main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

09/12/202008:00
Neno montando un robot.
Santiago de Compostela

A Xunta incorpora 19 novos centros ao programa de innovación educativa 'Introdución á robótica educativa en primaria'

  • En total participarán este curso 188 centros de toda Galicia
  • Esta iniciativa enmárcase na Estratexia galega para a Educación Dixital, Edudixital 2020

A Xunta de Galicia vén de incorporar 19 novos centros ao programa de innovación educativa Introdución á robótica educativa en primaria, cuxo obxectivo é que o alumnado de 4º, 5º e 6º de educación primaria poida iniciarse na experiencia de programación básica, robótica e construción. En total participarán nesta iniciativa este curso 188 centros de toda Galicia, 67 deles da provincia da Coruña, 17 da de Lugo, 19 da de Ourense e 85 da de Pontevedra.

Os centros de nova incorporación este curso son os que se relacionan na seguinte táboa:

Provincia

Concello

Nome do centro

A Coruña

Narón

CEIP Plurilingüe Ponte de Xubia

A Coruña

Negreira

CEIP O Coto

A Coruña

Pontedeume

CEIP Couceiro Freijomil

A Coruña

Rois

CPI Plurilingüe dos Dices

A Coruña

Santa Comba

CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza

A Coruña

Santiso

CEIP de Arcediago

A Coruña

A Coruña

CEIP Alborada

A Coruña

A Capela

CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro

A Coruña

A Coruña

CEIP Salgado Torres

A Coruña

Ferrol

CEIP de Ponzos

Lugo

A Fonsagrada

CEIP Plurilingüe Santa María

Lugo

Palas de Rei

CEIP de Palas de Rei

Ourense

Ourense

CEIP Curros Enríquez

Pontevedra

Bueu

CEIP Plurilingüe da Torre-Cela

Pontevedra

Marín

CEIP da Laxe

Pontevedra

Ponteareas

CEIP Feliciano Barrera

Pontevedra

A Illa de Arousa

CEIP da Torre-Illa

Pontevedra

O Rosal

CPI Manuel Suárez Marquier

Pontevedra

O Porriño

CEIP Plurilingüe da Ribeira

Como novidade este ano, cada centro docente seleccionado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade nesta convocatoria (tanto de continuidade de cursos anteriores, os de ampliación e os de nova incorporación) recibirá unha achega económica, a determinar en función do número de centros que participen finalmente no programa no curso 2020/2021. O importe concedido a cada centro deberase destinar a sufragar gastos que estean debidamente xustificados e imputables á participación nesta convocatoria e en ningún caso se utilizarán para adquisición de materiais inventariables.

Ademais, como é habitual, cada centro docente de nova incorporación seleccionado para desenvolver o programa recibirá unha dotación de material relacionada coa robótica educativa para poder levar a cabo o proxecto, que estará formada por 6 robots de uso educativo, adecuados ás idades do alumnado, seis kits de construción que permitan a realización dun mínimo de cinco proxectos diferentes, un manual de uso e unha guía didáctica.

Os centros aos que vai destinado esta convocatoria, dentro da súa autonomía, pode integrar a robótica de diversas maneiras: mediante unha materia de libre configuración de centro no marco da normativa vixente, dentro das materias de forma transversal, a través de programas de innovación educativa da Consellería ou obradoiros que se desenvolvan fóra do horario lectivo.

Introdución á Robótica en Primaria é unha iniciativa enmarcada dentro da Estratexia galega para a Educación Dixital, Edudixital 2020, co obxectivo de familiarizar os alumnos coas tecnoloxías, a robótica e a programación ao tempo que estimular o seu espírito científico e impulsar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cara a estudos posteriores nos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico.

