main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

23/02/202107:38
Portátil e rato.
A Coruña

A Cámara da Coruña brinda unha manchea de cursos tecnolóxicos para mozos e maiores de 45 anos

Cámara de Comercio da Coruña abriu o prazo de solicitudes para participar nos 125 cursos de formación que deseñou para complementar a formación de mozos, por unha banda, e de persoas maiores de 45 anos, pola outra, ao longo do primeiro semestre de 2021. Boa parte dos ditos cursos son iniciativas para facer avanzar á cidadanía en empregabilidade e capacitación tecnolóxica.

En primeiro lugar, a entidade programou 112 cursos, subvencionados ao cen por cen, que se impartirán nas modalidades online e presencial e que están dirixidos a mozos inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e no Programa Integrado de Cualificación e Emprego (PICE) da Cámara.

As persoas interesadas poden cursar nesta modalidade online cursos sobre inglés, emerxencias sanitarias, xestión de residuos industriais, mercadotecnia dixital, formación de formadores, desenvolvemento de aplicacións 3D, AutoCAD 3D, linguaxe XML, mecanizado ou negociación de contratación internacional, entre unha extensa oferta.

A programación presencial inclúe, pola súa banda, cursos de dixitalización de negocios, deseño 3D, vixiante de seguridade, persoal de tenda e ecommerce, fotografía, repostaría, xeadaría e panadaría ou Excel para pequenas e medianas empresas e operacións financeiras, entre outros.

Todas as actividades previstas inclúen formación orientada á procura de emprego, como participar en procesos de selección, mellorar as habilidades persoais e sociais e a utilización de Internet. Algúns deles, como o de Auxiliar de Reposición e Venda en Gran Superficie contan con prácticas en empresas con posibilidade de incorporación á mesma ao seu termo. Pola súa banda, o novo programa Emprego 45+ que a Cámara ofrece con carácter gratuíto a persoas de entre 45 e 60 anos en situación de desemprego, inclúe formación e asesoramento para mellorar as súas posibilidades de volver incorporarse ao mercado laboral. O obxectivo é “colaborar na mellora da empregabilidade deste colectivo e, en esencia, ofrecerlles un servizo de acompañamento activo que lles axude a identificar novas oportunidades laborais”. Tras coñecer de primeira man o perfil dos participantes, especialmente no relativo ao nivel de competencias dixitais, os profesionais da Cámara deseñarán o itinerario a seguir e as accións máis axeitadas para cada perfil. “A mellora das competencias dixitais será o paso seguinte no percorrido do programa, mediante accións formativas adaptadas ás necesidades de cada participante”, explicaron fontes da Cámara, engadindo que os contidos dos 13 cursos programados abranguerán desde o uso de ferramentas dixitais para a elaboración e envío de currículos, até o dominio dos habituais paquetes ofimáticos, pasando polo manexo e monitoraxe das redes sociais, traballos na nube de Google Drive, community management, ferramentas de deseño, ou elaboración e xestión de webs.

15/02/202113:03
Mans tecleando.
Boiro

A aula CeMIT de Boiro achega en marzo unha manchea de cursos de formación online en ofimática

A aula CeMIT do Concello de Boiro mantén a súa actividade formativa durante o mes de marzo cunha nova oferta de cursos tecnolóxico-dixitais en modalidade online e poñendo o foco en iniciar á cidadanía nalgunhas das principais utilidades das novas ferramentas (para informarse, para comunicarse, para traballar para aumentar a súa empregabilidade). As inscricións e toda a información poden facerse a través do enderezo electrónico axentetic@boiro.org, o teléfono 981 84 26 35 ou 629 769 139.

As actividades formativas que se van impartir son as seguintes: Iniciación á informática, correo electrónico e Internet, que se vai impartir entre os días 1 e 4 de marzo, LibreOffice e Writer, que se desenvolve entre o 8 e o 11 de marzo, LibreOffice Calc, que se celebra do 15 ao 18 de marzo, LibreOffice Base, do 22 ao 25 de marzo, e LibreOffice Impress, do 29 ao 31 de marzo.

Toda a formación, co fin de garantir ao máximo a seguridade das e dos participantes, vaise impartir online.

15/02/202112:18
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Xunta contará cunha rede de telecomunicacións sen precedentes que permitirá dar resposta a todas as esixencias dunha administración integramente dixital

  • Todos os centros contarán con conexión por fibra óptica con velocidades simétricas de 1 Gbs, independentemente da súa localización rural ou urbana
  • Reforzarase a capacidade destas infraestruturas para potenciar as canles dixitais de cara aos cidadáns
  • Todos os centros educativos de infantil, primaria, secundaria, ciclos formativos e de educación especial contarán con conexións simétricas de fibra de 1Gbps facilitando os novos modelos de clases en liña nos centros educativos
  • A Administración terá a posibilidade de contratar conectividade móbil a unha tarifa especial de 500 Gbps ao mes por tan só 12,71 €/mes, co obxecto de poder facilitar a conectividade a alumnos de familias en situación de vulnerabilidade

A Xunta contará cunha rede de telecomunicacións sen precedentes que permitirá dar resposta a todas as esixencias dunha administración integramente dixital. Telefónica vén de gañar o primeiro lote do contrato da súa rede corporativa de telecomunicacións, que inclúe todas as liñas de comunicacións dos centros, o acceso a internet e a telefonía fixa por importe de 33 M€, con máis de 5,1 M€ de rebaixa sobre o importe de licitación. Desta forma, nas próximas semanas tamén se decidirá a adxudicación do segundo lote correspondente á telefonía móbil.

Reforzo da rede de datos

Isto supón un fito histórico na mellora de conectividade da rede corporativa da Xunta de Galicia, xa que o 100% dos centros disporán de fibra óptica con velocidades simétricas, de forma que contarán coas mellores tecnoloxías de conectividade existentes ata a data, tanto en canto á velocidade, como en fiabilidade e rendemento. Isto implicará que o operador faga unha enorme inversión en Galicia, achegando a tecnoloxía FTTH (fibra ata o fogar) a moitas poboacións onde era inviable contratar este tipo de servizos.

Ademais, 2.542 centros (94 % do total) contarán con, polo menos, 1 Gbps simétrico, o que incluirá a totalidade dos centros escolares, o que supoñerá un incremento de velocidade sen precedentes, especialmente na velocidade de subida, necesaria para a impartir clases en liña ou realizar videoconferencias. Tamén se inclúe un plan de mellora anual da velocidade de conexión para que o paso do tempo non poida supoñer unha limitación fronte ás melloras das tecnoloxías do futuro, podendo chegar a duplicar cada ano o ancho de banda das conexións FTTH ata 10 Gbps no 2024.

Estas melloras tamén permitirán potenciar as canles dixitais de cara aos cidadáns.Tamén cómpre destacar a mellora das liñas de respaldo, que son as que entran en funcionamento no caso de que se produza un corte na liña principal, que pasarán a dispoñer de 2.677 liñas de respaldo con velocidades de 350 Mbps ou superior, baseadas en tecnoloxías de fibra óptica e 5G, o que colateralmente supoñerá unha mellora de cobertura inalámbrica 5G en Galicia.

Para todos os casos nos que a liña de respaldo estea baseada en 5G, o operador poñerá á disposición da Xunta de Galicia unha terceira liña adicional para o tráfico de voz, de forma que, mesmo nas circunstancias máis adversas, estea garantido o servizo de telefonía IP (Protocolo de telefonía por Internet) dos centros. Esta mellora ofertada supón 1.333 liñas adicionais ao que solicita no concurso.

Melloras en telefonía fixa

En telefonía fixa renovaranse todas as centrais de telefonía da rede corporativa cunha capacidade de 120 chamadas por segundo, e que implicará unha renovación moi importante dos terminais telefónicos, pasando a contar co 100% das liñas con tecnoloxía IP. Isto será un salto cualitativo moi importante que permite unha maior flexibilidade e eficiencia. Todo o sistema de telefonía será completamente redundante activo-activo, o que significa que garante que non haxa corte de servizo en ningún momento.

Neste ámbito, contémplanse as ferramentas para o emprego dos teléfonos corporativos da Xunta de Galicia desde calquera localización.

O acceso a internet corporativa tamén se ve incrementado de forma moi importante, contando desde o inicio do contrato con equipamento que permitirá chegar ata os 100 Gbps no caso de que sexa necesario.

Novos servizos

Tamén cómpre destacar as prestacións do sistema de videoconferencias ofertado (para 58.500 usuarios), que permite organizar reunións de forma segura de ata 1.000 participantes e organizar seminarios web de ata 3.000 participantes, para todos os usuarios dos ámbitos educativo, corporativo e xustiza. Ademais, é compatible cos sistemas operativos de PC, tablets, smartphones, e tamén coa posibilidade de usar con equipos de videoconferencia de sala.

Inclúese a dotación dunha plataforma de streaming avanzado que posibilita a retransmisión de vídeos en directo, que é necesaria para accións de comunicación en liña.

Adicionalmente, a Xunta terá a posibilidade de contratar conectividade móbil a unha tarifa especial de 500 Gbps ao mes por tan só 12,71 €/mes, co obxecto de poder facilitar a conexión a alumnos de familias en situación de vulnerabilidade.

15/02/202111:48
Cartel da iniciativa.
Madrid

A Fundación ONCE amplía un mes a presentación de traballos aos Premios Discapnet ás tecnoloxías accesibles

  • Os proxectos poderán enviarse ata o 15 de marzo

A Fundación ONCE ampliou un mes o prazo de presentación de traballos á VI edición dos Premios Discapnet ás Tecnoloxías Accesibles, uns galardóns que recoñecen as mellores iniciativas e accións no campo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) aplicadas á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade, así como ás empresas, entidades ou organizacións que desenvolvesen un labor continuado no campo da accesibilidade tecnolóxica.

 

Con esta ampliación, os interesados en presentar traballos poden facelo ata o 15 de marzo de 2021 cubrindo o formulario correspondente á categoría á que concorran, dispoñible na dirección web: https://premios.discapnet.es.

 

Na súa VI edición, os premios introducen por primeira vez unha categoría dedicada ao medio de comunicación que máis destacase por difundir proxectos, produtos e servizos relacionados coas tecnoloxías accesibles.

 

Así, os galardóns estrutúranse en catro categorías: a primeira delas, a A, premiará ao mellor produto ou servizo que xa estea dispoñible e que se base en tecnoloxías para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade.

 

No apartado B, o galardón será para a persoa, empresa, entidade ou organización que máis destacase pola súa traxectoria continuada en materia de mellora da accesibilidade á tecnoloxía.

 

A categoría C recoñecerá ao mellor proxecto de emprendemento con impacto social para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade a través das TIC.

 

Finalmente, o novo apartado, o D, galardoará ao medio de comunicación 'que máis destacase por difundir cara á sociedade iniciativas, proxectos, produtos e servizos relacionados coas tecnoloxías accesibles'.

 

Como na edición anterior, a dotación dos premios será económica en todas as categorías. Así, os galardoados nos apartados A, B e D recibirán 5.000 euros, mentres que o traballo premiado no C contará con 15.000 euros. Neste último caso, o diñeiro haberá de destinarse integramente ao desenvolvemento do proxecto galardoado.

 

Ademais, a cada persoa ou entidade premiada entregaráselle unha obra orixinal 'dun prestixioso artista con discapacidade' designado por Fundación ONCE.

 

As bases completas da VI edición dos Premios Discapnet poden consultarse en https://premios.discapnet.es

12/02/202108:28
Dúas mozas facendo un experimento científico en Galiciencia.
Santiago de Compostela

Galiciencia celebrarase a finais de maio e porá o foco en visualizar o talento feminino

A Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) vén de confirmar que Galiciencia, evento referencial en España e Europa en materia científica e tecnolóxica, celebrará a súa 16 edición o vindeiro mes de maio (os días 26, 27 e 28). Será novamente en liña e, desta volta, a temática a tratar versará sobre A innovación Pos-COVID a través da revolución do talento.

O obxectivo será unha vez máis achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato, contribuíndo a espertar neles as vocacións científicas. Galiciencia conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN); e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).

No marco do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia (este xoves 11 de febreiro), o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, presentou a nova edición de Galiciencia, que, por segundo ano consecutivo, será online debido “ás restricións provocadas pola actual situación sanitaria”. Esta circunstancia, sinalou, “permite ampliala a todo o ámbito estatal, podendo chegar así a máis rapaces e rapazas interesados na ciencia, a innovación e a tecnoloxía”.

Durante a presentación, o conselleiro sinalou que “Galiciencia é talento, enxeño e creatividade”. E fixo fincapé na “ilusión que todos os anos amosan os rapaces e rapaces que participan na principal feria científica de Galicia”. Unha das principais novidades da Galiciencia 2021 é que haberá un premio especial para o mellor proxecto liderado por unha rapaza. O obxectivo desta iniciativa é contribuír á igualdade de xénero na contorna da I+D+i desde a etapa educativa, promovendo a participación e o liderado femininos nos proxectos científicos e tecnolóxicos. En canto á participación feminina nas diferentes edicións de Galiciencia, no relativo á elaboración e presentación de proxectos, os datos amosan unha tendencia á alza. Nos últimos tres anos obsérvase que a participación feminina supera á masculina, chegando a acadar o 60%.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS