main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

11/02/202115:00
Moza sostendo un modelo de molécula.
Santiago de Compostela

Declaración institucional no Día Internacional das Mulleres e das Nenas na Ciencia

A 81ª sesión plenaria da asemblea da Unesco, celebrada o 22 de decembro de 2015, aprobou a celebración deste día co obxectivo de promover a participación plena e en condicións de igualdade das mulleres e as nenas na educación, a capacitación, o emprego e os procesos de adopción de decisións na ciencia. Neste sentido, aposta por eliminar “toda forma de discriminación contra a muller, mesmo nas esferas da educación e o emprego (…) e promover o establecemento de políticas e plans de estudo no campo da ciencia, incluídos programas escolares, para alentar unha maior participación das mulleres e as nenas, promover as perspectivas de carreira de mulleres na ciencia e recoñecer os logros das mulleres neste ámbito”.

O Pleno da Unidade Muller e Ciencia, con motivo do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, realiza a seguinte declaración froito da unión e coordinación das diversas consellerías e personalidades expertas do mundo científico e tecnolóxico que están presentes, de cara á dar a coñecer á sociedade:

  • As mulleres e as nenas desempeñan un papel fundamental na ciencia e na tecnoloxía e a súa participación debe fortalecerse.
  • É necesario seguir visualizando e difundindo o traballo das nosas científicas e fomentar a vocación investigadora das nenas.
  • Imos continuar poñendo en valor o traballo das mulleres científicas, mostrándoas como referentes para as novas xeracións de mozas.
  • É preciso lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e as nenas no ámbito da tecnoloxía.
  • Imos continuar facendo fronte e loitando contra os prexuízos e os estereotipos de xénero na ciencia e na tecnoloxía que condicionan e limitan os estudos das nenas no seu futuro. O actual predominio das mulleres na Educación Superior segue marcado pola súa masiva presenza en determinadas ramas de coñecemento, especialmente nas Ciencias da Saúde, e a súa escasa presenza na rama máis técnica, enxeñerías e arquitectura. Esta diferenza na elección de ensinanzas condiciona e limita, en gran medida, a empregabilidade das mulleres no entorno produtivo actual, a súa carreira profesional e fai persistir diferenzas de ingresos e de rendas e fendas salariais.
  • Hai que seguir avanzando na incorporación efectiva dos criterios de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación para conseguir un verdadeiro cambio de paradigma no mundo científico que permita acadar resultados tanxibles e duradeiros, aproveitando tanto o talento das mulleres como dos homes.

Polo que é necesario seguir traballando para dinamizar e transformar o sistema de ciencia e tecnoloxía galego, a través da integración da perspectiva de xénero como estratexia de avance nun modelo de sociedade máis xusta e acorde coas necesidades da poboación.

É prioritario incrementar a presenza das mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico, pois unha maior presenza de mulleres na investigación contribuiría a enriquecer a actividade científica coa achega de novos temas e perspectivas.

Celebramos hoxe o Día Internacional das Mulleres e a Nena na Ciencia co compromiso de promover a participación plena e en condicións de igualdade das mulleres e as nenas na educación, o emprego e os procesos de adopción de decisións na ciencia, así como promover as perspectivas de carreira das mulleres na ciencia e recoñecer e visibilizar os logros das mulleres nesta disciplina.

11/02/202113:32
Presentación de Pontesat.
Ponteceso

A Xunta avanza a posta en marcha de novas actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas

  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá en Ponteceso na presentación do proxecto que un equipo do IES Eduardo Pondal presentará á fase rexional do certame CanSat da Axencia Espacial Europea (ESA)
  • A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación organiza en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade a fase autonómica do certame no marco do programa de vocacións do Polo Aeroespacial de Galicia
     

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá en Ponteceso na presentación do proxecto do equipo do IES Eduardo Pondal no certame CanSat, organizado pola Axencia Espacial Europea (ESA) e coordinado en Galicia pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través de Gain, e pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O concurso está dirixido a estudantes de entre 14 e 19 anos que deben realizar un mini satélite do tamaño dunha lata de refresco para levar a cabo dúas misións. O equipo Pontesat, formado por 4 alumnos e 2 alumnas do IES Eduardo Pondal de Ponteceso e titorizados por un alumno que participou na edición de 2020 do certame na que quedaron segundos, é un dos once equipos de nove centros educativos de toda Galicia que participan na fase autonómica do concurso. Está previsto que os lanzamentos para a selección do equipo gañador sexan entre o 6 e o 8 abril de 2021 no aeródromo de Rozas e o equipo gañador participará na competición nacional prevista para os días 23-25 de abril de 2021.

A Axencia Galega de Innovación participa no certame dentro do programa de fomento das vocacións no ámbito aeroespacial Voando alto, sumando vocacións, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia. O obxectivo deste programa é formar e atraer talento cara un sector con gran potencial de futuro, como o dos drons, polo que Galicia vén apostando dende 2015.

Novas actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas

Patricia Argerey aproveitou a visita ao centro de ensino, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, para anunciar novas actividades que o seu departamento pon en marcha co obxectivo de espertar as vocacións
científico-tecnolóxicas entre o alumnado.

No marco do programa D´tec de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas no ámbito do deseño, das tecnoloxías de Realidade Virtual e Aumentada, Materiais e Industria 4.0, lánzanse hoxe dúas novas actividades para desenvolver nas aulas dos centros educativos:
o proxecto escolar Creación de Mundos en Realidade Aumentada e Realidade Virtual, dirixido a estudantes dos últimos cursos de Educación Primaria (5º-6º), no que o alumnado se mergullará no funcionamento destas tecnoloxías e aprenderán a desenvolver os seus propios contidos de Realidade Virtual e Aumentada (Máis información e inscrición: https://www.cistecnoloxiaedeseno.gal/proxecto-escolar-creacion-de-mundos-ar-e-vr/) e o proxecto escolar Redeseñando o mundo, dirixido a estudantes de Educación Secundaria
(1º-4º), que levará ao alumnado a través de todo o proceso creativo implicado no deseño dun produto mentres aprenden o manexo de ferramentas dixitais (https://www.cistecnoloxiaedeseno.gal/proxecto-escolar-redisenando-o-mundo/). O prazo de inscrición destas dúas actividades estará aberto ata o 24 de febreiro de 2021.

Pola súa banda, no marco do programa Voando alto, sumando vocacións, no que xa se teñen realizado varias actividades como talleres, charlas ou a Aula Móbil Newton, este curso 2020/2021 está previsto retomar actividades como novos talleres e visitas ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas para amosar aos mozos e mozas as diversas opcións que lles ofrece o sector aeroespacial e dos vehículos non tripulados e lanzar o concurso artístico Civil UAVs Initiative IMAXINADRON.

Gain colabora tamén co programa EdutecEmprende da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que ten como obxectivo sensibilizar ao alumnado de diferentes niveis educativos no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como promover a súa achega a áreas STEM. Nesta convocatoria, o alumnado de 4 centros educativos terán a oportunidade de coñecer de primeira man os proxectos e as liñas de traballo actuais do CIS Tecnoloxía e Deseño en Ferrol.

Asimesmo, a través do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), a Xunta vén desenvolvendo diversos proxectos vencellados ao fomento das vocacións científicas entre a infancia e a mocidade como a feira Galiciencia; STEAM Kids Tecnópole; as Aulas Tecnópole; e o campamento tecnolóxico de verán T2 W. Tamén en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal, veñen celebrándose en Ponteceso as Aulas Isidro Parga Pondal. Precisamente, a directora de Gain aproveitou a presenza do presidente desta Fundación no acto de hoxe para destacar o importante papel que xogan este tipo de iniciativas para introducir á mocidade na investigación e espertar o seu interese pola ciencia e a tecnoloxía. Mostra delo é a motivación e iniciativa do equipo de estudantes que presentaron hoxe o seu proxecto e a propia existencia dun espazo maker no centro.

A directora de Gain lembrou que un dos obxectivos prioritarios do programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas é acadar unha participación equitativa e plena da muller e da nena na ciencia. Neste senso, subliñou a importancia de celebrar efeméredes como a de hoxe para visibilizar o papel de mulleres científicas que funcionen como referentes para as xeracións máis novas e contribúan a romper os estereotipos de xénero. E puxo como exemplo á matemática e física da NASA, Katherine Johnson, que participou nalgunhas das misións espaciais máis importantes, como a a primeira misión tripulada á Lúa e animou ás mozas a seguir os seus pasos

11/02/202107:45
Cartel da iniciativa.
A Coruña

A UDC únese á celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia

Universidade da Coruña formará parte un ano máis do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se celebra este xoves 11 de febreiro. Moitas das científicas están participando nas iniciativas promovidas pola entidade coruñesa así como doutras institucións, todas co mesmo obxectivo: lembrar e fortalecer o papel das mulleres nas comunidades de ciencia e tecnoloxía.

Segundo informou a UDC, a situación sanitaria actual obrigou a que moitas das actividades teñan que desenvolverse na Rede. Así, dende a Unidade de Divulgación Científica da UDC preparan dúas pezas audiovisuais dirixidas a escolares de Primaria e Secundaria. Nos vídeos, as investigadoras coruñesas falan da súa traxectoria científica, a través da iniciativa Atrévete a pescudar con elas!, que ten como obxectivo achegar as estudantes e que envíen preguntas ás científicas ata o 19 de marzo. Os vídeos poderán verse a través da canle de Youtube da Universidade. Ademais, desde o Campus Innova presentaron unha iniciativa a través das redes sociais que presentaban a algunhas das súas científicas.

Por outra banda, o Instituto Universitario de Estudos Marítimos uniuse á conmemoración, e o vindeiro venres 12 de febreiro ás 17:00 horas celebrará o debate aberto A Ciencia navega pola igualdade. A través deste faladoiro mostrarán a importancia da muller para o desenvolvemento da economía azul. Así, seis mulleres, da talla da pioneira en investigación na Antártida Carmen Piñeiro, provenientes do sector da náutica, a ciencia e o deporte, intercambiarán opinións sobre a actualidade do sector e a situación da muller neste campo. O encontro poderá seguirse a través dunha ligazón específica en Zoom.

Por último, cabe destacar a participación de numerosas científicas da UDC nas iniciativas que están a dar a coñecer a ciencia da man de mulleres. É o caso do ciclo da ciencia é feminino Recoñéceas, no que unha decena de investigadoras protagonizan diversos obradoiros dirixidos a centros educativos de toda Galicia ou a iniciativa da Asociación Española de Investigación sobre el Cáncer, Coñéceas, que a través de 100 conexións en liña en toda España, visualizou ás mulleres “tras bata” dando a coñecer a máis de 6.500 mozos, 1.111 galegos, ás investigadores no eido da oncoloxía molecular.

10/02/202114:10
Persoa maior usando un smartphone.
Santiago de Compostela

A Xunta lanza unha convocatoria de axudas para mellorar a cobertura móbil en zonas illadas do rural galego

  • Publicada unha convocatoria de axudas a operadores por importe de 4 millóns de euros para o período 2021-2023
  • O obxectivo é a cobertura de 290 entidades de poboación con carencias de cobertura en 65 concellos

A Xunta lanza unha convocatoria de axudas a operadores de telecomunicacións para facilitar a cobertura móbil en 290 núcleos illados do rural de 65 concellos por un importe de 4 millóns de euros para o período 2021-2023. Esta medida enmárcase no Plan autonómico para mellorar as comunicacións móbiles no rural, impulsado pola Amtega, e que acada un investimento global de 10 M€.
Os operadores interesados poderán presentar varios proxectos nos núcleos que elixan, que serán beneficiarios das axudas por orde de valoración ata esgotar a dotación orzamentaria prevista, e as entidades locais deberán achegar terreos para a execución das torres precisas por parte de Retegal, nas que se instalará o equipamento de comunicacións móbiles.

As redes obxecto de subvención deberán permitir a realización de chamadas de voz con calidade a través de terminais de usuario estándar (teléfonos móbiles), debendo garantir esta cobertura durante un período mínimo de 10 anos.

A convocatoria está financiada a un 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e contempla subvencións de ata o 90% de cada proxecto. A publicación desta convocatoria permite dar un paso máis no Plan de mellora de cobertura móbil que puxo en marcha o pasado ano a Amtega, en colaboración coa Fegamp.
Galicia propuxo esta solución á Comisión Europea, que é o organismo que ten que aprobar a convocatoria pública de axudas, coa que está a manter contacto e intercambiando información para poder dar resposta á demanda.

A pesar de que Galicia conta cunha cobertura móbil do 98%, á que contribuíron en boa medida os investimentos públicos para incentivar a extensión do 4G na Comunidade, aínda existen zonas rurais illadas e espazos naturais nas que non é posible realizar chamadas de voz a través do móbil.

A Xunta puxo en marcha esta iniciativa tras solicitar ao Estado a inclusión da cobertura móbil dentro do servizo universal de telecomunicacións para que, ademais do actual dereito de conexión fixa a internet de 1Mbps e de teléfono fixo, os cidadáns poidan ter dereito á cobertura de móbil, en condicións previamente estipuladas.

Como alternativa inmediata, a Xunta, tras reunirse coa Comisión Europea para garantir a adecuación desta actuación a normativa europea, puxo en marcha este iniciativa, semellante á outras que se están a levar a cabo en Italia e que tamén están a analizar en Alemaña.

10/02/202112:22
Persoas maiores usando computadoras.
Santiago de Compostela

A Amtega e Fegaus ofertarán na rede CeMIT unha gran variedade de seminarios en liña dirixidos a persoas maiores sobre o uso das novas tecnoloxías

  • Os ciclos de seminarios en liña están previstos durante os meses de febreiro a maio en horario de mañá, aínda que se irán ampliando con novas programacións ao longo de todo o ano
  • O obxectivo é favorecer un envellecemento máis activo e a introdución das persoas maiores no uso da tecnoloxía
  • A formalización da inscrición, de xeito gratuíto, pode facerse tanto nas aulas CeMIT como de xeito online na páxina web da Rede CeMIT ou na de Fegaus
  • Adicionalmente, ofrecerase acceso a aos contidos dos seminarios xa realizados a través dunha videoteca

A Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors (FEGAUS), no marco das súas actividades como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), organiza un programa formativo que conta con máis de 20 seminarios online duns 60 minutos de duración que tratan diversos contidos de temáticas cotiás apoiándose na axuda que supón o uso das novas tecnoloxías.

O obxectivo principal deste proxecto é xerar actividades e recursos formativo-informativos de valor para empoderar ás persoas maiores a través do uso das novas tecnoloxías na súa vida cotiá favorecendo así un envellecemento máis activo e a mellora na calidade de vida.

Establécese así un proceso de colaboración coa Rede CeMIT, de forma que, as actividades se retransmitirán por videoconferencia a través das aulas repartidas por todo o territorio galego amplificando así o alcance das accións e mellorando a capilaridade destas cara ás contornas rurais e usuarios/as cuxo perfil tecnolóxico está en fases iniciais. Deste xeito tamén se dará a posibilidade de seguir esta formación de xeito online desde os fogares sen necesidade de desprazamentos por parte dos usuarios/as da Rede pero contando co apoio e asesoramento dos responsables das aulas CeMIT no proceso de alta e conexión aos seminarios online.

Os contidos formativos, aínda que están destinados ás persoas maiores, dado o interese das temáticas tratadas, están abertos ao público en xeral e preséntanse mediante emisións en directo a través de Internet con conexións grupais desde as aulas CeMIT que participen na iniciativa para a asistencia de xeito presencial dos usuarios/as interesados/as e que contarán ademais co apoio do dinamizador/a do centro.

As sesións terán un carácter interactivo e dinámico podendo realizar consultas ao poñente en caso de dúbida ou realizando calquera outra intervención que se considere de interese.

Os ciclos que se impartirán versarán sobre as seguintes temáticas:

  • Relaciona TIC: Algunha vez te buscaches en Internet? Sabes o que Google sabe de ti?, Ferramentas de ditado: mensaxes de voz, WhatsApp, Aprende a detectar de forma sinxela virus en mails e páxinas web, Espreme o teu móbil, etc.
  • Soidade: Dereito preventivo: evitar o desamparo en situacións de vulnerabilidade, O Síndrome da fraxilidade como factor da soidade, A soidade a vista de cine, etc.
  • Formación ao longo da vida: Consellos para buscar mellor en Internet: encontra a información que precisas, Uso saudable de dispositivos electrónicos, Mercar sen diñeiro: paga co teu móbil de forma segura, etc.

Estas actividades son gratuítas e emitiranse durante os meses de febreiro a maio en horario de mañá de 10:30 a 11:30. Aínda que se irán ampliando con novas programacións ao longo de todo o ano.

Para a formalización das inscricións para participar de xeito presencial é recomendable poñerse en contacto cos responsables das aulas CeMIT participantes en cada un dos seminarios ou a través de internet na web https://cemit.xunta.gal, sendo o único requisito esixible ser ou darse de alta como usuario da Rede ou no caso de seguir os cursos desde a casa, inscribirse desde a web de Fegaus en Canal Sénior, https://fegaus.canalsenior.es/, a plataforma de aprendizaxe coa que colabora nestas actividades, e onde calquera persoa poderá rexistrarse gratuitamente.

Adicionalmente, Fegaus, no marco da súa colaboración como aliado dixital, pon á disposición dos responsables das aulas CeMIT e da cidadanía en xeral unha Videoteca onde poder visualizar os seminarios xa retransmitidos e os realizados en colaboración coa Xunta de Galicia para poder complementar a formación a través da realización independente e autónoma dos cursos de maior interese para a cidadanía.

Plan de Inclusión Dixital de Galicia - Aliad@s Dixitais

FEGAUS é un dos máis de 900 aliados dixitais do Plan de inclusión dixital de Galicia, impulsado pola Amtega, ao que se poden adherir como tales aquelas empresas e entidades interesadas en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia no marco da súa responsabilidade social empresarial, mediante a achega de recursos financeiros, humanos ou, como neste caso, de coñecemento.

O Plan de inclusión dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

FEGAUS agrupa a 7 asociacións de alumnos e ex-alumnos dos Programas de Maiores dos 7 campus universitarios pertencentes ás tres universidades de Galicia: Santiago, A Coruña e Vigo, contando con arredor de 2.000 alumnos sénior.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos, está integrada por 98 aulas e está presente en 53 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de inclusión dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS