main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

21/01/202117:29
Persoa usando un portátil.
Santiago de Compostela

Galicia estenderá a educación dixital a 100.000 alumnos e alumnas

  • Feijóo destaca que chegará ao 70% dos alumnos de 5º de primaria a 4º da ESO
  • Sinala que hoxe se autorizou un gasto de 34 M€ para a adquisición de 45.000 ultraportátiles e para a adquisición do equipamento necesario para outras 2.000 aulas E-Dixgal

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta estenderá a educación dixital a 100.000 alumnos, unha cifra que suporá o 70% dos alumnos de 5º de primaria a 4º da ESO.

Con este obxectivo, Feijóo precisou que o Consello autorizou hoxe dous contratos marco, que suman un importe máximo de 34 millóns de euros: un deles para adquirir ata 45.000 ultraportátiles para o alumnado e o outro para adquirir o equipamento necesario para a dotación doutras 2.000 aulas E-Dixgal.

Actualmente E-Dixgal está dispoñible para os centros adheridos, entre 5º de primaria e 2º da ESO. Isto supón que máis de 34.000 alumnos destes niveis educativos estudan con libro dixital, equipados con portátil e con acceso online e offline á plataforma virtual EVA, onde teñen á súa disposición o contido curricular completo de cada curso.

Cómpre salientar que esta transformación comezou en 2010, coa posta en marcha da iniciativa Abalar, na que se levan investidos máis de 100 millóns: para a dixitalización de todas as aulas de 5º de primaria a bacharelato; na mellora da conectividade para que o 100% dos centros públicos educativos de primaria e secundaria dispoñan de conexión a internet superior a 100 megabits por segundo; e na adquisición de equipamento, contidos dixitais e implantación de novos servizos e canles de comunicación online.

A estes recursos súmanse diferentes plataformas e aplicacións que facilitan o ensino dixital, como se puxo de manifesto durante o período de confinamento, como: as aulas virtuais ás que accederon diariamente máis de 100.000 estudantes; o sistema de videoconferencia con 4.000 xuntanzas diarias; a aplicación Abalar que empregan habitualmente 93.000 usuarios; ou a plataforma EVA que rexistra diariamente un acceso medio de 3.100 profesores e 29.300 estudantes.

20/01/202108:34
Varias persoas traballan no deseño dunha app para teléfono móbil.
Santiago de Compostela

Programadores 'Full Stack' con discapacidade, preparados para o futuro

O programa Por Talento Dixital da Fundación ONCE segue creando oportunidades laborais a persoas con discapacidade a través da tecnoloxía. Nesta ocasión, dez novos programadores 'Full Stack' prepáranse para un novo e apaixonante futuro laboral.

Estas dez persoas formáronse nun curso intensivo de programación 'Full Stack' desenvolvido pola Fundación ONCE, a empresa galega Hack a Boss e co apoio de Cap Gemini, dentro do programa Por Talento Dixital.

Foron catro meses de intenso traballo para estes dez alumnos que agora se converteron en desenvolvedores web cun perfil moi completo que se incorporan a un mercado laboral ligado á tecnoloxía que está cheo de oportunidades.

Os perfís 'Full Stack' recibiron unha formación completa e que manexan os distintos aspectos relacionados coa creación e mantemento de aplicacións web.

Como colofón á súa formación, o próximo 22 de xaneiro participarán nun encontro virtual con distintas empresas tecnolóxicas que poderán coñecer os seus perfís.

19/01/202110:01
Aula CeMIT de Ames.
Ames

A aula CeMIT de Ames presenta novos cursos telemáticos

aula CeMIT do Concello de Ames inicia este 2021 coa programación de novos cursos telemáticos para os meses de xaneiro, febreiro e marzo dirixido a adultos. Esta aula formativa, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños e veciñas de Ames aos diferentes cursos que oferta.

Os cursos impartidos no primeiro trimestre comezarán o día 25 de xaneiro co de edición de imaxes con GIMP, de luns a xoves ata o 4 de febreiro, de 17:30 a 18:30 horas, que serve como curva de aprendizaxe de cara á edición de imaxes a través dun programa de balde. De seguido, impartirase o curso de deseño vectorial con Inkscape, para a realización de carteis e logotipos, a partir do 8 de febreiro ata o 18, no mesmo horario que o anteriormente citado. Doutra banda, impartiranse dous cursos de diferentes niveis sobre o procesador de textos con LibreOffice Writer. Por un lado o primeiro curso de iniciación será dende o 22 ata o 26 de febreiro, e o segundo, que profundará no procesador de textos, irá do 1 ata o 5 de marzo, ambos no horario de 17:30 a 19:00 horas. Deste xeito, a aula aberta está dispoñible de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas, para que tódolos interesados poidan participar nos cursos dende o lugar en caso de non dispoñer dos medios axeitados.

Así, as persoas que se queiran inscribir deben rexistrarse na rede CeMIT e dende aí tramitar a inscrición. Se existise algunha dúbida, poderíase resolver acudindo a Casa da Cultura de Bertamiráns ou poñerse en contacto a través do teléfono 682 373 753 ou do enderezo de correo electrónico: cemit.ames@xunta.gal.

19/01/202109:57
Moza de costas usando un smartphone.
Santiago de Compostela

A Xunta habilita os espazos xoves para que todas as mozas e mozos galegos poidan solicitar de xeito presencial a Chave365

  • Poderase realizar nas doce instalacións autonómicas, así como no Centro Coordinador de Información Xuvenil e no Servizo de Xuventude e Voluntariado de Vigo

A Xunta vén de habilitar os espazos xoves autonómicos para que todas as mozas e mozos galegos poidan solicitar de xeito presencial a Chave365. Deste xeito, búscase facilitar á mocidade galega a xestión de solicitudes, axudas ou expedientes para os que se fai necesario este contrasinal.

En concreto, este trámite poderase realizar a partir de agora nos doce espazos xoves autonómicos, situados en: Betanzos, Carballo, Curtis, Noia, Pontedeume, Lalín, Tui, Vilagarcía, Ourense, Chantada, Vilalba e Viveiro. Tamén se pode obter no Centro Coordinador de Información Xuvenil, en Santiago, ou no Servizo de Xuventude e Voluntariado de Vigo.

Cómpre lembrar que a Chave365 é o sistema que permite aos cidadáns maiores de idade e aos menores emancipados identificarse e asinar documentos na sede electrónica da Xunta sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico. Coa Chave365 a persoa usuaria identifícase co seu NIF e clave persoal e asina electronicamente cun código que recibe no seu teléfono móbil.

19/01/202109:51
5G.
Vigo

Arrinca a segunda edición do curso de especialista en 5G organizado pola EE de Telecomunicación

semana pasada arrincou no Campus de Vigo a segunda edición do curso de especialista en tecnoloxías de quinta xeración organizado pola Escola e Enxeñaría de Telecomunicación. Trátase dunha iniciativa posta en marcha ao abeiro do Plan Galicia 5G, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para consolidar a nosa terra na vangarda do novo estándar de telefonía móbil. No marco do plan, a escola e o centro AtlantTIC crearon tamén o Laboratorio de 5G.

Segundo lembrou a Universidade con motivo do arrinque do dito curso, o novo estándar de telefonía caracterízase por “unha maior velocidade na subida e baixada de contidos, unha menor latencia, a xestión dun gran número de dispositivos por quilómetro cadrado, a adaptación ás necesidades do usuario e a computación ao borde da rede”. Esta evolución tecnolóxica está no xermolo da actividade formativa, posto que “é preciso reciclar profesionais do sector de telefonía móbil celular nas características innovadoras do 5G e completar a formación de titulados de grao do eido da Enxeñaría de Telecomunicación ou da informática, especializándoos en 5G”, engade a UVigo. A segunda edición, coordinada polo director da escola, Íñigo Cuiñas, comprende un programa formativo de 200 horas que, por mor da crise da COVID-19, impártense en modalidade virtual. Tamén se apostou pola flexibilidade e a adaptación para facilitar e favorecer a compatibilidade da docencia co exercicio profesional. Das 20 persoas inscritas, 16 son profesionais en activo.

A primeira edición do curso tivo, segundo o director da escola, “un balance moi positivo” e os 25 alumnos “quedaron satisfeitos e animáronnos a repetir a experiencia este ano”.

Cuiñas destaca que a posta en marcha deste programa “é un paso na necesaria implantación de programas de aprendizaxe ao longo da vida (long-life learning) na Universidade en xeral e na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación en particular, xa que o ámbito no que nos movemos, as tecnoloxías evolucionan rapidamente e as persoas que fan investigación relacionada con estas novidades son valiosas para axudar aos profesionais na súa adaptación e reciclaxe”.

Das 200 horas de docencia, 100 corresponden á formación teórica, que se desenvolve entre xaneiro e abril, e as outras 100 á realización do proxecto fin de curso. Respecto á primeira edición, a principal novidade é que “todas as clases serán en liña, apoiadas nas aulas virtuais de Campus Remoto”. Respecto ao profesorado, incrementouse o peso dos docentes alleos á UVigo, que impartirán o 45% das horas de clase, procedentes de empresas do sector, tanto operadoras como Telefónica, Vodafone e Orange; provedores de equipamento como Nokia, Ericsson ou Huawei; centros tecnolóxicos como o CTAG e Gradiant; e usuarios como PSA ou o Sergas. O outro 55% da docencia será impartido por docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O programa abrangue módulos teóricos de introdución á 5G, o sector radio, a codificación e as modulacións, a capa de rede, a seguridade nas comunicacións e o estudo de casos de aplicación desta tecnoloxía en, por exemplo, os vehículos conectados e o transporte; o control de infraestruturas e servizos críticos; o control de dispositivos remotos ou as redes de sensores para a Industria 4.0.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS