riqueza e emprego e acheguen resiliencia económica e social”, afirmou Conde, que convidou aos participantes a colaborar na identificación de novas iniciativas que se poidan sumar á candidatura galega.
O Concello de Ames vai organizar un certame para estimular a creatividade das novas xeracións, animar á creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas e dar visibilidade á comunidade galega de tiktokers. Trátase da iniciativa GaleTiktokers, impulsada pola Consellería de Mocidade e Normalización Lingüística, na que poderán participar mozas e mozos a partir de 14 anos. Os seus tiktoks serán valorados por un xurado composto por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual galego e nas redes sociais.
Para inscribirse no certame cómpre enviar ao correo electrónico galetiktokers@gmail.com a ficha de participación cuberta e asinada xunto co vídeo creado. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o vindeiro 30 de novembro de 2020. Os premios entregaranse nun acto público o 18 de decembro de 2020. Poderase participar de forma individual ou por parellas, e establécense dúas categorías en función da idade. Na primeira categoría entrarán rapazas e rapaces de 14 a 16 anos, ambas as dúas idades incluídas; na segunda, incluiranse mozas e mozos a partir de 17 anos. No caso de participaren dúas persoas no mesmo vídeo, deberá ser con pantalla compartida para cumprir as normas sanitarias de seguridade; deste xeito, poderase compartir vídeo pero non espazo de gravación.
Premios e xurado
As bases do certame establecen catro premios, dous en cada categoría, de 150 euros cada un deles. Haberá premios do público e premios do xurado. Os premios do público levaranos as pezas que obteñan máis gústame no perfil de Instagram @omixames en cada unha das categorías. O resto dos premios decidiraos o xurado que valore todas as pezas participantes. Nesta primeira edición, o certame conta cun xurado composto por dous recoñecidos youtubeiros, Aquel-e e Olaxonmario, e pola presentadora do programa da TVG Dígocho Eu, Esther Estévez. Os tres valorarán os vídeos, tanto na forma como no contido, tendo en conta aspectos como a orixinalidade, a creatividade, a claridade e a calidade lingüística.
Características e condicións dos vídeos
Os vídeos que se creen para este certame teñen que estar en lingua galega e deben ser de creación propia, a través da aplicación TikTok. Será obrigatorio que a lingua teña presenza, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical. As pezas, de temática libre, deben ter unha duración comprendida entre 15 e 60 segundos. Non se admitirán vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva. Poderanse crear pezas audiovisuais relacionadas coa música, o humor, o baile, a interpretación, os efectos especiais, o deporte, etc. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o vindeiro 30 de novembro de 2020.