
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Concello de Ferrol iniciou esta semana un programa de obradoiros e tecnoloxías da información para romper barreiras de inclusión. Máis polo miúdo, trátase dunha axenda de actividades formativas para favorecer a integración do colectivo migrante da cidade. O programa Acompáñote na túa viaxe, que arrincou este 22 de marzo, vén da man da Concellería de Benestar Social que dirixe Eva Martínez Montero. Rematará no mes de xuño e desenvolverase en colaboración coa asociación Mobilidade Humana.
A iniciativa ten a súa orixe nunha enquisa desenvolvida pola entidade que guindou datos preocupantes sobre a importante fenda dixital que afecta ao colectivo migrante de Ferrol. Datos como o feito de que preto dun terzo desta persoas non teña computador, o que case a metade descoñeza o certificado dixital e as súas utilidades, ou que o 56 % non saiba solicitar cita online para o padrón.
A concelleira explicou que a estes datos súmase “o aumento da brecha dixital que quedou patente con motivo da pandemia, posto que agora moitos dos trámites que debemos facer na nosa vida diaria teñen que ser telemáticos”, polo que desde o Concello “consideramos importante ofrecer talleres para, por unha banda proporcionar formación en TIC, algo fundamental hoxe en día, e por outra, ofrecer asesoramento e tamén medios, como computadores e accesos Wi-Fi, para levar a cabo as súas propias xestións”. O programa comezou o luns, rematará o 22 de xuño e desenvolverase nas dependencias municipais da Casa Solidaria e en centros cívicos da cidade.
O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN) de DXC Technology, en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA e a empresa madeireira FINSA, convoca a quinta edición do desafío Hackathon Big Data & Analytics. Será os días 16 e 17 de abril de 2021 na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. A cita, que se celebra dende 2017, forma parte das iniciativas do Plan Digitalent da dita axencia galega, dirixido a promover vocacións tecnolóxicas.
Segundo confirmaron as entidades organizadoras facendo balance dos éxitos previos, o número total de participantes das catro edicións anteriores supera o centenar, incluíndo analistas, investigadores, universitarios, emprendedores e persoas con inquietudes tecnolóxicas relacionadas co análise de datos, a estatística, o aprendizaxe automático, o Big Data e a Intelixencia Artificial.
Nesta edición o desafío a resolver e o conxunto de datos que o acompañan serán proporcionados pola empresa galega FINSA, dentro das súas iniciativas no marco de Industria 4.0. FINSA, empresa de referencia no sector da transformación da madeira en Europa, é impulsora na busca e desenvolvemento de solucións analíticas para optimizar os seus procesos industriais. As anteriores edicións dos hackathons organizados polo CEIN estiveron vencellados a ámbitos tan dispares como o estudo da mobilidade dentro de centros comerciais, a análise das redes sociais dos xogadores do equipo de baloncesto CAB Obradoiro, o estudo de datos medioambientais para mellorar a calidade de vida da cidadanía ou o desenvolvemento de ferramentas de apoio á toma de decisións para afeccionados e profesionais do mar e dos deportes acuáticos.
O obxectivo desta edición é “atopar e premiar o desenvolvemento de modelos de predición vencellados á industria no ámbito de operacións”. A participación está limitada a 30 participantes. A inscrición pódese facer a través da Rede na web do evento, ben de xeito individual ou en grupos de ata cinco persoas.
Un formato novo
As entidades organizadoras lembran que tradicionalmente o hackathon levábase a cabo en dúas xornadas: o venres as 17.00 horas facíase unha presentación, por parte do director do CEIN, e tras ela arrincaba una sesión de traballo ata as 20.00 horas que continuaba o sábado a partir das 9.00. Amais, tras un xantar conxunto de todos os participantes, a partir das 18.00, cada equipo presentaba a súas solucións e o xurado avaliaba e seleccionaba aos gañadores.
Desta volta, en función da situación provocada pola COVID, as actividades serán adaptadas ao estado no que se atope a Comunidade nese momento e serán anunciadas na web do evento. Os premios divídense en dúas categorías: mellor solución global e mellor proposta de valor. Os gañadores serán elixidos por un xurado multidisciplinar formado por profesionais do CEIN e de FINSA.
A nosa terra está en pé de loita contra as fendas dixitais de xénero. Profesionais, asociacións, entidades e mesmo empresas levan anos xuntando forzas para incrementar o número de mulleres que empregan, desenvolven e impulsan novas tecnoloxías da información e froito desta loita é a conmemoración do Día Internacional das Rapazas nas TIC, que en Galicia foi dende os seus inicios unha xornada máis que relevante e nada indica que este ano, coa adversidade da pandemia, vaia perder en intensidade e adhesións. Máis ben o contrario. Así nolo confirma o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que nos presentou este 22 de marzo os detalles da vindeira celebración, o 22 de abril. Será un cita conxunta do CPEIG, a Secretaria Xeral de Igualdade e, por suposto, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
O Día Internacional das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day) celebrarase o vindeiro 22 de abril na Plataforma Webinar do Cesga, e será retransmitido en directo a través de Internet de 11 a 12 horas para escolares de toda Galicia.
Este ano, debido á situación marcada pola pandemia, a actividade organizarase exclusivamente mediante multiconferencia web, na que participarán tanto as protagonistas invitadas como todos os centros interesados de primaria e secundaria. “Será unha gran oportunidade para coñecer a tecnólogas galegas que contarán, en primeira persoa, o que a tecnoloxía pode aportar en diversos eidos científicos e laborais para mellorar a vida da cidadanía”, explican dende o CPEIG, engadindo que grazas a esta xornada “o alumnado terá a oportunidade de preguntar e consultar calquera dúbida sobre o seu traballo”.
Participarán catro mulleres excepcionais que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas:
Inscrición para a participación dos centros escolares
O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride de ámbito internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a considerar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación para o desenvolvemento académico, investigador e profesional. O evento conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-GAL), Asociación.GAL, Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e Oficina de Igualdade da Universidade de Santiago, Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVigo) e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters! Para participar neste coloquio en directo, os centros interesados deberán inscribirse mediante un formulario dispoñible na web www.ictgogirls.eu.
A información do evento e das actividades está actualizada nesta mesma páxina ou no Facebook e Twitter @ICTGoGirls. Desde 2012, o CESGA coordina o Proxecto Europeo ICT-Go-Girls!, Promoting Entrepreneurship among secondary School Girls through ICT (Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC), que deseñou e testou unha metodoloxía innovadora para loitar contra a escaseza de vocacións tecnolóxicas entre as rapazas europeas. Esta acción foi completada coa iniciativa galega Rapazas Emprendedoras Nas TIC na que colabora o Colexio Profesional de Enxeñería informática (CPEIG) no marco do Plan Proxecta da Consellería de Educación, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade, dirixida ás rapazas de primeiros anos de secundaria.
Nun momento no que a vacinación contra a Covid-19 é fundamental, a desinformación e os bulos que corren polas redes sociais supoñen unha verdadeira ameaza para a saúde. Por esta razón, Google decidiu apoiar un proxecto de Servimedia e Maldita.es que ofrece información contrastada nesta materia e que utilizará a tecnoloxía accesible para chegar a todas as persoas, tamén aquelas con discapacidade.
O proxecto #VACÚNAte (vacínate) centrarase na verificación da información que circula por Internet relacionada coa campaña de vacinación contra a Covid-19 e no desenvolvemento dun programa de difusión de información para tratar de que todas as persoas teñan acceso a información veraz nesta materia.
O proxecto está especialmente dirixido a persoas nunha situación especial de risco, como as persoas con discapacidade, polo que boa parte do contido que se desenvolva dirixirase a estes colectivos.
Ademais do proceso de verificación da información, o proxecto prevé a creación de oito programas de televisión que contarán coa participación de expertos científicos ou sanitarios que explicarán distintos aspectos relacionados coa pandemia. Tamén se crearán máis de 80 contidos específicos dirixidos ás persoas con discapacidade.
En todo este proxecto a tecnoloxía será fundamental para difundir a información e para garantir que esta sexa accesible para todas as persoas.
Este proxecto é un dos once a nivel global que foron seleccionados por Google dentro do seu programa Digital News Innovation.
A Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía organiza os vindeiros unha actividade para fomentar o empoderamento feminino pola vía tecnolóxica. Trátase do obradoiro Cara á independencia dixital. Perdéndolle o medo á tecnoloxía, unha acción formativa dirixida a 10 mulleres en situación de vulnerabilidade que se impartirá de forma gratuíta en abril no Centro Municipal de Formación de Matosinhos. A actividade conta con financiamento do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.
A área que dirixe Tania García organiza esta actividade ao detectar “un número importante de casos de mulleres que, por descoñecemento, tempo de dedicación ou inseguridade, tenden a delegar nas súas parellas ou fillos a realización de trámites online de todo tipo”, sinala a edil, engadindo que este caso dáse tanto á hora de relacionárense coas administracións como ao facer actividades cotiás como unha compra electrónica. O obxectivo deste curso é proporcionarlles a información práctica básica para “que saiban desenvolverse coa tecnoloxía en aspectos que están á orde do día”. O obradoiro consta de 8 sesións de 2 horas de duración cada unha, que se impartirán no centro de Matosinhos os días 6, 8, 12,13, 15, 19, 20 y 22 de abril en horario de 10 a 12 horas. Tras unha breve introdución aos conceptos básicos, explicaráselles aspectos como o certificado dixital e outros sistemas de acceso ás sedes electrónicas e, de forma práctica, amosaráselles como facer trámites ante a Seguridade Social, o Ministerio de Xustiza, o Concello ou a Axencia Tributaria. Tamén se abordarán temas como o uso seguro das redes sociais e incluso se introducirán temas de corte transversais.
Requisitos e inscrición
A edil explicou que ademais de atoparse en situación de vulnerabilidade, tamén son requisitos para participar no obradoiro teren coñecemento do uso do correo electrónico e dispor dun teléfono intelixente ou smartphone co que traballar.
As interesadas deben cubrir o formulario que poden descargar do taboleiro de anuncios do portal municipal, da sede electrónica ou obter directamente na Área de Igualdade do Concello. Unha vez cuberto deben presentalo no rexistro xeral, na propia concellería ou a través da sede electrónica.