
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Universidade de Santiago vai festexar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, este 11 de febreiro, cun “nutrido programa de actividades” que porán o foco na Rede e en mostrar a traxectoria de científicas e tecnólogas que se atopan en diversos intres da súa carreira. A mesa De nenas a investigadoras: o camiño da ciencia busca achegar as experiencias de investigadoras de diferente perfil e etapa profesional na USC, co obxectivo de promover vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre as rapazas novas. Esta actividade terá lugar en liña a partir das 10.00 horas do próximo 11 de febreiro. As inscricións poden formalizarse online.
Investigadoras en fase predoutoral, posdoutoral, xefas de grupo e directivas dos catro centros singulares da USC contarán as claves, anécdotas e logros das súas traxectorias, a fin de espertar a chamada da ciencia en nenas e mozas que decidan orientar a súa formación cara a diferentes ámbitos da ciencia. Moderada pola responsábel de comunicación do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), Elena Mora, a mesa de debate contará coa participación de Paula López, directora adxunta do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS); María Jiménez, investigadora principal do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS); Catarina Allegue Toscano, investigadora posdoutoral do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS); e María José Gómez, investigadora predoutoral do IGFAE. A dimensión de xénero dende unha óptica europea centrará a xornada que a Oficina de Igualdade de Xénero da USC impulsa este 11 de febreiro.
A sesión, que se desenvolverá en formato virtual a través de Teams, será inaugurada a partir das 17.10 horas pola vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo. No acto inaugural tamén tomarán parte Susana López Abella, secretaria Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia; e Ana Jesús López Díaz, presidenta da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia (AMIT-Gal). Moderada pola profesora Alba Alonso Álvarez, a continuación desenvolverase a táboa redonda Dimensión de xénero en Horizonte Europa coa participación de Lina Gálvez Muñoz, eurodeputada-vicepresidenta da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía; Elena Domínguez Cañas, vicepresidenta de Relacións Internacionais do CSIC; e Lorena Fernández Álvarez, directora de Identidade Dixital da Universidade de Deusto.
A Universidade de Vigo vai celebrar con actividades online o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se conmemora este día 11 de febreiro. Así, os tradicionais obradoiros de Elas Fan CienTec, nos que cento de rapazas se achegaban aos laboratorios do campus de Vigo, pasarán a celebrarse virtualmente, ao igual que as charlas divulgativas que se viñan organizando dentro da Iniciativa 11F en centros educativos de toda Galicia e as actividades do Centro de Investigación Mariña (CIM).
Por outra banda, a feira de Exxperimenta en Feminino non se poderá levar a cabo, pero as organizadoras optaron por ofrecer unha páxina web na “que estarán a disposición da sociedade contidos divulgativos sobre mulleres importantes da historia da man de investigadoras do Campus de Ourense”, indicaron. Todo o paquete previsto de actividades, que as docentes e investigadoras da UVigo organizan co gallo do 11-F, buscan dar visibilidade ao traballo das mulleres nestes eidos, amosar ás mozas de Secundaria exemplos de mulleres que desenvolven súa traxectoria profesional no eido da ciencia e a enxeñaría e espertar vocacións nestes campos, “especialmente masculinizados”.
Elas Fan CienTec e charlas divulgativas
Elas Fan CienTec é un programa de obradoiros científicos e tecnolóxicos para rapazas de secundaria que, nesta ocasión, contará con preto de 80 nenas de catro centros educativos da provincia de Pontevedra (IES Val Miñor, IES Rosais II, Colexio Plurilingüe Alborada e IES A Cañiza). Da man de docentes e investigadoras da Universidade de Vigo coñecerán as liñas de investigación e os laboratorios do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio), a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e a Escola de Enxeñería Industrial. De xeito paralelo, ao longo de todo o mes de febreiro, un total de 32 investigadoras e un investigador da Universidade de Vigo ofrecerán a 34 centros educativos de toda Galicia 70 charlas virtuais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Estas enmárcanse na Iniciativa 11 de febreiro, que se organiza a nivel nacional con motivo desta efeméride. Todas estas actividades contan co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo na súa xestión.
11-F no CIM
Outro dos centros que se une á celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia é o Centro de Investigación Mariña (CIM), que organiza actividades en liña para alumnado de secundaria, tanto rapaces como rapazas, de diferentes centros educativos de toda Galicia. O programa desenvolverase o día 12 e contará, por unha banda, coa Asociación Faraxa, que reflexionará sobre a necesidade do 11-F e, por outra, coa directora da Área de Investigación da UVigo, Ana Bernabeu, que presentará os indicadores de igualdade na institución educativa e no CIM e explicará a súa experiencia persoal.
V Concurso de Creación Artística
Tamén o día 11 de febreiro daranse a coñecer as e os gañadores do V Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, convocado pola Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. Nel convidábase ao alumnado de Primaria e ESO da provincia de Ourense a presentar traballos visuais ou literarios sobre as mulleres na ciencia e na enxeñaría ou nas tecnoloxías TIC. Nas anteriores edicións, estes premios entregáronse durante a celebración nestas datas da feira divulgativa Exxperimenta en Feminino, pero debido á pandemia este ano tivo que anularse a súa celebración, polo que a entrega dos galardóns do concurso queda aprazada ata que a situación sanitaria o permita.
O próximo mes de marzo cúmprese un ano desde que a Fundación ONCE, a Fundación CEOE e a Conferencia de Consellos Sociais das universidades españolas asinaron un convenio para impulsar a presenza de mulleres con discapacidade en empresas tecnolóxicas. No marco dese acordo lanzouse o programa RADIA, un plan que forma a cincuenta mulleres con discapacidade para desenvolver a súa carreira profesional no sector dixital. Coincidindo co 'Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia', que se celebra o próximo 11 de febreiro, as tres entidades enxalzaron a aposta por este proxecto.
En total foron medio cento de mulleres con discapacidade as seleccionadas despois dun laborioso proceso, ao que optaron 126 persoas. O 36% eran mulleres con discapacidade física e con idades comprendidas entre os 20 e os 29 anos (52%). A maioría delas (72%) non procedían de carreiras STEM.
O proceso formativo está dividido en tres fases sobre os asuntos máis candentes da transformación dixital, como intelixencia artificial, fintech, esport, ecommerce, ciberseguridade, biotecnoloxía, blockchain ou Green tech. Ademais, estas mulleres contan con tutela e formación inspiradora da man de mentores de diferentes empresas e prácticas en empresas tecnolóxicas.
A primeira fase, Brain Storm, comezou o 22 de setembro. A fase Mentor Women, que acaba de poñerse en marcha, desenvolverase ao longo de 12 semanas e nelas as bolseiras coñecerán os contextos reais do ámbito tecnolóxico da man de profesionais que traballan no ámbito dixital e mostraranlles o seu día a día, coa finalidade de ensinalas, inspiralas e empoderarlas.
Na última fase, denominada Real Work, as seleccionadas recibirán unha formación dixital en 100 sesións de 4 horas e estarán apoiadas por profesionais para realizar prácticas nas empresas seleccionadas. Está previsto que finalice o 30 de xuño de 2021.
Programa Radia
A historia de Radia Perlman inspirou o nome do programa RADIA WOMEN'S DIGITAL INCLUSION. Radia é a creadora dun dos protocolos de comunicación máis utilizados do mundo que fai que as redes funcionen correctamente, sexan estables, robustas e seguras.
Nacións Unidas alerta de que a fenda de xénero nos sectores da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas (STEM) persiste desde hai anos en todo o mundo. Na actualidade, menos do 30 por cento dos investigadores en todo o mundo son mulleres segundo a UNESCO.
Actualmente, só un de cada seis especialistas TIC incorporados ao mercado laboral é unha muller. A este dato únese ademais a circunstancia da discapacidade, que dificulta a inclusión das mulleres con discapacidade no ámbito da educación superior e o emprego. Por iso o propósito do programa é ofrecer formación e emprego que inclúa a máis mulleres con discapacidade no sector dixital, recoñecendo tanto o valor das súas contribucións, como o seu talento, algo esencial para construír unha sociedade dixital inclusiva, competitiva e dinámica.
Desde esta perspectiva, RADIA establece unha serie de pasos encamiñados a aumentar o número de universitarias con discapacidade sentadas en postos de traballo baseados no manexo de tecnoloxía dixital.
O Concello de Brión convocou dous cursos de informática en liña, de Word e Excel, e seis obradoiros dixitais para os meses marzo e abril, unha cifra que representa o dobre dos talleres tecnolóxicos achegados na convocatoria previa.
O Goberno de Brión sinalou que en todos os casos as inscricións poderán realizarse ata unha semana antes do inicio do curso na aula CeMIT ben por teléfono, 981 50 99 08 (martes e xoves, de 10:00 a 13:00 horas) ben a través da conta de correo cemit.brion@outlook.com (achegando datos persoais e nome do curso ou do obradoiro).
Os dous cursos básicos de manexo dos programas Word e Excel terán unha duración de 40 horas e un prezo de 50 euros cada un. O Concello explicou que “por mor das restricións da COVID-19” este ano os cursos celebraranse en liña, durante os meses de marzo e abril, con titorías por vídeo-conferencia. Darase a posibilidade de obter un certificado do curso previa superación dun exame. No que atinxe aos obradoiros dixitais, a “boa resposta da veciñanza durante o ano 2020” fixo que o Concello de Brión optase por duplicar esta oferta formativa gratuíta. Trátase de pequenos obradoiros para aprender o manexo de tecnoloxías e programas moi concretos: certificado dixital, zoom, seguridade social, sede electrónica, SEPE e Chave365. A duración é de 2 horas por obradoiro, que contará con titorías por vídeo-conferencia os martes e xoves, previa solicitude da mesma por correo electrónico.
Este xoves, 11 de febreiro celebrarase unha xornada de divulgación para os colexios e institutos de Galicia, co fin de celebrar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. O evento será ás 12.00 horas vía streaming e contará con máis de 3.000 alumnos e alumnas.
A acción está promovida polo Concello de Santiago, a través do CEXTEC e Talentia Summit e está destinada a alentar ós estudantes de entre 9 e 16 anos con información e referentes para seguir a súa formación no ámbito da ramas científica ou STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática, polas súas siglas en inglés). Cabe mencionar que este día tamén é importante para asumir o compromiso e poñer fin ao desequilibrio de xénero nestas disciplinas. De feito, o evento combinará as testemuñas e presentacións de mulleres científicas galegas relevantes no eido das STEM, con divertidos experimentos científicos. O prazo de inscrición para participar na iniciativa continúa aberto. A xornada será emitida de forma simultánea para todos os centros de ensinanza galegos que realicen o rexistro a través da web de Talentia.