main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

22/04/202118:07
Relatoras da xornada.
Santiago de Compostela

O Día das Rapazas nas TIC, co que colabora o CPEIG, expón referentes femininos para atraer vocacións científico-tecnolóxicas ás nenas

  • Máis de 1.150 estudantes participaron hoxe nun coloquio virtual con catro mulleres do mundo das TIC: Beatriz Paz, Ana Freire, Úrsula Martínez e Verónica Bolón
  • Fernando Suárez, presidente do Colexio profesional: “A Enxeñaría en Informática é a profesión máis social do noso tempo e por iso facemos un chamamento ás estudantes para que estean máis presentes na sociedade do futuro”

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) participou hoxe na novena edición do “Día Internacional das Rapazas nas TIC”, ICT-Go-Girls!, organizada xunto á Secretaria Xeral de Igualdade e ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) da Xunta de Galicia. O evento foi creado para motivar ás novas xeracións de mozas co fin de que consideren as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.

A través da Plataforma Webinar do Cesga, a xornada foi retransmitida en directo para escolares de primaria e secundaria de toda Galicia. Deu a benvida aos participantes a directora da Axencia Galega da Innovación (GAIN) e presidenta do CESGA, Patricia Argerey. A continuación, interveu a secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, e clausurou o acto o director do CESGA, Mauro Fernández. 

Nesta edición bateuse récord de participación, con máis de 30 centros e máis de 1.150 alumnas e alumnos desde 5º de primaria a 2º de bacharelato. Coñeceron a catro tecnólogas galegas que lles contaron, en primeira persoa, o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos científicos e laborais para mellorar a vida da cidadanía: a enxeñeira de Telecomunicacións, Beatriz Paz Santalla; a doutora en Enxeñaría en Informática, Ana Freire; a enxeñeira Aeroespacial, Úrsula Martínez Álvarez; e a doutora en Enxeñaría en Informática, Verónica Bolón Canedo.

Como colaborador desde hai anos nesta actividade, o CPEIG está convencido da importancia que supón incorporar o talento feminino a un sector clave como o tecnolóxico. O seu presidente, Fernando Suárez, explicou que as novas tecnoloxías compren un papel estratéxico no cambio de época que se está a vivir, e en concreto, asegura que a informática é unha disciplina transversal a practicamente todos os sectores produtivos, desde a agricultura e a pesca á educación, cultura, sanidade, automoción, etc.

“A informática está en todos os sitios, e así quedou demostrado coa pandemia, e transformou a nosa sociedade ata o punto de que a cantidade de tecnoloxía que temos á nosa disposición abre novas oportunidades en todos os campos” –indicou–. 

Europea aprobou o Fondo de Recuperación Europeo, tamén chamado Next Generation, e España presentou o seu Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, bautizado como “España puede”, con fondos para a transición dixital. “Por primeira vez na historia, a informática é clave para a sostibilidade do planeta e para asegurar o reparto eficiente dos recursos, sendo crítica para a mellora da calidade de vida das persoas. A Enxeñaría en Informática é a profesión máis social do noso tempo e por iso facemos un chamamento ás estudantes para que estean máis presentes na sociedade do futuro” –manifestou–.

Oportunidades laborais do sector tecnolóxico

Na súa intervención, a enxeñeira superior en Telecomunicacións pola Universidade de Vigo (UVigo), Beatriz Paz, deu unhas pinceladas sobre a súa traxectoria desde que era unha estudante co obxecto de contrarrestar algún dos tópicos que existen sobre as carreiras técnicas. “Non deben deixarse asustar pola dificultade que se lles presupón a estas disciplinas ou o mito do ‘cerebrito’ illado do mundo. As persoas que traballamos no ámbito da tecnoloxía somos como calquera outra, con amigos e vida social” –explicou–.

De seguido, Paz Santalla falou das oportunidades laborais que ofrece a tecnoloxía, un sector sempre na busca de gran cantidade de postos de traballo cualificados. “O futuro estano deseñando as empresas tecnolóxicas e os tecnólogos, por iso é tan importante que haxa máis mulleres no sector tecnolóxico para que non queden excluídas” –apuntou–.

Ana Freire mandou varios mensaxes no seu relatorio con fin de animar ás mozas a descubrir o mundo da ciencia e a tecnoloxía, porque non son ámbitos desconectados da sociedade. “Tanto a ciencia como a tecnoloxía teñen aplicacións sociais moi diversas e necesarias, como a saúde ou a sostibilidade” –matizou–. 

De maneira informal, Freire explicoulle aos estudantes o seu día a día no traballo de enxeñeira informática, interactuando con profesionais de sectores moi diversos e viaxando e aprendendo cousas novas. En particular, explicoulles o proxecto STOP, que liderou hai máis de catro anos e no que se aplicaba intelixencia artificial para detectar problemas de saúde mental. Finalmente, presentoulles a iniciativa Wisibilízalas, destinada a dar a coñecer o bo facer de moitas mulleres que traballan en STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), para que lles poida servir de inspiración. 

Investigación espacial e intelixencia artificial

Pola súa parte, Úrsula Martínez centrouse en explicarlles o proceso a seguir nun proxecto de enxeñaría, desde que se pensa en algo ata que se obtén o resultado final. En particular, faloulles dun proxecto que fixo hai dous anos dun simulador de campo magnético terrestre, ilustrado con vídeos das últimas etapas do proxecto desenvolto no Spanish User Support and Operations Centre (EUSOC), un centro de investigación espacial da Universidad Politécnica de Madrid (UPM) delegado da Agencia Espacial Europea. Ademais, a enxeñeira aeroespacial explicará as súas prácticas no EUSOC na actualidade traballando no estudo do comportamento térmico de certos materiais na contorna espacial. 

Finalmente, a carballesa Verónica Bolón relatou aos escolares o seu inicio na etapa escolar e como desde ben nena xa se decantara polas matemáticas e a física. Cando chegou o momento de escoller carreira, decantouse por unha enxeñaría pola saída profesional. Tras matricularse inicialmente en Telecomunicacións, finalmente cursou Enxeñaría en Informática na Universidade da Coruña (UDC). “Descubrín que a informática é unha disciplina transversal, con moitas aplicacións e moi interesantes, nas que as matemáticas e a física xogan un papel moi importante” –salientou–.

Xa á hora do Proxecto Fin de Carreira, Bolón apostou pola Intelixencia Artificial (IA), departamento dirixido por mulleres na UDC, e desde ese momento forma parte do grupo de investigación LIDIA (Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial). “Investigar en IA é moi satisfactorio xa que é unha material multidisciplinar e transversal que me permite abordar unha gran variedade de problemas. Teño creado algoritmos para axudar a detectar enfermidades (retinopatía do prematuro, apnea do sono, insuficiencia cardíaca), para detectar vertidos no océano, ataques en redes de computadoras ou mesmo para poder ser aplicados en dispositivos intelixentes do tamaño dun anel” –concretou–. Desde 2016 Verónica Bolón é profesora na Facultade de Informática da UDC, compaxinando as súas labores docentes cos traballos de investigación.

O evento conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-GAL), Asociación.GAL, Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e Oficina de Igualdade da Universidade de Santiago, Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVigo) e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters!

22/04/202108:15
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Xunta destinou máis de 60 millóns á implantación das novas tecnoloxías no ámbito xudicial en Galicia

  • Todas as sedes xudiciais dispoñen de sistemas de videoconferencia e todos os órganos xudiciais contan con visor do expediente xudicial electrónico
  • No ano 2020 asináronse de forma electrónica case 3 millóns de documentos, ferramenta que se amosou especialmente útil no confinamento
  • O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, informou no Parlamento de Galicia dos avances para a completa implantación do expediente xudicial electrónico

Galicia xa ten en marcha todas as pezas do expediente xudicial electrónico grazas as medidas que se veñen desenvolvendo desde o ano 2009 no proceso de dixitalización da xustiza, coa inversión de 50 millóns aos que se suman 11 máis nas actuacións previstas a partir deste ano, o que supón un orzamento total de 61 millóns destinados á implantación das novas tecnoloxías no ámbito xudicial en Galicia.

En resposta a unha pregunta no Parlamento de Galicia, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, recordou que no último decenio, da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega, logrouse poñer en marcha todas as pezas para a implantación efectiva do expediente xudicial electrónico, como son as comunicacións telemáticas, a sinatura dixital, o visor do expediente xudicial electrónico, o sistema de gravación de vistas con sinatura dixital electrónica e a dotación progresiva de salas de vistas dixitais, a rede de videoconferencias implantada en todos os partidos xudiciais de Galicia e a sede xudicial electrónica, para facilitar o acceso electrónico á cidadanía.

Estas melloras acadáronse co desenvolvemento do primeiro Plan Senda entre 2009 e 2014, dotado con 23 millóns de euros; a posta en marcha do segundo Plan Senda, aprobado no ano 2015 e dotado con 26 millóns, e a extensión actual do devandito segundo plan.

No 2020 realizáronse case sete millóns de comunicacións electrónicas a través de LexNET, e no que vai de ano van xa máis de dous millóns, cunha media mensual de case un millón de mensaxes, polo que LexNET atópase na actualidade consolidado como ferramenta de comunicación na totalidade dos órganos xudiciais.

Todos eles, ademais, teñen implantada a sinatura dixital, ferramenta coa que o ano pasado se firmaron tres millóns de documentos, e preto dun millón no que van do presente ano, o mesmo que o visor, unha ferramenta que permite ao persoal xudicial acceder desde calquera dispositivo á información dos expedientes electrónicos.

A finais do presente ano, o 85% das salas contarán con tecnoloxía dixital, das que 32 estarán na nova Cidade da Xustiza de Vigo. Todas as salas de vistas contan xa con sinatura dixital, o que permitiu que se realizaran no que vai de ano arredor de 20.000 gravacións de vistas.

A totalidade das sedes xudiciais de Galicia dispoñen de sistemas de videoconferencia, que permiten a participación remota nunha vista ou declaración en toda a Administración da Xustiza galega. Tamén a sede xudicial electrónica está activada en todos os partidos xudiciais de Galicia, o que permitiu o ano pasado tramitar máis de 1.500 demandas a través de dita sede e descargar vídeos das gravacións de vistas. Na actualidade estase a traballar na consulta e descarga do expediente xudicial electrónico. Tamén está implantado na súa totalidade o sistema de xestión procesual Minerva.

Actuacións previstas

En canto as actuacións previstas, está planificada a dotación de salas Gesell, que permiten tomar declaracións garantindo a privacidade de testemuñas e sospeitosos. Polo que respecta á progresiva implantación das salas de vistas dixitais, das que xa se instalaron 76, está previsto rematar o proceso coa inversión de 1,7 millóns. Vanse adquirir, ademais, 30 novos sistemas de videoconferencia que, sumados aos que xa están en funcionamento, permitirá chegar á cifra de 200 dispositivos móbiles en funcionamento.

Na actualidade, o 23% das autoridades xudiciais e do persoal da xustiza en Galicia contan con ordenadores portátiles. Esa dotación vaise incrementar con aportacións de fondos europeos para chegar ao 77% do persoal mediante a adquisición de 1.476 portátiles, cun investimento de máis de 1,5 millóns de euros.

Por último, Juan José Martín indicou que se seguirá traballando na progresiva implantación da sinatura electrónica, no reforzo da celebración en remoto de actos telemáticos, na extensión do teletraballo e na apertura de canles para a solicitude da cita previa, entre outras melloras.

19/04/202118:19
Muller en realidade aumentada dentro dun videoxogo.
Santiago de Compostela

A Xunta e a Cámara de Comercio de Santiago apoian a formación dunha vintena de mozos en desenvolvemento de videoxogos

  • Neste programa en liña e de balde de sete semanas participan 25 persoas menores de 30 anos que aspiran a converter este campo na súa futura profesión
  • Enmárcase no Programa de formación e asesoramento a empresas e profesionais culturais que desde o Gaiás desenvolven a Xunta e a Cámara de Comercio
  • Está aberta a inscrición para un segundo programa formativo que arrancará en maio, centrado en transformación dixital e xestión empresarial no eido cultural

Un total de 25 mozas e mozos galegos menores de 30 anos comezan hoxe o curso formativo Videoxogos e emprendemento, un programa de sete semanas de duración promovido pola Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Xunta –a través da Fundación Cidade da Cultura– e a Fundación Incyde. A iniciativa proponse promover o éxito empresarial entre os participantes, xa sexa a través de novas oportunidades de crecemento profesional ou apoiando o nacemento e consolidación de novos proxectos de negocio e a creación de empresas.

O curso está enmarcado no Programa de formación e asesoramento a empresas e profesionais culturais que desde o Gaiás desenvolven a Xunta e a Cámara de Comercio, que, ademais de asesoría personalizada inclúe accións formativas en eidos como a internacionalización, o emprego das TIC, o financiamento e o capital risco ou a xestión empresarial. A apertura do curso, que se desenvolve a través de videoconferencia, contou coa participación da xerente Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; a secretaria xeral da Cámara, Rosa Cardeso, e o director de proxectos da Fundación Incyde, Jorge Hierro Álvarez.

O programa, dirixido a mozos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, ofrece a oportunidade de formarse nun sector punteiro, o do gaming, en plena expansión, e que vén experimentando crecementos acumulados nos últimos anos. Está destinado tanto a persoas emprendedoras ou profesionais que queiran iniciarse no desenvolvemento de videoxogos ou ampliar e consolidar os seus coñecementos no campo da creatividade dixital, como a aquelas que simplemente teñan interese no desenvolvemento de videoxogos de forma profesional.

Os participantes no curso aprenderán o funcionamento das empresas do sector, coñecendo os roles do equipo técnico, as tecnoloxías empregadas e as ferramentas, estratexias e canles axeitados para expor unha idea de negocio e poñela en marcha.

Inscrición aberta

O vindeiro mes de maio dará comezo un segundo programa formativo, tamén de balde e en liña, desta volta centrado en transformación dixital, xestión empresarial e emprendemento nas empresas culturais e creativas. O curso está dirixido tamén a mozos menores de 30 anos, que conten cunha idea de negocio no eido das industrias culturais e creativas e procuren apoio para a posta en marcha dun proxecto de empresa. As inscricións atópanse actualmente abertas, a través da web da Cidade da Cultura ou da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.

Apoio ao sector cultural

O Programa de formación e asesoramento a empresas e profesionais culturais proponse apoiar e mellorar a competitividade do sector nun momento especialmente delicado pola crise da covid-19. No marco do programa desenvólvense unha serie de accións formativas entre as que xa tiveron lugar dúas xornadas, centradas en implantación das TIC e en internacionalización, coa participación de preto dun cento de persoas.

Ata final de 2021, o programa incluirá tamén formación en temas como financiamento, capital risco ou programas europeos de apoio ao sector cultural. Ademais, o servizo ofrece asesoramento sobre temas como plan de negocio, business angels, apertura de novos mercados ou acceso a fontes de financiamento, resolvendo tamén dúbidas de carácter laboral, fiscal e mercantil relacionadas coas medidas postas en marcha para paliar as consecuencias económicas da covid-19.

19/04/202108:08
Persoas viaxeiras con maletas de rodas.
Santiago de Compostela

A Xunta disporá de un sistema de Big Data para coñecer o perfil dos turistas e xestionar a información de reservas e ocupación

  • O prazo para a presentación de propostas ao concurso para a construción e posta en marcha dun sistema intelixente de análise avanzada para o turismo finaliza o 20 de maio
  • O sistema estará a diposición da Axencia Turismo de Galicia e forma parte dun programa de colaboración Interreg no que participan, ademais, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e socios do Norte de Portugal
  • O desenvolvemento dunha cultura e turismo intelixentes é un dos eixos da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030)

A Xunta de Galicia iniciou esta semana o proceso de licitación para contratar a construción e posta en marcha dun sistema de información intelixente de turismo cun valor estimado de máis de 1,5 millóns de euros.

O sistema permitirá á Axencia Turismo de Galicia dispoñer de información analítica avanzada, mediante o uso da tecnoloxía BigData, sobre gasto turístico, reservas turísticas, ocupación, mobilidade ou sentimento e opinión de turistas e cidadáns.

A implementación e explotación dun sistema de Big Data turístico é parte do proxecto Eurorrexión destino Turístico Intelixente (EDIT), no que participan a Axencia Turismo de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), xunto con socios do Norte de Portugal, e que conta co respaldo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

As empresas interesadas na prestación deste servizo disporán ata o 20 de maio para a presentación de propostas a través do Portal de Contratos Públicos de Galicia.

Esta actuación enmárcase no obxectivo de desenvolver unha cultura e turismo intelixentes, que representa un dos eixos da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030). Neste ámbito, consolidarase un turismo intelixente en Galicia a través de solucións innovadoras que faciliten a interacción co visitante e incrementen a calidade da súa experiencia. Promoveranse tamén servizos dixitais avanzados arredor do Camiño de Santiago e outros espazos de interese turística.

Nesta liña atópase xa en marcha a plataforma tecnolóxica Turespazo, que se desenvolveu como parte do Plan Smart Turismo. Esta ferramenta permite ao sector a xestión online da súa información administrativa e a difusión da súa información promocional e a comercialización dos seus produtos.

Tamén se creou a plataforma dixital Smart Camiño, con información a tempo real a través do portal www.caminodesantiago.gal e a app móbil, con información e servizos dixitais avanzados para os viaxeiros.

Ao mesmo tempo, incrementáronse os medios tecnolóxicos das oficinas de turismo e se dotou aos albergues públicos do Camiño de Santiago de tecnoloxía wifi.

Ao longo de 2020 priorizáronse tamén no proceso de transformación dixital as actuacións derivadas do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid19, con iniciativas como a aportación tecnolóxica para a posta en marcha dos bonos turísticos #QuedamosenGalicia.

16/04/202114:00
Moza diante dun ordenador. Foto de Julia M Cameron en Pexels.
Santiago de Compostela

A Amtega lanza a versión JUNIOR do programa Tecnólog@ por un día para nenos e nenas de 12 a 14 anos

  • O prazo de inscricións permanecerá aberto desde o vindeiro luns 19 de abril ata o 28 de abril
  • Esta edición desenvolverase grazas á colaboración de profesionais voluntarios de seis empresas TIC galegas
  • Ata 30 estudantes poderán participar en distintas sesións online nun formato áxil e dinámico para achegarse ás profesións dixitais 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) activa a partir do luns 19 de abril o programa Tecnólogo por un día JUNIOR dirixido a estudantes de 12 a 14 anos. Os nenos e nenas interesados en participar poderán inscribirse ata o vindeiro 28 de abril desde os centros educativos, a través do persoal docente.

Sesións online áxiles e dinámicas

No momento da inscrición, o alumnado poderá elixir as súas preferencias entre as 30 prazas dispoñibles e as asignacións realizaranse posteriormente aplicando o resultado dun sorteo. Serán as empresas as que contacten co alumnado posteriormente para concretar as datas e os horarios das sesións que se desenvolverán ao longo do mes de maio.

Nesta ocasión, colaboran no programa profesionais voluntarios de seis empresas TIC galegas: Dos Espacios, Inetum, Satec, Sivsa, Sixtema e Tecalis; que desenvolverán distintas sesións online nun formato áxil e dinámico para achegar as profesións dixitais ás persoas máis novas.

Nesta quenda acolleranse ata 30 participantes, que poderán somerxerse a través das distintas sesións online na realidade destes traballos e adentrarse nos proxectos, ferramentas e/ou coñecementos que empregan as persoas que traballan no sector no seu no día a día; resolver dúbidas vocacionais que poidan plantexarse; ou coñecer cales son as capacidades que demandan as empresas neste eido.

No espazo web do programa atópase dispoñible toda a información, así como o modelo de autorización necesario para participar na actividade: https://digitalent.xunta.gal/gl/node/691.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS