main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

13/04/202107:55
Sinatura do convenio entre o IGCC e Fegaus.
Santiago de Compostela

A Xunta porá en marcha un programa de formación sobre comercio electrónico e consumo responsable dirixido ás persoas maiores

  • A iniciativa, que desenvolve o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), consta de oito talleres de diferentes temáticas nos que se prevé a participación de 2500 persoas
  • As clases impartiranse entre abril e setembro na modalidade presencial ou en liña, na plataforma de teleformación da Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors (Fegaus)
  • As temáticas abordan consellos para mercar a través de internet, a factura da luz e o novo bono social, a telefonía móbil, as contas bancarias básicas, as tarxetas revolving ou os dereitos das persoas consumidoras e usuarias e a resolución de conflitos de consumo a través da arbitraxe

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, asinou esta semana un convenio de colaboración coa Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors (Fegaus) para a posta en marcha dun programa de formación sobre comercio electrónico e consumo responsable dirixido ás persoas maiores. A iniciativa, que desenvolve a Xunta de Galicia a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), consta de oito talleres de diferentes temáticas nos que se prevé a participación de 2500 persoas.

Os talleres impartiranse entre abril e setembro nas seguintes modalidades: telepresencial, mediante a propia plataforma de teleformación da Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors —Ágora Canal Senior—; presencial, nas instalacións do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ou en entidades colaboradoras; e a través da videoteca tanto do IGCC como de Fegaus.

En base á súa experiencia e coñecemento das distintas problemáticas que afectan ás persoas consumidoras de maior idade, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia é o encargado de deseñar e elaborar os contidos dos diferentes talleres. As temáticas abordan consellos para mercar a través de internet, a factura da luz e o novo bono social, a telefonía móbil, as contas bancarias básicas, as tarxetas revolving ou os dereitos das persoas consumidoras e usuarias, e a resolución de conflitos de consumo a través da arbitraxe.

En virtude deste convenio, tamén se realizarán outras actividades como o desenvolvemento dun portal global de contidos que será un punto de referencia na aprendizaxe sobre o consumo responsable para as persoas maiores. Ademais, crearase unha rede de centros colaboradores e impartirase formación para as persoas voluntarias que colaboren con eses centros.

12/04/202110:51
Catro imaxes de utilización de EyeLike en Vietnam, Marrocos, India e Papúa Nova Guinea.
Santiago de Compostela

Reutilizar a tecnoloxía para previr unha discapacidade visual

Fai catro anos Samsung puxo en marcha o programa Galaxy Upcycling para buscar posibles aplicacións da tecnoloxía dos seus teléfonos móbiles unha vez que deixan de ser útiles. Unha destas ideas foi Eyelike, un dispositivo que axuda a detectar enfermidades oculares e a previr o desenvolvemento dunha discapacidade visual.

Eyelike é unha cámara de ollo de man fabricada reutilizando os dispositivos Galaxy de Samsung que pasan a ser o 'cerebro' desta tecnoloxía de baixo custo deseñada para a detección e prevención de enfermidades oculares en rexións máis desfavorecidas.

A lente do dispositivo captura imaxes do fondo do ollo que o dispositivo Galaxy analiza e procesa a través dunha aplicación que captura con precisión os datos do paciente e suxire un tratamento.

O custo deste dispositivo é moi inferior ao de tecnoloxías similares e a súa mobilidade fai que sexa ideal para o seu uso en rexións desfavorecidas.

En 2018 Samsung asociouse coa Asociación Internacional para a Prevención da Cegueira (IAPB) e o Sistema de Saúde da Universidade de Yonsei, en Corea, para poñer en marcha un programa de detección de enfermidades oculares en Vietnam. Agora, este programa estendeuse a outros países como India, Marrocos ou Papúa Nova Guinea.

Ademais da detección de problemas visuais, o programa de reciclaxe de Samsung traballa na reutilización de dispositivos Galaxy para fabricar colposcopios para a detección do cancro de pescozo uterino.

12/04/202109:17
Moza de costas usando un ordenador.
Santiago de Compostela

A Xunta impulsa, con de preto de 1M€, a creación de espazos de tecnoloxía aplicada e aulas de emprendemento en centros de FP

  • Estarán dotados de equipamento e recursos para mellorar a cualificación dos estudantes de cara ao mundo laboral
  • No caso das aulas de emprendemento, o obxectivo é ofrecer un soporte similar ao dunha ‘startup’ para que o alumnado poida poñer en marcha a súa empresa

A Xunta de Galicia impulsa a creación, a través de un orzamento de preto de 1M€, de Espazos de tecnoloxía aplicada nos Centros integrados de Formación Profesional dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e de Aulas de emprendemento na formación profesional nos centros que imparten estas ensinanzas.

Trátase de dúas novidosas iniciativas que teñen como obxectivo seguir avanzando na calidade da formación que se ofrece na FP galega. Deste xeito, o departamento educativo do Goberno galego afonda, ademais, na súa aposta por estreitar o vínculo entre Formación Profesional e empresa, como vía para dar un valor engadido á preparación que os estudantes acadan nos ciclos formativos, así como como mecanismo de retroalimentación entre o sistema educativo e o produtivo.

Neste sentido, que o alumnado poida simular desde os propios centros de ensino procesos produtivos reais favorece que acade unhas mellores competencias de cara á súa incorporación ao centro real de traballo e, polo tanto, redunda nun maior beneficio para a empresa que o incorpore no mercado laboral. Así mesmo, favorecer que faga realidade a súa propia idea de empresa contribúe a que poñan en marcha no futuro un negocio propio.

Escenarios virtuais, presenciais e mixtos

No referido aos espazos de tecnoloxía aplicada, o obxectivo é converter aulas tradicionais en espazos que conten con conexión á rede sen fíos e con equipamento e dispositivos para que o alumnado desenvolva experiencias e procesos próximos aos que se desenvolven no tecido produtivo. Así mesmo, serán espazos con capacidade para combinar escenarios virtuais, presenciais e mixtos, que xeren conciencia creativa, e emprendedora, a través de modelos de gamificación e metodoloxías de construción de produtos e servizos.

En definitiva, búscase dotar os Centros Integrados de FP de lugares e recursos nos que os estudantes poidan mellorar a súa cualificación, que simulen as contornas laborais, nas que se poidan empregar metodoloxías baseadas en proxectos ou retos próximos a cada sector produtivo, incorporando recursos baseados en tecnoloxías dixitais tales como simuladores ou xemelgos dixitais, ou a integración de aulas e talleres en espazos únicos que integren aprendizaxes teórico-prácticas, que incorporen simuladores e xemelgos dixitais.

Orientación para poñer en marcha empresas

No caso das aulas de emprendemento, contarán cun soporte administrativo, técnico e de infraestruturas nas primeiras fases dun proxecto emprendedor, similar ao dun marco de desenvolvemento dunha startup. Para iso, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ofrecerá aos centros participantes na iniciativa un sistema de orientación, guía, e titorización das ideas emprendedoras aportadas polo propio alumnado, en particular do alumnado que está próximo a finalizar os seus estudos.

Deste xeito, os estudantes da FP galega e os recentemente titulados nestas ensinanzas poderán recibir o asesoramento e axuda necesarias para desenvolver as súas ideas de empresa. Se o proxecto alcanzase un nivel de madurez suficiente para a súa posta en marcha e requirise dun espazo para o seu desenvolvemento, dende a aula faranse as xestións necesarias para a súa integración nun viveiro da Rede de viveiros de empresa en centros educativos da Xunta de Galicia

Cada unha destas aulas contará cos espazos, mobiliario e equipamentos necesarios para cumprir este cometido, así como para xerar un ambiente propicio e dinámico para o desenvolvemento de traballo creativo e en equipo, adaptado aos novos modelos empresariais. Nela realizaranse tamén actividades formativas para o fomento das habilidades e competencias que o alumnado debe adquirir para ter un enfoque emprendedor, tales como as persoais, sociais, relacionais, de comunicación, de definición de produto, ou de desenvolvemento de prototipos e propostas.

Esta iniciativa enmárcase, polo tanto, no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, Eduemprende, para o fomento do espírito emprendedor no ensino co obxectivo de lograr un avance sensible na cultura do emprendemento no alumnado e propor instrumentos que permitan coñecer os logros alcanzados. Estes novos espazos integraranse na rede de viveiros do programa eduEmprende, como aulas de emprendemento asociadas aos viveiros da rede.

09/04/202113:45
Mans tecleando.
Leiro

A Xunta sinala a fenda dixital como un dos retos máis importantes que afronta a sociedade no eido da inclusión social

  • Trátase dunha iniciativa enmarcada na campaña ‘Dixitalízate con nós’, promovida por Amigos de Galicia
  • O Goberno galego financia este programa a través dos fondos sociais do 0,7% do IRPF, que permitiron achegar 177.000 euros a esta entidade

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou esta mañá no acto de entrega de material informático e routers con conexión a internet a dúas familias do concello de Leiro, no que sinalou que a fenda dixital é un dos retos máis importantes aos que se enfronta actualmente a sociedade no eido da inclusión social.

O director xeral remarcou que esta iniciativa, promovida pola entidade social Amigos de Galicia a través dunha campaña baixo o título ‘Dixitalízate con nós’, permite apoiar ás familias en risco de exclusión social que non poden facer fronte aos custes que implica o ensino dixital. Unha situación que o confinamento do pasado ano deixou aínda máis en evidencia.

Arturo Parrado lembrou que o Goberno galego traballa coas entidades sociais para poñer en marcha iniciativas coma esta, que freen as desigualdades sociais. Neste sentido, apuntou que este programa foi financiado pola Xunta a través dos fondos da casilla social do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF). Amigos de Galicia recibiu no último ano un total de 177.000 euros procedentes das diferentes liñas de axuda da Administración autonómica.

09/04/202108:05
Varios makers mostrando as súas creacións.
Santiago de Compostela

Maker Faire Galicia 2021

Un ano máis, a plataforma https://makerfairegalicia.com/gl será o punto de encontro virtual no que, entre o 2 e o 6 de xuño, as persoas visitantes poderán acceder ao interior do Museo Centro Gaiás -convertido nun entorno virtual en 360 graos- e moverse polo espazo para interactuar cos expositores participantes. Poderán conectar en directo cos e coas makers para coñecer polo miúdo os seus proxectos, ademais de asistir ás diferentes charlas e obradoiros durante os cinco días do evento, que inclúe dúas xornadas dedicadas ao ámbito profesional e empresarial, outras dúas destinadas a público xeral -e moi especialmente aos makers miúdos e miúdas- e unha xornada dedicada ao ámbito educativo.

O evento estreou na pasada edición este novo formato converténdose nunha das primeiras Maker Faire a nivel mundial en celebrarse integramente a través de Internet e logrando que, pese á pandemia, visitantes de Galicia e tamén de países como Arxentina, Brasil, Colombia ou México se desen cita neste encontro. Se perdiches algún dos contidos que se compartiron, aínda podes velos premendo nesta ligazón.

A sétima edición da Maker Faire Galicia celébrase unha vez máis no Museo Gaiás, aínda que este ano de forma virtual, e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a APD.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS