main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

13/01/202110:01
Presentación do sistema CharlieSays.
Vigo

Un estudante da UVigo achega unha tecnoloxía para permitir a comunicación de persoas con parálise cerebral

A tecnoloxía abre camiños de accesibilidade e comunicación que doutro xeito serían complexos de abordar. Esta semana deuse a coñecer dende o Campus de Vigo un sistema tecnolóxico que achega importantes posibilidades de inclusión para as persoas con parálise cerebral e outras doenzas que lles impidan comunicarse, e todo coa entrada en xogo dunha tableta e dunha placa Arduino. Trátase do sistema CharlieSays, unha contribución tecnolóxica inspirada no dispositivo que emprega o científico Stephen Hawking. Vén da man de Juan Abia, estudante de cuarto curso do Grao en Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática da Universidade de Vigo. Trátase do seu traballo de Fin de Grao (TFG).

A orixe desta tecnoloxía está nas posibilidades que abren as tecnoloxías abertas e participativas para as persoas con parálise cerebral. No caso concreto do novo investigador da UVigo, o seu curmán Carlos, que este mes cumpre 33 anos e que sofre a devandita doenza, que lle impide falar ou moverse voluntariamente, agás algún movemento aparentemente controlado e con máis forza que é quen de facer coa súa man dereita. O proxecto, sinala Juan Abia, comezou co estudo de diferentes opcións actualmente existentes no mercado para facilitar a comunicación das persoas con parálise cerebral, “pero teñen dúas grandes desvantaxes: un prezo demasiado elevado e non se poden adaptar o suficiente ás necesidade de Carlos, xa que no se poden mudar parámetros como o tempo de pulso ou a forza aplicada”, explica o autor deste traballo de fin de grao, engadindo que o que comezou como unha proposta de TFG, logo pasou a ser un proxecto da asociación da rama de Estudantes do IEEE da UVigo, “e aí empezamos a traballar sobre o que eu fixera, inspirándonos no sistema que utilizaba Stephen Hawking”, contando ademais coa participación de Fernando Flores e Mateo González, estudantes do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación. Froito do traballo en equipo xurdiu o devandito sistema, que xa conta cun prototipo rematado e totalmente adaptado ás necesidades de Carlos e no que é posible modificar todos os parámetros. “O sistema detecta a forza que fai o usuario sobre unha pelota antiestrés e envía este sinal á aplicación, que está instalada nunha tableta de Carlos, que ten un maior control sobre a man dereita”, explica Juan. O núcleo do sistema é a placa Arduino Leonardo, o microcontrolador que ten a función principal de ler o sinal do sensor e filtrala, para finalmente enviala á aplicación na tableta. Tras presentar CharlieSays na feira de tecnoloxías abertas OSHWDe, “onde tivo grande acollida”, os promotores do proxecto atópanse na procura de patrocinadores para financialo e tamén de colaboradores para poder continuar o seu desenvolvemento e mellora.

12/01/202114:10
Acto final da aceleradora Connect-19.
Ourense

A Xunta destaca que os 20 proxectos da aceleradora Connect-19 son a proba de que Galicia quere ser un referente fronte á pandemia desde a innovación, o emprendemento e o talento

  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá no acto final deste programa
  • As iniciativas desta primeira edición da aceleradora, que pertencen principalmente aos sectores TIC e saúde, suman máis de 180 empregos e facturan 25M€
  • Inclúen solucións de protección individual, sistemas para control de accesos e detección precoz, e mesmo cosmética antiviral

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá, no Parque Tecnolóxico de Galicia en San Cibrao das Viñas, no acto final da aceleradora Connect-19, no que destacou que os 20 proxectos participantes e as 20 pemes que os impulsan son a proba irrefutable de que Galicia quere ser un referente fronte á pandemia desde a innovación, o emprendemento e o talento. “Estas iniciativas son o exemplo de como desde a pequena e mediana empresa se están dando respostas e solucións grazas a que Galicia conta cun ecosistema de emprendemento e innovación”, subliñou.

Conde explicou que este proxecto naceu para que a capacidade de resposta das empresas innovadoras galegas fronte á covid-19 puidera traducirse en solucións a curto e medio prazo, xa que a pandemia fai máis necesario que nunca acelerar a transferencia de innovación ao mercado para xerar valor económico, emprego e respostas ás novas demandas.

Tal e como expuxo, nesta primeira edición participaron un total de 20 pemes, principalmente dos sectores TIC e saúde, que suman máis de 180 postos de traballo, cunha facturación global de 25M€ e unhas vendas ao exterior de 3M€. Entre as iniciativas nas que se traballaron nestes últimos meses destacan, por exemplo, novos equipos de protección individual, sistemas para o control de accesos ou a detección precoz do virus; dispositivos de carteleira dixital; unha aplicación para controlar e mellorar a nutrición de pacientes hospitalarios, ou cosmética con capacidade antiviral.

O vicepresidente económico trasladou o compromiso do Goberno galego coa investigación e a innovación dentro deste novo contexto económico e lembrou que xunto coa Connect-19 puxéronse en marcha outras medidas neste eido que suman un total de 22M€.

12/01/202108:01
Gamer Party.
Madrid

AEVI e a Fundación ONCE asinan un convenio para promover a accesibilidade e a inclusión no ámbito do videoxogo

  • A Asociación Española de Videoxogos (AEVI) e a Fundación ONCE asinaron un convenio de colaboración co fin de desenvolver e difundir iniciativas cuxa finalidade sexa a promoción da accesibilidade universal e a inclusión das persoas con discapacidade no ámbito dos videoxogos.

Entre as accións que levarán a cabo atópase fomentar a inclusión sociolaboral de persoas con discapacidade, a creación dunha páxina web con contidos e información sobre os distintos perfís de discapacidade e os xogos mellor adaptados para cada unha delas ou o impulso de iniciativas de concienciación e sensibilización en materia de accesibilidade universal. 

 

Desde esta perspectiva, ambas as partes propoñen impulsar cursos dirixidos a toda clase de axentes do sector para que adquiran un maior coñecemento en materia de accesibilidade.

 

Así mesmo, tanto a AEVI como a Fundación ONCE participarán conxuntamente en eventos relacionados co sector dos videoxogos promovendo a accesibilidade, co fin de sensibilizar á sociedade con respecto a esta cuestión e ao mesmo tempo, remar a favor da plena igualdade das persoas con discapacidade.

 

José María Moreno, director xeral de AEVI, destaca que esta iniciativa é clave para seguir avanzando, desde o noso sector, en materia de inclusión e accesibilidade. 'Estamos convencidos de que os videoxogos deben ser unha ferramenta para eliminar barreiras existentes na sociedade e loitar contra os estigmas. Por iso traballaremos man a man coa Fundación ONCE na promoción da accesibilidade universal e a inclusión das persoas con discapacidade no ámbito dos videoxogos'.

 

Pola súa banda, José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, considera que esta é unha das liñas prioritarias de traballo da súa entidade. 'Cada vez máis, os videoxogos teñen unha maior relevancia no lecer dos cidadáns, incluídas as persoas con discapacidade. Non podemos deixar escapar esta oportunidade, de facer que os videoxogos sexan accesibles e de atopar, neste sector industrial, unha oportunidade laboral para as persoas con discapacidade'. 

 

Ambas as partes coinciden en que desexan seguir avanzando no campo da inclusión, neste caso mediante a implementación tecnolóxica e nunha maior accesibilidade no campo do videoxogo. 

 

Neste sentido, desde AEVI impulsouse a The Good Gamer como un dos proxectos de contidos multimedia máis relevantes a nivel global, co fin de reivindicar os beneficios do videoxogo e os seus mellores valores, entre eles a inclusión.

09/01/202112:08
GaliciaAberta, o portal web da Secretaría Xeral da Emigración.
Santiago de Compostela

GaliciaAberta incrementou en 2020 o seu número de usuarios ata superar os 276.000

  • O portal web da Secretaría Xeral da Emigración recibiu o ano pasado preto de 401.100 visitas, o que supón un 5% máis ca no exercicio anterior
  • As redes sociais do departamento do Goberno galego suman case 38.000 seguidoras e seguidores en todo o mundo, o que supón un incremento de preto do 25% respecto ao 2019, destacando Instagram, con máis dun 50% de crecemento
  • O portal de retorno sumou 43.560 visitas, ofrecendo unha atención 24 horas ás e aos emigrantes galegos e aos seus e as súas descendentes na procura de facilitar a volta á casa

GaliciaAberta, o portal web da Secretaría Xeral da Emigración, incrementou de xeito significativo o seu número de usuarias e usuarios durante o último ano, ata superar os 276.000 en todo o 2020. Así o amosan as estatísticas do exercicio que vén de rematar, no que as e os internautas realizaron algo máis de 401.000 visitas á páxina http://emigracion.xunta.gal, un 5% máis das rexistradas en 2019.

Neste marco, cómpre salientar que os contidos máis visitados dentro de GaliciaAberta foron os relativos ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (máis de 57.000 visitas), e as diferentes liñas de axuda (máis de 102.000 visitas). Así mesmo, o novo portal Retorna sumou 43.560 visitas, ofrecendo unha atención 24 horas ás e aos emigrantes galegos e aos seus e ás súas descendentes na procura de facilitar a volta á casa.

A Arxentina, Estados Unidos, Venezuela, O Uruguai, México, O Brasil, Colombia, O Reino Unido, Perú, Chile, Suíza, Cuba, Francia, Alemaña, Ecuador e China son os 16 países do exterior desde os que máis visitas se realizaron ao portal GaliciaAberta.

Redes sociais

As redes sociais que ten a Secretaría Xeral da Emigración para divulgar os seus programas e as fases das diferentes convocatorias, así como para promover as diferentes accións que tanto o Goberno galego como a propia colectividade galega no exterior leva a cabo para difundir a cultura, a lingua e a tradición galegas, tamén experimentaron un crecemento durante 2020. As contas de GaliciaAberta en Facebook, Twitter e Instagram rozan xa os 38.000 seguidores e seguidoras, o que supón un incremento medio de preto do 25% no conxunto das plataformas.

Destaca o caso de Instagram, onde os datos apuntan a un incremento de seguidores de case o 52%, rozando os 8.510, que xunto con Facebook, contan cun público obxectivo cunha idade media entre os 25 e os 45 anos, que son o público obxectivo ao que vai especialmente dirixida a Estratexia Galicia Retorna da Xunta.

Son eles os que apostan por estas plataformas para estar ao día das novas acerca da colectividade galega, tanto a residente no estranxeiro como a da Galicia territorial e as e os que viven noutras comunidades autónomas diferentes á galega. Así, a conta da Secretaría Xeral da Emigración en Facebook conta con 24.395 seguidores, aumentando case un 20% con respecto a 2019, Twitter, roza os 5.000, aumentando un 12%.

01/01/202114:43
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

Galicia elimina practicamente a fenda dixital de xénero que se sitúa nun 0,6%

  • En tres anos as diferencias no uso de internet entre galegos e galegas reducíronse un 80% e sitúanse na media da Unión Europea
  • Entre as mulleres cun nivel formativo secundario ou superior, o emprego de internet é igual ou superior ao dos homes
  • Atendendo á idade ata os 64 anos as mulleres superan ou igualan aos homes no acceso á rede
  • Tres de cada catro mulleres galegas de 16 a 24 anos compraron a través de Internet, 6,1 puntos máis que os homes neste tramo de idade
  • O uso de ordenador e teléfono móbil é superior entre as mulleres galegas, excepto nos tramos de idade máis avanzada
  • Dúas de cada tres mulleres que usan internet, utilizárono nos últimos tres meses para descargar ou enviar formularios ás administracións públicas

No uso de Internet, as diferenzas entre os homes e as mulleres galegas son mínimas: O 85,3% das galegas fronte ao 85,9% dos galegos utilizaron Internet nos últimos tres meses. O uso da Rede entre as mulleres galegas acada así a media que se rexistra na Unión Europea.

En termos evolutivos, a fenda de xénero no uso de internet redúcese nun 80%, ao pasar de 3 puntos porcentuais a 0,6 entre 2016 e 2019. Cando se acada un nivel formativo secundario ou superior, o uso de internet é igual ou superior para as mulleres que para os homes. Atendendo á idade, o uso de Internet entre as mulleres supera ou iguala á porcentaxe de homes ata os 64 anos.

Son as conclusións dos resultados do informe “A Sociedade da Información desde unha perspectiva de xénero”, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Este informe analiza comparativamente os principais indicadores que definen as diferenzas de xénero no acceso e uso das tecnoloxías da información e da comunicación en Galicia, a partir de datos propios do OSIMGA obtidos no marco do convenio asinado co IGE.

Uso das TIC entre as mulleres galegas

Na actualidade, en Galicia apenas se rexistran diferencias segundo o xénero no uso de dispositivos electrónicos (teléfono móbil con capacidade de acceso a Internet, ordenador de sobremesa, portátil, tablet…). O 87,4% das galegas fronte ao 88% dos galegos utilizaron o ordenador nos últimos tres meses. Os resultados amosan que o uso deste tipo de dispositivos é incluso superior entre as mulleres galegas, excepto nos tramos de idade máis avanzada.

Tres de cada catro mulleres galegas de 16 a 24 anos compraron a través de Internet, 6,1 puntos porcentuais máis que os homes nese tramo de idade. A proporción de mulleres que compran a través da Rede é máis elevada que a de homes en todos os tramos de idade inferiores aos 55 anos. Non obstante, en termos globais, a porcentaxe de homes que compran a través da Rede en Galicia é superior en 2,1 puntos á que se rexistra entre as mulleres

Con respecto ao uso da eAdministración desde a perspectiva de xénero, as diferenzas son mínimas: tanto na obtención de información, descarga e entrega de documentación ou obtención de documentos persoais, a fenda de xénero é inferior aos dous puntos porcentuais.

Así, dúas de cada tres mulleres galegas que usan internet, utilizárono para descargar ou encher formularios das administracións públicas e superan en máis de 10 puntos á media española e europea na interacción coas administracións públicas para obter información, descargar ou obter formularios.

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.gal.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS