main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

14/12/202008:03
Pantallazo da web da iniciativa.
Ourense

Galiciencia achegou innovadoras propostas tecnolóxicas anti-COVID

Este venres chegou á súa xornada final a 15 edición de Galiciencia, unha convocatoria virtual do que é, con moita probabilidade, o acontecemento científico e investigador para as e os escolares máis importante da nosa terra. Ao longo destes tres días o certame logrou reunir a máis de 4.000 alumnas e alumnos non só de Galicia, senón tamén do resto de España. Da man da Tecnópole e a axencia GAIN, foi un fervedoiro de proxectos e ideas para mellorar a nosa calidade de vida e o medio ambiente e mesmo para plantar cara á COVID-19 e as súas consecuencias. Na feira mostrouse, entre outras cousas, unha aplicación web para axilizar o rastrexo de casos positivos nas aulas ou un hixienizador de pantallas táctiles.

O director xerente de Tecnópole, Ricardo Capilla, indica que a finalidade de Galiciencia é “fomentar vocacións científicas e tecnolóxicas entre os máis novos. Os rapaces teñen a oportunidade de levar a cabo as súas propias investigacións, o que lles axuda a consolidar os coñecementos que teñen e, ademais, descubrir a importancia da ciencia e a tecnoloxía no seu día a día”. Nos vindeiros días daranse a coñecer os alumnos gañadores do concurso de proxectos, que no último mes foron chegando á organización de Galiciencia e están expostos na web da feira, onde o público pode interactuar e dar a súa propia valoración. Seleccionáronse un total de 60 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP, que competirán polo premio final do certame con propostas innovadoras en ámbitos tan diversos como as novas tecnoloxías, agricultura, medio ambiente, comunicación, música, bioloxía, física ou robótica, entre outros. Fóra de competición tamén poden participar estudantes de Primaria e Educación Especial, dos que se seleccionaron 28 proxectos.

Varios dos equipos participantes no concurso presentan diferentes solucións vencelladas á COVID-19, como un hixienizador de pantallas táctiles que permita evitar a transferencia de virus, bacterias e outros patóxenos; ou unha aplicación web para axilizar o rastrexo de casos positivos nas aulas, do alumnado que estivo ao redor e dos que teñen síntomas e están á espera dos resultados de probas.

No eido ambiental, hai propostas como o emprego de musgo como indicativo de contaminación e medio de absorción do dióxido de carbono para limpar e refrescar o aire. Tamén se propón unha papeleira mariña, un mecanismo que permite retirar pequenos residuos plásticos que chegaron ao mar nos contornos das praias, co fin de reducir así a contaminación que causan. Co propósito de axudar a persoas con certas discapacidades, un equipo pensou na creación dunhas pezas co abecedario en braille feito en máquinas 3D para formar palabras e aprender linguaxes. Outro afondou no desenvolvemento de planos táctiles para facilitar a persoas con discapacidade visual o seu día a día, tamén coa axuda do deseño e a impresión 3D. No eido social, proponse así mesmo a creación dunha ferramenta mediante programación HTML para conectar a voluntarios e asociacións benéficas e que poidan colaborar entre eles. Hai proxectos tamén rechamantes como unha hamaca capaz de converterse en bolsa na que se pode levar todo o necesario para ir á praia, cargando así con menos obxectos; ou unha incubadora automática para observación mediante vídeo streaming do desenvolvemento das aves que se críen nela, feita con materiais recuperados de pezas de ordenadores vellos. E ata un vídeoxogo inspirado en Star Wars.

10/12/202014:11
Susana Martínez.
Santiago de Compostela

Girl STEM remata a súa terceira edición entrevistando a Susana Martínez Conde, unha científica galega que traballa na Universidade de Nova York

  • A sexta e última conversa desta edición céntrase na importancia da investigación neuronal para axudar a previr e curar enfermidades e tamén para continuar avanzando nas posibilidades da intelixencia artificial
  • Os contidos desta edición foron distribuídos a 327 centros de ensino dentro do Plan de Talento Dixital da Xunta, co obxectivo de incentivar ás mozas a cursar estudos STEM

Na última entrega desta tempada GIRL STEM conversa con Susana Martínez Conde, unha científica galega que imparte aulas na Universidade de Nova York, desde onde desenvolve tamén estudios de máxima relevancia para o coñecemento das conexións neuronais que se producen no noso cerebro ás que de momento non temos acceso e que serán un paso fundamental para avanzar nas aplicacións da intelixencia artificial.
 
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), rematan así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
 
Con esta sexta conversa finaliza a terceira edición do programa, que se difundiu en formato totalmente dixital e que AGASOL fixo chegar a 327 centros de ensino galegos en formato de pílulas audiovisuais, acompañadas de unidades didácticas, coas súas biografías, a explicación dos seus traballos e os proxectos que están a desenvolver. Deste xeito, foi posible non só adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19, senón tamén achegar recursos que permitirán traballar de forma transversal nas aulas dos centros de ensino de Galicia durante todo o curso. As conversas publicáronse tamén nas canles da Amtega.

Susana Martínez Conde

Susana Martínez Conde, nada na Coruña, é unha científica neuronal galega. É Catedrática de Oftalmoloxía, Neuroloxía, Fisioloxía e Farmacoloxía; e Directora do Laboratorio de Neurociencia Integrada, na Universidade do Estado de Nova York (SUNY). Realizou os seus estudos de doutoramento en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, para a continuación trasladarse aos EEUU a traballar xunto ao Premio Nobel David Hubel, na Universidade de Harvard.
 
Actualmente é profesora de Oftalmoloxía, Neuroloxía, Fisioloxía e Farmacoloxía na Universidade Estatal de Nova York, no Centro Médico SUNY Downstate, onde dirixe o Laboratorio de Neurociencia Integrativa. Anteriormente foi instrutora de Neurobioloxía en Harvard, e despois dirixiu laboratorios no University College London, no Reino Unido; e no Instituto Neurolóxico Barrow, en Arizona. O seu programa de investigación actual céntrase na neurociencia cognitiva, perceptual e oculomotora.
 
Entre as distincións recibidas pola Dra. Martínez-Conde atópase o premio internacional EyeTrack Award, polos seus estudos con pacientes de Parkinson, o Empire Innovator Award outorgado polo Estado de Nova York, e o Premio 100 Españois.

Entrevista a Susana Martínez Conde

10/12/202008:13
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Os Premios Youtubeir@s entregan os galardóns da edición máis online e máis concorrida do certame

Os cuartos Premios Youtubeir@s xa teñen gañadoras e gañadores. Neste 2020, no que se rexistrou a máxima participación ao pasar de 240 vídeos inscritos en 2019 a un total de 536, a gala de entrega está a ser substituída (por mor da situación sanitaria) pola emisión dunha serie de entrevistas con finalistas e gañadoras conducidas polas poetas galegas Lucía Aldao e María Lado a través do sitio de Youtubeiras no Youtube. Este ano houbo un total de doce galardóns.

O xurado estivo constituído por Matías Tarrío, Mabel Montes, Rosa Moreiras, Xoana e Brais Romero. Unha vez máis, o certame veu da man dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña. A continuación damos conta das propostas finalmente galardoadas: 

  1. O Premio á Mellor Canle é para a canle Pradorua. O xurado decidiuno así pola súa oferta de “contidos variados, orixinais e de calidade” que proporciona “a ollada dunha muller nova cun enfoque moi actual”.
  2. O Premio Youtubeir@ é para Olaxonmario, de quen o xurado destaca o labor que desenvolve en galego no Youtube, sendo de “grande impacto” ao “non pasar desapercibido en canto a novidoso e orixinal”.
  3. O Premio ao Mellor Vídeo é para O cabalo de Alberte Merlo, que para o xurado significa unha “mestura da historia da literatura galega e os conflitos lingüísticos de Galicia” chea de “enxeño e retranca”.
  4. O Premio á Calidade Lingüística recoñece o vídeo As patacas do Paraíso, de Cativos na Cociña. O xurado ve nesta proposta “un uso coidado da lingua” e “unha riqueza lingüística que reflicte, especialmente no ámbito fonético e lexical, un rexistro coloquial dentro dunha variante dialectal”, o cal lle dá un “plus de calidade, de frescura e de proximidade” á produción.
  5. O Premio Impacto é para o vídeo Xogando con Ana Pontón aos Sims, do youtubeiro Aquel-e en colaboración con Olaxonmario, no cal entrevistan a candidada do BNG á presidencia da Xunta nas últimas eleccións xerais. Para o xurado, o vídeo representa “unha maneira orixinal e eficaz de achegar a política aos máis novos usando outro tipo de canles e linguaxes diferentes ás tradicionais”.
  6. O Premio á Calidade Técnica é para Os vinte de XX. Capítulo II. As Irmandades da Fala, vídeo de Antón Varela. O xurado destacou desta proposta que se trata “dunha mostra representativa da serie Os vinte dos XX, que ofrece unha panorámica galega polos anos vinte do século XX cunha excelente calidade técnica, sobre todo no referido á edición e ao traballo gráfico”.
  7. O Premio Comunicación recaeu en Un rapá transquilo, canle de Éric Dopazo. O xurado destaca a “absoluta solvencia, naturalidade, desdramatización e mesmo tirando do humor” ao relatar en primeira persoa unha realidade tan complexa como é o proceso de tránsito de xénero.
  8. O Premio Creatividade pon en valor a canle O Son das Ideas, de Darío Lago. O xurado subliña a capacidade de trasladar a explicación de complexas leis físicas ao ámbito do cotián e aplaude “o emprego de recursos tecnolóxicos de xeito divertido e ameno”. Ademais, por se quedasen prexuízos, esta canle “promove o galego como lingua perfectamente válida para a divulgación científica”.
  9. O Premio ao mellor vídeo musical é para Lume, de FØ Records, unha produción moderna cun tema propio que, a ollos do xurado, “actualiza a música galega a ritmo de trap”.
  10. O Premio Didáctico recoñece o traballo de Naturiza, canle de Diego Ferraz que, para o xurado, “achega dun xeito ameno, claro e entretido contido científico relacionado co medio natural”.
  11. O Premio Pioneiro recoñece a canle Cousas rarismASMR, de Helena Antía López. Para o xurado, a canle leva “o noso idioma e, con el, a comunidade Youtube en galego, a terreos moi pouco explorados, pero facéndoo con gran calidade e xeito”.
  12. Por último, o Premio do Público, votado virtualmente polo público de Youtube, recaeu en Apps para docentes, de Titoriais para profesorado de Galicia, de Pablo Rodríguez Vila.

Os tres primeiros premios (Canle, Youtubeir@s e Vídeo) contan cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os demais galardóns ascenden a 500 euros. En total, os IV Premios Youtubeir@s repartiron 7.500 euros. 

Os datos dos IV Premios Youtubeir@s

Segundo informaron as entidades organizadoras, neste 2020 os Premios Youtubei@s experimentaron un importante medre no número de inscricións: un total de 536 vídeos fronte aos 240 vídeos que se rexistraran na edición de 2019. Estes vídeos son obra de 113 creadores/as, dos cales o 45% son persoas nadas na década de 1990, mentres que un 18% corresponden xa aos nacidos entre o ano 2000 e 2006 (a idade de participación mínima era de 14 anos). En canto á orixe dos/as participantes, a organización salienta que a maioría proceden de núcleos de menos de 10.000 habitantes, seguidos por concellos de entre 10.000 e 50.000 habitantes. Dende a organización dos Premios Youtubeir@s a súa coordinadora Mónica Fernández Valencia destaca “o gran incremento de participantes rexistrado neste anómalo 2020”, no que tamén aumentou “a variedade temática de contidos” e acabou por se notar “tamén un refinamento na calidade técnica xeral”. Fernández Valencia subliña que “nestes anos os Premios Youtubeir@s serviron como punto de encontro e de estruturación para a incipiente comunidade creadora na nosa lingua en Youtube, que cada vez está máis diversificada e con maior conexión con outras plataformas creativas e dixitais”. E engadiu: “Os obxectivos que nos marcamos con lemas como crear comunidade ou expandir a Rede estanse a conseguir grazas ao labor e á evolución dos/as creadores/as que, ano tras ano, participan neste certame”.

10/12/202008:07
Inauguración da 15ª edición de Galiciencia.
Ourense

Arrinca en formato online a 15ª edición de Galiciencia

Este 9 de decembro abriu as súas portas a 15ª edición de Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa terra e que busca achegar a ciencia á sociedade, en particular a estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. A feira, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, veu co lema A innovación do futuro e cun formato online, podéndose seguir en directo a través do Youtube de Tecnópole e da web www.galiciencia.online. Conta co apoio da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN). O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deu a benvida telemática aos máis de 3.000 rapaces de toda España participantes nesta edición.

“Este ano Galiciencia 2020 é diferente porque nada é igual desde que comezou a pandemia. Toca adaptarse a esta realidade e por iso a maior feira científica de Galicia reinventa o seu formato e presenta a súa primeira edición cen por cen en liña, todo un reto para Tecnópole, que ao longo destes meses realizou un gran traballo para trasladar esta feira ao mundo dixital e abrilo a moitos máis participantes tamén fóra de Galicia”, salientou o presidente, dirixíndose ás e aos participantes para lembrarlles que “hoxe os protagonistas sodes vós, rapaces e rapazas dos centros de ensino de Galicia e do resto de España, que aproveitades a oportunidade que Galiciencia vos ofrece para achegarvos á ciencia dunha maneira diferente á que se fai nas aulas, xogando e competindo con seguridade para ver cales son os mellores proxectos”. Segundo engadiu, “o éxito desta convocatoria está asegurado porque a resposta da comunidade non puido ser mellor, con máis de 3.000 estudantes inscritos”.

A feira comezou cun grande espectáculo de ciencia no que os participantes tiveron a oportunidade de coñecer cales serán as tecnoloxías máis innovadoras no futuro. Achegáronse á Intelixencia Artificial, á Realidade Aumentada e Realidade Virtual, á neurociencia e mesmo á ciberseguridade e ao mundo hacking ou pirateo informático. Houbo demostracións en directo e os rapaces, desde os seus centros educativos, tamén realizaron os seus propios experimentos seguindo as indicacións dos divulgadores científicos, cos que puideron interactuar.

Os rapaces puideron coñecer se as súas contas foran hackeadas, desenvolveron experimentos de recoñecemento de imaxe… e fixeron karaoke a través dun xogo de simulación. Tamén se celebrou a final do desafío Atrévete coa innovación do futuro, na que os grupos participantes tiveron que facer fronte a unha serie de retos vencellados coa innovación. En concreto, resolveron enigmas, retos criptográficos e diversos xogos para poder facerse co premio final, un kit con material tecnolóxico.

09/12/202012:29
Pantallazo da web da inciativa.
Madrid

A Fundación ONCE convoca a VI edición dos Premios Discapnet ás tecnoloxías accesibles

  • Por primeira vez, inclúen unha categoría dedicada ao medio de comunicación que máis destacase na difusión de proxectos, produtos e servizos relacionados coas tecnoloxías accesibles

A Fundación ONCE convocou a VI edición dos Premios Discapnet ás Tecnoloxías Accesibles, uns galardóns que recoñecen as mellores iniciativas e accións no campo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) aplicadas á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade, así como ás empresas, entidades ou organizacións que desenvolvesen un labor continuado no campo da accesibilidade tecnolóxica.

 

Na súa VI edición, os premios introducen por primeira vez unha categoría dedicada ao medio de comunicación que máis destacase por difundir proxectos, produtos e servizos relacionados coas tecnoloxías accesibles.

 

Desta forma, os galardóns estrutúranse en catro categorías: a primeira delas, a A, premiará ao mellor produto ou servizo que xa estea dispoñible e que se base en tecnoloxías para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade.

 

No apartado B, o galardón será para a persoa, empresa, entidade ou organización que máis destacase pola súa traxectoria continuada en materia de mellora da accesibilidade á tecnoloxía.

 

A categoría C recoñecerá ao mellor proxecto de emprendemento con impacto social para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade a través das TIC.

 

Finalmente, o novo apartado, o D, galardoará ao medio de comunicación 'que máis destacase por difundir cara á sociedade iniciativas, proxectos, produtos e servizos relacionados coas tecnoloxías accesibles'.

 

Como na edición anterior, a dotación dos premios será económica en todas as categorías. Así, os galardoados nos apartados A, B e D recibirán 5.000 euros, mentres que o traballo premiado no C contará con 15.000 euros. Neste último caso, o diñeiro haberá de destinarse integramente ao desenvolvemento do proxecto galardoado. 

 

Ademais, a cada persoa ou entidade premiada entregaráselle unha obra orixinal 'dun prestixioso artista con discapacidade' designado pola Fundación ONCE.

 

Os interesados en presentar traballos poden facelo ata o 15 de febreiro de 2021 cubrindo o formulario correspondente á categoría á que concorran, dispoñible na dirección web: http://premios.discapnet.es

 

As bases completas da VI edición dos Premios Discapnet poden consultarse en http://premios.discapnet.es.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS