
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Proxecto Exxperimenta en Feminino vén de ser recoñecido pola súa actividade visualizando e e reivindicando o papel das mulleres na ciencia e nas tecnoloxías. Concretamente, recibiu o Premio Uviguala da Universidade de Vigo, un certame enmarcado nas celebracións do Día da Muller, este 8-M. Exxperimenta en Feminino comezou a súa andaina en 2017, mobilizando cada curso 120 profesoras e investigadoras da Facultade de Ciencias, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense para organizar accións de divulgación STEM (Ciencia, Tecnoloxías, Enxeñaría e Matemáticas) cunha óptica de xénero.
Por este compromiso coa igualdade e pola súa capacidade de implicación e mobilización de diferentes colectivos, as súas coordinadoras, as profesoras Alma Gómez, Julia Carballo e Nieves Lorenzo, foron recoñecidas co IX Premio Uviguala da Universidade de Vigo. No seu discurso, as galardoadas fixeron extensible este recoñecemento “a todas as mulleres do Campus de Ourense que participan en Exxperimenta en Feminino”. A entrega do galardón realizouse en formato virtual e retransmitiuse en directo por UvigoTV. No acto, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, salientou como a concesión por unanimidade deste premio a Exxperimenta en Feminino é “moi acaída”, destacando como “é difícil atopar un merecemento maior para un premio de igualdade”. Neste senso, o reitor fixo fincapé en como esta iniciativa “xunta moitas cousas que queremos ver, primeiro na nosa universidade e segundo tamén na sociedade galega”.
No acto, que contou coa actuación musical do grupo Blues do País, Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, foi a encargada de explicar os méritos que a Comisión de Igualdade valorou á hora de conceder o premio ao compromiso de xénero na institución académica a Exxperimenta en Feminino: “Este programa, que xa vai pola súa cuarta edición, desenvólvese no Campus de Ourense, arredor da celebración do 11 de febreiro, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, e ten un grande impacto entre a mocidade dos institutos e do centros escolares da provincia”, comentou. É, afirmou, “un exemplo da implicación activa das nosas docentes e investigadoras a prol da igualdade de xénero na UVigo” e “combate o efecto Matilda na ciencia na nosa comunidade universitaria e na nosa sociedade, facendo fincapé na visibilización das mulleres científicas e tecnólogas para que actúen como referentes tanto para as rapazas como para os rapaces”. Ademais, engadiu a vicerreitora, esta iniciativa de base “fomenta as vocacións científicas e tecnolóxicas nas mozas e nas mulleres" e ten "un alto impacto” na comunidade universitaria, nos centros educativos e nos medios de comunicación. “Exxperimenta en Feminino fai da nosa universidade un espazo máis igualitario e máis feminista”, recalcou Mónica Valderrama.
No seu discurso conxunto, as profesoras Alma Gómez, da Escola Superior de Enxeñaría Informática; Julia Carballo, da Facultade de Ciencias, e Nieves Lorenzo, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, destacaron a súa satisfacción por este recoñecemento recalcando como “Exxperimenta en Feminino non somos só nós. Son as alumnas, as investigadoras e as profesoras da Facultade de Ciencias, da Escola de Enxeñaría Aeroespacial e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense que, co seu traballo desinteresado, voluntarioso e entusiasta, fan posible esta iniciativa”. A este grupo inicial, indicaron, uníronse, a partir da segunda edición, as profesoras e alumnas da Escola Universitaria de Enfermaría. Nos seus agradecementos tamén houbo espazo para os centros implicados, a Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Unidade de Igualdade e FECYT, que financian parte das súas accións.
Un equipo de investigadoras e investigadores do CITIC da Universidade da Coruña (Campus de Elviña) atópase esta tempada realizando probas de dispositivos de Realidade Virtual na sala de demostradores do centro, da man de usuarios con diversidade funcional, co obxectivo de analizar a súa aplicabilidade e experiencia de uso.
Segundo informan fontes do CITIC, analizáronse por unha banda diferentes aplicacións comerciais dispoñibles en plataformas como STEAM e VIVPort para seren utilizadas logo co sistema de Realidade Virtual nas instalacións do centro. “Estas probas”, explica, “teñen o obxectivo de valorar a aplicabilidade de aplicacións comerciais no proceso de rehabilitación e intervención en actividades da vida diaria dirixida a persoas con diversidade funcional”.
Por outra banda, valorouse a experiencia de usuario durante e despois do uso da aplicación. Ademais, no marco do proxecto financiado pola convocatoria Programa Estatal de I+D+i Orientado aos Retos da Sociedade 2019 (proxectos coordinados), co título Avaliación e asesoramento para a mellor eficiencia e efectividade da tecnoloxía de apoio, tamén se están a desenvolver escenarios virtuais propios para simulación de diferentes situacións da vida cotiá. O obxectivo é “xerar diferentes opcións adaptables que permitan seleccionar escenarios axeitados ás características da persoa”. Isto, explica o CITIC, dará vantaxe aos profesionais de Terapia Ocupacional e Fisioterapia á hora de traballar mediante actividades cotiás nesta contorna virtual, de xeito individualizado e personalizado, que posteriormente poderá trasladarse á súa vida real.
A feira científica Galicia, o maior acontecemento xuvenil STEM da nosa terra e un dos máis relevantes do panorama internacional, xa ten aberto o prazo para que as e os estudantes presenten os seus proxectos á nova edición online do evento, a de 2021. O 3 de maio remata o prazo para poder participar con propostas científico-tecnolóxicas á dita feira, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN) dende 2006.
Obxectivos
A finalidade de Galiciencia é achegar a ciencia á sociedade, en particular ás e aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato, contribuíndo a espertar nelas e neles as vocacións científicas. A feira conta co apoio da Xunta, a través de GAIN; e coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación.
En maio
Esta dezaseis edición celebrarase os días 26, 27 e 28 de maio, coa temática A innovación Pos-COVID a través da revolución do talento. Por segundo ano consecutivo, será online debido á actual situación sanitaria. “Esta circunstancia”, explica a Tecnópole, “permite ampliala a todo o ámbito nacional, podendo chegar así a máis rapaces e rapazas interesados na ciencia, a innovación e a tecnoloxía”. Ao abeiro de Galiciencia, equipos de Secundaria, Bacharelato e FP competirán polo premio final do certame e fóra de competición poden participar estudantes de Primaria e Educación Especial.
Premios para os tres primeiros equipos e para o mellor proxecto feminino
As e os participantes na competición de proxectos buscarán situarse entre os tres finalistas. Quen consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona. O segundo equipo clasificado recibirá un apoio económico de 500 €, o que lles permitirá participar na Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. Pola súa parte, o equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 € para poder participar no programa de actividades organizadas polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia. Como principal novidade nesta edición, en consonancia coa actividade de Tecnópole de promoción do STEM feminino, o premio especial de Galiciencia 2021 será para o mellor proxecto liderado por unha rapaza. Búscase así contribuír á igualdade de xénero na contorna da I+D+i desde a etapa educativa, promovendo a participación e o liderado femininos nos proxectos científicos e tecnolóxicos. Ademais do concurso de proxectos, como cada ano, a feira compleméntase con actividades, obradoiros, concursos diversos e espectáculos de ciencia.
Co gallo da celebración (este luns 8 de marzo) do Día Internacional da Muller, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) publicou un comunicado no que expresa a súa firme adhesión ás reivindicacións da xornada e pon o foco nas áreas de actividade que lle son propias, aproveitando para facer un novo e urxente chamamento para xuntarmos forzas arredor dun obxectivo prioritario: incrementar o número de mozas que apostan polas carreiras STEM e rematar dunha vez por todas cos estereotipos e cos obstáculos que impiden a igualdade no ámbito informático.
Segundo lembra o colexio, a profesión de Enxeñaría en Informática en Galicia está aínda “moi masculinizada” con apenas un 17% de mulleres, de xeito similar ao que acontece en todo o sector TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) onde “practicamente nove de cada dez traballadores do mercado español son homes, malia que, como sinala a Comisión Europea, alcanzar a paridade de homes e mulleres na industria dixital permitiría elevar o PIB da Unión Europea nuns 9.000 millóns de euros anuais”.
O colexio recorda que a igualdade está pendente de chegar en ámbitos de actividade relativamente novos e innovadores, como por exemplo o eido da Intelixencia Artificial (IA), onde só o 22% dos traballadores son mulleres. E engade o CPEIG: “Agora que os sistemas informáticos gobernan múltiples ámbitos, como as comunicacións, transporte, maquinaria industrial, ámbito sanitario, aeronáutica, abastecemento de enerxía ou o sistema xurídico, as empresas galegas e españolas deben transformarse dixitalmente para contribuír ao incremento da produtividade e a innovación, e esta transformación pode ser unha boa oportunidade para conseguir os obxectivos de paridade”. Para o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a demanda de profesionais TIC altamente cualificados que implica o proceso xeral de transformación poderá ser un “excelente motor de igualdade” e fomentar a incorporación de mulleres a distintos sectores produtivos.
No contexto educativo, o Bacharelato científico e tecnolóxico non está á cabeza do que elixen os alumnos, e menos aínda as alumnas. Fernando Suárez afirma que “espertar as vocacións tecnolóxicas e científicas entre as mulleres en idades temperás pode ser o mellor camiño para garantir que a poboación feminina se incorpore dunha maneira natural ao estudo das chamadas carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e que xoguen un papel relevante nos sectores que están definindo as tendencias de futuro”. Tamén asegura que é importante que todos os axentes do sistema educativo (pais, nais e profesores) estean concienciados da importancia de impulsar estas materias e profesións. “Só o 35% dos estudantes matriculados en carreiras STEM son mulleres, e só o 3% das estudantes escollen estudos no ámbito das TIC” –indica–.
Fernando Suárez asegura ademais, malia os datos negativos, que “a informática tamén é cousa de mulleres, e foron moitas as que xogaron un papel crucial durante décadas, como a coñecida Ada Byron, filla do poeta Lord Byron, que pasará á historia como a primeira programadora e da que o CPEIG adoptou o nome para crear un premio pioneiro, a distinción Ada Byron da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”. Ademais, lembra outras figuras femininas excepcionais do sector tecnolóxico, “como Grace Murray Hopper, creadora do primeiro compilador; Anita Borg, fundadora do Instituto da Muller e a Tecnoloxía; Hedy Lamarr, estrela do Hollywood clásico e inventora do espectro ensanchado por salto de frecuencia que se utiliza nos GPS, Bluetooth ou nas conexións Wi-Fi; ou Ana María Prieto, a primeira programadora galega”. E engade o presidente do colexio: “É hora de borrar os estereotipos de xénero que existen en relación ás profesións STEM e dar visibilidade á importancia que as mulleres teñen, tanto na industria como na universidade”.
Iniciativas do CPEIG
Para incentivar estas vocacións tecnolóxicas entre as rapazas, o CPEIG recorda que ten en marcha programas e proxectos que incentivan a súa curiosidade en robótica, programación ou Intelixencia Artificial, así como xornadas para presentar experiencias profesionais de mulleres relevantes en sectores científicos e tecnolóxicos, para que as nenas e adolescentes coñezan a estas mulleres de éxito e as vexan como modelos a seguir. Por suposto, a presenza da muller tiña que ser destacada na xunta de goberno do CPEIG da que forman parte tres mulleres, superando a media que existe nos estudos de informática: a vicepresidenta, Susana Ladra, directora do Campus Innova da Universidade da Coruña (UDC); a vicetesoureira, Lorena Otero, profesora da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (Uvigo); e María Pilar Vila Avendaño, directora executiva (CEO) da empresa Forensic & Security.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha unha nova edición do programa Tecnólogo por un día, unha das iniciativas do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent. Como en edicións anteriores, cóntase coa colaboración de empresas do sector TIC galego que acompañarán aos participantes nas distintas sesións online.
Sesións en formato online
Nesta edición, optouse por converter o programa ao formato online para poder seguir contribuíndo a mellorar a visión que proxectan as profesións científico-tecnolóxicas, así como a súa percepción entre estudantes de 15 a 17 anos. É unha forma de achegar aos estudantes ao contexto e realidade da que formarán parte no futuro a través de tres modalidades distintas de sesións. A primeira, “Digital Beginner”, permitirá a 72 estudantes participar en talleres prácticos ou a resolución de retos e problemas de proxectos reais de forma remota, un xeito único de inmersión nestes traballos da man de profesionais voluntarios/as que lles permitirán achegarse ás ferramentas e coñecementos empregados no día a día.
A segunda modalidade, “Digital Recruit” con 38 prazas dispoñibles, consiste nunha cita con responsables de captación de talento nas empresas TIC para que os participantes coñezan en detalle as capacidades ou coñecementos máis demandados polas empresas deste sector. E, por último, “Mentoring DigiTalent” dará a oportunidade a 42 alumnos/as de manter un encontro distendido con profesionais de ampla traxectoria no sector TIC que poidan proxectarse como figuras e modelos a emular para os estudantes e co obxectivo de mellorar a súa comprensión e entendemento das profesións dixitais.
Inscricións e desenvolvemento do programa
Ata o 22 de marzo permanecerá aberto o prazo para que o persoal docente inscriba ao alumnado interesado en participar. Deberán cumprimentar o formulario dispoñible no espazo web https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/tecnólog-por-un-día-online, onde poderán consultar as prazas ofertadas para cada modalidade de sesión por parte das empresas colaboradoras no programa, indicando as preferencias do alumnado.
Unha vez rematado o período de inscrición, as prazas asignaranse aplicando o resultado dun sorteo. Co obxectivo de reforzar o atractivo vocacional das profesións TIC entre as nenas, reservarase para elas un terzo das prazas. Posteriormente, serán as empresas as que se poñan en contacto co alumnado seleccionado para concretar a data e o horario das sesións que resulte conveniente para ambos os dous.
Durante os meses de abril e maio, os participantes mergullaranse nos proxectos tecnolóxicos das empresas TIC colaboradoras. Nesta nova edición os máis de 150 participantes serán acollidos polas 12 empresas colaboradoras: Altia, DXC Technology, everis, Inetum, Satec, Sivsa (Grupo Kiom), R Cable y Telecable Telecomunicaciones, Televés e os socios do Clúster TIC Galicia Aldaba, Dos Espacios, Sixtema e Tecalis.
Actuacións DigiTalent dirixidas á infancia e á adolescencia
Actualmente, atópanse en curso cinco iniciativas do catálogo DigiTalent orientadas a fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os máis novos: Formacións técnicas e Mentoring Day da man de Televés, o programa GenTech con sesións dixitais nos centros educativos da empresa Altia, o concurso de programación DXC Iberia Codes promovido por DXC Technology e o programa educativo DigiCraft no teu cole impulsado pola Fundación Vodafone en colaboración coa Amtega e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Toda a información sobre estas iniciativas, así como do resto do catálogo DigiTalent, está dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal, onde se irá publicando a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación) a medida que estea dispoñible.