07/12/202008:24
Modelo en 3D elaborado no marco do D3Mobile 2020.
Lugo

A D3Mobile 2020 recoñece a creatividade tecnolóxica dos escolares lugueses

Este xoves 3 de decembro celebrouse a cerimonia de clausura e entrega de premios da oitava edición da competición tecnolóxica D3Mobile Metrology World League, un acto no que se puxo en valor o talento e a creatividade dos estudantes dos IES Xograr Afonso Gómez, de Sarria, e do IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz, que se proclamaron campións e subcampións mundiais, respectivamente. O certame, de carácter internacional, dirixiuse unha vez máis a recoñecer as mellores contribucións á metroloxía de precisión con móbil ou tableta. Amais dos ditos estudantes, un equipo do IES Muralla de Lugo tamén acadou a vitoria na modalidade de Artistas 3D.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, presidiu a gala final da VIII D3Mobile, no marco dunha sesión telemática na que tamén participaron o director do Servicio Rexional do Instituto Xeográfico Nacional, Pablo Carballo, a asesora STEM da Xunta de Galicia Julia Taboada, o deputado provincial de Lugo José Luis Raposo, e a concelleira do Concello de Lugo Ana González Abelleira. O director do proxecto D3Mobile, Juan Ortiz; a coordinada do grupo Cigeo da USC, Mariluz Gil Docampo, foron os responsables de conducir un evento virtual ao que tamén se conectaron integrantres das distintas entidades e empresas colaboradoras, tales como Grazia Tucci, da Universidade de Florencia; María Hervada, da Fundación Mujeres; María Portela, en representación de Pemade; Paulino Martínez, como coordinador de BioReDes, e José María García Malmierca, en representación do Instituto Geográfico Nacional. A gala de entrega de premios da VIII D3Mobile serviu asemade para salientar a calidade dos 29 modelos en 3D clasificados para a fase final desta experiencia educativa dirixida ás futuras promesas STEM e a través da que se busca capacitar á mocidade na adquisición de habilidades tecnolóxicas do século XXI. A sesión, na que tamén foron partícipes os estudantes e responsables académicos de todos os equipos premiados, coincidiu co arrinque da edición D3Mobile 2021.

Os equipos premiados, un por un

O equipo do IES Afonso Gómez de Sarria integrado por Pablo López Capón e José Manuel López Novo e coordinado por Ana Belén Lamas, recibiu o premio de campión mundial por, entre outros méritos, “elaborar un modelo 3D dunha figura de cerámica”. Os guitiricenses Juan López Fernández, David Sanmiguel Vázquez e Cristina Calvo Roca, coordinados polo profesor Miguel Anxo Barreiro Díaz, proclamáronse subcampións por un preciso modelo anatómico dun cranio humano. Na categoría Artistas 3D resultou gañador o modelo dunha figura da Muralla de Lugo escaneado en 3D, cuxa autoría corresponde ao equipo do IES Muralla Romana de Lugo formado polos alumnos Adrián Rego López e Alejandro Muñoz, coordinados pola profesora Marta Goy López. O equipo da categoría de metrólogos máis votado polo público de todo o mundo foi o do IES Montes das Moas da Coruña formado polos alumnos Jorge Rifón Branco e Iago Mosquera Villegas, coordinados pola profesora Conchi Fernández Munín. Este equipo logrou dar a coñecer o seu modelo 3D dunha cunca de iogur para que obtivese gran cantidade de votos. O premio á difusión do labor da Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC BioReDes recaeu no equipo Tiquiticenses, do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz. Juan Buján Aparici e Iria Rodríguez Carreira, coordinados polo profesor Miguel Anxo Barreiro Díaz, acadaron este galardón por un modelo 3D dun sombreiro de palla, relacionado co Grupo Agronomía e Ciencia Animal da USC. Os alumnos IES Monte das Moas Álex Huerga Candeas, Adrián Janeiro Conde e Xurxo García Lamela, coa titoría de Conchi Fernández Munín, acadaron o premio á difusión do I+D da USC cun modelo 3D dunha árbore feita con varias pezas unidas de madeira contrachapada cortadas cun CNC láser, unha peza relacionada coa investigadora María Portela Barral, da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC (Pemade).

07/12/202008:19
Entrega de diplomas do Programa Muller TIC.
A Pobra do Caramiñal

O Concello da Pobra do Caramiñal entrega os diplomas do Programa Muller TIC

A Casa da Mocidade da Pobra do Caramiñal acolleu dende o 30 de novembro até este venres 4 de decembro as actividades formativas e divulgativas do Programa Muller TIC, unhas xornadas organizadas polo Concello e destinadas a optimizar a empregabilidade das mulleres mediante o dominio das novas tecnoloxías da información e das súas moitas posibilidades en materia de xestión, información, comunicación e, tamén, busca de traballo. As nove participantes recibiron este venres os diplomas acreditativos.

Esta acción formativa desenvolveuse seguindo a modalidade presencial, cun total de 20 horas. A docente Paula Barreiro foi a encargada de impartir as clases conformadas polos seguintes módulos: Emprego Galicia (Emprego Galicia -Emprego Xunta, Oficina Virtual, MOBEM, certificados de profesionalidade, PIE, obradoiros duais-, SEPE e Emprego de Empresa Ordinaria/Emprego Protexido -EIL, CEE-); Competencias dixitais básicas orientadas á mellora da empregabilidade (crear cartafoles, gardar ficheiros, achegar ficheiros por correo electrónico e funcións básicas do procesador de textos); e Ferramentas de busca de emprego (autocoñecemento e competencias profesionais-, perfil profesional e obxectivo profesional-análise DAFO, test para definir o obxectivo profesional, currículo-2.0 e carta de presentación- e emprego 2.0-portais de emprego, ETT, autocandidaturas, rede de contactos, redes sociais e emprego público-).

Ademais, nos próximos meses as participantes farán un itinerario personalizado de inserción laboral (IPI). Organizado pola Concellaría dos Servizos Sociais, da cal é titular a edil Amparo Cerecedo (BNG), este proxecto enmárcase na Red Araña e está co-financiado pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta.

04/12/202015:48
Mar Pereira durante a súa comparecencia na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia.
Santiago de Compostela

A Amtega incrementa o seu orzamento no 2021 en máis dun 48% para avanzar na transición dixital de Galicia

  • O investimento crece un 75% respecto a 2020 para favorecer a vida no rural, contribuír a impulsar o emprego e a atraer talento dixital na Comunidade
  • Finalizarase a extensión de redes de 100Mbps en máis de 600 núcleos do rural, iniciarase a execución do Plan para a mellora de cobertura móbil e lanzarase unha nova convocatoria para facilitar o acceso a fibra de empresas
  • Estenderase a educación integramente dixital a 3º e 4º da ESO e reforzaranse as infraestruturas e os servizos dixitais que se prestan a todos os centros educativos e familias
  • Avanzarase na consolidación do expediente xudicial electrónico cun 80% de vistas dixitais e o 100% con videoconferencia
  • Ampliaranse as medidas para acadar unha administración completamente dixital e automatizada, configurando unha Xunta no móbil

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) incrementa en máis dun 48% o seu orzamento para o 2021, que ascende 194.072.386 euros, 63 millóns de euros máis que no exercicio anterior. Un orzamento para avanzar na transición dixital que marca Europa, consolidar uns servizos públicos do século XXI, favorecer a vida no rural e contribuír a impulsar o emprego e a atracción de talento dixital na Comunidade. Un orzamento para avanzar nos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030, aprobada onte no Consello do Goberno galego.

Así o explicou a directora da Amtega, Mar Pereira, durante a súa comparecencia na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para detallar as contas do seu departamento para o vindeiro ano, no que se destinarán máis de 152 millóns de euros, case un 75% máis que en 2020, a investimentos que impactan en cinco áreas: a dixitalización do sector público; o impulso á dixitalización dos sectores económicos; a conformación dun territorio intelixente e conectado; á inclusión e a capacitación dixital da sociedade e ao reforzar o ecosistema dixital.

Por outra banda, son os primeiros orzamentos da Axencia pública que integran as partidas orzamentarias do Cixtec co que, segundo sinalou a directora, “avanzamos na consolidación das capacidades dixitais da administración autonómica nun momento de importantes proxectos de transformación dixital na Comunidade”.

Dixitalización do sector público

Os orzamentos da Amtega contemplan preto de 100 millóns de euros para os plans de dixitalización do sector público, tanto da administración xeral, como da xustiza, a educación, as políticas sociais, o emprego e as infraestruturas dixitais corporativas.

No ano 21 duplícase o investimento para avanzar cara a unha administración dixital e automatizada, incrementando os servizos online baixo o proxecto a “Xunta no móbil”, acompañando a nova regulación do teletraballo cun Plan de dotación do posto dixital avanzado do empregado público. No eido da facenda pública avanzarase cara un modelo integral de atención ao contribuínte e aplicaranse tecnoloxías avanzadas nos procesos de loita contra a fraude.

No ámbito xudicial o obxectivo é estender o expediente xudicial electrónico, levando o modelo de salas de vistas dixitais ao 80% das salas e acadar o 100% con sistema de videoconferencia, ademais de impulsar o teletraballo dos profesionais da xustiza.

No que respecta a educación dixital ampliarase a iniciativa E-Dixgal a 3º e 4º da ESO, con novos contidos curriculares e reforzaranse as infraestruturas e os servizos dixitais que se prestan a todos os centros educativos e familias.

En canto á dixitalización dos servizos sociais lanzarase o Portal eSocial, a plataforma Asiste, para facilitar de xeito gratuíto aos maiores un “asistente social no móbil” ; e ao lanzamento do Plan de impulso ao modelo Dixital Sociosanitario no ámbito residencial da man da Consellería de Política Social e Sanidade.

Na área de emprego, con 2,9 millóns de euros abordarase a posta marcha dun plan de dixitalización do sistema público de emprego.

Para fornecer as infraestruturas dixitais e garantir a seguridade adaptarase a rede corporativa ás esixencias dunha administración integramente dixital e ampliarase o CPD integral da Xunta de Galicia así como no reforzo da ciberseguridade.

Impulso a dixitalización de sectores económicos

En 2021 investiranse máis de 20 millóns de euros na dixitalización dos sectores primarios, cultural, turístico e en facilitar a transformación dixital do tecido empresarial. A xestión avanzada das explotacións agrarias, a través da plataforma Agro 4.0, a potenciación do sistema de vixilancia de incendios ou a extensión da iniciativa de dixitalización lonxas 4.0 a 35 rulas son algunhas das medidas para os sectores primarios

Continuarase avanzando na transformación dixital dos sectores turístico e cultural incrementando os medios tecnolóxicos nas oficinas de turismo; provendo de cobertura Wifi aos albergues públicos do Camiño; ampliando a Rede Dixital de Bibliotecas de Galicia coa integración de 450 novas bibliotecas, e coa posta en marcha do proxecto Galiciana Semántica, baseado nun modelo de xeración e grafos de coñecemento.

Impulsarase a transición dixital a máis de 200 pemes e autónomos, a través do programa Reacciona, no que colabora a Amtega, e impulsarase o sector dos contidos dixitais cunha nova plataforma de contido dixitais interactivos para nenos en idade escolar, en colaboración coa TVG.

Territorio intelixente e conectado

De xeito complementario ao Estado seguirase mellorando a conectividade co remate da extensión de fibra óptica en 614 núcleos do rural; co inicio do Plan de mellora de cobertura móbil en zonas illadas e cunha nova convocatoria para achegar as redes ultrarrápidas ás empresas que se atopan en zonas de conectividade limitada.

Ademais abordarase o desenvolvemento da Plataforma Territorio intelixente, que sobre unha base cartográfica e a través de tecnoloxías avanzadas, permitirá mellorar a toma de decisións para o desenvolvemento rexional e das estratexias de sostibilidade ambiental.

Inclusión e capacitación dixital

No 2021 con máis de 10 millóns de euros o abordarase a reconfiguración das aulas CeMIT adaptándoas as novas demandas de capacitación dixital, desenvolveranse preto de 40 actuacións do Plan Talento Dixital parar reducir a fenda crecente entre a demanda e a dispoñibilidade de talento dixital e porase en marcha o Marco Galego de Competencias Dixitais para que cidadáns e empregados públicos poidan acreditar os coñecementos e habilidades que require o actual contexto dixital.

Impulso ao ecosistema dixital

O impulso ao ecosistema dixital contará con 11 millóns de euros que permitirán, entre outras medidas, a apertura a principios de ano do Centro Gaiastech, un espazo de demostración e experimentación tecnolóxica, a posta en marcha o Programa Gobtech para impulsar uso de tecnoloxías avanzadas por parte do sector publico en colaboración coas pemes e start-ups galegas e facilitar un catálogo de servizos a través do Nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal, para fortalecer as capacidades en ciberseguridade da sociedade e a economía galega.

04/12/202008:44
Unha persoa captura o código de barras dun medicamento co seu teléfono móbil.
Santiago de Compostela

Avanza a nova versión de Medicamento Accesible Plus

A nova versión da app Medicamento Accesible Plus está xa avanzando e espérase que vexa a luz durante o primeiro trimestre do próximo ano incorporando nova tecnoloxía para facilitar e mellorar a seguridade no uso dos medicamentos por parte das persoas con discapacidade visual.

Esta aplicación, desenvolvida polo Consello Xeral de Farmacéuticos, a Fundación ONCE e a Fundación Vodafone España, permite aos usuarios acceder á información do medicamento dunha forma accesible mediante a lectura do código de barras coa cámara do móbil.

A continuación, os pacientes poden acceder a toda a información do medicamento a través do seu smartphone, ademais de buscar as farmacias máis próximas e almacenar a información dos medicamentos de uso frecuente.

Na súa segunda versión, que se lanzou en 2019, o sistema incorporou un sistema de alertas para advertir ao usuario sobre posibles contraindicacións no uso de medicamentos en relación co seu estado de saúde.

A terceira versión, que é a que estará dispoñible a principios do próximo ano, incorpora nova tecnoloxía que permitirá aos usuarios acceder á data de caducidade de forma accesible, algo fundamental para os usuarios con discapacidade visual.

Para poder acceder á información de caducidade do medicamento, a nova versión da aplicación será capaz de ler os códigos 'datamatrix' nos envases.

A nova versión de Medicamento Accesible Plus mellora tamén a interacción do paciente coa aplicación e a súa accesibilidade.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS