
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que os puntos de vacinación de Galicia poderán tramitar a Chave365 para que as persoas que o desexen poidan acceder a través das app É-Saúde e PassCovid ao seu certificado de vacinación.
De feito, explicou, hoxe mesmo se publica no DOG a resolución conxunta que habilita ao persoal empregado da vacinación á realización destes trámites de oficio sempre que o paciente o autorice.
Logo de sinalar que Galicia leva tempo defendendo a necesidade de avanzar neste certificado de “enorme utilidade” e de facelo en coordinación coa UE, Feijóo destacou que tanto o certificado galego como o europeo van permitir: facilitar a mobilidade, garantir a protección da saúde pública e contribuír á recuperación da actividade económica.
A aula CeMIT do Concello de Boiro vai deparar á poboación local, este mes de xuño, novas oportunidades para mellorar a súa formación tecnolóxica, tan necesaria hoxe non só para comunicarse e obter información, senón tamén para traballar, mercar ou facer trámites coas administracións. Trátase dunha serie de cursos de formación presencial e online, centrados en sistemas operativos, tratamento de imaxes ou ferramentas de xestión. As prazas son limitadas. As inscricións poden facerse mediante o enderezo electrónico axentetic@boiro.org, o teléfono 981 84 26 35 ou vía Whatsapp no 629 769 139.
Entre os cursos presenciais que se ofertan están o de edición de imaxes con GIMP, que se vai realizar os días 7, 8, 9 e 10 en horario de 10 a 12 horas de forma presencial na aula CeMIT do Centro Social; curso de administración nivel usuaria/o sistema Windows 10, que se vai realizar os días 14, 15, 16, 17 en horario de 10.00 a 12.00 horas. A formación de deseño gráfico de Inkscape, vai ser os días 21, 22, 23 e 24 de xuño no mesmo horario. No mes de xuño desenvolverase tamén formación online cun taller de Hoosuite (xestor de redes sociais) que se vai impartir do 7 ao 10 de xuño de 10.30 a 12.30 horas e un obradoiro de Grantt Projet para planificación de proxectos, que se vai realizar do 14 ao 17 de xuño no mesmo horario. Entre a formación online que se desenvolve na CeMIT, o Concello de Boiro lembra que aínda hai prazas dispoñibles para o actividade sobre posicionamento web, que comeza o día 31 de maio e remata o 3 de xuño, en horario de 10.00 a 12.00 horas.
A Rede CeMIT, liderada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), participa nos actos conmemorativos do Día de Internet organizados pola Asociación Somos Digital, a través da súa colaboración virtual no encontro “Experiencias Somos Dixital – Centros de competencias dixitais clave na transición dixital” e a celebración o vindeiro 21 de maio da xornada “Deféndete das noticias falsas” da aula CeMIT de Cuntis poñendo o peche aos actos conmemorativos desta data.
Con estas sesións, a Rede CeMIT ten como obxectivo seguir fomentando o interese pola capacitación dixital e a mellora das habilidades dixitais da cidadanía así como poñer en valor a labor dos seus dinamizadores e dinamizadoras no proceso de transición dixital da cidadanía.
Así pois, o pasado 12 de maio a aula CeMIT de Vimianzo, en representación da Rede CeMIT, participaba de xeito virtual expoñendo o seu proxecto de boas prácticas a través da presentación da campaña levada a cabo para a promoción do comercio e a hostalería locais no encontro nacional “Experiencias Somos Dixital – Centros de competencias dixitais clave na transición dixital”.
Neste acto, dispoñible na canle de YouTube da Asociación Nacional Somos Digital, púxose de manifesto a importantísima labor dos responsables das aulas CeMIT no impulso social e dixital, sobre todo, nun momento no que a pandemia facía palpable a importancia da formación no ámbito dixital. Adicionalmente, neste encontro foi posible coñecer unha gran variedade de boas prácticas levadas a cabo por toda a xeografía española a través dos centros de competencias dixitais de Burgos, Talavera de la Reina, Zamora, Valencia, Córdoba e Cáceres.
Continuando con esta colaboración, o vindeiro 21 de maio está prevista a realización da xornada “Deféndete das noticias falsas” organizada pola aula CeMIT de Cuntis en horario de 12:00 a 14:00 horas.
Este seminario pon o peche a un ciclo de conferencias promovido pola Asociación Somos Digital, para conmemorar o #diadeinternet 2021 co fin de poñer de manifesto a importancia da calidade e a integridade da información que manexa a opinión pública e que repercutirá na súa capacidade para fomentar un pensamento crítico e libre.
As persoas interesadas poden inscribirse a esta sesión de xeito gratuíto a través da páxina web de CeMIT na seguinte ligazón e seguir o seminario desde as súas casas ou achegarse de xeito presencial ás aulas CeMIT de Celanova, Oroso e Pontevedra.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 91 concellos, está integrada por 97 aulas e está presente en 52 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.
O conselleiro Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe xunto ao reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, na inauguración da nova sala do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), cofinanciada pola Xunta. O titular de Universidades do Goberno galego sinalou o CITIC como “un referente no eido da I+D+i aplicada ás TIC” e destacou a importancia deste novo espazo para a intelixencia artificial en Galicia.
Román Rodríguez subliñou que Galicia conta “cun sistema investigador de primeiro nivel, punteiro e recoñecido no panorama nacional e internacional, con espazos coma o CITIC, un dos oito centros acreditados como Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia”. Neste sentido, reafirmou o compromiso da Xunta coa investigación. “Galicia é a única Comunidade cun programa completo de formación investigadora universitaria, con convocatorias para as etapas predoutoral e posdoutoral, así como cun programa de retención de talento”, afirmou.
Un potente programa de formación e retención de persoal investigador que absorbe un orzamento de 40M€ e inclúe os contratos predoutorais e posdoutorais, o novo Programa de Atracción e Retención de Talento e a liña de apoio aos Centros de Investigación acreditados. “De feito, neste CITIC inxectamos preto de 3M€ entre 2020 e 2022 para blindar o financiamento das súas principais liñas de investigación”, explicou o conselleiro.
Intelixencia artificial
O conselleiro visitou a nova sala xunto co presidente do Consello Social desta universidade, Antonio Abril, e o director do centro, Manuel González Penedo. Sobre o Demostrador Tecnolóxico, Román Rodríguez referiuse á súa utilidade para achegar á cidadanía proxectos punteiros en áreas como a Ciencia ou a Enxeñería de Datos, a Computación de altas prestacións, a Ciberseguridade ou a Intelixencia Artificial.
Ao respecto salientou que a IA é “unha disciplina en alza na que este centro destaca especialmente e que a Xunta apoia decididamente como quedou acreditado tras o recente acordo cos tres reitores para impartir un grao e máster interuniversitarios centrados nesta materia”.
“Estamos convencidos de que esta nova sala de Demostrador Tecnolóxico realizará un labor fundamental á hora de achegar os distintos avances e proxectos que aquí se realizan”, indicou.
Espazo de divulgación
A nova sala, que leva o nome de Demostrador Tecnolóxico, é un espazo de divulgación e demostración da actividade de I+D+i que se realiza no CITIC, que se empregará para amosar e testar proxectos punteiros en Intelixencia Artificial, exhibindo tamén proxectos das restantes áreas do centro como Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións, Servizos e Redes Intelixentes e Ciberseguridade.
O espazo está organizado en catro áreas. Reunións con sistema de videoconferencia, demostradores físicos, espazo de contornas virtuais e realidade aumentada e tótem de pósteres conforman a estrutura desta sala dotada con equipamento de alta tecnoloxía.
A sala, na que se materializou un investimento que supera os cen mil euros, está cofinanciada pola propia UDC e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Consello Social da UDC.
A aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (CeMIT) do Concello de Ames, programou o ciclo Sácalle partido ao teu móbil. A través de 4 cursos independentes pero relacionados, durante os meses de maio e xuño, ensinarase como tirar o máximo proveito dos móbiles.
Nestes obradoiros, impartidos todos en horario de 17.30 a 18.30 horas, aprenderase como manexar os dispositivos, o sistema operativo e as súas aplicacións fundamentais para, nos cursos máis avanzados, afondar nas aplicacións de Google que adoitan vir preinstaladas, nas aplicacións móbiles de mensaxería e redes sociais máis importantes, así como nas apps máis interesantes e útiles de outros ámbitos.
O primeiro obradoiro comeza o martes 18 de maio e remata o mércores 27 de maio. Durante estas xornadas impartirase o obradoiro de Introdución ao sistema operativo: apps básicas. Neste curso aprenderase sobre a interface xenérica do sistema operativo e das ferramentas móbiles, axustes básicos e avanzados, e aplicacións básicas por descubrir.
A aula CeMIT tamén ten organizado unha actividade formativa sobre aplicacións de Google que se realizará dende o 31 de maio ata o 3 de xuño. Nel, falarase sobre a maioría de aplicacións de Google que xa veñen preinstaladas nos móbiles. Ademais, botarase luz sobre outros recursos tecnolóxicos que resultan ser moi útiles no noso día a día. Xuño comeza en Ames co curso de WhatsApp e redes sociais, que se impartirá dende o 7 ao 10 xuño. Nesta ocasión, ensinarase de forma, case exclusiva, nocións para sacar todo o partido ás apps que se empregan a diario: WhatsApp, Facebook, Twitter e outros servizos de mensaxería e redes sociais.
Por último, como peche do programa, impartirase un obradoiro no que se aprenderá sobre outras aplicacións móbiles moi útiles. As persoas interesadas poderán asistir a este obradoiro dende o 14 ata o 17 de xuño. Trátase do curso final do ciclo no que se descubrirán moitas ferramentas que poden facilitar a vida no día a día: edición de imaxes e vídeos, xestión da nosa economía, listas da compra, receitas, deporte...