main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

01/12/202009:00
Clausura do curso por videoconferencia.
Madrid

A Fundación ONCE intensifica a formación dixital das persoas con discapacidade

  • 380 persoas con discapacidade formáronse en ciberseguridade, cidadanía dixital e contornas dixitais este outono

Preto de 380 persoas con discapacidade foron formadas en competencias básicas dixitais, dentro do programa Por Talento Dixital da Fundación ONCE, ao completar os cursos de 'Ciberseguridade básica', 'Cidadanía e identidade dixital' e 'Comunicación e colaboración en contornas dixitais' ao longo dos meses de setembro, outubro e novembro.

 

Os cursos leváronse a cabo a través da aula virtual en streaming con acceso á plataforma de contidos do curso, baixo os compromisos de accesibilidade necesarios para o correcto seguimento da formación, dirixida por profesorado experto na materia e co acompañamento de titorías por persoal de apoio. 

 

Así, no curso de 'Cidadanía e identidade dixital' os alumnos puideron profundar no uso e xestión dos DNI Electrónicos, da firma dixital, as aplicacións de identidade dixital e aspectos relacionados coa ciberseguridade e a xestión de claves de acceso.

 

Pola súa banda no de 'Ciberseguridade básica' os participantes profundaron nos diversos tipos de virus informáticos, os riscos e ameazas actualmente existentes, e a seguridade dos dispositivos móbiles, entre outros aspectos.

 

O programa finalizou co curso 'Comunicación e colaboración en contornas dixitais', que ofreceu formación sobre a interacción mediante tecnoloxías dixitais, aplicacións de videoconferencias e como compartir contidos dixitais e información. 

 

Para Sabina Lobato, directora de Formación e Emprego, Operacións e Transformación da Fundación ONCE, 'con esta iniciativa queremos dar resposta ás demandas do sector empresarial de perfís con competencias dixitais e vinculados a posicións tecnolóxicas. A través de Por Talento Dixital queremos mellorar a empregabilidade das persoas con discapacidade nun mundo cambiante, no que se valora a capacidade de aprendizaxe e adaptación permanente por parte dos individuos como competencias para unha empregabilidade sustentable'.

30/11/202008:12
Mar Pereira durante o pleno do OSIMGA.
Santiago de Compostela

A Xunta e o sector tecnolóxico investiron máis de 1.260 M€ desde 2015 para avanzar na dixitalización da Comunidade

  • A directora da Amtega fixo balance dos cinco anos da Axenda Dixital 2020 no pleno do Observatorio da Sociedade da información
  • Estase a ultimar o proceso de elaboración da Estratexia Galicia Dixital 2030, no que participaron axentes, institucións e entidades públicas e privadas así como un panel de expertos académicos das tres universidades galegas
  • Tamén se avanzaron as liñas do Plan de Traballo do Osimga para o próximo ano, que analizará o impacto da COVID 19 no sector TIC e publicará un novo estudo sobre as tendencias de mercado recollidas na Estratexia Dixital da Xunta de Galicia 2030
  • Ademais, publicaranse os resultados do estudo sobre a traxectoria profesional dos egresados STEM nas tres universidades galegas

O pleno anual do Observatorio da Sociedade da Información (Osimga) celebrouse esta semana en Santiago a través de videoconferencia. No encontro a directora da Amtega, Mar Pereira deu conta das medidas desenvolvidas durante os cinco anos de desenvolvemento da Axenda Dixital de Galicia 2020 (ADG2020), impulsada desde este departamento autonómico. Ademais, informou do Plan de Traballo do Osimga o próximo ano e fixo balance da situación da Sociedade da Información en Galicia, baseado nos últimos datos do Observatorio.

Desde 2015 lévanse investidos máis de 1.260 millóns de euros, máis de 400 de capital privado nos diferentes plans de transformación dixital. O sector tecnolóxico ten un papel chave na implantación destas actuacións. En Galicia o número de empresas do Hipersector TIC ascende a 3.665 empresas, que deron emprego no ano 2019 a máis de 24.300 persoas, o que representa un crecemento do 4,4% respecto do ano anterior.

Cinco anos de Axenda Dixital 2020

A directora da Amtega destacou as actuacións para mellorar a conectividade do tecido produtivo con actuacións específicas para empresas do rural e os despregamentos para a extensión de redes en núcleos de menos de 300 habitantes, que xa beneficiaron a 53.000 persoas. Desde 2018 puxéronse en marcha as primeiras medidas do Plan Galicia 5G como a posta en marcha do Nodo de Cooperación 5G ou os avances no desenvolvemento de diferentes probas de concepto con esta tecnoloxía, que no 2020 son xa máis de 30.

Entre outros avances no proceso de dixitalización destacou que a tramitación telemática superou á presencial, situándose xa nun 53,2% no 2019. Neste eido, destacou a publicación da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (LEDIXGA) completando o marco normativo galego para consolidar unha administración dixital máis accesible e proactiva e universalizar o uso e acceso da cidadanía aos servizos públicos dixitais. E, ao seu abeiro, deseñáronse as bases do novo marco de competencias dixitais, aliñado coas estratexias europeas na materia.

No ámbito educativo, o ensino integramente dixital en Galicia posibilita que a día de hoxe 34.000 alumnos estuden co libro dixital. Ao mesmo tempo, promovéronse os coñecementos STEM duplicando o número de centros que imparten o STEMBach chegando a 31 centros no curso 2019/20. Así, no 2019 superáronse cun ano de adianto os obxectivos fixados na Estratexia Galega para a Educación Dixital de centros eDixgal e Bacharelato de Excelencia.

Ademais, no marco do Plan de Inclusión Dixital impulsáronse novas iniciativas coa a colaboración de máis de 856 Aliad@s Dixitais, conseguindo achegar a tecnoloxía a máis de 90.900 galegos a través da Rede de Aulas públicas CeMIT con máis de 377.000 horas de formación planificadas.

Con respecto aos sectores estratéxicos da economía galega, potenciáronse os recursos turísticos e patrimoniais galegos a través das tecnoloxías dixitais co desenvolvemento do Plan Smart Turismo e a creación da Memoria dixital de Galicia, avanzando na conformación dun fondo dixitalizado do patrimonio cultural material e inmaterial. E, por outra banda, realizouse unha importante aposta pola transformación dixital do sector primario co Programa Primare; no eido agrario desenvolvéronse proxectos CPTi para a automatización das inspeccións das axudas da PAC e no sector do mar dixitalizáronse 14 lonxas.

En canto ao impulso ao sector TIC no 2019, afondouse no desenvolvemento do plan DICO Mindset para impulsar os contidos dixitais en Galicia, leváronse a cabo iniciativas que permitiron aproveitar as oportunidades que ofrece este sector, destacando o proxecto de innovación tecnolóxica para adaptar as emisións da CRTVG ás novas demandas do mercado. Ademais, cabe destacar tamén o apoio á creación dos primeiros Hubs de Innovación Dixital en Galicia.

O catálogo de actuacións do Plan DigiTalent tiña 37 actuacións dispoñibles a principios do curso 2019/20, en colaboración cos axentes do ecosistema dixital, para promover as vocacións científico-tecnolóxicas entre os máis novos e a adaptación aos novos perfís dixitais.

Elaboración da Estratexia Galicia Dixital 2030

Durante os meses previos á pandemia leváronse a cabo foros, encontros e outros mecanismos de participación con diferentes institucións e entidades públicas e privadas, que contribuíron coas súas achegas a identificar retos e pancas a considerar para conformar a sociedade galega do futuro. E, así mesmo, contouse cun panel de expertos académicos das tres universidades galegas para obter unha mirada aos mundos e tendencias que xorden froito dos cambios económicos, sociais e científico-tecnolóxicos e contribuír a identificar as claves que nos permitan acomodar a acción no ámbito rexional, aproveitando as posibilidades que ofrecen as novas tendencias globais.

Froito deste traballo, actualmente estase a ultimar o proceso de elaboración da Estratexia Galicia Dixital 2030, tomando como base os logros acadados no ámbito dixital na Comunidade nos últimos anos e o novo contexto social, económico e tecnolóxico; coa visión posta en situar a Galicia como unha rexión intelixente de referencia en Europa, onde o uso das tecnoloxías dixitais contribúe a aumentar a calidade de vida e o desenvolvemento sostible nas súas tres vertentes: social, económica e medio ambiental.

Nova liñas de estudo sobre o impacto da COVID19 no sector TIC e as tendencias de mercado no ámbito dixital

No Pleno do Osimga tamén se presentaron as principais novidades do Plan de Traballo do Observatorio como a análise sobre o impacto da COVID19 nas empresas TIC de Galicia.

Ademais, como novidade no ano 2020, ampliarase o catálogo de informes do OSIMGA cun novo estudo aliñado coa nova Estratexia Dixital da Xunta de Galicia 2030. Neste estudo avaliaranse as principais tendencias de mercado no ámbito dixital recollidas na nova Estratexia Dixital da Xunta de Galicia 2030

No próximo ano, o Osimga tamén publicará os resultados obtidos do Estudo de Egresados/as STEM das Universidades Galegas. Tras desenvolver unha metodoloxía específica para este proxecto nos meses anteriores, estase a desenvolver este estudo a través dunha enquisa específica e no ano 2021 daranse a coñecer os principais resultados e conclusións.

27/11/202008:20
Persoa con discapacidade acompañada doutras dúas, facendo o camiño de Santiago.
Santiago de Compostela

Turismo colabora coa Fundación ONCE na creación dunha App accesible do Camiño de Santiago

  • A ministra Reyes Maroto destaca que é un exemplo de como a tecnoloxía pode mellorar a experiencia turística de persoas con discapacidade

A Secretaría de Estado de Turismo e a Fundación ONCE subscribiron un convenio de colaboración para desenvolver unha aplicación móbil que guíe aos peregrinos con discapacidade visual no Camiño de Santiago Francés, e que poderá ser de utilidade tamén para persoas con mobilidade reducida ou de idade avanzada.  

'É un exemplo da aplicación da tecnoloxía dos destinos e unha excelente noticia que permite mellorar a experiencia turística das persoas con discapacidade grazas á tecnoloxía', subliñou a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, desde a Tourism Innovation Summit de Sevilla.

Pola súa banda, o director xeral da Fundación ONCE, José Luis Martínez Donoso, asegurou que, 'nun momento tan importante como o actual, eventos como a celebración do ano Xacobeo supoñerán un empuxe para a recuperación económica do país. Facilitar a accesibilidade do Camiño de Santiago Francés será un atractivo máis para que un maior número de persoas teñan a experiencia de coñecer este Patrimonio da Humanidade. Ademais, garantimos o acceso das persoas con discapacidade á cultura, tal e como se recolle na Convención de Nacións Unidas'.

Ás portas do Xacobeo 2021, esta colaboración entre a Secretaría de Estado de Turismo e a Fundación ONCE, que publica este xoves o Boletín Oficial do Estado (BOE), permitirá seguir levantando barreiras e facilitar que todo o mundo poida gozar dunha experiencia tan única como a que ofrece o Camiño de Santiago.

Avisos, puntos de información e de interese

O desenvolvemento desta App é parte do proxecto 'Camiño de Santiago: O teu compañeiro do Camiño', que ten por obxectivo proporcionar información turística dun modo accesible para todos os peregrinos ao longo de toda a ruta.

A aplicación guiará ao usuario no seu percorrido, anticipándolle as características do terreo en cada etapa e a posible presenza de perigos obxectivos ou obstáculos, tales como cruces con estradas, desniveis ou fenómenos meteorolóxicos adversos.

Orientarao tamén con respecto á dirección e sentido da marcha e informarao acerca dos puntos de interese que atopará no Camiño, desde fontes, paradas de transporte público e áreas de descanso, ata aloxamentos, comercios e establecementos de restauración, pasando por monumentos, oficinas de turismo, farmacias e centros de socorro ou sanitarios, por citar algúns exemplos.

26/11/202012:00
Rocío Martínez Núñez.
Santiago de Compostela

O programa Girl STEM entrevista a Rocío Martínez Núñez, unha das investigadoras do King´s College que impulsou traer a España os superrobots que fan test masivos para a COVID-19

  • A cuarta conversa desta edición xira arredor das claves que se manexan no campo da biomedicina, nun momento no que o traballo dos laboratorios resulta crucial na investigación sobre a COVID-19
  • A iniciativa está enmarcada no Plan de Talento Dixital da Xunta, para incentivar a vocación das rapazas en estudos STEM

Esta semana GIRL STEM conversa con Rocío Martínez Núñez, investigadora no King´s College de Londres, desde onde conseguiu impulsar xunto a outros catro compañeiros/as unha operación público-privada que trouxo a España a pasada primavera máquinas capaces de analizar 2.400 test de PCR ao día.

Esta entrevista, realizada por Noa Orizales, directora da empresa galega Contidos Dixitais, salienta a forte vinculación de todos os campos da investigación co big data e as claves que se manexan no campo da biomedicina, nun momento crucial na investigación sobre a COVID-19.

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), continúan así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).

Nesta edición, o programa GIRL STEM transfórmase nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola COVID-19 e para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia.

Así, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos a conversa con Rocío Martínez Núñez en formato de pílula audiovisual, acompañada dunha unidade didáctica, coas súas biografías, a explicación dos seus traballos e os proxectos que están a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da Amtega.

Rocío Martínez Núñez

Rocío Martínez Núñez estudou Bioloxía na Universidade Complutense de Madrid, seguida dun doutoramento en Bioloxía Molecular e Inmunoloxía na Universidade de Southampton. Actualmente é profesora e investigadora no King’s College London na especialidade de regulación do ácido ribonucleico (ARN) en inflamación, enfermidades inflamatorias e, en especial, asma e infeccións respiratorias. Na crise do COVID-19 conseguiu traer a España uns superrobots capaces de facer test PCR masivos. Tamén ten interese na área do big data.

O próximo xoves 3 de decembro, o programa GIRL STEM publicará a conversa coa referente Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación e experta en intelixencia artificial, que será entrevistada por Luz Castro.

Entrevista a Rocío Martínez Núñez

24/11/202012:43
Galiciencia.
Ourense

Galiciencia abre a súa edición online o 9 de decembro con obradoiros de cociña molecular e electricidade

O Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, vén de achegar importantes novidades sobre a nova edición da feira Galiciencia, o gran evento da mocidade investigadora galega (e doutros recantos do ámbito estatal) que se celebra dende 2006, co apoio da Consellería de Economía a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN). A edición número 15 da feira científico-tecnolóxica será os días 9, 10 e 11 de decembro, celebrándose baixo o lema que non deixa dúbidas sobre a importancia do coñecemento avanzado e investigador para resolver, con vistas ao día de mañá, os grandes retos de hoxe: A innovación do futuro.

Por certo que Galiciencia 2020 terá formato online debido ás restricións provocadas pola actual situación sanitaria. Abrirase o 9 cun espectáculo de ciencia e os días 10 e 11 celebraranse varios obradoiros para alumnado de Primaria e Secundaria.
Ademais da participación na Galiciencia mediante o envío de proxectos, que competirán polo premio final do certame, os rapaces poderán implicarse a través dunha serie de actividades. Os días 10 e 11, de 10.00 a 11.00 horas, será a quenda do alumnado de Primaria. Baixo o título Iluminando o mundo, as mozas e mozos terán a oportunidade de introducirse no eido da electricidade para descubrir as propiedades dos materiais condutores, e mesmo realizarán os seus primeiros circuítos eléctricos, empregando materiais tan sinxelos como plastilina condutiva, pilas e LED. Para iso, os grupos recibirán no seu centro educativo, de xeito gratuíto, un kit para poder realizar a actividade.

Obradoiros para alumnado de Secundaria

Pola súa parte, o alumnado de Secundaria poderá participar no taller Cociñando o futuro o 10 e o 11 de decembro de 11.30 a 12,30 horas. A idea é que a través da innovación culinaria os rapaces sexan quen de descubrir a relación entre a química e o traballo de laboratorio mentres crean as súas propias receitas do que hoxe se coñece como “cociña molecular”. Así, prepararán esferificacións directas e inversas e raviolis que terán como elemento principal agar-agar (un extracto de algas con capacidade xelificante).
Malia realizarse por Internet, a Tecnópole lembra que será unha actividade totalmente práctica. Os centros inscritos recibirán, tamén de balde, os materiais necesarios para poder desenvolver este taller. Cada kit inclúe reactivos para cociña molecular, agar-agar, recipientes e micropipetas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS