main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

16/04/202108:38
Participantes do programa ?Por Talento Dixital? da Fundación ONCE.
Madrid

O programa 'Por Talento Dixital' da Fundación ONCE mellora a formación de 10.000 persoas con discapacidade

  • Desde a súa posta en marcha en 2019 realizáronse 1.162 accións formativas

Un total de 10.092 persoas con discapacidade pasaron polos cursos organizados pola Fundación ONCE dentro do seu programa 'Por Talento Dixital', nos dous últimos anos. O obxectivo desta iniciativa é mellorar as habilidades dixitais das persoas con discapacidade de maneira que teñan máis facilidades de incorporación ao mercado laboral.

En 2019, a Fundación ONCE, xunto con Inserta Emprego, puxo en marcha a iniciativa 'Por Talento Dixital', un programa que está orientado á mellora dos coñecementos e as competencias dixitais e ao acceso a profesións tecnolóxicas das persoas con discapacidade e que conta co apoio do Fondo Social Europeo.

Así, desde a súa posta en marcha leváronse a cabo 1.162 accións formativas de diversa índole e cuxos contidos van desde as competencias dixitais básicas ata outras máis específicas como a programación web (Java, JavaScript, Full Stack, orientada a obxectos, Bases de Datos), márketing dixital, e-commerce, desenvolvemento de aplicacións móbiles, Big Data, QA e testing de Videoxogos, atención a usuarios e instalación de aplicacións cliente, instalación e configuración de aplicacións informáticas, montaxe de compoñentes e periféricos microinformáticos, entre outras.

Os participantes nestas formacións orientadas a profesións tecnolóxicas son en moitos casos persoas que reorientan completamente a súa traxectoria laboral. É o caso de José Lázaro, que traballaba de albanel e instalador e tivo un accidente laboral. 'O curso que realicei abriume novas portas e un novo horizonte laboral esperanzador, posto que a empresa na que fixen as prácticas contratoume como programador', manifesta José.

Para Sabina Lobato, directora de Formación e Emprego, Operacións e Transformación da Fundación ONCE e directora xeral de Inserta Emprego, 'este programa é unha aposta firme e decidida da nosa organización para que as persoas con discapacidade non perdan a oportunidade de incorporarse á cuarta revolución industrial, que ten como eixo o sector dixital'.

Para iso, engade, 'traballamos man a man coas principais empresas para coñecer a realidade e necesidades deste mercado laboral tan cambiante'.

Ademais, están a levarse a cabo programas de formación específicos como é o caso de 'RADIA', posto en marcha en colaboración coa Fundación CEOE e a Conferencia de Consellos Sociais das universidades españolas. Grazas a este programa un total de 50 mulleres con discapacidade estanse a formar para ampliar a súa presenza en profesións tecnolóxicas.

Programa de bolsas

A iniciativa conta cun programa de bolsas e apoio económico, co obxectivo de facilitar a realización dos cursos que se ofrecen ao longo do ano. O apoio económico pode ir desde axudas ao desprazamento ata dietas por asistencia, en función da tipoloxía dos cursos e do perfil e necesidades do participante.

 

Ademais, en febreiro de 2020 lanzouse unha Convocatoria de Bolsas permanente para a formación individual dirixida a estudantes con discapacidade, co fin de apoiar a súa incorporación a accións formativas tipo mestrado e/ou cursos moi especializados nas principais escolas do ámbito tecnolóxico e dixital e promover a súa inclusión e impulso laboral en empregos técnicos especializados e altamente cualificados.

 

Trátase dunha convocatoria aberta, cuxos beneficiarios poden obter ata o 80% da contía total da matrícula e un máximo de 10.000 euros por solicitude.

 

O pasado ano 45 persoas obtiveron este tipo de axuda para realizar estudos de Marketing Dixital, Big Data e Desenvolvemento de Videoxogos, entre outros campos de coñecemento.

16/04/202108:11
Dous dos alumnos implicados no espazo que lles acaba de ceder a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
Vigo

Estudantes da UVigo recollen ordenadores solidarios para familias con poucos recursos

As situacións extremas sacan o mellor e o peor das persoas, sabémolo ben nestes tempos nos que nos toca convivir cunha pandemia que non só ataca á saúde senón tamén á estabilidade social. Partindo disto a asociación estudantil IEEE Uvigo Student Branch, na que se atopan estudantes das diferentes titulacións de enxeñaría que se imparten na Universidade de Vigo, vén de anunciar unha proposta solidaria de recollida de ordenadores, equipos que eles mesmos disporán nun espazo cedido pola Escola de Enxeñaría de Telecomunicación coa idea de repartilos entre as familias con menos recursos.

Segundo sinala o vicepresidente de IEEE UVigo Mateo Cid, estudante de mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación: “A iniciativa xurdiu a partir dun proxecto semellante que desenvolve a ONG Enxeñeiros Sen Fronteiras na Coruña coa ONG Ecos do Sur; a nosa idea é facer o proxecto equivalente pero desta volta en Vigo, que é onde se localiza a nosa asociación”, ao que engadiu que, “se todo sae ben, a idea é prolongar esta campaña no tempo, polo que estamos abertos a calquera doazón a longo prazo a través do formulario". Cómpre subliñar que se recolle todo tipo de material informático, tanto de particulares como de empresas. Máis polo miúdo, amais de computadores (tanto portátiles como de sobremesa), poderá entregarse todo tipo de material informático: monitores, teclados, ratos, fíos de conexión, discos duros, memorias... “Tentaremos aproveitar todo ao máximo”, salienta Cid, quen adianta que, malia que a iniciativa acaba de pórse en marcha, dende o Consorcio da Zona Franca xa lle doaron catro ordenadores que recollerán mañá venres e tamén comezan a chegar doazóns de particulares. O único requisito imprescindible para doar é completar un formulario, no que fica rexistrado o correo electrónico da persoa doante e a través do cal se porán en contacto con ela no intre da recollida.

Os membros voluntarios do IEEE UVigo serán os encargados de limpar estes equipos a fondo e instalarlles un set de aplicacións de software libre, para que o equipo poida empregarse desde o primeiro día en que se realice a entrega. Unha vez arranxados e equipados serán entregados á ONG Accem, que será a encargada de darllos ás familias en risco de exclusión ás que axuda.

15/04/202108:13
Presentación do anterior hackathon.
Santiago de Compostela

A Cidade da Cultura acolle en maio a quinta edición do Hackathon Big Data & Analytics

O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN) de DXC Technology, con sede na Cidade da Cultura de Galicia, vén de convocar a quinta edición do Hackathon Big Data & Analytics. Será os días 21 e 22 de maio de 2021 no dito complexo compostelán do monte Gaiás. Celebrarase en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA e a madeireira galega FINSA. A intención das entidades organizadoras é manter o alto nivel de participación e repercusión do evento, que se vén celebrando dende 2017, e mesmo superalo. O número total de participantes nas catro edicións previa superou o centenar.

Concorreron nas convocatorias anteriores analistas, investigadores, universitarios, emprendedores e persoas con inquietudes tecnolóxicas relacionadas co análise de datos, a estatística, o aprendizaxe automático, a análise de datos a gran escala (Big Data) e a Intelixencia Artificial.

A iniciativa forma parte das iniciativas do Plan DigiTalent da AMTEGA para promover as vocacións tecnolóxicas, un ámbito no que DXC quixo redobrar o seu compromiso coa potenciación e desenvolvemento do sector galego das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). Nesta edición, segundo fan saber as entidades organizadoras, o desafío será proporcionado pola empresa galega FINSA, dentro das súas iniciativas no marco de Industria 4.0. As anteriores edicións dos hackathons organizados polo CEIN estiveron vencelladas a ámbitos tan dispares como o estudo da mobilidade dentro de centros comerciais, a análise das redes sociais dos xogadores do equipo de baloncesto CAB Obradoiro, o estudo de datos medioambientais para mellorar a calidade de vida da cidadanía ou o desenvolvemento de ferramentas de apoio á toma de decisións para afeccionados e profesionais do mar e dos deportes acuáticos.

O obxectivo desta edición é atopar e premiar o desenvolvemento de modelos de predición ligados á á industria no ámbito de operacións. A participación está limitada a 30 participantes. A inscrición pódese facer a través da web do evento de xeito individual ou en grupos de ata cinco persoas.

Cambios na metodoloxía

Tradicionalmente o hackathon viña levándose cabo en dúas xornadas. O venres ás 17:00 facíase unha presentación, por parte do director do CEIN. Tras ela, comezaba una sesión de traballo ata as 20:00 horas que continuaba o sábado a partir das 9:00. Tras un xantar conxunto de todos os participantes, a partir das 18:00, cada equipo presentaba a súas solucións e o xurado avaliaba e seleccionaba aos gañadores.

Nesta ocasión, en función da situación provocada pola COVID, as actividades serán adaptadas ao estado no que se atope a Comunidade nese momento e serán anunciadas na web do evento. Os premios divídense en dúas categorías: mellor solución global e mellor proposta de valor. Os gañadores serán elixidos por un xurado multidisciplinar formado por profesionais do CEIN e de FINSA.

14/04/202114:09
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Xunta comeza a recibir esta semana os 14.502 ordenadores do plan Educa Dixital destinados ao alumnado en risco de exclusión tecnolóxica

  • A medida “Posto educativo no fogar” forma parte do programa “Educa en Dixital Galicia”, que é o resultado dun acordo entre a Xunta, Red.es e o Ministerio de Educación e Formación Profesional
  • A Xunta comezará a distribución dos equipos de xeito inmediato a partir da súa entrega por parte de Red.es, que anunciou que os enviará en varias quendas ata maio
  • A Amtega e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade xa dispoñían dun fondo propio de case 5.000 ordenadores portátiles con kit de conexión para atender as necesidades máis inmediatas como consecuencia da pandemia

A Xunta de Galicia comeza esta semana o reparto de 14.502 ordenadores portátiles cun bono de datos para a conexión a internet aos centros educativos públicos da Comunidade, destinados a alumnado en situación de risco de exclusión tecnolóxica.

Esta medida, denominada Posto educativo no fogar, enmárcase no programa Educa en Dixital Galicia, que foi asinado pola Xunta de Galicia, Red.es e o Ministerio de Educación e Formación Profesional a través de fondos FEDER e coa cofinanciación da comunidade autónoma

Galicia foi das primeiras comunidades en asinar o convenio con Red.es, e polo tanto, de adherirse á iniciativa para dar resposta ás necesidades das familias mais vulnerables. A Xunta entregará os equipos aos centros a medida que os reciba por parte de Red.es, entidade encargada de compralos e distribuílos en todo o Estado. O compromiso expresado pola Xunta é comezar o envío do equipamento aos centros de xeito inmediato despois da súa entrega por parte do Estado.

Os centros educativos serán os encargados de repartir os equipos entre o alumnado que se atope en situación de risco de exclusión. A entrega realizarase mediante a formalización dun acordo temporal de cesión coa familia. O préstamo non poderá exceder o tempo de duración do curso académico. Salvo cando os responsables dos centros consideren que se dan circunstancias particulares que así o recomenden, o alumnado beneficiado por esta medida deberá devolver os ordenadores ao remate do curso. O centro tamén poderá solicitar a devolución no caso de que cambien as circunstancias que motivaron a necesidade do préstamo.

Para afrontar os casos urxentes polas necesidades de uso das tecnoloxías dixitais derivadas da situación creada covid-19, a Xunta de Galicia xa dispoñía dun fondo propio de preto de 5.000 portátiles con kits de conexión para alumnado con máis necesidades. Esta actuación formou parte do plan de continxencia ante as limitacións de mobilidade provocadas pola pandemia.

Ademais, a Xunta dispón de 20.600 kits de conexión a internet con bono de datos de 10 meses para atender ao alumnado en risco de exclusión dixital, unha cifra que se podería ampliar, en función das necesidades, con bonos de 500 Mbps, no marco do novo concurso de telecomunicacións.

14/04/202113:08
Mans tecleando.
Boiro

A aula CeMIT de Boiro achega en maio cursos sobre ecommerce ou xestión de páxinas

O Concello de Boiro, a través da aula CeMIT, ofrece cursos de formación en informática para o mes de maio. Todas as xornadas formativas van ser online, co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria de todas as persoas participantes. As inscricións están xa abertas e, para quen estea interesado ou interesada en participar nalgunha das actividades, sinalarlle que ten toda a información na web da aula CeMIT. Achegaranse recursos sobre comercio electrónico, xestión de páxinas ou como mostrar contidos do mellor xeito posible na Rede.

Entre os cursos que se ofertan para o mes de maio están un de manexo de Wordpress, que se vai impartir os días 10, 11, 12 e 13 entre as 10.00 e as 12.00 horas de forma online. Vaise ofrecer tamén á cidadanía formación en Tendas Woocomerce os días 24, 25, 26 e 27 de maio, en horario de 10.00 a 12.00 horas. O día 19 de maio, entre as 10.00 e as 12.00 horas, vaise impartir unha xornada sobre Fake News. E os días 31 de maio, 1, 2 e 3 de xuño, en horario de 10.00 a 12.00 horas, será a quenda dunha formación en posicionamento web. O prazo de inscrición está xa aberto, toda a información na web municipal e na aula CeMIT do Concello de Boiro, no enderezo electrónico axentetic@boiro.org, no teléfono 981 84 26 35 ou vía Whatsapp no 629 769 139.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS