main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

26/01/202113:54
Persoa usando un portátil.
Santiago de Compostela

Os 13 bolseiros DigiTalent comezan en febreiro as prácticas en empresas TIC

  • Son estudantes matriculados nos últimos cursos de graos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas ou Enxeñaría e Arquitectura que realizarán prácticas formativas durante tres meses
  • É unha das iniciativas do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020 para dar resposta á demanda de novos perfís dixitais

Os 13 estudantes que accederon ás Bolsas DigiTalent comezarán en febreiro o período de prácticas formativas en empresas tecnolóxicas. Durante tres meses, os bolseiros contarán cun plan de formación e recibirán asesoramento, orientación e dirección das persoas responsables das empresas TIC.

Os bolseiros cómpren os requisitos marcados na iniciativa, ser menores de 31 anos e estar matriculados en carreiras de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura nalgunha das tres universidades galegas e ter máis do 75% e menos do 100% de créditos aprobados. As bolsas DigiTalent teñen unha duración de 20 horas semanais e son remuneradas.

Esta iniciativa, enmarcada no Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, é froito dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as tres universidades e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA); para dar resposta á demanda de novos perfís dixitais e facilitar a hibridación entre os sectores TIC e non TIC.

Entidades colaboradoras do programa

As empresas nas que os bolseiros realizarán as prácticas e que, previamente se adheriron ao programa, teñen experiencia en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial e wearables, entre outras.

Plan DigiTalent

O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent, impulsado pola Amtega ten como obxectivos potenciar as vocacións STEM desde idades temperás, promover a adaptación de estudantes, titulados e profesionais á demanda de novos perfís dixitais e maximizar as oportunidades de desenvolvemento profesional na economía dixital.

Ao abeiro do Plan desenvolvéronse 16 actuacións desde o principio deste curso 2020/2021. En concreto, 7 iniciativas dirixidas á infancia e á adolescencia para fomentar o atractivo das profesións científico-tecnolóxicas desde idades temperás; 6 actuacións orientadas a impulsar os novos perfís dixitais entre estudantes, titulados e profesionais; e 3 actuacións para promover as capacidades de e-liderado. DigiTalent, concibiuse como un plan de actuacións vivo e aberto á colaboración e reflexión de todos os axentes do ecosistema dixital. A información sobre as actividades do catálogo DigiTalent actualízase na web digitalent.xunta.gal.

26/01/202112:34
Muller de costas usando un portátil.
Pontevedra

A Deputación de Pontevedra organiza un hackathon en liña para acelerar a dixitalización do terceiro sector

Deputación de Pontevedra organiza os vindeiros 13 e 14 de febreiro o evento #SocialHack, a primeira edición do Hackathon Online de Innovación Social para o Terceiro Sector. Segundo informa a entidade provincial, trátase do segundo reto tecnolóxico deste tipo que promove a institución, a través do programa SmartPEME, tralo celebrado en 2019, daquela relacionado co sector turístico. Neste caso, o Hackathon estará vinculado á dixitalización das entidades sociais do chamado Terceiro Sector. Buscarase estimular o talento e a creatividade para acelerar este proceso.

Nesta nova edición do Hackathon, que repartirá 3.500 euros en premios, o desafío para os equipos participantes, que estarán formados por grupos multidisciplinares de entre 3 e 5 persoas, consistirá no desenvolvemento de solucións innovadoras que axuden “a unha mellor xestión da colaboración entre a comunidade e as entidades do Terceiro Sector da provincia, así como a mellora e maior eficiencia na captación de persoas asociadas e fondos por parte destas entidades”. Debido á pandemia, o evento será integramente online, e comezará o 12 de febreiro cun acto de presentación, que será retransmitido por streaming, e os días 13 e 14 os equipos traballarán a través de ferramentas de videochamada no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas.

As inscricións para #SocialHack poden realizarse na páxina web de SmartPEME e o reto está aberto a persoas de todo o territorio nacional, estudantes ou profesionais de áreas como desenvolvemento de aplicacións móbiles, deseño gráfico, Terceiro Sector ou área de negocio.

Unha vez que estea pechada esta convocatoria de inscrición, formaranse os grupos, que traballarán xuntos online durante a devandita fin de semana no desenvolvemento das solucións tecnolóxicas.

Os equipos terán o apoio de persoal experto en tecnoloxía e desenvolvemento de apps (contarase coa colaboración de Minube como provedor tecnolóxico), para resolver posibles dúbidas durante os dous días do Hackathon. Todas as propostas terán que ser inclusivas, vinculadas á provincia de Pontevedra e deberán fomentar a igualdade.

Despois de dous días de traballo, o xurado valorará a busca de ideas creativas, o desenvolvemento e deseño, a orixinalidade, a dificultade técnica, a usabilidade e a presentación. Haberá un primeiro premio de 2.000 euros, un segundo de 1.000 e un terceiro premio de 500 euros. O 18 de febreiro terá lugar en formato online o acto de clausura desta actividade, xunto coa entrega de premios.

26/01/202110:21
Concurso Universitario de Software Libre 2021.
Santiago de Compostela

Inscricións abertas do Concurso Universitario de Software Libre 2021

  • Aberta a fase de inscrición, ata o día 21 de marzo de 2021, ao XV Concurso Universitario de Software Libre.
  • Como indican as bases do concurso, a inscrición está aberta a alumnos universitarios, de bacharelato, graos medio e superior, e terceiro ciclo ou máster.

Este é un concurso de desenvolvemento de software, hardware e documentación técnica libre no que poden participar tanto estudantes universitarios (de grao, máster e doutoramento), como estudantes de ciclos de grao medio e superior, así como estudantes de bacharelato; todos eles incluídos no sistema educativo estatal español.

O obxectivo principal do Concurso Universitario de Software Libre é fomentar a creación e contribuír á consolidación da comunidade do Software Libre na Universidade.

Os participantes dispoñerán dun blogue onde contarán a súa experiencia no desenvolvemento durante o curso académico, ademais de empregar un repositorio, como GitHub, GitLab ou LaunchPad para aloxar o código fonte.

Inscrición

A inscrición levarase a cabo mediante o seguinte formulario.

Máis información

26/01/202108:22
Aula CeMIT de Ribeira.
Ribeira

A aula CeMIT de Ribeira comeza o ano con sete cursos e sete seminarios tecnolóxicos

A aula CeMIT de Ribeira, emprazada na contorna Cubeliños, está a preparar un total de sete cursos de novas tecnoloxías e dous seminarios para os vindeiros meses de febreiro e marzo. Máis polo miúdo, as actividades formativas versarán sobre manexo básico do móbil, sobre a suite ofimática Libreoffice, sobre como dar os primeiros pasos na informática, sobre a ferramenta de mensaxes instantáneas Whatsapp, sobre certificado dixital, sobre retoques de imaxe coa ferramenta libre GIMP e sobre ofimática na nube (Google Drive). A maiores, desenvolveranse un seminario dedicado á seguridade en Internet e outro sobre control parental.

O prazo de inscrición abrirá este mércores 27 ás 9 horas, ata cubrir prazas. As persoas interesadas poden anotarse ben na sede da aula CeMIT en Cubeliños (teléfono 981 876 043) ou ben por vía telemática na web da aula.

O Concello de Ribeira explicou que as clases desenvolveranse respectando a normativa de seguridade anti-COVID, é dicir, distanciamento, 50% de capacidade (o que implica que só haberá 6 prazas), uso de máscara durante toda a sesión, ventilación continua da aula, hixiene de mans e desinfección dos postos de traballo.

En canto ás características concretas de cada actividade:

  • Manexo básico do móbil.

Contido: Uso básico do dispositivo. Teléfono e contactos, acceso a Internet, cámara, instalar e desinstalar apps, borrar arquivos.
Data: 01 de febreiro de 2021 - 04 de febreiro de 2021
Horario: 11:30 – 13:00

  • Libreoffice.

Contido: Manexo do editor de texto, da folla de cálculo e do creador de presentacións - LibreOffice
Data: 08 de febreiro de 2021 - 31 de marzo de 2021
Horario: 09:30 – 11:00

  • Iniciación á informática.

Contido: Descubrir diferentes utilidades do ordenador. Coñecer os elementos básicos dun ordenador. Familiarizarse co uso do teclado e do rato. Familiarizarse co uso dun sistema operativo. Crear e xestionar cartafoles e ficheiros. Abrir, utilizar e pechar programas. Iniciarse na navegación pola Internet.
Data: 09 de febreiro de 2021 - 25 de marzo de 2021
Horario: 09:30 – 11:00

  • Whatsapp.

Contido: Instalar e crear a conta, comunicarte cos teus contactos, compartir arquivos, audios, imaxes e vídeos, crear grupos.
Data: 08 de febreiro de 2021 - 11 de febreiro de 2021
Horario: 11:30 – 13:00

  • Certificado dixital.

Contido: Comprender que é un certificado dixital e cales son os pasos para obtelo, facer copia del e renovalo. Coñecer algúns trámites electrónicos que ofrecen as administracións públicas.
Data: 22 de febreiro de 2021 -25 de febreiro de 2021
Horario: 11:30 – 13:00

  • Retoque de imaxe. GIMP.

Contido: Co programa GIMP realizar pequenos retoques de imaxe, inserir texto nunha fotografía cun formato axeitado, modificar as propiedades da cor dunha fotografía, ...
Data: 08 de febreiro de 2021 - 10 de marzo de 2021
Horario: 16:30 – 18:00. Luns e mércores

  • Ofimática na nube. Google Drive.

Contido: Manexo do Drive para almacenar e compartir arquivos na nube. Uso do paquete ofimático do Drive
Data: 09 de febreiro de 2021 - 11 de marzo de 2021
Horario: 16:30 – 18:00. Martes e xoves

  • Seminario de Seguridade en Internet.

Contido: Coñecer os riscos que supón a navegación pola Internet. Tomar as precaucións axeitadas para a navegación. Medidas preventivas.
Data: 15 de marzo de 2021 - 17 de marzo de 2021
Horario: 16:30 – 18:00.

  • Seminario de control parental.

Contido: Charla sobre o software de control parental no ordenador
Data: 22 de marzo de 2021 - 24 de marzo de 2021
Horario: 16:30 – 18:00.

  • Módulo informática Obradoiro Cociña O Pote II.

Cuberto por alumnos do obradoiro
Data: 15 de xaneiro de 2021 -25 de marzo de 2021. Todos os venres
Horario: 08:00 – 15:30.

26/01/202108:02
Día Europeo da Protección de Datos.
Santiago de Compostela

O CPEIG ve fundamental que os centros educativos galegos fagan un uso correcto dos datos de carácter persoal dos escolares

  • Deben usar servizos de cloud computing –plataformas educativas, apps e sistemas na nube– transparentes co tratamento dos datos, ter unha política de seguridade e controlar os contidos multimedia para protexer a intimidade

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), con motivo do Día Europeo da Protección de Datos que se celebra este xoves 28 de xaneiro, pon de manifesto a necesidade de facer un uso correcto dos datos de carácter persoal dos alumnos e os seus familiares por parte dos centros educativos. Esta obriga está máis presente na actualidade pola necesidade de utilizar servizos de cloud computing neste contexto marcado pola covid-19 onde moitas aulas escolares están pechadas e os estudantes teñen que cursar as clases desde as súas casas. O CPEIG está a disposición da comunidade educativa para esta tarefa, que considera “fundamental” e que segue a liña trazada con actividades como Navega con Rumbo ou a comunicación que se fixo o pasado mes de outubro á Confederación de Anpas Galegas pola volta ao cole.

A evolución da educación cara unha contorna dixital está máis presente ca nunca, e pódese apreciar no uso dos diferentes servizos de cloud computing: plataformas de xestión educativa e contornas virtuais de aprendizaxe, apps móbiles –redes sociais e outras– e sistemas de almacenamento na nube tipo Dropbox, iCloud ou Google Drive, así como o uso de correos electrónicos distintos da mensaxería da plataforma educativa do centro.

O CPEIG considera que os centros educativos galegos deben velar polo cumprimento da normativa de protección de datos de carácter persoal en relación aos alumnos. En concreto sinala unha serie de recomendacións:

  • Algunhas aplicacións utilizadas non ofrecen suficiente información en materia de seguridade sobre a situación dos datos, o seu período de retención, sen información das finalidades dos tratamentos, con falta de transparencia e a posibilidade de prácticas de retención de datos opacas. De non facer un uso correcto dos datos, os responsables destas aplicacións poderían elaborar perfís de aprendizaxe, e preferencias ou comportamento dos menores de idade. Así, o CPEIG aconsella aos centros escolares usar unicamente aquelas aplicacións que ofrecen información clara sobre todas estas cuestións.
  • As aplicacións educativas deben estar incluídas na política de seguridade dos centros educativos, e os profesores terán que solicitar de forma previa a autorización do centro para o seu uso. Ademais, o CPEIG lembra que o tratamento de datos persoais mediante apps deben incluírse na política de seguridade.
  • O centro debe informar a pais ou titores do comezo da utilización das diferentes ferramentas tecnolóxicas que tratarán datos persoais dos menores, e onde a información facilitada debe ser concisa, transparente, intelixible e de fácil acceso, cunha linguaxe clara e sinxela.
  • As aplicacións usadas deben permitir o control por parte dos profesores dos contidos subidos polos alumnos, en especial do material multimedia dos estudantes (fotos, vídeos e gravacións de voz).
  • Aconséllase establecer programas informativos de concienciación na protección de datos persoais, dirixidos a profesores e alumnos, sobre a importancia dun uso correcto das aplicacións. As directrices serían ter especial coidado coa publicación de imaxes e vídeos mediante apps ou ferramentas na nube para non poñer en risco a intimidade doutras persoas; ler a política de privacidade e condicións de uso destas aplicacións antes de utilizalas; configurar opcións de privacidade nas redes sociais; evitar incorporar datos de domicilio ou outros datos persoais que poñan en perigo a seguridade dos menores; e usar contrasinais robustas, con suficientes caracteres e compostas por maiúsculas, minúsculas, números e caracteres especiais, e nunca revelarlla a outra persoa.
  • Ao usar sistemas de almacenamento na nube, non se deben poñer datos persoais sensibles, relativos á saúde, contrasinais, datos bancarios, material audiovisual privado, etc.
  • Cando exista no centro escolar unha plataforma educativa para a interacción entre alumnos e profesores, como no caso de Galicia a Aula Abalar, aconséllase primar o seu uso fronte aos outros mecanismos de comunicación.
  • No caso de tratamentos especiais de datos persoais que supoñen un maior risco, como o recoñecemento facial de menores de idade que implica o tratamento de datos biométricos con fins de identificación en imaxes, o responsable debe obter o consentimento expreso do alumnos (se é maior de 14 anos) ou dos pais ou titores (se son menores de 14 anos).

 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS