main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

20/11/202020:10
Cartel da iniciativa.
Vilamarín

A Xunta premia os mellores videoxogos feitos por mozas e mozos na primeira edición desta categoría no Xuventude Crea 2020

  • Fabián Ezequiel Farías González e Carla Bolaños Blanco fixéronse co primeiro posto do certame coa creación ‘Odal’
  • Este é o primeiro ano que se inclúe esta disciplina e contou coa participación de 16 rapazas e rapaces

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta tarde á fase final de Xuventude Crea 2020 na especialidade de Creación de videoxogos, novidade que incorpora este ano o certame xunto coa disciplina Novela curta. O evento tivo lugar no Pazo de Vilamarín, no marco do I Congreso Utopía Noroeste, un encontro para a innovación, a tecnoloxía e as ideas disruptivas.

Nesta primeira edición da modalidade participaron 16 mozas e mozos e foron seis os videoxogos que chegaron a esta final. O primeiro premio foi para a creación Odal, de Fabián Ezequiel Farías González e Carla Bolaños Blanco; en segundo lugar quedou o equipo formado por Dafne Míguez Nieto, Antía Santiso Méndez, Araceli Villanueva Bello e Daniela Da Rocha Baptista co xogo Cruña Invicta; e o terceiro premio foi para a proposta Fofo e a pesca do lixo, da que son autores Alejandro García Soto e Carmen Araquistain Portela.

Catorce especialidades

O programa Xuventude Crea vai dirixido a mozas e mozos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 16 e os 30. Ademais de Creación de videoxogos, inclúe outras trece categorías: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, fotografía e artes plásticas —esta última comprende as modalidades de pintura e escultura—.

Os premios para cada especialidade son de 3000 euros o primeiro premio, 1500 euros o segundo premio e 1000 euros o terceiro premio. O xurado tamén pode outorgar mencións de honra, sen dotación económica.

A edición deste ano do Xuventude Crea acadou un récord de participación, con preto de 500 mozas e mozos que presentaron as súas candidaturas, fronte as 382 do ano anterior.

20/11/202015:00
Os seis integrantes do equipo «Os tecnolóxicos», alumnos do IES Sánchez Cantón de Pontevedra, que gañaron a fase galega do CanSat.
Santiago de Compostela

A Xunta dá a coñecer na Maker Faire proxectos de 14 centros de ensino que apostan pola inclusión e a innovación educativa

  • O secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, participou na apertura da xornada de educación da Galicia Maker Faire Galicia
  • Mira destacou o “bo facer de alumnado e docentes que se reflicte en proxectos tecnolóxicos como un minisatélite, unha estación de control de augas ou aplicacións para crear escolas máis inclusivas e seguras nos tempos da covid-19”
  • A través da plataforma en liña do evento preséntanse proxectos ‘maker’ de 14 centros de ensino de primaria, secundaria e FP de Galicia, ademais doutros do resto de España, Portugal e Brasil
  • Unha decena de finalistas –entre eles oito galegos– optan aos tres galardóns do certame, que recibirán como premio uns kits de robótica e electrónica básica

O secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta, José Luis Mira, chamou a atención esta mañá sobre a innovación que se está a desenvolver desde os centros de ensino galegos, presentando como exemplo os proxectos maker dos 14 centros de primaria, secundaria e formación profesional que se presentan hoxe na xornada educativa da Maker Faire Galicia 2020. Un pequeno satélite, unha estación de baixo custo para o control da calidade da auga, ou o emprego da tecnoloxía ao servizo dunha educación máis inclusiva e segura nos tempos da covid-19, son algúns dos proxectos que se darán a coñecer nesta xornada da Maker Faire Galicia 2020, que por vez primeira dedica todo un día ao ámbito educativo.

O programa pode seguirse enteiramente en liña desde calquera lugar e, ademais de mesas redondas, charlas e obradoiros destinados a docentes e alumnado, inclúe as presentacións de 28 proxectos de argalleiros e argalleiras de Galicia, do resto de España, Portugal e o Brasil. O secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta participou na apertura do encontro, onde destacou “o bo facer de alumnado e docentes que se reflicte en proxectos tecnolóxicos como un minisatélite, unha estación de control de augas ou aplicacións para crear escolas máis inclusivas e seguras nos tempos da covid-19”.

Neste sentido, José Luis Mira tamén recoñeceu a calidade dos proxectos presentados nesta edición da Maker Faire, onde podemos coñecer ideas de todo tipo, desde iniciativas para que os máis pequenos da escola traballen a motricidade fina e dean os seus primeiros pasos na robótica, ata un robot deseñado para axudar na xestión das emocións aos nenos e nenas con TEA, ou enxeñosas ideas para aplicar a tecnoloxía fronte á pandemia, abrindo roupeiros e portas sen chave ou accedendo aos ordenadores sen teclear”.

Proxectos ‘maker’ dos centros de ensino

Do total de 28 proxectos presentados no ámbito educativo, unha decena de finalistas presentan o seu pitch en liña para seren avaliados por un xurado especializado do CAFI, que decidirá os tres galardóns do certame. Ademais do recoñecemento ao seu traballo, recibirán como premio uns kits de robótica e electrónica básica para continuar a desenvolver proxectos creativos e tecnolóxicos desde o centro de ensino.

Entre os 14 centros de primaria, secundaria e FP galegos que participan no encontro atópanse por exemplo o IES A Pinguela de Monforte de Lemos, que deseñou e construíu unha recreativa arcade totalmente personalizada e montada polo alumnado; o IES David Buján de Cambre, con dous proxectos para a creación dunha estación de baixo custo para o control da calidade da auga dos ríos ou un espazo biomaker para facer investigacións de biotecnoloxía en colaboración con escolas de Lituania, Italia e Macedonia. Desde o IES Sánchez Cantón de Pontevedra preséntase tamén un proxecto de minisatélite desenvolvido por seis estudantes de Bacharelato para a competición Cansat convocada por ESERO-Spain –organismo dependente da Axencia Espacial Europea–.

No ámbito máis social, atopamos tamén proxectos que empregan a tecnoloxía como ferramenta de axuda e inclusión, como o presentado polos IES Zalaeta e o Centro de Educación Especial Nuestra Señora de Lourdes, da Coruña, ou o proxecto Instituto Ensino Secundario Seguro, xurdido no IES Maximino Romero de Lema da Coruña dentro das medidas de adaptación ao contexto da covid-19, co fin de crear espazos seguros dentro do centro educativo que reduzan o contaxio do virus SARS-COV2. Con este proxecto preténdese impulsar as habilidades STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) do alumnado, ao mesmo tempo que se procuran ideas enxeñosas para aplicar a tecnoloxía fronte á pandemia e entre as que se atopan abrir os roupeiros ou as portas sen chave, ou acceder a ordenadores con tarxetas sen necesidade de tocar o teclado.

Un Museo Gaiás en 360º

Desde a plataforma en liña da Maker Faire Galicia 2020 (https://makerfairegalicia.com/gl), pode accederse a todos os contidos do programa destes cinco días dedicados á creatividade e ao enxeño. Permitindo ás persoas visitantes circular virtualmente polo interior dun Museo Gaiás recreado en 360 grados, o sistema ofrece a posibilidade de conectar a través de videoconferencia cos makers que expoñen os seus proxectos. Tamén a través da mesma web se pode acceder a todos os obradoiros, charlas e mesas redondas programadas, nas que ademais de educación se tratan temas como aeronáutica, automoción, alimentación, enerxía, saúde, economía circular, videoxogos ou innovación social.

Entre os relatores máis destacados do encontro atópanse Yannick Roy, co-fundador e director da comunidade máis grande do mundo de neurotecnoloxía (NeuroTchX); Sofía Belenguer, co-creadora e CEO de MyRealFood, a app que axuda a levar unha dieta saudable baseada en comida real; ou Maitane Alonso, a maker que con só 18 anos sorprendeu á NASA coa súa máquina de conservación de alimentos.

A Maker Faire Galicia 2020 celébrase co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e Asociación para el Progreso de la Dirección (APD).

20/11/202009:29
Fotografía dunha muller maior cociñando.
Barcelona

Unha nova tecnoloxía para a monitoraxe remota da actividade de persoas maiores

O Hospital Clínico de Barcelona iniciou un primeiro piloto para poñer a proba Senior Care, unha tecnoloxía desenvolvida por Worldline Iberia que permite a monitoraxe remota da actividade de persoas maiores ou persoas con discapacidade que viven soas.

Esta plataforma baséase nunha serie de sensores de actividade no fogar que recollen o movemento, a apertura de portas e xanelas, a ocupación da cama, a detección de fume ou a medición da actividade eléctrica de aparellos para controlar a distancia as rutinas destas persoas.

O sistema permite tamén a configuración de alarmas para avisar en caso dun comportamento anómalo. Ademais, está prevista a súa proba tamén na cidade de Santander.

Senior Care forma parte do catálogo de solucións de saúde conectada (eHealth) baseada en tecnoloxía para a monitoraxe remota de pacientes crónicos e persoas maiores.

Ademais de Senior Care, este catálogo incorpora tecnoloxía como Maela, unha ferramenta de comunicación entre o médico e o paciente, ou Health Circuit, unha aplicación móbil para a triaxe rápida de pacientes por parte do hospital.

A compañía desenvolveu tamén Wearlumb, unha camiseta que integra sensores téxtiles para avaliar o risco de sufrir lesións por unha mala postura no posto de traballo.

En conxunto, trátase dunha serie de solucións baseadas en nova tecnoloxía dirixida a mellorar o seguimento de pacientes crónicos e de persoas maiores, facilitando a comunicación e a toma de datos a distancia.

20/11/202008:31
Nena en cadeira de rodas usando unha tablet que mostra pictogramas.
Santiago de Compostela

O Premio E-Inclusión do CPEIG vai parar á Confederación ASPACE

Este 19 de novembro deuse a coñecer a entidade gañadora do Premio E-Inclusión da XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, outorgado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e que desta volta vai parar ás mans da Confederación ASPACE, polo seu proxecto colaborativo #ASPACEnet encamiñado á mellora da calidade de vida e a autonomía das persoas con parálise cerebral a través do uso de solucións tecnolóxicas.

Dicir que o encontro, presencial e virtual, das empresas máis senlleiras do sector TIC de Galicia terá lugar o 27 de novembro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela. Indo aos premios da Noite en cuestión, abranguerán dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas máis salientables no eido da enxeñaría en informática. Será a presidenta da Federación ASPACE-Galicia, Mónica Touriño Soto, a encargada de recoller o galardón. En canto á Confederación ASPACE cómpre dicir que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral e outras discapacidades afíns mediante a defensa dos seus dereitos, o apoio ás familias, os servizos ás entidades asociadas e a cooperación institucional. Declarada de Utilidade Pública en 1999, a confederación consta de dezasete federacións autonómicas, entre elas a Federación ASPACE-Galicia, e dispón de 27.000 persoas asociadas, 5.300 profesionais, 1.700 voluntarios e voluntarias, 85 entidades asociadas e 230 centros de atención directa en toda España.

Entre os múltiples programas está #ASPACEnet, centrado na innovación e investigación a través do uso de Tecnoloxías de Apoio (TA) e Sistemas Alternativos e Aumentativos de Comunicación (SAAC). O proxecto arrincou en 2011 coa colaboración da Fundación Vodafone España. Asemade, o dito proxecto de ASPACE desenvolve catro liñas de actuación: Promoción das TIC no alumnado con parálise cerebral, o proxecto Formación, apoio e acompañamento en solucións tecnolóxicas, o grupo de traballo #ASPACEnet que elaborou a guía Las tecnologías en las entidades ASPACE, e as Xornadas ASPACEnet. No que vai de 2020, 195 profesionais de entidades ASPACE recibiron formación sobre SAAC, o que beneficiará a 500 persoas con parálise cerebral para implantar esta tecnoloxía de forma adaptada ás súas necesidades.

Para máis información sobre este proxecto pódese visualizar o vídeo presentación de ASPACEnet.

20/11/202008:22
Persoa nova sostendo un smartphone na man.
Santiago de Compostela

A Xunta avanza no plan de mellora de cobertura móbil abrindo unha consulta a operadores

  • O obxectivo é coñecer se os seus plans contemplan despregamentos nas zonas que foron identificadas como espazos sen acceso á telefonía móbil
  • O seguinte paso será a posta en marcha dunha convocatoria de axudas a operadores para incentivar os despregamentos nas zonas onde non estean previstos
  • Galicia está a manter contacto coa Comisión Europea, de cuxas directrices dependen os futuros despregamentos, para buscar unha solución a esta problemática

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar unha consulta pública sobre as medidas de apoio á cobertura de telefonía móbil en zonas rurais, que estará aberta ata o próximo día 10 de decembro de 2020. O obxectivo é coñecer se os operadores contemplan plans de despregamento nun total de 385 núcleos situados en zonas illadas e espazos naturais de 94 concellos que se adheriron ao Plan autonómico para mellorar as comunicacións móbiles no rural.

Estes municipios trasladaron á Xunta arredor de 1.000 núcleos nos que realizar comprobacións de cobertura para abordar o Plan de mellora. Os técnicos da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), en colaboración coa Amtega, realizaron medidas de verificación en todos estas entidades de poboación, incluíron probas de realización de chamadas e medidas da calidade do sinal, e que deron como resultado que en 385 núcleos non se cumpren os requisitos mínimos con ningún operador para a realización de chamadas de voz coa calidade suficiente (imposibilidade de establecer chamada, nivel de sinal inferior a -115 dBm ou capacidade de ligazón ascendente inferior a 0,5 Mbps).

Unha vez finalizada esta consulta, o seguinte paso será o lanzamento dunha primeira convocatoria pública de axudas a operadores para facilitar a cobertura nas zonas nas que non se prevexa ningún despregamento. Os operadores interesados deberán presentar os seus proxectos para as zonas que elixan e as entidades locais, que resulten beneficiadas, deberán aportar terreos para a execución das torres precisas por parte de Retegal, nas que se instalará o equipamento de comunicacións móbiles. En total, destinaranse 5 millóns de euros públicos para estas actuacións.

Galicia propuxo esta solución á Comisión Europea, que é o organismo que ten que aprobar a convocatoria pública de axudas, coa que está a manter contacto e intercambiando información para poder dar resposta á demanda.

A pesar de que Galicia conta cunha cobertura móbil do 98%, á que contribuíron en boa medida os investimentos públicos para incentivar a extensión do 4G na Comunidade, aínda existen zonas rurais illadas e espazos naturais nos que non é posible realizar chamadas de voz a través do móbil

Para dar solución a esta situación, a Xunta de Galicia puxo en marcha unha iniciativa para mellorar as comunicacións móbiles no rural, coa firma dun convenio coa Federación Galega de Municipios (FEGAMP), ao que se adheriron 94 concellos.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS