main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

17/03/202108:19
Tecnólogo por un día Online.
Santiago de Compostela

Amplíase ata o 7 de abril o prazo de inscricións do programa Tecnólogo por un día

  • Amplíase o prazo de inscrición do programa Tecnólogo por un día (edición online) ata o vindeiro 7 de abril, unha iniciativa do Plan DigiTalent para achegar os máis novos ás profesións dixitais e impulsada pola Amtega.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) está a impulsar unha nova edición do programa Tecnólogo por un día no marco do Plan DigiTalent para achegar as profesións dixitais a estudantes de 15-17 anos. Nesta ocasión, pasa ao formato online e coa colaboración de 12 empresas do sector TIC ofértanse máis de 150 prazas a través de distintas modalidades de sesións online:

  • DIGITAL BEGINNER. Talleres prácticos, resolución de retos e/ou problemas de proxectos reais de forma remota.
  • DIGITAL RECRUIT. Cita con responsables de talento nas empresas TIC.
  • MENTORING DIGITALENT. Encontro distendido con profesionais de ampla traxectoria profesional.

Máis información e inscricións en: https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/tecnólog-por-un-día-online.

16/03/202115:29
Edixgal.
Santiago de Compostela

O número de alumnos da ESO que empregan o libro dixital en Galicia duplicarase o próximo curso

  • Como novidade o proxecto implantarase tamén en 3º e 4º de Secundaria
  • Por primeira vez, poderá estudarse con este sistema en seis cursos consecutivos
     

A Xunta prevé duplicar o número de alumnos de ESO que emprega libro dixital o próximo curso. Anunciouno hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na rolda de prensa de presentación da nova convocatoria de E-Dixgal para o vindeiro ano académico, na que tomou tamén parte a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira.

O titular do departamento educativo da Xunta explicou que a principal novidade da convocatoria para o curso 2021/2022 é a extensión do proxecto aos cursos de 3 e 4º de ESO (ata o momento só se aplica a 5º e 6º de Primaria e a 1 e 2º de ESO). Isto realizarase de forma automática, se así o desexan, aos centros que xa contan con libro dixital nesta etapa “e que nun só curso dobrarán o número de alumnos beneficiados”, sinalou o conselleiro.

Así mesmo, o próximo curso poderán incorporarse un mínimo de 75 novos centros, tanto aqueles que queiran empezar desde cero como outros que xa estean empregando o libro dixital e desexen amplialo a outra etapa educativa. No caso dos que se sumen ao proxecto na etapa de Secundaria, terán o compromiso de ir estendéndoo progresivamente ata completar os catro cursos.

Román Rodríguez explicou que, a día de hoxe, participan no E-Dixgal a metade dos centros públicos que imparten Primaria e Secundaria. “Coas novas medidas desta convocatoria –afirmou– queremos que o próximo curso a metade do alumnado entre 5º de Primaria e 4º de ESO dos centros públicos conte con libro dixital e equipamento informático ao abeiro deste programa”.

Así mesmo, o conselleiro salientou que con estas novidades se ofrece, por primeira vez, a posibilidade de que un alumno galego estude con libro dixital durante seis cursos consecutivos.

Edudixital 2030

Román Rodríguez enmarcou esta medida “no pulo que imos dar á dixitalización e a dotación tecnolóxica do ensino coa nova estratexia Edudixital 2030”, unha folla de ruta que vai integrar equipamentos, contidos e adquisición de competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), e que incorporará a Intelixencia Artificial para todos os niveis educativos, así como o deseño de estratexias docentes ou a introdución de novas técnicas pedagóxicas. “En definitiva, un salto cualitativo na transformación do ensino cara o dixital”, resumiu o conselleiro.

Cinco piares fundamentais

Pola súa banda, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, destacou que o proceso de transformación dixital do ámbito educativo susténtase en cinco piares fundamentais.

En primeiro lugar, as infraestrutura e equipamentos necesarios nos centros. Por outra banda, referiuse ao desenvolvemento de plataformas e ferramentas de colaboración educativa. En terceiro lugar, a dotación de contidos dixitais, mediante acordos con empresas especializadas e editoriais. Neste aspecto, a directora da AMTEGA salientou o desenvolvemento de contidos innovadores específicos no espazo Dixit. Este proxecto lévase a cabo nun esquema de colaboración entre o sector tecnolóxico e grupos de traballo formados por docentes de Galicia. En cuarto lugar estaría o soporte técnico a docentes e alumnos. O último piar do é a formación do profesorado, que terá un novo pulo no desenvolvemento do marco galego de competencias dixitais.

Mar Pereira lembrou que a Xunta ten como obxectivo para a extensión do Libro Dixital (E-Dixgal) nos vindeiros tres anos chegar ao 70 por cento do alumnado entre 5º de Primaria e 4º da ESO.

16/03/202114:46
Pantallazos da app Sergas Móbil.
Santiago de Compostela

Sanidade facilita o acceso aos servizos de videoconsulta coa posta en marcha da aplicación ‘Sergas Móbil’

  • A nova aplicación integrará dun xeito transversal e inclusivo o conxunto de plataformas dixitais do Sergas, garantindo un acceso de calidade a todos os seus servizos
  • A plataforma posibilitará o acceso á tarxeta sanitaria virtual, que gozará das mesmas utilidades e valor que a tarxeta sanitaria física
     

O Servizo Galego de Saúde vén de presentar a nova aplicación ’Sergas Móbil’, coa que facilitará o acceso aos servizos de videoconsulta na sanidade pública galega.

O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, e o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón, presentaron esta mañá en rolda de prensa o lanzamento da nova plataforma ‘Sergas Móbil’, mediante a que se integrarán todos os servizos dixitais do Sergas dentro da mesma aplicación.

Entre as súas novidades, incorporase a posibilidade de acceder desde o propio aplicativo aos servizos de videoconsulta con facultativos de atención primaria ou hospitalaria, sendo estes profesionais os encargados de prescribir ditas consultas.

A nova aplicación deseñada polo Sergas tamén ofrece a posibilidade de empregar a tarxeta sanitaria virtual. Así, as persoas que descarguen ‘Sergas Móbil’, non terán que levar consigo a súa tarxeta sanitaria física, pois todos os seus datos tamén ficarán almacenados no seu dispositivo móbil. Cómpre subliñar que para gozar da tarxeta sanitaria virtual non é preciso contar cun certificado electrónico para acceder aos servizos administrativos básicos. Este requirimento, si será preciso para poder acceder á información clínica.

Neste sentido, as persoas que desexen retirar medicación nas oficinas de farmacia poderán realizalo dun xeito cómodo accedendo a este aplicativo, ao gozar esta tarxeta dixital, do mesmo valor que a tarxeta física.

O Sergas segue a traballar para ofrecer aos usuarios todas as ferramentas posibles para facer máis doado o acceso á Sanidade. Así, mediante esta nova aplicación, os seus usuarios poderán acceder dun xeito áxil e rápido aos diferentes trámites que precisen realizar, como poden ser: a xestión das súas citas médicas, localizar o itinerario máis curto para chegar ao seu centro de saúde, o emprazamento da súa consulta dentro do centro sanitario, solicitar a súa quenda desde o móbil sen achegarse a ningún mostrador, ou ser atendido na súa propia casa por medio dunha videoconsulta, cando non sexa precisa a atención presencial.

Coa optimización da aplicación dixital do Sergas, un único usuario poderá facer as xestións médicas de varios pacientes conectándose desde o seu smarthpone, co que se evita ter que inserir novamente os contrasinais para cada trámite.

Entre as características de ‘Sergas Móbil’ destácanse as melloras implementadas nos niveis de usabilidade e navegabilidade. Ademais da súa capacidade para integrar dentro da mesma plataforma outras aplicacións dixitais desenvolvidas polo Servizo Galego de Saúde, como son os casos de Telea (Telasistencia Domiciliaria), ou o portal É-Saúde, mediante o que se pode acceder á historia clínica, aos informes de laboratorio, á medicación activa de cada paciente ou aos resultados das diferentes probas realizadas no sistema público de saúde galego.

A aplicación está xa dispoñible nas plataformas Goggle Play e App Store.

15/03/202114:10
Presentadores de Planeta Fácil TV.
Madrid

Nace o primeiro programa online de TV accesible para as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e protagonizado por elas

Froito da colaboración entre Plena inclusión España e Servimedia, nace este martes, 9 de marzo, 'Planeta Fácil TV', o primeiro programa de televisión presentado, adaptado e pensado para as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e con dificultades de comprensión. Trátase dun proxecto ambicioso que ten como principal obxectivo chegar a centos de miles de persoas que residen no noso país e que non atopan espazos informativos comprensibles. Neste grupo están as persoas con discapacidade intelectual e aquelas con dificultades de comprensión: algunhas persoas maiores e outras con baixo nivel de alfabetización.

'Desde o noso movemento asociativo desde o que defendemos os dereitos das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e as súas familias, parécenos moi importante crear espazos informativos que respecten a accesibilidade cognitiva', explica Maribel Cáceres, líder con discapacidade intelectual e membro da Xunta Directiva de Plena inclusión España. 'E é fundamental porque a accesibilidade cognitiva é un dereito que abre a opción de optar ao resto dos dereitos, ao coñecemento da contorna e á aprendizaxe', remarca Cáceres que representa na Xunta Executiva de CERMI a unha confederación que agrupa a 935 asociacións de todo o país e que xestiona 4.000 centros e servizos nos que se atenden as necesidades básicas (educación, emprego, vivenda, servizos sociais, etc.) de decenas de miles de persoas e as súas familias.

Noticias, entrevistas, reportaxes en Planeta Fácil TV

'Planeta Fácil TV', versión audiovisual da web 'Planeta Fácil', primeiro diario dixital español con noticias fáciles de entender, contén noticias, reportaxes, pílulas formativas e entrevistas. Neste programa inaugural, na sección de 'A entrevista' poderase escoitar a voz de Guillermo Fernández Vara, presidente da Junta de Extremadura que charlou con José Manuel González Huesa, director xeral de Servimedia. Estremadura é a primeira e única comunidade autónoma española que dispón dun servizo rexional de accesibilidade cognitiva, a OACEX (Oficina de Accesibilidade Cognitiva e Lectura Fácil de Estremadura). Desde 2017, o servizo asesora e apoia os proxectos públicos (e algunhas privados) que queiran adaptarse para garantir a súa accesibilidade cognitiva para todas as persoas.

A reportaxe de marzo vai dedicado a activistas do feminismo. Tres mulleres con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, membros de dúas entidades de Plena Madrid (Astor e Avante 3) falan do machismo diante do simbólico mural pintado en Cidade Lineal, pintado en homenaxe a grandes nomes do feminismo e que onte, 8 de marzo, apareceu vandalizado.

Este espazo televisivo, financiado pola Fundación ONCE e que terá unha periodicidade mensual, ten como presentadores a Eva Expósito e Simón Marco, dous mozos con discapacidade intelectual que foron seleccionados entre outros 70 que participan en entidades de Plena inclusión Madrid.

11/03/202108:22
Obradoiro de emprego Carnero Valenzuela II en Rianxo.
Rianxo

Gonzalo Trenor visita aos alumnos do obradoiro de Rianxo no que se forma a 16 desempregados menores de 30 anos en creación de páxinas web cunha achega da Xunta de máis de 369.000 €

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o obradoiro de emprego Carnero Valenzuela II en Rianxo de confección e publicación de páxinas web, que conta cunha achega da Xunta de máis de 369.000 €. Trátase dun taller de emprego dirixido a menores de 30 anos.

O representante da Xunta na Coruña lembrou que na comarca de Barbanza estanse a celebrar catro obradoiros: dous ordinarios duais e dous dirixidos a menores de 30 anos. Concretamente, os ordinarios estanse a celebrar en Serra de Outes, compartido con Lousame e Noia; e en Porto do Son compartido con Ribeira; e os de Garantía Xuvenil nos concellos de Ribeira e Rianxo. A Xunta achega máis de 1,4 millóns de euros para os gastos de organización, profesorado e axudas para os participantes.

O curso de Serra de Outes forma a 20 alumnos en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, o de Porto de Son a outros 20 desempregados en Carpintería e Moble e en actividades auxiliares en conservación e mellora de mobles; o de garantía xuvenil en Ribeira forma a 15 alumnos en operacións básicas de cociña; e o de Rianxo a 16 desempregados en confección e publicación de páxinas web.

Trenor destacou que os obradoiros están dirixidos á realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a cualificación profesional dos desempregados e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación está sendo especialmente útil nestes difíciles momentos porque os alumnos ademais de recibir formación perciben un salario durante os meses que dura o obradoiro.

O representante do Goberno autonómico incidiu en que a formación que se imparte nos concellos está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna o que lles permite atopar con facilidade posibles empregados entre os alumnos. En relación co taller de Rianxo, centrado na creación de páxinas web, destacou que é un sector que neste momento ten moita demanda sobre todo enfocado á venta e comercialización online ante as novas necesidades xurdidas pola crise sanitaria. Por iso, animou aos alumnos a aproveitar ao máximo cada minuto de curso porque “de vós depende que ao rematar a formación sexa máis fácil atopar un emprego”, engadiu.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS