main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

10/05/202107:50
A galardoada Guadalupe Ordóñez Torres.
Santiago de Compostela

A Voluntaria Guadalupe Ordóñez Torres, do programa de voluntariado dixital de Galicia, recibe o premio “voluntariado contra a fenda dixital” de Fundación Esplai

  • A entrega de premios realizouse na celebración online do Foro21 Xuventude Comprometida coas Persoas Maiores por parte de Fundación Esplai
  • Dende o Programa de VolDIX impúlsase o achegamento da tecnoloxía aos grupos máis vulnerables, e dende a iniciativa do concello de Mos colabórase, entre outros moitos ámbitos, para que as persoas maiores melloren a súa calidade de vida mediante o empoderamento en competencias dixitais.

 

Galicia estivo presente na XII Edición dos Premios Fundación Esplai á Cidadanía Comprometida, xa que unha das voluntarias máis activas do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia, Guadalupe Ordóñez Torres, foi galardonada na categoría de "voluntariado contra a fenda dixital".

A entrega de premios foi a través dun acto virtual e tivo lugar no marco da celebración do Foro21, que é o principal acto organizado pola Fundación Esplai e que este ano leva por título "Xuventude comprometida coa terceira idade".

O obxectivo destes premios é resaltar o traballo humano, social ou cultural que desenvolven as persoas para mellorar a sociedade e as condicións de vida doutros cidadáns, respondendo aos valores promovidos pola Fundación Esplai.

O recoñecemento outorgado a Guadalupe Ordóñez Torres derívase da importante labor realizada no marco do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia, concretamente no concello de Mos, onde ten unha larga traxectoria realizando diversas accións, principalmente formativas, ao longo das 12 parroquias que integran o municipio.

Entre todas as iniciativas levadas a cabo nestes últimos anos por esta voluntaria, destaca no seu voluntariado con persoas maiores, pola súa capacidade para atraer ás persoas maiores para que aprendan competencias dixitais e deste xeito melloren a súa calidade de vida. Destaca tamén o seu traballo con persoas desempregadas a través de talleres para a mellora da súa empregabilidade, da formación e a preparación de certificacións de competencias dixitais; ou cos máis novos, ao fomentar as súas habilidades tecnolóxicas relacionadas coa programación.

Programa de Voluntariado Dixital - VOLDIX

O Programa de Voluntariado Dixital é unha iniciativa posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e conta xa con 645 persoas voluntarias dixitais, unha cifra que nestes meses de pandemia tivo un gran incremento. O Programa ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías á cidadanía, favorecendo a inclusión dixital especialmente entre os colectivos máis desfavorecidos (persoas con discapacidade, maiores, persoas en situación de desemprego, persoas en risco de exclusión social, etc).

A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas do ámbito tecnolóxico, a colaboración das asociacións sen ánimo de lucro e o aproveitamento das infraestruturas públicas.

04/05/202120:41
Reunión do acordo de impartición dos títulos interuniversitarios de Grao e Máster en Intelixencia Artificial.
Santiago de Compostela

A Xunta e as tres universidades galegas asinan o acordo para impartir na Comunidade os títulos interuniversitarios de Grao e Máster en Intelixencia Artificial

  • Feijóo precisa que tanto o máster como o grao impartiranse nas tres universidades públicas galegas, onde actualmente se están ofertando os graos de Enxeñaría informática
  • Subliña que, tras a sinatura, as universidades comezarán a elaborar as memorias de verificación das titulacións, co fin de comezar a impartir estas titulacións no curso académico 2022-2023
  • Salienta a ampla experiencia coa que conta o SUG na impartición de materias relacionadas coa área das TIC, cun destacado cadro docente e con centros de investigación especializados na materia
  • Valora a colaboración e a vontade de diálogo das tres universidades, reflectidas tamén no actual Plan de financiamento do Sistema Universitario Galego ou nos traballos sobre o novo Mapa de titulacións

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a colaboración entre a Xunta e as tres universidades galegas para acadar un acordo co fin de impartir na Comunidade os títulos interuniversitarios de Grao e Máster en Intelixencia artificial. Dúas titulacións, aseverou, cunha gran demanda e cunha enorme proxección de futuro, xa que se agarda que os seus titulados acaden practicamente o pleno emprego, ademais de ofrecer diversas saídas laborais en áreas como a análise de datos, a robótica ou o internet das cousas.

Durante a sinatura, Feijóo incidiu en que o proceso de implantación realizarase sobre dous piares básicos: a colaboración, xa que a planificación destas titulacións e todo o seu proceso de implantación se realizará de xeito consensuado e dialogado; e o equilibrio territorial, “porque serán os títulos máis accesibles dos que se imparten en Galicia”, matizou.

Así mesmo, tanto o máster como o grao impartiranse nas tres universidades públicas galegas, onde actualmente se están a ofertar os graos de Enxeñaría informática: apostando, no caso do grao, por que os dous primeiros anos sexan comúns; e que nos dous últimos cada centro ou escola aposte por especializarse nunha das diferentes ramas desta disciplina.

“O obxectivo é poder ofertar 150 prazas de novo acceso no caso do grao -50 por cada universidade- e unhas 60 prazas de novo acceso no caso do máster -20 por centro-“, precisou, subliñando que tras a sinatura deste acordo, as universidades comezarán a elaborar as memorias de verificación das titulacións, co fin de comezar a impartilas no curso académico 2022-2023.

O presidente da Xunta asegurou que a posta en marcha destas dúas titulacións achegará un valor diferencial ao sistema universitario galego. E todo isto grazas á ampla experiencia coa que conta o SUG na impartición de materias relacionadas coa área das TIC, cun destacado cadro docente e con centros de investigación especializados na materia.

Logo de recordar que a aposta por esta disciplina encádrase na Estratexia Dixital de Galicia 2030, Feijóo concluíu valorando a colaboración e a vontade de diálogo das tres universidades, reflectidas tamén no actual Plan de financiamento do Sistema Universitario Galego ou nos traballos sobre o novo Mapa de titulacións.

01/05/202114:19
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

O número de empresas tecnolóxicas e de contidos creceu en Galicia un 4,5 por cento, fronte ao 0,1 por cento da media española

  • O Hipersector TIC galego conta con 24.393 persoas empregadas afiliadas á Seguridade Social, un 0,2% máis que o ano anterior.
  • As empresas tecnolóxicas e de contidos galegas exportaron bens por valor de 95 millóns de euros
  • O 22,4% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores realizaron algún tipo de actividade innovadora
  • No 2019, as empresas galegas destinaron máis de 627 millóns de euros a gastos internos de I+D, o que supón un incremento do 6,2% con respecto ao ano anterior

O Hipersector TIC galego pechou o ano 2020 con 24.393 traballadores, o que representa un crecemento do 0,2% respecto do ano anterior. Comparativamente, o Hipersector TIC é un dos sectores económicos máis resilientes na actual conxuntura marcada pola COVID-19, e incluso pódese dicir que crea emprego. O incremento de emprego concéntrase no sector TIC, que conta con 19.343 traballadores, experimentando un crecemento do 1,9% no período 2019-2020, mentres o sector Contidos sitúase nos 5.050 empregados/as. Son as cifras recollidas no Estudo sobre o Hipersector TIC de Galicia publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Amtega.

O informe indica tamén que no ano 2019 estaban rexistradas en Galicia un total de 3.830 empresas dedicadas a actividades adscritas ao Hipersector TIC, cun crecemento do 4,5% no último ano. Este incremento é moi superior á media do conxunto do Estado (0,1%) e mantén a Galicia na quinta posición estatal por número empresas deste segmento, unicamente superada por Madrid, Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana. Cabe salientar o crecemento sostido no número de empresas do Hipersector TIC galego nos últimos anos, acumulando un aumento de máis dun 15% dende o ano 2015.

A análise dos dous sectores que conforman o Hipersector TIC indica que: o sector TIC acada as 2.897 empresas, un 4,1 % máis que o ano anterior e representa máis do 75% do total do Hipersector TIC. Pola súa banda, o sector Contidos experimenta un crecemento do 5,8% e sitúase en 933 empresas.

Incremento do valor engadido bruto do Hipersector TIC

O informe sinala que o valor engadido bruto (VEB) do Hipersector TIC galego aumentou un 2,5% no último ano e supera os 1.744 millóns de euros, o que representa o 2,8% do PIB galego. O VEB no Hipersector TIC creceu un 20% respecto ao ano 2015, en consonancia co incremento observado na demografía empresarial e no emprego.

A balanza comercial do Hipersector TIC deixou en Galicia máis de 95 millóns de euros en exportacións no ano 2019. Pola súa banda, as importacións acadaron practicamente os 136 millóns de euros.

A fabricación de equipos de telecomunicacións (CNAE 26.3) é a actividade que acada unha maior cifra de exportacións, con máis de 49 millóns de euros, o que supón o 51,3% do total de exportacións do Hipersector TIC de Galicia

A innovación e a I+D no tecido empresarial galego

O informe tamén analiza a actividade innovadora entre as empresas de 10 ou máis empregados/as, utilizando os últimos datos dispoñibles das enquisas de innovación e I+D do INE.

No período 2017-2019, 1.665 empresas galegas de 10 ou máis traballadores/as realizaron algún tipo de actividade innovadora, o que representa o 22,4% das empresas galegas deste volume de emprego. Galicia ocupa así a sexta posición no ranking estatal de empresas innovadoras.

As empresas galegas de 10 ou máis empregados/as acadaron un gasto en actividades innovadoras de 760 millóns de euros no ano 2019. En canto ao gasto tecnolóxico para realizar actividades de innovación das empresas galegas de 10 ou máis empregados/as, unha de cada tres mercaron tecnoloxía xa coñecida pola empresa ou unha actualización da preexistente, superando a media estatal en 3,2 puntos porcentuais. No caso de compra de nova tecnoloxía, o 6,9% das empresas galegas mercaron nova tecnoloxía, non utilizada previamente pola empresa

No ano 2019, as empresas galegas destinaron máis de 627 millóns de euros a gastos internos de I+D, o que supón un incremento do 6,2% con respecto ao ano anterior. Galicia permanece na sétima posición das Comunidades que máis investiron en I+D respecto ao conxunto estatal. O número de traballadores/as en I+D en Galicia acada os 11.085 empregados/as, 454 máis que o ano anterior, o que representa un incremento do 4,3%.

Máis especificamente, no Hipersector TIC, a porcentaxe de empresas de 10 ou máis empregados/as con actividades innovadoras no período 2017-2019 é do 36,2%. O gasto en innovación en Galicia do Hipersector TIC ascendeu neste período a máis de 126 millóns de euros. Máis da metade (50,7%) das empresas do Hipersector TIC de 10 ou máis empregados/as con actividades innovadoras consideran que as innovacións nos seus procesos de negocio cumpriron ou superaron as expectativas xeradas.

Distribución do emprego por provincias e xénero

A análise provincial indica que A Coruña, cun 58,2%, e Pontevedra, cun 28,1%, seguen a ser as que concentran un maior número de traballadores do Hipersector TIC.

Respecto á actividade onde se rexistrou o maior incremento de traballadores/as no último ano, destaca o das “Actividades da tecnoloxía da información”, que aumentou un 5,9%, superando os/as 12.100 traballadores/as.

A análise do emprego segundo o xénero no Hipersector TIC indica que un 67,4% son homes fronte a un 32,6% de mulleres. Esta fenda de xénero faise máis patente no sector TIC, no que a porcentaxe de mulleres é do 30,4% mentres que no sector contidos, as mulleres representan o 41,2%.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal.

30/04/202116:54
Mans usando un smartphone.
Santiago de Compostela

O Portal de Transparencia da Xunta recibe máis de 700.000 visitas e acumula 2,5 millóns de páxinas consultadas desde a súa posta en marcha

  • A Consellería de Facenda e Administración Pública vén de facer públicos os informes relativos á transparencia e ás queixas e suxestións dos usuarios
  • A páxina máis vista é a que recolle a información sobre normativa e medidas da Xunta sobre a pandemia do covid
  • O 95% das suxestións feitas polos cidadáns, presentáronse de xeito telemático

O Portal de Transparencia da Xunta de Galicia leva recibidas máis de 700.000 visitas desde a súa posta en marcha, e acumula 2,5 millóns de páxinas consultadas por preto de 240.000 persoas. Así figura nun informe sobre a transparencia no sector público autonómico de Galicia que vén de publicar a Consellería de Facenda e Administración Pública.

O Portal de Transparencia contén máis de 1.710 páxinas web, nas que se poden visualizar uns 5.012 documentos. Dá así cumprimento á Lei Galega de Transparencia, aprobada no ano 2016, que ten como principal obxectivo facilitar á cidadanía máis información e máis da que establece a normativa básica estatal. De feito, esta lei converteu a Galicia na comunidade que asumiu máis obrigas neste ámbito a través da normativa autonómica.

A páxina máis vista é a que recolle a información sobre a normativa e as medidas postas en marcha pola Xunta sobre a pandemia do covid (119.819 visitas), seguida da de altos cargos da Administración Xeral con 101.695 visitas. No ano 2020 o número medio de visitas ao mes foi de 20.021, o que supón un incremento do 45% con respecto á media do ano anterior.

No que se refire ás peticións de acceso á información pública, recibíronse 3.575 desde a posta en marcha da Lei estatal 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, o 79,5% a través de medios electrónicos. Destas 3.575 peticións, foron resoltas 2.978, das que un 83% foron estimadas, permitindo o acceso total á información solicitada.

Queixas e suxestións

Por outra banda, a Consellería de Facenda e Administración Pública tamén fixo público hoxe o informe da Oficina de Defensa dos usuarios dos servizos públicos, en relación coas queixas e suxestións achegadas polos cidadáns. Este documento dá cumprimento á Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa Administración, e recolle un balance das tramitación de queixas e suxestións relativas ao funcionamento do sector público autonómico correspondente ao 2020.

Esta oficina constitúese como un instrumento para a mellora da calidade na xestión pública a través da participación cidadá, e para facer as súas achegas os cidadáns poden acollerse a calquera das canles habilitadas ao efecto como son o rexistro da Xunta, o teléfono ou a sede electrónica, o que lles permite acceder os 365 días do ano as 24 horas do día.

O informe recolle que no 2020 se recibiron un total de 2.666 queixas e 518 suxestións, das que preto do 50% están xa resoltas. Máis do 65% das queixas foron presentadas de xeito telemático e, no caso das suxestións, a presentación electrónica sube ata preto do 95%.

Esta ferramenta de participación cidadá, que se utiliza cada ano máis, permite coñecer de primeira man o que se pode mellorar e, deste xeito, poñer en marcha mecanismos e recursos para logralo.

O informe sobre a transparencia no sector público pode consultarse no seguinte enlace: https://transparencia.xunta.gal/transparencia-neste-portal, mentres que o da Oficina de Defensa dos Usuarios dos servizos Públicos está dispoñible nesta dirección: https://transparencia.xunta.gal/tema/participacion-e-relacions-coa-cidadania/suxestions-e-queixas.

27/04/202108:45
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Telefónica inclúe Galicia no seu programa formativo de emprego Alfabetización Dixital

Telefónica vén de comunicar a apertura da inscrición para participar nunha nova edición de Alfabetización Dixital, o programa online de orientación laboral que tamén ten presenza en Galicia, amais de noutras comunidades. O seu obxectivo é lograr que as persoas desempregadas poidan achegarse ás tecnoloxías e aprendan habilidades dixitais básicas para a procura de traballo.

Serán tres semanas de sesións virtuais para, nun plano máis concreto, familiarizarse coas programas e aplicacións informáticas que as empresas demandan actualmente nos seus procesos de selección e ofertas de traballo. Ademais, entregarase aos seus participantes un certificado acreditativo tras finalizar a actividade. A iniciativa desenvolverase en maio e contará con prazas limitadas. Ademais de Galicia, poderán participar persoas en desemprego, de entre 18 e 60 anos, de Asturias, Castela e León, Cataluña, Comunidade de Madrid, Comunidade Valenciana e A Rioxa. As persoas interesadas en participar nesta actividade, totalmente gratuíta, dispoñen até o 29 de abril para realizar a súa inscrición na páxina web das Lanzadeiras de Emprego de Telefónica.

Esta iniciativa está impulsada pola Fundación Santa María a Real e a Fundación Telefónica, que contan con co-financiamento do Fondo Social Europeo, a través do programa operativo POISES. Segundo o establecido nas bases da convocatoria, poderán apuntarse persoas en desemprego das ditas comunidades autónomas, tendo prioridade as que sexan dalgunha das cidades adscritas ao programa LCE nesta rolda, que no caso de Galicia son A Coruña, Carballo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo. Os seus participantes asistirán durante tres semanas a varias sesións virtuais para aprender a xestionar unha conta do servizo de correo electrónico Gmail para a procura de traballo; a usar ferramentas como Drive para almacenar toda a súa documentación na nube; ou aplicacións como Google Calendar ou Trello para deseñar o seu plan de prospección laboral. Profundarán no manexo de programas informáticos para crear un currículo moderno, unha base de datos ou unha presentación profesional. Amais, aprenderán a realizar vídeo-conferencias ou entrevistas virtuais; a sacar certificados dixitais, ademais de coñecer as oportunidades das redes sociais para situarse e atopar traballo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS