main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

22/03/202107:38
Mans tecleando.
Oleiros

Oleiros organiza un novo curso de informática básica para maiores esta primavera

Concello de Oleiros informou de que o luns 22 de marzo abre o prazo de inscrición para un curso de informática básica de 40 horas dirixido a persoas maiores de 60 anos empadroadas no termo municipal. A oferta deste obradoiro está enmarcada dentro do programa de Alfabetización Dixital organizado desde a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade.

Aprenderase a manexar un ordenador mediante o coñecemento dos seus compoñentes, utilidades, manexo do Office, familiarización con Windows... As inscricións serán a través da web municipal, na sede electrónica, no apartado cidadáns e empresas, en trámites en liña, a partir das 9:00 horas do luns 22 de marzo e rematará ás 20:00 horas do 5 de abril. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición. Para calquera aclaración, as persoas interesadas poden poñerse en contacto con Servizos Sociais e Igualdade.

18/03/202108:26
Selo ATech.
Madrid

A Fundación ONCE lanza o Selo A TECH para acreditar a accesibilidade de produtos e servizos tecnolóxicos

A Fundación ONCE pon a disposición dos fabricantes e desenvolvedores de produtos e servizos tecnolóxicos o Selo A TECH, un distintivo que acredita a accesibilidade para as persoas con discapacidade en produtos e servizos electrónicos que non sexan teléfonos móbiles ou 'tablets' e derivados, para os que existe o selo Amóvil. O Selo A TECH cobre tecnoloxías como Smart TV, computadores portátiles, electrodomésticos intelixentes e consolas de videoxogos.

 

Segundo sinala José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, 'con esta iniciativa queremos recoñecer o esforzo que as marcas tecnolóxicas están a levar a cabo para que todas as persoas, con ou sen discapacidade, poidan gozar dos seus produtos e servizos sen distincións. Ademais, desde a Fundación ONCE traballamos para que esta cuarta revolución non deixe de lado ás persoas con discapacidade, senón que sirva de panca para a súa plena inclusión'.

 

O selo está baseado na norma europea EN 301 549 para verificar que un produto ou servizo tecnolóxico é accesible, tendo en conta os tipos de uso contemplados na devandita norma: uso sen visión ou con visión limitada, uso sen percepción da cor, uso sen audición ou con audición limitada, uso sen capacidade vocal, uso con manipulación ou forza limitadas, uso con alcance limitado e uso con capacidade cognitiva limitada.

 

As entidades interesadas en certificar a accesibilidade das tecnoloxías que desenvolvan ou comercialicen deberán poñerse en contacto coa Fundación ONCE para solicitar unha auditoría de accesibilidade.

 

Unha vez realizada a avaliación, se a tecnoloxía cumpre cos requisitos, emitirase o selo xunto cun documento ou ficha de datos que incluirá a descrición dos criterios de accesibilidade cos que cumpre o produto ou servizo avaliado, así como as barreiras de menor impacto que puidesen existir, xunto a suxestións para eliminalas.

 

Ademais, facilitarase ás entidades os coñecementos necesarios para interpretar adecuadamente as pautas de accesibilidade e resolveranse dúbidas sobre accesibilidade que poidan xurdir no proceso de mellora do dispositivo.

18/03/202108:16
Lingua de signos.
Las Palmas de Gran Canaria

Unha tecnoloxía dá 'voz' a persoas con discapacidade interpretando a lingua de signos

Investigadores da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria desenvolveron un prototipo capaz de interpretar a lingua de signos e traducila a voz sintetizada, co obxectivo de mellorar a comunicación de persoas con discapacidade signantes a través da tecnoloxía.

O proxecto desenvolveuse en colaboración coa asociación de persoas xordas ASOR e contou co impulso de Indra e da Fundación Universia.

Un sensor volumétrico e a utilización da intelixencia artificial permiten detectar e interpretar a lingua de signos, que posteriormente é sintetizada a voz para facilitar a comunicación entre persoas signantes e non signantes.

O obxectivo do proxecto é contribuír á autonomía das persoas xordas e facilitar a súa inclusión social e laboral.

Este prototipo incorpora un sensor volumétrico capaz de trasladar os xestos propios da linguaxe de signos a series temporais de datos mediante a identificación do movemento das mans e o uso da intelixencia artificial.

Á súa vez, o prototipo incorpora un módulo de procesado de sinal multidimensional, obtida polo sensor volumétrico e o uso de intelixencia artificial para poder interpretar automaticamente o sinal captado. Durante o proceso de transformación, xéranse diferentes parámetros de sinais e utilízanse sistemas de clasificación automáticos supervisados, é dicir, ensínase ao sistema o significado dos movementos e posteriormente a sintetizar os xestos a voz.

Un punto moi importante é a capacidade de aprendizaxe do sistema, o que lle permite interpretar calquera linguaxe de signos e traducilo a calquera idioma falado.

17/03/202118:02
Presentación da nova versión do Celga 1 online.
Santiago de Compostela

A Xunta presenta a versión actualizada do Celga 1 en liña que permite por primeira vez a autoformación en lingua galega

  • “O recurso supón un gran avance para achegar e facerlle accesible a aprendizaxe do galego á cidadanía, independentemente do lugar onde resida ou do momento que poidan dedicarlle”, destacou o secretario xeral de Política Lingüística
  • A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, enmarca a nova ferramenta na Estratexia Galicia Dixital 2030
  • Rodríguez Miranda destacou que “os galegos do exterior poden acceder a estes cursos co obxectivo de manter e mellorar a nosa lingua fóra das nosas fronteiras”
  • A Consellería de Cultura, Educación e Universidade convoca hoxe as probas oficiais do Celga para o 2021, cuxo prazo de inscrición remata o 12 de abril

A Xunta de Galicia ven de poñer en marcha unha versión actualizada do Celga 1 en liña, que permite por primeira vez a autoformación en lingua galega a través dunha ferramenta vencellada a el. Esta nova versión, accesible desde o Portal da Lingua Galega, en aberto a partir de mañá, foi presentada hoxe polos secretarios xerais de Política Lingüística e da Emigración, Valentín García e Antonio Rodríguez Miranda, e pola directora da Amtega, Mar Pereira.

“O novo recurso supón un gran avance para achegar e facerlle accesible a aprendizaxe do galego á cidadanía, independentemente do lugar onde resida ou do tempo que cada persoa poida dedicarlle”, destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Neste mesmo senso, subliñou que con esta nova versión actualizada do Celga 1 en liña, que tamén renova a ata agora existente desde 2010, “completamos a serie de cursos anovadores e modernos que configuran o ensino e a aprendizaxe do Celga, para alén de potenciar a presenza da nosa lingua no ámbito das tecnoloxías”.

Pola súa banda, a directora da Amtega, Mar Pereira, destacou o potencial que ofrecen as tecnoloxías para o impulso e o coñecemento da cultura e a lingua galega. Mar Pereira lembrou que a sociedade dixital e inclusiva e a cultura son dous dos sete eixes estratéxicos da Estratexia Galicia Dixital 2030.

Pola súa banda, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou a importancia desta medida para os galegos do exterior, que poden así acceder a uns cursos regrados que lles permitan manter e mellorar a nosa lingua fóra das nosas fronteiras, “mantendo así un vínculo esencial coa súa terra e coas súas orixes”. O feito de que agora contemos cunha ferramenta así, facilitará aínda máis esta aprendizaxe, coa que optar a un título oficial que lles permita competir en igualdade de condicións, desde o punto de vista lingüístico, co resto de galegos e galegas, “algo especialmente importante no caso dos emigrantes que desexen retornar a Galicia, e tamén para os nosos bolseiros Bemes, que veñen cada ano a Galicia facer un mestrado nunha das nosas universidades”.

Con ou sen titorización

A nova ferramenta de autoformación en liña súmase á actualización do curso titorizado que os 150 alumnos e alumnas do Celga 1 en liña empregan xa desde esta semana, no marco da formación preparatoria de 70 horas que seguen ata o 6 de maio destinada aos exames oficiais. A principal diferenza é que presenta unha versión que estará aberta desde mañá, de forma permanente, no Portal da Lingua Galega, garantindo un acceso ilimitado á aprendizaxe do galego desde calquera lugar e a calquera hora. Na nova opción, non hai límite de prazas nin datas específicas de acceso e tampouco é precisa matriculación, polo que o acceso será tan sinxelo como cubrir un rexistro previo. É un recurso inesgotable e accesible a través da rede para todas aquelas persoas que estean interesadas en comezar a aprender a lingua galega ou en preparar a proba oficial.

Para alén dos cursos titorizados do Celga 1 que convoca a Xunta, este novo curso de autoformación pode seguirse sen necesidade dun titor, xa que as persoas usuarias van avanzando na aprendizaxe grazas aos exercicios de autorresolución e aos exemplos de resposta. Así, a través dunha interface de navegación sinxela, eficiente e intuitiva, o alumnado accede a cada unha das 12 unidades do curso divididas en catro bloques: comprender, explorar e reflectir, practicar e comunicar e viaxar.

Como última novidade, as unidades 1 e 2 están adaptadas á lectura fácil para facilitarlles a aquelas persoas que teñen dificultades lectoras e/ou de comprensión o acceso á aprendizaxe da lingua. Ademais, ao final de cada unidade o alumnado contará cun vídeo interactivo para repasar os contidos tratados nela.

Probas para obter os Celga

Tamén hoxe, a Xunta de Galicia publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se convocan as probas para obter este ano os certificados de lingua galega nos niveis Celga 1, 2, 3 e 4. O prazo de solicitude e aboamento de taxas oficiais comeza mañá, 18 de marzo, e permanece aberto ata o vindeiro 12 de abril. As persoas interesadas deberán cubrir o formulario de solicitude da sede electrónica da Xunta e indicar nel a proba ou probas ás que solicitan presentarse, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística, preferiblemente por vía electrónica.

As probas realizaranse entre os meses de maio e xuño de forma presencial, se a evolución da crise sanitaria ocasionada pola covid-19 o permite, en Santiago de Compostela, para os niveis Celga 1, 2, 3 e 4 e en Ponferrada, para os niveis Celga 2, 3 e 4. As datas concretas será publicadas xunto coas sedes, horarios e listaxe definitiva de persoas admitidas tanto no DOG como no Portal da Lingua Galega.

Sistema Celga

Celga é o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao MECRL e está configurado mediante cinco niveis de coñecemento do idioma, que recollen as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas. Estes certificados permiten acreditar o coñecemento que unha persoa ten do galego aos efectos de xustificar méritos ou requisitos laborais e académicos, e obtéñense mediante un exame (agás o nivel 5) convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, aínda que tamén é posible obter a validación Celga dos estudos previos de galego.

17/03/202108:38
Mans tecleando.
Boiro

A aula CeMIT de Boiro abre o prazo de inscrición para os cursos do mes de abril

O Concello de Boiro, a través da aula local CeMIT, servizo directamente encamiñado a dinamizar tecnoloxicamente o termo municipal e achegar formación dixital avanzada, ofrece un completo programa de xornadas de capacitación TIC para o mes de abril. A oferta inclúe cursos en modalidade presencial e tamén online. O prazo de inscrición nos cursos está xa aberto e poden facerse na aula CeMIT do Centro Social de Boiro.

A axenda comeza cunha actividade de formación en Inkscape, que será online os días 5, 6, 7 e 8 de abril, de 10.00 a 12.00 horas. Entre o 5 e o 29 de abril, en modalidade presencial, vaise impartir un curso de inicio á informática e Internet, en horario aínda pendente de confirmar. Entre o 19 e o 29 de abril, en horario de 10.00 a 12.00 horas, vaise impartir un curso de deseño 3D con SketchUp, que será en modalidade online.

Toda a información sobre a formación da aula CeMIT de Boiro está dispoñible no seu sitio en liña, na web municipal e tamén no Centro Social de Boiro. As inscricións para a formación do mes de abril poden facerse a través do enderezo electrónico axentetic@boiro.org, no teléfono 981 84 26 35 ou vía Whatsapp no 629 769 139.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS