
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta está a traballar na posta en marcha dun Plan de mellora da eficiencia e da calidade dos servizos públicos baseado na simplificación dos procedementos administrativos.
O obxectivo é "facilitar a implantación de iniciativas empresariais, axilizar os prazos e crear un entorno máis favorable para afrontar a reconstrución económica”, dixo, recordando que ese é o propósito que guía a futura Lei de simplificación administrativa e reactivación económica, que se está a tramitar no Parlamento, coa previsión de que se aprobe neste mes de febreiro.
Durante a clausura do acto de presentación da Estratexia Galicia Dixital 2030, Feijóo subliñou que esta iniciativa ten como finalidade implantar uns servizos públicos acordes ao século XXI, impulsar un marco xurídico adaptado á nova realidade; e aplicar as tecnoloxías disruptivas que terán un maior impacto na economía.
Nesa liña, subliñou que os 7 eixos da estratexia se desenvolverán a través de 20 programas, incluíndo iniciativas que faciliten: o desenvolvemento dun goberno e unha administración intelixente; unha sociedade dixital e inclusiva; o desenvolvemento das competencias tecnolóxicas entre a poboación e tamén no ámbito educativo; e un entorno dixital para saúde e benestar.
Apostarase, tamén, por un territorio intelixente, verde e resiliente, con plans de dixitalización no mar, no rural, así como a xestión intelixente do territorio con mecanismos áxiles de vixilancia e detección temperá de risco; a aposta por unha conectividade avanzada do territorio, que inclúa programas de infraestruturas dixitais e o fomento do transporte sostible; por unha cultura e un turismo na nova realidade, co impulso á Memoria dixital de Galicia e á conservación do noso patrimonio; e por unha economía dixital e sostible, no que se transformará o Servizo Público de Emprego e se fomentará a transición dixital para industria e empresas.
Así mesmo, como eixo transversal, impulsarase a promoción do talento e do emprendemento dixital e a proxección exterior do sector TIC. Non en van, este medrou na Comunidade máis dun 13% desde 2014, chegando a superar as 3.600 empresas, e conta con máis de 24.400 traballadores.
Para traballar en todas estas liñas, Feijóo aseverou que esta estratexia establece unha serie de metas a cumprir na fronteira do 2025, entre as que destacou que o 100% da poboación teña cobertura de Internet de máis de 100 Megabits por segundo (Mbps); que o 70% da poboación teña competencias dixitais básicas; incrementar en 25 puntos o número de persoas que compran a través de comercio dixital, pasando do 50% do 2019 ao 75%; e que a metade das empresas de máis de 10 empregados vendan por Internet.
“E estamos tamén a falar dunha estratexia que servirá para dar un pulo ás novas actividades ligadas ao dixital”, engadiu, referíndose a outros obxectivos como: que o 25% das empresas e o 50% das administracións empreguen tecnoloxías como a Intelixencia Artificial, Big Data, ou Ciberseguridade; ou a que o 20% das empresas conten con persoal especializado neses campos.
Unha mobilización público-privada de máis de 4.000 millóns de euros ata 2027
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta aseverou que todo iso non sería posible sen unha cantidade de recursos á altura deste reto. Así, esta estratexia suporá o maior investimento dixital da historia de Galicia, cunha mobilización público-privada de máis de 4.000 millóns de euros ata 2027.
Serán 2.450 millóns entre fondos da Xunta e os instrumentos de financiación europeos -Next Generation e marco financeiro 2021-2027-, que xerarán un efecto panca para mobilizar máis de 1.600 millóns da iniciativa privada, calculando que “cada euro público terá un retorno de 1,42 euros e iso suporá un impacto na riqueza de Galicia de 3.500 millóns de euros”, aseverou Feijóo.
E ademais, hai que ter en conta outras implicacións importantes que conleva esta aposta como a redución do consumo de papel en máis de 4.100 toneladas; a diminución das toneladas de CO2 emitidas á atmosfera en máis de 94.000; ou un aforro de custos á cidadanía de máis de 27 millóns, grazas á redución de cargas administrativas.
Por último, e de cara a un uso seguro e adaptado á nosa sociedade, a Comunidade elaborará un Código Ético de referencia, para garantir unha dixitalización responsable.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), con motivo do Día da Internet Segura que se celebra mañá martes, ofrece unha serie de recomendacións para evitar o acceso dos menores de idade a contido inadecuado en internet e procurar un uso seguro da rede, dirixidas a pais, nais, titores ou entidades educativas, así como á industria de contidos dixitais.
Coa pandemia provocada pola covid-19, onde están limitadas as interaccións sociais, os nenos e adolescentes pasan máis tempo do habitual conectados á rede, e en moitas ocasións sen supervisión dun adulto. Por este motivo, o CPEIG explica as ferramentas existentes para tratar de evitar a exposición dos menores a este tipo de contidos.
Neste mundo hiperconectado, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, sinala que os menores teñen acceso a todo tipo de dispositivos intelixentes, cada vez a idades máis temperás. “Corren o risco de ver imaxes ou vídeos de contido sexual ou violento, con linguaxe impropia, e estar expostos a modas perigosas para a súa saúde e a todo tipo de informacións falsas” –indica–. Como consecuencia destas prácticas, os pequenos poden presentar danos psicolóxicos ou ter conductas perigosas.
Opcións para impedir o acceso dos menores a este tipo de contido:
Se se opta por usar un control parental, o Colexio profesional recomenda buscar información sobre o tratamento de datos destas aplicacións. Pero como estes mecanismos non son infalibles, o CPEIG aconsella a pais e nais informar aos menores sobre os riscos destas prácticas para a súa privacidade e seguridade, ademais de limitar o tempo de uso dos dispositivos. “Os controis parentais son unha axuda pero nunca deben substituír á educación dos pais e nais na casa” –lembra Fernando Suárez–.
Obriga de protexer a súa intimidade e velar pola seguridade dos máis pequenos
Outra cuestión que deben ter en conta os proxenitores é o tema de subir imaxes dos fillos menores de idade á rede, unha práctica denominada shareting non exenta de riscos e que deber ser meditada previamente. Fernando Suárez destaca que é comprensible que os pais queiran compartir con outras persoas fotografías dos seus fillos por “ilusión, alegría ou mesmo orgullo”, pero incide en que debe facerse sempre de forma responsable protexendo a intimidade e seguridade dos pequenos. “Os pais e nais teñen a responsabilidade na educación tecnolóxica dos seus fillos, polo que é moi importante que eles mesmos sexan exemplo no uso de imaxes nas redes sociais” –argumenta–.
Tamén nestes meses de pandemia proliferou esta práctica de compartir nas redes sociais imaxes familiares dos menores, xa que as relacións sociais establecéronse a través das tecnoloxías polas restricións de confinamento e mobilidade.
Para facer un shareting responsable, Fernando Suárez explica que os pais e nais deben ter en conta que existen outras formas máis seguras para compartir imaxes elixindo a plataforma axeitada. Subliña que cando se comparte unha imaxe transfírese á rede máis información da que se aprecia a simple vista, xa que pode conter detalles para a xeolocalización.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou esta mañá a importancia que ten no actual contexto de pandemia aproveitar as vantaxes das novas tecnoloxías para que as persoas maiores teñan a oportunidade de seguir aprendendo, manterse activas e relacionarse. Así o sinalou na presentación da nova programación de obradoiros virtuais en liña para este colectivo que impulsan a Xunta de Galicia e a Fundación "la Caixa", na que tamén participou o subdirector xeral da entidade, Marc Simón.
Fabiola García explicou que esta iniciativa busca axudar aos maiores, que son os que están a pasar unha inquedanza maior, a manter o optimismo e a seguir amosándolles que a sociedade galega está ao seu carón. Neste caso, a programación está aberta a todas as persoas maiores de 60 anos, estivesen ou non a participar nas actividades presenciais que habitualmente se programan nos centros. Todos os obradoiros son, ademais, gratuítos.
A conselleira apuntou que un dos obxectivos desta proposta é axudar a que os nosos maiores manteñan o seu benestar físico e emocional nun momento tan complicado como o que estamos a vivir. Ante unha situación que se está a prolongar máis do que debería, sinalou a titular de Política Social, todos temos que adaptarnos e desenvolver novas iniciativas que nos permitan superar as limitacións que impón a pandemia e lograr que os maiores se sintan acompañados.
Actividades
O programa inclúe actividades centradas no mantemento e mellora da saúde, o fomento do desenvolvemento persoal, a mellora das competencias dixitais e a promoción da lectura. O período de inscrición estará aberto do 15 ao 19 de febreiro, cunha solicitude máxima de tres itinerarios por trimestre e por persoa; e prevese que os obradoiros comecen a partir do vindeiro mes de marzo.
Os únicos requisitos para anotarse é contar cun dispositivo electrónico que teña conexión a internet e cámara incorporada, e unha dirección de correo electrónico. As inscricións realizaranse a través do número de teléfono 900 293 716, de luns a venres, de 10 a 18 horas.
A Asociación Compostela Monumental comezou o ano cun completo paquete de actividades formativas para impulsar o emprego e fortalecer o tecido comercial e económica do concello. O programa de cursos, moitos deles tecnolóxicos, levarase a cabo ao longo de todo este mes de febreiro. Son un total de 28 accións para autónomos e traballadores na modalidade de teleformación.
O obxectivo é ir “formando ás persoas autónomas e aos seus traballadores nun momento moi delicado por mor da COVID-19 e os distintos peches perimetrais que ordenaron as distintas administracións”. Os cursos, de distintas temáticas de interese para varios gremios e sectores comerciais e empresariais, levaranse a cabo na modalidade online para “evitar calquera tipo de risco de contaxio e ao mesmo tempo facilitar, tanto aos autónomos como aos seus traballadores unha fórmula que lles permita adquirir os coñecementos que consideren oportunos e dun modo compatible co seu quefacer cotián”.
Para poder apuntarse aos distintos cursos, deberá facerse a través da web de APE Galicia, onde se poderá seleccionar o que se estime oportuno.
Estes son os cursos de febreiro:
A Concellaría de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico de Ponteareas informou do inminente comezo dunha nova serie de novos cursos na aula CeMIT, emprazada no Centro Social na rúa Oriente, desde onde se vai a seguir ofrecendo, as vindeiras semanas, formación informática totalmente de balde e para todas as idades e niveis de coñecemento.
Debido ás circunstancias actuais, a aula CeMIT abre o prazo de inscrición para os seguintes cursos que comezarán a impartirse neste mes de xeito non presencial:
O alumnado contará con titorías online e offline por correo electrónico e en liña segundo cita previa no horario de atención do aula todos os días de 9 a 11 horas e os mércores de 21:30 a 22:30h.
Para realizar a inscrición as persoas interesadas deberán contactar a través de chamada ou de mensaxe de Whatsapp no número de teléfono 634 238 962. Ademais poderán comunicarse coa aula CeMIT de Ponteareas a través do enderezo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal. O concelleiro de Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, anima á veciñanza a contactar coa aula CeMIT e trasladarlle as súas necesidades formativas para “deseñar de xeito participativo os vindeiros cursos e adaptalos o máximo posible e optimizar así moito máis este servizo público ofrecido totalmente de balde”.