main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

18/05/202109:09
Valeria Corrales amosando os seus robots.
Santiago de Compostela

Un Museo Gaiás Virtual acollerá a presentación de 60 proxectos tecnolóxicos e educativos de sete países na Maker Faire Galicia

  • Do 2 ao 6 de xuño terá lugar a sétima edición, e a segunda virtual, deste escaparate para a creatividade e o enxeño, que aposta polo ‘faino ti mesmo’ e inclúe unha xornada dedicada exclusivamente á innovación educativa
  • No encontro presentaranse máis de medio cento de proxectos, 34 deles de ‘makers’ galegos, entre eles 13 centros educativos de primaria, secundaria e FP de Galicia
  • O encontro despregará tamén un intenso programa de obradoiros e relatorios emitidos por videoconferencia, sobre temas como intelixencia artificial, robótica, ciberseguridade, videoxogos, economía circular, arte ou innovación social

A Cidade da Cultura, transformada nun entorno virtual en 360 graos, acolle un ano máis a Maker Faire Galicia, que chega á súa sétima edición repetindo co formato totalmente en liña estreado en 2020, que a converteu nunha das primeiras feiras maker do mundo realizada integramente a través da rede. No encontro, que terá lugar do 2 ao 6 de xuño, argalleiros e argalleiras de seis países diferentes –España, a Arxentina, O Xapón, México, EE.UU., Portugal e O Brasil– presentarán os seus proxectos a través dunha plataforma dixital que recrea o Museo Gaiás e na que as persoas asistentes poderán interactuar cos makers, participar en obradoiros e asistir a charlas e mesas redondas con referentes nacionais e internacionais.

Na que promete ser a edición máis internacional deste escaparate para a creatividade e o enxeño, poderán coñecerse medio cento de proxectos –34 deles galegos– presentados por makers, asociacións, empresas e centros de ensino. O encontro volve dedicar unha xornada exclusivamente ao ámbito da innovación educativa, na que ademais de tratar temas como o ensino do futuro, a gamificación, os espazos maker ou as comunidades de aprendizaxe, terá lugar un concurso de proxectos coa participación de 13 centros de primaria, secundaria e FP de toda Galicia, que optarán a diferentes galardóns.

O que xa é o evento maker máis importante da Península contará nesta edición con relatores da relevancia de César de la Fuente, biotecnólogo galego e profesor na Universidade de Pensilvania, onde lidera un laboratorio de investigación especializado en crear antibióticos con ordenadores a partir de moléculas naturais. Coñecido polo público xeral por desenvolver un test de baixo custo para detectar a covid-19, foi nomeado polo MIT (Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts) como un dos 35 mozos máis innovadores do mundo con menos de 35 anos, e galardoado co Premio Fundación Princesa de Girona Investigación Científica 2021.

Inclusión e diversidade no eido da tecnoloxía

A conferencia de César de la Fuente enmarcarase nas dúas xornadas da Maker Faire dirixidas a profesionais e empresas de sectores como biotecnoloxía, robótica, intelixencia artificial, ciberseguridade ou blockchain, nas que tamén se contará con relatores como Jon Hare, un dos game makers máis coñecidos de Europa, creador de xogos míticos como Parallax ou Sensible Soccer, e Keisha Howard, recoñecida activista en favor da inclusión e a diversidade no mundo dos videoxogos, e fundadora da comunidade Sugar Gamers. Con dúas charlas TED (Tecnoloxía, Entretemento e Deseño) no seu curriculum, ten traballado con compañías como como SYFY, Watchmojo, AT&T, HBO, Nintendo, HTC, Microsoft o Google, entre outras.

Outro dos nomes destacados do encontro é o de Valeria Corrales, unha minimaker de Huesca que con só 12 anos triunfou na última edición do programa de televisión Got Talent España, abraiando ao xurado cun robot que ela mesma construíu e que resolveu en directo o cubo de rubik en 29 movementos. A través dunha canle de YouTube creada xunto á súa profesora Patricia Heredia, comparte coñecemento en aberto e proponse inspirar a outras nenas que queiran dedicarse á enxeñería ou a robótica. Foi nomeada Inspiring Girl of the Year pola Fundación Inspiring Girls e elixida mellor alumna de secundaria de STEM de España nos STEM Talent Awards.

Contidos para profesionais, docentes e público xeral

O programa da sétima Maker Faire Galicia incluirá como novidade o primeiro EDU Open Space, un espazo para a reflexión ao redor da educación, onde os propios asistentes proporán as temáticas para debater en diferentes mesas redondas en simultáneo. Tamén se celebrará novamente a Game Maker Jam, unha competición para crear videoxogos en 48 horas da que o xoves se coñecerá a temática e o domingo, na xornada de clausura, o gañador ou gañadora do concurso.

Do mesmo xeito que en anos anteriores, as dúas primeiras xornadas desta feira de innovación estarán máis enfocadas ao ámbito profesional, mentres que o venres 4 de xuño a protagonista será a innovación educativa, con contidos dirixidos ao sector do ensino, e xa os días da fin de semana emitiranse contidos destinados a público xeral e centrados en temáticas moi diversas e relacionadas coa robótica, a ciencia, a innovación social, a arte, a economía circular ou o gaming, sempre baixo a filosofía do faino ti mesmo que caracteriza este encontro.

Aberto de balde o rexistro de asistentes

O encontro celébrase nun Museo Gaiás virtual e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Realízase coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación.

Para ter máis información sobre a Maker Faire Galicia e como seguir os diferentes contidos, pode visitarse a súa plataforma en liña, onde xa está aberto o rexistro de asistentes, que é totalmente gratuíto.

18/05/202108:58
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Xunta incorporará 81 novos centros a E-Dixgal o vindeiro curso e amplía este Programa de libro dixital a 3º e 4º de ESO noutros 139

  • É a primeira vez que un alumno poderá estudar con este sistema durante seis cursos consecutivos
  • A mellora na convocatoria enmárcase na Estratexia Galega de Educación Dixital 2030 e no Plan EDU100, co obxecto de impulsar a dixitalización do ensino

A Xunta de Galicia incorporará o vindeiro curso 2021/2022 ao programa de libro dixital E-Dixgal un total de 81 novos centros e ampliará a participación doutros 139 aos cursos de 3º e 4º de ESO, a principal novidade da convocatoria deste ano. Ademais, dous centros educativos que xa o desenvolven en Secundaria incorporan a iniciativa tamén á etapa de Primaria. Deste xeito, o número total de centros integrados no E-Dixgal elévase a 551, dos que 197 son da provincia da Coruña, 90 da de Lugo, 46 da de Ourense e 218 da de Pontevedra.

Das novas incorporacións, 29 son centros da provincia da Coruña e 14 son da provincia de Lugo. No caso da provincia de Ourense súmanse á iniciativa un total de sete centros, mentres que na provincia de Pontevedra os centros novos serán 31. Así mesmo, o CPI de Xanceda (Mesía) e CPR Plurilingüe Padres Somascos, (A Guarda) que xa desenvolven o E-Dixgal en Secundaria, ampliarano o vindeiro curso tamén a Primaria.

Os centros de nova incorporación en Primaria comezarán a traballar co libro dixital o vindeiro curso en 5º, e estenderano o seguinte a 6º. No caso dos que se sumen ao proxecto na etapa de Secundaria, comezarán en 1º de ESO e terán o compromiso de ir estendéndoo progresivamente ata completar os catro cursos.

Duplícase a cifra en secundaria

A convocatoria deste ano incluía por primeira vez a posibilidade de ampliar o programa aos cursos de 3º e 4º de ESO (ata o momento está implantado en 5 e 6 de Primaria e en 1º e 2º de ESO). Serán en total 139 os colexios e institutos que se acollan a esta ampliación, o que suporá case duplicar o número de alumnos de ESO con E-Dixgal en Galicia. Deles, 46 son centros da provincia da Coruña, 28 da provincia de Lugo, cinco da provincia de Ourense e 60 da provincia de Pontevedra.

Esta mellora supón, ademais, que por primeira vez un alumno galego poderá estudar con libro dixital gratuíto durante seis cursos consecutivos.

Estratexia Galega de Educación Dixital 2030

A ampliación do proxecto E-Dixgal é unha das liñas de acción da Estratexia Galega de Educación Dixital 2030, a folla de ruta coa que o Goberno galego vai impulsar a dixitalización do sistema educativo, e que inclúe medidas como a dotación de espazos maker e polos creativos nos centros, ou a implantación da Intelixencia Artificial no curriculum de todas as etapas educativas.

Así mesmo, enmárcase no Plan EDU100 (Plan de Infraestruturas Dixitais Educativas 2021-2023), coordinado pola Amtega, que supón un investimento 134,6M€ nos próximos tres anos. Ao seu abeiro o Consello da Xunta autorizou xa a adquisición de 45.000 ultraportátiles e equipos para 2.000 aulas, así como a compra de 55.000 equipos fixos e portátiles destinados a docentes. Tamén se deu luz verde á adquisición de 5.000 paneis interactivos para aulas de centros educativos, que cumprirán co obxectivo de que o 100% das aulas de centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade entre 1º de Primaria e 2º de Bacharelato sexan dixitais; capacidade de conexión de ata 1Gbps e wifi en todos os espazos docentes.

11/05/202108:13
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade abriu esta fin de semana desde o CAFI a xornada sobre Educación Dixital.
Santiago de Compostela

A Xunta impulsa a formación de preto de 800 docentes no ámbito tecnolóxico como unha das chaves para a excelencia do ensino

  • Román Rodríguez agradece a implicación docente por actualizar coñecementos e competencias imprescindibles para a calidade formativa dos alumnos

Arredor de 800 docentes participaron este fin de semana nunha xornada formativa sobre educación dixital a través dun encontro virtual que, ademais de para afondar na mellora de coñecementos e competencias neste ámbito, serviu de punto de encontro para o intercambio de experiencias e boas prácticas en materia tecnoloxía dixital. Así mesmo, o encontro tivo como obxectivo acompañar ao profesorado na incorporación destas tecnoloxías ao proceso de ensino-aprendizaxe na aula, e para debater sobre propostas metodolóxicas innovadoras neste ámbito.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, aproveitou a apertura da xornada –na que interveu telematicamente desde a Aula Nova do Centro de Autonómico de Formación do Profesorado, CAFI– para agradecer persoalmente o compromiso dos profesores galegos coa mellora da súa carreira profesional a través da actualización constante dos seus coñecementos e destrezas, e que despois trasladan ás aulas cos alumnos. Loou, ademais, o sobreesforzo engadido no seu labor diario nun curso marcado pola pandemia.

O titular de Educación referiuse á formación do profesorado como “unha carreira de fondo que esixe dunha adaptación continua aos novos tempos e ás novas necesidades”. O Goberno galego deseña cada curso, a través do Plan Anual de Formación do Profesorado, as estratexias e as ferramentas formativas para o profesorado galego, sempre buscando a máxima correlación entre as accións estratéxicas da Consellería e as liñas de formación ofertadas.

Tan só nos últimos meses máis de 30.000 docentes participaron nalgunha das accións formativas en competencias dixitais ofertadas pola Consellería, como a de Educación Dixital celebrada este fin de semana. Na última década, as accións programadas centráronse principalmente no ámbito lingüístico (pola extensión do ensino plurilingüe), así como en materia de convivencia e inclusión, en igualdade e en competencias STEM e no eido dixital, a raíz da implantación do E-Dixgal.

O impulso da dixitalización

De cara aos próximos anos, segundo avanzou o conselleiro, vaise facer un especial fincapé na formación tecnolóxica, que resultará necesaria para afrontar o impulso á dixitalización do sistema educativo que está impulsando a Consellería de Educación e que se vai materializar en accións como a dotación de espazos maker e polos creativos nos centros escolares, ou a implantación da Intelixencia Artificial en todas as etapas educativas.

“Sacarlle o máximo proveito a todas estas iniciativas depende, sobre todo, de contar con profesorado ben preparado, con coñecementos especializados para poder levar adiante con éxito estes proxectos”, abondou o conselleiro, que especificou que “a excelencia dos nosos estudantes só se pode garantir con docentes tamén excelentes”.

10/05/202118:24
María Jesús Lorenzana.
Santiago de Compostela

A Xunta ofrecerá formación online e gratuíta en comercio electrónico a 1.200 autónomos de Galicia

  • A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe na Mesa do Emprego Autónomo o programa Autónomos Dixitais que busca mellorar o grao de dixitalización dos traballadores por conta propia e brindarlles unha oportunidade para emprender ou reemprender o seu negocio
  • Impartiranse dous tipos de cursos, un básico e outro de especialización, dirixidos a catro perfís: menores de 30 anos, mulleres, persoas entre 31 e 44 anos e autónomos que tiveron que pechar a súa actividade pola pandemia e maiores de 45
  • Trátase dunha iniciativa que se enmarca nas medidas específicas que está a adoptar a Xunta de Galicia para facer fronte á covid-19, xa que o e-commerce adquiriu importancia ao longo da pandemia, nacendo novos hábitos na compra de produtos
  • As persoas interesadas poden solicitar a súa praza desde mañá a través da páxina web www.autonomosdixitais.com ou do mail info@autonomosdixitais.com

A Xunta porá en marcha este mes de maio a segunda edición do programa Autónomos Dixitais enfocado para que as persoas traballadoras autónomas melloren as súas competencias en comercio electrónico e saiban como aproveitar mellor as novas canles online de comunicación que existen para ofrecer aos seus clientes os seus produtos e servizos.

A iniciativa non só está dirixida aos autónomos dados de alta, senón tamén a aqueles que tiveron que pechar os seus negocios como consecuencia da pandemia co obxectivo de que teñan acceso a unha segunda oportunidade a través da dixitalización. A formación, ademais de gratuíta, é flexible e adaptable aos horarios de preferencia, impártese a través dunha aula dixital e conta con titorización persoal.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe na Mesa do Emprego Autónomo de Galicia a iniciativa coa que se prevé formar a 1.200 traballadores por conta propia en e-commerce xa que, segundo explicou, o comercio electrónico adquiriu unha gran importancia ao longo da pandemia, nacendo novos hábitos na compra de produtos. De feito, expuxo que, de acordo co VII estudo sobre e-commerce en España, realizado polo por IAB -a maior asociación mundial de comunicación, publicidade e marketing dixital presente en 47 países- o comercio por Internet segue crecendo, e en España un 72% dos cibernautas de entre 16 a 70 anos utilizan a rede como canle de compra.

En palabras da conselleira, a Xunta ten que seguir apostando polo comercio tradicional, incentivando nas tendas as compras e axudando ao mantemento dos seus postos de traballo e, ao mesmo tempo, debe seguir impulsando a formación en dixitalización para apoiar aos autónomos ante os novos retos.

Neste contexto, naceu o programa Autónomos Dixitais que este ano diríxese a catro perfís: a mocidade (menores de 30 anos); mulleres; persoas entre 31 e 44 anos e autónomos que tiveron que pechar o seu negocio como consecuencia da covid-19; e maiores de 45 anos. Para cada un deses catro perfís impartiranse dous cursos en formato dixital e gratuítos: un básico sobre fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico; e un avanzado, de especialista en e-commerce. Cada curso consta de 50 horas de formación e ao remate os alumnos e alumnas recibirán un diploma de aproveitamento avalado pola Xunta.

O primeiro dos cursos, Fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico, centrarase en coñecer os conceptos básicos e aspectos xurídicos do e-commerce, adquirir nocións básicas sobre márketing dixital, promoción e ferramentas 2.0 en Internet e identificar canles de comercialización e distribución.

Na acción formativa avanzada, de Especialista en e-commerce, dirixida a persoas con experiencia profesional na materia ou formación previa, coñeceranse as opcións de financiamento de proxectos de comercio electrónico, como elaborar un plan de márketing online, afondarase en aspectos como a protección de datos, seguridade ou medios de pagamento dispoñibles, crearse e xestionarase unha tenda online con Prestashop e darase formación en xestión de datos, provedores e loxística de envío.

Os interesados en participar nos cursos, que se comezarán a impartir a partir do próximo 20 de maio, poden solicitar desde mañá a súa praza a través da páxina web www.autonomosdixitais.com ou do mail info@autonomosdixitais.com.

Os obxectivos principais do programa, en palabras da conselleira, son mellorar o grao de dixitalización das persoas traballadoras autónomas de Galicia e brindarlles a oportunidade de reposicionar o seu negocio “reemprendelo e/ou emprendelo”. Do que se trata é de reforzar o tecido empresarial galego e, por iso, esta iniciativa enmárcase nas medidas específicas que está a adoptar a Xunta para facer fronte á covid-19.

10/05/202109:01
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Amtega comparte a súa visión de futuro das competencias dixitais no Encontro Nacional de Responsables de Redes organizado pola asociación “Somos digital”

  • No encontro online de dous días, organizado pola Asociación Somos Digital, os responsables de Redes de Competencias Dixitais presentaron os seus plans de futuro, así como exemplos de boas prácticas e leccións aprendidas
  • A Rede CeMIT estivo presente en ambas sesións e puxo en valor o traballo realizado ao longo destes anos
  • A representación galega presentou a súa nova visión de futuro no eido da inclusión dixital, as vocacións tecnolóxicas e as competencias dixitais en liña coa Estratexia Galicia Dixital 2030

A Rede CeMIT, liderada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), participou no Encontro Nacional de Responsables de Redes de Competencias Dixitais. O acto foi organizado virtualmente pola Asociación Somos Digital, unha comunidade da que a Rede CeMIT forma parte xunto con outras 13 redes de telecentros. Somos Digital foi constituída no ano 2008 co fin de agrupar institucións, entidades e colectivos que traballan na creación, dinamización e mantemento de espazos públicos dedicados ao fomento da Sociedade da Información.

Grazas á labor dos máis de 2.150 centros de competencias dixitais que integran a Asociación ao longo de toda a xeografía española, xunto coa participación de 1.440 formadores e dinamizadores, estase a traballar na alfabetización e capacitación dixital de 1,96 millóns de persoas usuarias a nivel nacional a través da realización actividades en diferentes temáticas, das que a máis demandadas son:

  • Alfabetización Dixital.
  • Competencias dixitais para a mellora da empregabilidade.
  • Vocacións tecnolóxicas e empregos dixitais: STEAM, programación, robótica educativa, etc.
  • Actividades Maker: fabricación, creatividade, deseño e impresión 3D, etc.
  • Formación e asesoramento tecnolóxico a emprendedores e pequenas empresas.
  • Certificación de competencias dixitais.
  • Impulso de proxectos de innovación social.

Encontro de Responsables de Redes

Asociación Somos Digital, anualmente organiza un Encontro de Responsables de Redes coa finalidade de reforzar lazos entre as entidades partícipes da asociación a nivel nacional, desenvolvendo unha rede colaborativa de intercambio de ideas, boas prácticas e contidos. Este ano, dada a situación da pandemia, organizouse un encontro online.

A Rede CeMIT participou activamente tanto nas sesións do día 5 de maio como na do día 6 de maio para presentar os seus plans de futuro e visión estratéxica de cara aos vindeiros dous anos no eido da inclusión dixital, as vocacións tecnolóxicas e as competencias dixitais en liña coa Estratexia Galicia Dixital 2030, así como para compartir co resto de redes presentes, as leccións aprendidas, especialmente, neste último ano marcado pola extraordinaria situación trala chegada da Covid-19.

Así mesmo, tamén se deu visibilidade ás boas prácticas e proxectos de interese postos en marcha co obxectivo de que a experiencia sirva de exemplo e inspiración para outras redes.

Este acto contou ademais cunha completa axenda nas que destacan as intervencións como a de Clara Centeno, investigadora do Instituto de Prospectiva Tecnolóxico do Joint Research Centre (JRC-IPTS) da Comisión Europea ou Javier Miranda, Responsable da Área de Formación e Emprego de DigitalES que expuxeron as súas visións sobre as iniciativas da Comisión Europea no marco das competencias dixitais así como a situación actual do Sector TIC, respectivamente.

Principais conclusións do Encontro

Son moitos os pasos dados por parte das comunidades autónomas, entidades e organismos no eido da capacitación e inclusión dixital da cidadanía, pero aínda queda traballo por recorrer para conseguir que a cidadanía dispoña das competencias dixitais necesarias en todos os ámbitos da vida, para o traballo, o lecer e a comunicación. Polo que será clave para o futuro, continuar avanzando na ampliación de servizos de formación, acompañamento, sensibilización en novas tecnoloxías, certificación... sempre adaptados ás distintas necesidades da cidadanía.

O encontro permitiu coñecer os plans e políticas a nivel europeo e nacional en materia de impulso de competencias dixitais, mostrar iniciativas nacionais interesantes que sexan de aplicación, intercambiar experiencias e boas prácticas das propias redes da Asociación, e poñer en común metodoloxías e recursos para ser reutilizados entre os diferentes socios.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 91 concellos, está integrada por 97 aulas e está presente en 52 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS