main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

01/02/202107:56
Dúas persoas traballando en cadanseu portátil.
Santiago de Compostela

O sector TIC galego creou 114 novas empresas en 2019 e rexistrou un volume de negocio de máis de 2.800 millóns de euros

  • Así se recolle no Estudo “A Sociedade da Información nas empresas TIC”, que reflicte que o sector conta en Galicia con 18.984 empregados
  • No 2020 a implantación do telebraballo incrementouse en máis dun 90% no sector
  • Máis dun terzo das empresas TIC galegas levaron a cabo actividades de I+D+i durante os 3 últimos anos das que máis do 68,3% obtivo resultados comercializables
  • O 27,1% das tecnolóxicas galegas utilizan ou incorporan aos seus produtos e servizos IOT (Internet das cousas) e un 26% emprega o Bussiness Inteligence
  • O uso da Intelixencia artificial sitúase no 19,5% das empresas do sector
  • Preto dun 32% das empresas TIC venderon os seus produtos ou servizos a través do comercio electrónico, un 7,1% máis que o ano anterior
  • O 26,9% das empresas galegas dedicadas ás TIC sufriu un incidente de seguridade durante o ano 2019, principalmente intentos de estafa e ataques de virus

O sector tecnolóxico galego rexistrou 2.897 empresas no ano 2019 (114 empresas máis que en 2018), cun volume de negocio de 2.872 millóns de euros, un 2,5% máis que o ano anterior. Cun Valor Engadido Bruto (VEB) superior aos 1.500 millóns de euros, o sector TIC supón o 2,44% do PIB total de Galicia.

Son datos recollidos no estudo “A Sociedade da Información nas empresas TIC de Galicia. Edición 2020”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Amtega, en base aos últimos datos rexistrados do sector e a unha enquisa realizada entre setembro e novembro do ano 2020, recollendo indicadores novos como o teletraballo ou a adopción de tecnoloxías disruptivas.

Tendencias: Teletraballo e Tecnoloxías Disruptivas

Ao igual que noutros sectores o impacto da covid-19 incrementou a adopción do teletraballo nas empresas tecnolóxicas galegas. O 63,4% afirma contar con empregados que teletraballan, o que supón un incremento do 91,5% nun só ano. O 96% dos empregados que teletraballan, fano dende o propio domicilio.

Outras tendencias recollidas, por primeira vez, neste estudo son a implantación das tecnoloxías disruptivas no sector TIC galego. O 27,1% das empresas TIC utilizan e/ou incorporan aos seus produtos e servizos o denominado IOT (Internet das cousas). En segundo lugar, nas tecnoloxías disruptivas sitúase o Bussiness Inteligence, que xa é utilizado polo 26% das empresas TIC. e, en terceiro lugar, figura o uso da Intelixencia artificial (19,5%).

Neste capítulo tamén cabe salientar que un 16,7% das empresas TIC galegas emprega Chatbots, un 14,3% a realidade virtual e unha de cada dez empresas TIC fai uso do blockchain (11,3%) e dos xemelgos dixitais e simulación (10%). Ademais o 20,8% das empresas TIC xa utilizan Big Data na toma de decisións.

Aumenta o peso do comercio electrónico

O 75% das empresas TIC en Galicia realizaron compras de bens ou servizos a través de Internet ao longo do ano 2020.

No último ano creceu a porcentaxe de empresas TIC que venderon os seus produtos ou servizos a través do comercio electrónico, situándose no 31,7%, un 7,1% máis que o ano anterior. O peso das vendas a través do comercio electrónico sobre as totais increméntase nun 10,4% ata acadar un peso do 58,2%.

Conectividade

Nesta edición do informe sobre a Sociedade da Información nas Empresas TIC de Galicia, destaca o incremento nas velocidades de conexión a internet, xa que a porcentaxe de empresas TIC que conta con conexións de 100 Mbps supera o 76%, case un 15% máis que o ano anterior. Con respecto á tecnoloxía de acceso a Internet máis contratada polas TIC galegas, destaca a fibra óptica (54,6%), que experimenta un incremento do 17,7% no último ano.

Ciberseguridade

O 26,9% das empresas galegas dedicadas ás TIC sufriu un incidente de seguridade durante o ano anterior. Os intentos de estafa e os ataques de virus foron os incidentes máis frecuentes entre as empresas que tiveron problemas coa ciberseguridade. O primeiro (intentos de estafa) creceu en 8 puntos porcentuais no último ano, substituíndo aos virus como incidente máis frecuente.

Xestión empresarial e presenza en Internet

A interacción coas Administracións Públicas a través de Internet continúa a súa tendencia de crecemento, situándose no 82,9%, 4,6 puntos porcentuais máis que en 2019. O uso da sinatura dixital acada o 69,6% das empresas TIC galegas.

Durante 2020 subiu lixeiramente a dispoñibilidade de páxina web entre as empresas do sector ata acadar o 79%. O uso de redes sociais por parte das empresas TIC galegas, acada o 42,7% en 2020. A realización de accións de marketing é a principal motivación para o uso das redes sociais.

Actividades de I+D+i e Formación

Máis dun terzo das empresas TIC galegas (33,7%) levaron a cabo actividades de I+D+i durante os 3 últimos anos, aumentando lixeiramente a porcentaxe respecto aos datos da edición anterior (33,2%). Entre estas empresas TIC, o 68,3% obtiveron resultados comercializables.

Con respecto á formación, o informe sinala que case unha de cada tres empresas TIC galegas impartiu formación en novas tecnoloxías da información e comunicación ao seu cadro de persoal (31,7%), un 6,4% máis que o ano anterior. No 2020, a temática de maior interese formativo é a de “Seguridade informática e protección de datos” (49,7%) desbancando do primeiro posto a “Tecnoloxías Cloud e modelos de negocios baseados en Cloud” (40,7%).

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal.

29/01/202112:13
Persoa usando un portátil.
Boiro

A aula CeMIT de Boiro segue activa en febreiro con tres cursos telemáticos sobre as utilidades do dixital

A aula CeMIT do Concello de Boiro vén con novidades formativas para este arrinque de ano, no que, segundo confirmou o Concello, vaise manter a actividade con tres cursos telemáticos para o mes de febreiro, cursos sobre as diversas utilidades das novas tecnoloxías para o noso día a día persoal, laboral e de interacción coas administracións. Impartiranse en formato online para garantir a seguridade sanitaria das persoas participantes.

O primeiro dos cursos que se vai desenvolver é o de retoque de imaxes coa aplicación libre GIMP, que será os días 2, 3, 4, 8 e 9 de febreiro en horario de 10.00 a 12.00 horas. Os días 8 e 9 de febreiro, en horario de 12.00 a 13.00 horas, vanse levar a cabo unhas xornadas formativas en trámites electrónicos. Os días 22, 23, 24 e 25 de febreiro vaise impartir formación sobre trámites electrónicos e Administración Electrónica en horario de 10.00 a 12.00 horas. O Concello de Boiro aposta pola formación en competencias dixitais, adaptada ao momento actual no que os trámites telemáticos son cada vez máis habituais. Toda a información e inscricións aos cursos na aula CeMIT de Boiro, a través do teléfono do Centro Social de Boiro, 981 84 26 35, o móbil 629 769 139, ou o enderezo electrónico axentetic@boiro.org.

28/01/202118:00
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O CPEIG e a Consellería de Cultura convocan a quinta edición do concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos

  • O obxecto é que os estudantes tomen conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos
  • Está dirixido a alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria e de 1º a 4º de ESO que poderán presentar os seus traballos ata o 28 de febreiro

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Xunta de Galicia convocan o V Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos no Día Europeo da Protección de Datos, que se celebra hoxe xoves, 28 de xaneiro. Está dirixido a nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria e alumnos e alumnos de 1º a 4º de ESO. 

Ambas as dúas institucións consideran de moita importancia que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade. Sinalan que actualmente cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos.

Os estudantes poderán presentar ao certame diversos xéneros literarios como o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación), conto ou relato curto, todos obras inéditas escritas en lingua galega. Estes traballos deberán responder a preguntas como “Que é para ti a protección de datos, como afecta no teu día a día?, como podo protexer os meus datos?”. Os textos de referencia serán o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (http://www.edu.xunta.gal/portal/Educonvives.gal) e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos (www.agpd.es).

Os traballos deberán presentarse en formato dixital en PDF, cunha extensión de entre 1.000 e 2.000 palabras para as categorías de 1º e 2º de ESO e 3º e 4º de ESO, e de entre 800 e 1.000 palabras para a categoría de 5º e 6º de Primaria. Cada concursante poderá presentar ao certame cantos traballos desexe. O prazo para presentalos estará aberto ata as 15:00 horas do 28 de febreiro.

Haberá un premio para a categoría de 5º e 6º de primaria, outro para a categoría de 1º e 2º de ESO e outro para a categoría 3º e 4º de ESO, que consiste nunha tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Ademais, aquel centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización. 

O fallo do xurado, composto por membros nomeados polas entidades convocantes, darase a coñecer no mes de marzo. Pódense consultar as bases da convocatoria nas páxinas web das institucións convocantes (http://www.cpeig.gal e http://www.edu.xunta.gal/portal/).

28/01/202111:29
Edificio do CITIC.
A Coruña

Investigadoras do CITIC imparten unha nova edición do curso sobre tecnoloxías e diversidade funcional

As investigadoras do CITIC (Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña) Betania Groba, Laura Nieto e Thais Pousada, xunto ao subdirector Javier Pereira, impartirán un ano máis o curso online masivo (MOOC polas súas siglas en inglés) Tecnoloxías para a participación activa na diversidade funcional, que se celebrará a partir do vindeiro 15 de marzo. Este curso aberto é acollido pola plataforma MiríadaX e a súa inscrición é libre e gratuíta.

Segundo informa o CITIC, o MOOC pretende ofrecer unha perspectiva práctica e completa sobre as características, funcionamento e potencialidades de diferentes produtos de apoio, programas, aplicacións móbiles, software de programación e robótica. Ten como principal obxectivo “conseguir que as e os participantes adquiran coñecementos básicos sobre diferentes recursos para a promoción da autonomía e a participación das persoas con diversidade funcional”. O curso ten unha duración estimada de 16 horas, repartidas en 4 semanas nas que se impartirán 4 módulos. O tempo de dedicación estará ocupado pola lectura e visualización dos materiais básicos de formación, a realización das actividades propostas e a participación en foros. Quen desexe máis información pode consultar a plataforma MiríadaX.

27/01/202108:36
Gráfico cos datos de estudos de persoas con discapacidade.
Madrid

As mulleres con discapacidade contan cun nivel formativo superior ao dos homes do colectivo

En España, o 20,2% das mulleres con discapacidade son graduadas, fronte ao 14,4 dos homes, segundo os datos recollidos por Odismet, o Observatorio sobre Discapacidade e Mercado de Traballo, da Fundación ONCE (https://www.odismet.es/).

 

E aínda que o nivel formativo non garanta a igualdade, canto maior é o das persoas con discapacidade, máis se reducen as distancias coa poboación xeral no que aos principais indicadores de emprego se refire. No noso país, o 29,1 % das persoas con discapacidade que están ocupadas contan con estudos superiores, fronte ao 44,3 % das persoas sen discapacidade con igual formación. E neste contexto, as mulleres con discapacidade sitúanse por riba dos cocientes alcanzados polos homes do colectivo. Os datos revelan que, das persoas con estudos superiores ocupadas, o 51,5% son mulleres (o 48,5% son homes).

 

Esta información provén da actualización máis recente do emprego das persoas con discapacidade publicada polo INE o pasado mes de decembro que tamén reflicte que o 8,9 por cento das persoas con discapacidade con estudos primarios atópase traballando, fronte ao 4,9 por cento do resto da poboación co mesmo grao de formación.

 

Con todo, aínda resultan significativas as distancias existentes entre a poboación con e sen discapacidade en España. En canto aos graduados entre a poboación sen limitacións para a actividade alcanza o 36,4%, máis do dobre que entre as persoas con discapacidade (16,9%). Igualmente, o cociente de persoas sen formación apenas representa o 0,4% (fronte ao 4,5% para o colectivo). A redución desta fenda require concienciar da relevancia da educación, poñer de manifesto as vantaxes que ofrece de cara ao emprego. Trátase dunha tarefa complicada, especialmente cando o abandono escolar entre as persoas con discapacidade case duplica o da poboación sen discapacidade (43,2 fronte ao 25,2%) e a porcentaxe de persoas cursando algún tipo de formación na actualidade é do 7,9% para a colectiva fronte ao 19,7% da poboación sen discapacidade.

 

As persoas con discapacidade de entre 16 e 24 anos que cursa estudos é dun 56 por cento fronte ao 70, 9 por cento do resto da poboación que se atopa nesta situación. Na franxa de 25 a 44 anos as porcentaxes son do 10,2 por cento (15,1 en persoas con discapacidade), mentres que en idades comprendidas entre 45 e 64 anos descenden a un 3,6 fronte ao 7,2 por cento.

 

O acceso á formación entre o colectivo, vese condicionado por diversas variables. Inicialmente, o tipo de discapacidade parece influír de forma notable; aqueles con discapacidades de tipo físico ou sensorial (visual ou auditiva) obteñen maiores niveis formativos que os que presentan unha discapacidade de tipo intelectual, onde a porcentaxe de universitarios é case inexistente.

 

Tamén a zona de residencia, subordina os niveis de formación. Segundo os datos publicados polo INE, nas grandes áreas urbanas o nivel de universitarios é do 20,2%, fronte ao 11,8% rexistrado en zonas rurais.

 

O grao de discapacidade tamén establece diferenzas importantes e en liñas xerais a relación existente é a maior porcentaxe de discapacidade menor nivel formativo. Por último, con respecto á evolución, a tendencia é claramente positiva: descenso da porcentaxe de persoas sen estudos e incremento de universitarios entre o colectivo.

ODISMET

Odismet, o Observatorio sobre Discapacidade e Mercado de Traballo, da Fundación ONCE (http://www.odismet.es/), confórmase como referente para a difusión de información sobre persoas con discapacidade e a súa relación co emprego.

 

O observatorio nútrese das máis prestixiosas fontes de análises e achega fiabilidade e actualización constante da información. Opera sobre case cen indicadores que permiten o desenvolvemento de consultas a medida adaptadas ás necesidades dos usuarios. Clasifica e segmenta a información procurando unha óptima xestión do coñecemento e desenvolve análises evolutivas que facilitan a comprensión e o comportamento dos indicadores analizados.

 

Así mesmo, Odismet xera comparativas que permiten identificar e evidenciar situacións desventaxosas ou discriminatorias e garante a accesibilidade á información a través de descargas en distintos formatos, facendo uso de distintas ferramentas e ofrecendo flexibilidade e axuste para todos os públicos interesados, porque xerar o maior impacto posible é un obxectivo prioritario do observatorio.

 

Odismet enmárcase nos programas operativos de Inclusión Social e da Economía Social (Poises) e de Emprego Xuvenil (POEJ), que está a desenvolver a Fundación ONCE a través de Inserta, coa cofinanciación do Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil, para incrementar a formación e o emprego das persoas con discapacidade.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS