main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

05/03/202108:35
Portátil e rato.
Santiago de Compostela

O Concello de Santiago achega formación sobre eAdministración

O Concello de Santiago, a través do departamento de Comercio, vai organizar un curso sobre as novas relacións de comunicación e interrelación entre a cidadanía e as entidades públicas que poñen en xogo as novas ferramentas tecnolóxicas. O curso A Administración Electrónica e a tramitación de axudas municipais en Sede Electrónica impartirase de xeito online dende o 15 ao 18 deste mes e o prazo para inscribirnos comezou este 4 de marzo, ás 15.00 horas.

Dende un enfoque práctico analizaranse todas as funcionalidades que ofrece a Sede Electrónica. O obxectivo desta formación é repasar de forma práctica todas as accións que se poden realizar a través da devandita ferramenta de eAdministración e mellorar a eficiencia e os tempos de tramitación nos seus expedientes administrativos. O curso conterá ademais cun módulo específico dedicado á tramitación de axudas municipais a través da Sede Electrónica do Concello de Santiago.

Obxectivos xerais

  • Coñecer conceptos básicos que nos permitan familiarizarnos coa Sociedade da Información.
  • Coñecer os principios da Administración Electrónica.
  • Adquirir información dun novo marco como é a eAdministración e a súa contorna.
  • Adquirir e aplicar a información sobre o desenvolvemento normativo que regula a eAdministración. 
  • Coñecer os conceptos básicos da normativa de subvencións públicas. 
  • Adquirir os coñecementos necesarios para a tramitación de axudas municipais na Sede electrónica do Concello de Santiago. 

Contidos

  • A Sociedade da Información e a Administración Electrónica.
  • Seguridade e Cifrado.
  • Certificados dixitais e DNI electrónico. 
  • A sinatura electrónica. 
  • Procedemento administrativo electrónico: As Sedes electrónicas. Acceso e Uso.
  • Subvencións públicas: conceptos básicos desde unha perspectiva práctica.
  • Tramitación de axudas municipais na Sede Electrónica do Concello de Santiago. 

O curso desenvolverase en dúas edicións (unha en horario de mañá e outra de tarde) con 20 prazas cada unha das convocatorias. Celebrarase os días 15, 16, 17 e 18 de marzo.

Horarios

  • Edición mañá: 8:30 - 11:00 horas 
  • Edición tarde: 20:00 - 22:30 horas
03/03/202112:02
Persoa cega facendo o Camiño de Santiago.
Madrid

A Fundación ONCE presenta ante os membros afiliados á OMT o seu proxecto para facer máis accesible o Camiño Francés de Santiago

  • Trátase dunha iniciativa xa en marcha que en 2021 avaliará a accesibilidade de albergues, potenciará o uso de app e creará unha web informativa sobre a accesibilidade da ruta

A Fundación ONCE presentará este mércores aos membros afiliados á Organización Mundial do Turismo (OMT) o seu proxecto para facer máis accesible o Camiño Francés de Santiago, unha iniciativa en marcha desde 2019 que en 2021 avaliará a accesibilidade de albergues, potenciará o uso de aplicacións e creará unha web informativa con todos os recursos físicos e tecnolóxicos para facer máis transitable a ruta.

A presentación do proxecto farase no marco dunha reunión de membros afiliados á OMT sobre servizos turísticos en áreas rurais e naturais que terá lugar este mércores vía online.

No encontro, a Fundación ONCE dará a coñecer as actuacións que ten previsto facer en 2021 en municipios de Pamplona, Logroño, Burgos e León para consolidar todo o desenvolvido ata agora co fin de ofrecer un itinerario accesible no camiño francés que permita gozar ás persoas con discapacidade desta experiencia.

Así, o proxecto recolle para este ano a realización dun diagnóstico de accesibilidade sobre unha mostra das instalacións físicas das que os peregrinos fan uso durante o desenvolvemento do camiño, como son os albergues, para que poidan planificar e facer os seus desprazamentos con normalidade.

Ademais, instalaranse códigos Vumarks ao longo da ruta para que os camiñantes, mediante os seus dispositivos móbiles, poidan acceder á información de accesibilidade dos puntos de interese máis relevantes.

O proxecto tamén pretende potenciar a accesibilidade de aplicacións móbiles de gran uso, centrando os esforzos na app de IGN, e dando a coñecer apps deseñadas para a orientación e guiado de persoas con discapacidade, como Blind Explorer e Microsoft Soundscape.

Para axuntar a información dispoñible sobre accesibilidade física e tecnolóxica no Camiño de Santiago, crearase un sitio web no que se recollerán as características de accesibilidade das instalacións físicas avaliadas e das tecnoloxías dispoñibles para potenciar a inclusión desta experiencia.

Finalmente, farán varios ciclos de test de usuario con persoas con discapacidade para asegurar a calidade da información sobre accesibilidade e das ferramentas TIC ofrecidas.

Todas estas actuacións forman parte dun programa máis amplo iniciado pola Fundación ONCE en 2019, en colaboración co Real Padroado sobre Discapacidade, Instituto Xeográfico Nacional, os ministerios de Fomento, de Sanidade, Consumo e Benestar Social, de Industria, Comercio e Turismo, e o de Cultura e Deporte, así como coa participación do Xacobeo 2021, Xunta de Galicia, Junta de Castilla y León, A Rioxa, Reyno de Navarra, Gobierno de Aragón e a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e Microsoft.

02/03/202108:06
Cartel da iniciativa.
Ponteareas

A aula CeMIT de Ponteareas achega en marzo unha ducia de actividades formativas

cidadanía de Ponteareas vai ter este mes de marzo novos cursos tecnolóxicos de balde, nos que as veciñas e veciños xa poden inscribirse a partir deste primeiro de mes. Será a través da aula CeMIT (Centro Social da rúa Oriente) e a Concellería de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico que dirixe Benito Márquez. A axenda inclúe arredor dunha ducia de actividades.

Neste mes de marzo a aula CEMIT de Ponteareas ofrecerá cursos de segundo nivel dos xa iniciados no mes de febreiro e tamén cursos específicos para persoas maiores co obxectivo de “axudalas no manexo do teléfono móbil e as súas aplicacións”. Tamén se vai poñer o foco en ilustrar aos asistentes sobre como realizar xestións coas administracións a través dos dispositivos e en como usar todo tipo de ferramentas dixitais que contribúan positivamente aos ámbitos social e familiar.

Os cursos para maiores serán presenciais e con grupos reducidos e o resto impartiranse onlineA inscrición pode realizarse a través da web da aula CeMIT.

Segundo explicou a dita Concellería, a aula CEMIT ofrece formación informática de balde axeitando o deseño dos cursos á demanda e necesidades da cidadanía. Por este motivo serán benvidas as suxestións das persoas interesadas para estudar as necesidades de formación informática e programar distintos niveis e contidos a medida da demanda.

01/03/202108:07
Mans usando un smartphone.
Santiago de Compostela

O gasto en TIC das empresas galegas superou os 457 M€, un 11,7% máis que no exercicio anterior

  • Máis da metade das microempresas galegas (54,3%) ten contratada unha velocidade de conexión a Internet de máis 100 Mbps, cun incremento do 93,2% no último ano
  • Aumentou un 78,7% o número de microempresas que venderon a través de Internet
  • O 16% das empresas galegas de 10 ou máis empregados/as contratou ou tentou contratar especialistas TIC
  • As empresas galegas superan a media estatal no emprego do Internet das Cousas e a robótica
  • Un 12,4% das empresas galegas de 10 ou máis empregados/as empregaron big data, 3,9 puntos máis que a media estatal
  • Dúas de cada tres microempresas galegas implementaron políticas de ciberseguridade, cun crecemento do 31% no último ano

O gasto total en TIC das empresas galegas superou os 457 millóns de euros, o que representa un incremento dun 11,7% respecto ao exercicio anterior. As microempresas destinaron o seu maior orzamento TIC ao gasto en bens, servizos e consultas TIC mentres o gasto principal das empresas de 10 ou máis empregados/as foi o gasto en software.

Son datos recollidos no informe A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia, correspondente ao ano 2020, publicado esta semana polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O estudo analiza a integración das TIC en todas as empresas galegas, un total de 197.813, nas que o 96,2% son microempresas, de 0 a 9 traballadores/as.

Aumento da velocidade de conexión a Internet

A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis traballadores/as teñen contratado Internet. Entre as microempresas galegas incrementouse esta contratación nun 7,8%, acadando unha porcentaxe do 78,6% e superando lixeiramente a media estatal (78,2%).

No último ano experimentouse un salto cualitativo na velocidade de conexión a Internet contratada. A porcentaxe de microempresas que dispoñen de velocidade de conexión a Internet de máis de 100 Mbps incrementouse un 93,2%, pasando do 28,1% no ano 2019 ao 54,3% no 2020. Neste período, no caso das empresas de 10 e máis empregados/as, o incremento foi do 41,2%, pasando do 45,1% ao 63,7%.

No ano 2020 incorporouse un novo indicador que mide o grao de satisfacción que teñen as empresas coa velocidade de descarga contratada. Os resultados obtidos indican que arredor do 90% das empresas galegas que teñen contratado Internet de banda larga fixa, consideran suficiente a velocidade de descarga.

Visibilidade en Internet e comercio electrónico

No ano 2020 consolidouse a dispoñibilidade de páxina web entre as microempresas galegas (29,4%), rexistrando un crecemento do 10,1% no último ano e superando en 0,6 puntos porcentuais a media estatal (28,8%). A porcentaxe de empresas galegas que posúen páxina web de 10 ou máis asalariados/as supera o 80% e sitúase tamén por riba da media estatal (78,1%).

Respecto ao uso de redes sociais con fins empresariais, segue a súa liña de ascenso. Unha de cada tres microempresas galegas ten presenza nas redes sociais, aumentando un 28% no último ano e reducindo en 4,7 puntos a diferencia coa media estatal. Entre as empresas galegas de 10 ou máis traballadores/as (67%), o incremento foi dun 22,7%, superando a media estatal (63%).

No relativo ao comercio electrónico, cabe salientar que unha de cada dez microempresas galegas vendeu a través da Rede, experimentando un incremento do 78,7% e superando a media estatal (9,5%). No caso das empresas de 10 ou máis empregados/as con actividade en Galicia, a porcentaxe sitúase no 22%.

En canto á procedencia dos clientes, a maioría teñen sede no territorio español. Non obstante, cabe salientar que o 31,8% da vendas en liña das empresas de 10 ou máis traballadores/as con sede na Comunidade galega producíronse noutros países da Unión Europea.

Demanda de Perfís TIC nas empresas galegas de 10 ou máis empregados/as

No último ano incrementouse un 16% o número de empresas galegas de 10 ou máis empregados/as que contrataron especialistas TIC e un 23,9% xa conta con perfís TIC no seu cadro de persoal, superando a media estatal (18,4%) en 5,5 puntos porcentuais.

Entre as empresas galegas de 10 ou máis empregados/as que contan con perfís TIC, un 43,6% emprega mulleres especialistas TIC e, no caso das microempresas, a porcentaxe sitúase no 22,8%, porcentaxes superiores ás medias estatais (32% e 19,7% respectivamente).

O estudo constata a demanda de perfís TIC nas grandes empresas galegas: O 16% das empresas galegas de 10 ou máis empregados/ as con sede e/ou actividade en Galicia contratou ou tentou contratar especialistas TIC, superando a media estatal (13,2%).

Tecnoloxías disruptivas: Internet das Cousas, robótica e big data

O 18,6% das empresas de 10 ou máis empregados/as con sede e/ou actividade en Galicia utilizaron dispositivos interconectados que poden ser monitorizados ou controlados remotamente a través de Internet (o Internet das Cousas, IoT), superando a media estatal (16,8%). No caso das microempresas o uso desta tecnoloxía (4,6%) iguala a media estatal.

Os dispositivos IoT máis empregados nas empresas con 10 ou máis traballadores/as son os sensores, etiquetas RFID ou cámaras controladas por Internet para mellorar o servizo do cliente. Doutra banda, o dispositivo máis utilizado entre as microempresas son os sensores de movemento para rastrexar vehículos ou produtos.

O uso da robótica nas empresas galegas supera a media estatal. Entre as empresas de 10 ou máis traballadores/as de Galicia este indicador sitúase no 9,7%, 0,8 puntos porcentuais por riba da media estatal (8,9%). Entre as microempresas galegas, rexístrase un uso máis reducido (2%) pero tamén por riba da media estatal (1,8%).

No 2020 increméntase lixeiramente a porcentaxe de empresas que analizaron big data en Galicia. O maior incremento rexístrase entre as empresas galegas de 10 ou máis asalariados/as, onde a análise de big data sitúase no 12,4%, 3,9 puntos máis que a media estatal. O uso máis común da big data nas empresas galegas é a análise dos datos de xeolocalización obtidos a partir de dispositivos portátiles.

Xestións coas administracións públicas e ciberseguridade

O uso de Internet para relacionarse coas administracións públicas é practicamente universal entre as empresas de 10 e máis empregados/as e superan a media estatal en 4 puntos porcentuais. No caso das microempresas, un 73,9% das empresas con conexión á Rede tiveron interacción coas AAPP a través de Internet.

As medidas de seguridade TIC incrementáronse no ano 2020, especialmente entre as microempresas. Dúas de cada tres microempresas galegas implementaron políticas de ciberseguridade, cun crecemento do 31%. Entre as empresas de 10 ou máis traballadores/as con sede ou actividade en Galicia este indicador sitúase no 95,7%, aumentando un 2,6% respecto ao ano 2019.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio.

01/03/202108:00
Mans de muller tecleando nun portátil.
Santiago de Compostela

A Amtega inicia este luns o curso de formación preparatorio para obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática da Xunta

  • As 180 persoas matriculadas nesta convocatoria terán que superar un exame presencial, tras o seguimento do curso preparatorio na modalidade de teleformación titorizada
  • A finais do mes de marzo abrirase unha nova convocatoria de probas de avaliación para aquelas persoas que xa posúan os coñecementos necesarios adquiridos por calquera outra vía ou por autoformación
  • O certificado, que emite a Amtega, acredita a capacitación en ofimática da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) inicia este luns 1 de marzo a formación das 180 persoas que se matricularon nestes días no curso de teleformación preparatorio previo ao exame presencial que terá lugar no mes de maio, unha vez rematada a devandita formación.

O curso de preparación de 190 horas de duración impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a Internet para seguir a formación desde calquera lugar e en calquera momento.

En canto ao perfil das 180 persoas matriculadas, seleccionadas de entre 2.545 solicitudes de inscrición, saliéntase que a media de idade é de 40 anos e que unha gran maioría son mulleres (149 mulleres por 32 homes).

En canto á procedencia, seguen a ser maioritarias as domiciliadas nas provincias da Coruña e Pontevedra, con 93 e 49 participantes respectivamente, fronte ás 27 persoas da provincia de Lugo e as 11 procedentes de Ourense.

Lémbrase tamén que as persoas demandantes de emprego ou cunha discapacidade igual ou superior ao 33% gozaron de exención no pagamento das taxas de exame. Das 180 persoas matriculadas, 62 son demandantes de emprego e 8 son persoas con discapacidade.

Plan formativo ofimático de Galicia

Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 Ofimática (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

  • Sistema operativo, busca da información: Internet/intranet e correo electrónico (30 h)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 h)
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 h)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer (30 h)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 h)

Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da Rede CeMIT, baixo a modalidade de autoformación.

Próxima convocatoria de exames presenciais

Esta convocatoria forma parte do Plan de formación da Rede CeMIT para este ano 2021, que terá a súa continuación con novos exames presenciais neste primeiro semestre para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios —ben pola súa experiencia no manexo destas aplicacións, pola formación adquirida por outras vías ou por que opten pola modalidade autoformativa-, ata chegar a un número superior ás 1.500 prazas dispoñibles para que a cidadanía poida acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no devandito plan.

Desde a habilitación da Rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 9.200 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (2.839 en cursos de teleformación titorizada e 6.392 en probas presenciais de acceso libre) e 4.200 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Amtega despois de superar as probas convocadas nas aulas da Rede CeMIT.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar ás pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de aula aberta, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS