main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

27/04/202108:40
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Xunta organiza un obradoiro dixital para mellorar as oportunidades laborais dos maiores de 45 anos e parados de longa duración

  • Emprego e Igualdade convoca un curso de formación en competencias brandas: aptitudes en organización, traballo en equipo, comunicación, creatividade, xestión emocional ou capacidade resolutiva, entre outras
  • Un estudo recente de Linkedin destaca que o 92% das persoas directivas de empresas consideran que as ‘soft skills’ son iguais ou máis importantes que as técnicas
  • O prazo de inscrición rematará o 10 de maio e a acción formativa terá lugar do 11 de maio ao 11 de xullo

A Xunta desenvolverá entre o 11 de maio e o 11 de xullo un obradoiro dixital de formación en competencias brandas, é dicir, o curso avaliará as habilidades dos participantes en organización, traballo en equipo, análise, conexión, comunicación, actualización, creatividade, xestión emocional e capacidade resolutiva.

A iniciativa está dirixida a persoas desempregadas maiores de 45 anos e parados de longa duración co obxectivo de mellorar as súas oportunidades laborais. Así, está enfocada á busca de emprego, ao autoemprego, á adaptación a situacións descoñecidas e aos novos contornos dixitais. Un estudo recente realizado por Linkedin destaca que o 92% das persoas directivas de empresas consideran que as competencias brandas son iguais ou máis importantes que as técnicas. Ademais, o 75% dos responsables de Recursos Humanos sinalan que as soft skills son esenciais á hora de seleccionar ou non un candidato. Si se fala de postos directivos, a porcentaxe aumenta ata o 94%.

As persoas interesadas en participar no obradoiro poden anotarse xa e ata o próximo 10 de maio a través da dirección https://rumboaempregabilidade.fpgft.gal/. No curso analizaranse 9 competencias brandas e o grao de uso que se fai en cada unha delas, así como se exporán experiencias de persoas expertas no mundo do management, dos recursos humanos e da empresa. Así mesmo, haberá tamén sesións de coaching individuais.

27/04/202108:36
Muller usando un smartphone.
Santiago de Compostela

Calquera persoa de Galicia pode xa autorizar a outra dende a sede electrónica da Xunta para realizar os seus trámites ante as administracións

  • O Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos permite tramitar a autorización dun xeito gratuíto
  • A persoa que outorga o poder ten a opción de facelo desde a propia sede electrónica ou de xeito presencial
  • A autorización terá unha vixencia máxima de cinco anos, aínda que se pode outorgar por un período inferior e renovala. Pode ser revogada en calquera momento pola persoa que a outorga e a persoa apoderada poderá tamén renunciar ao apoderamento

As persoas de Galicia que queiran designar a outra para facer no seu nome os trámites ante as administracións poden facelo xa na sede electrónica da Xunta. A creación do Rexistro Xeral de Apoderamentos simplifica este trámite, que poderá facerse de maneira gratuíta.

O novo Rexistro de Apoderamentos créase no marco da Lei de Administración Dixital de Galicia e está regulado no Decreto publicado polo DOG o pasado 18 de marzo.

Neste momento, a tramitación pódese realizar na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal. O servizo comezará a estar dispoñible esta semana nas oficinas de rexistro das sete cidades e estenderase progresivamente ao resto das oficinas da rede autonómica.

O decreto establece tres tipos de poderes:
1. Un poder xeral, para que a persoa apoderada poida actuar ante calquera administración ou entidade instrumental.
2. Un poder limitado a actuacións administrativas ante a Xunta de Galicia ou ante unha entidade instrumental concreta.
3. Un poder aplicable unicamente para a realización de trámites especificados no propio documento.

A documentación para a tramitación dos poderes está a disposición das persoas interesadas na propia sede electrónica. No caso de que todos os requisitos para a aceptación poidan ser comprobados automaticamente, a inscrición no rexistro será tamén automática. En caso contrario, a documentación terá que ser analizada polo órgano competente.

Os poderes terán unha vixencia máxima de cinco anos e poderán ser revogados en calquera momento, tanto pola persoa que outorga o poder como pola persoa apoderada. Tamén se poden outorgar poderes cunha vixencia máis limitada no tempo, que poderán ser prorrogados ata os cinco anos.

A posta en marcha do Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos atende unha demanda social que se incrementou coa extensión do uso da administración electrónica como consecuencias da pandemia por Covid-19. Facilitará o acceso a este modelo a persoas que non están habituadas ao uso da tecnoloxía dixital ou que, por calquera outra circunstancia, non poidan facelo.

O 78 por cento das anotacións no sistema único de rexistro de Galicia en 2020 realizáronse por canle electrónica. Tamén aumentaron dun xeito significativo, un 38,61 por cento, as entradas de documentación por sede electrónica.

27/04/202108:31
Cámara de videovixilancia e un mazo de xulgado en primeiro plano, de fondo unha colección de libros.
Santiago de Compostela

O número de vistas gravadas nos xulgados de Galicia en marzo foi o máximo rexistrado nun mes dende que se implantou o sistema

  • Todas as salas das sedes xudiciais de Galicia dispoñen de equipamento eFidelius para a gravación das vistas
  • Nos xulgados galegos hai 66 salas de vistas completamente dixitais e outras 60 atópanse en fase de licitación
  • As salas dixitais facilitan o uso do Expediente Xudicial Electrónico e contan con sistema de videoconferencia e gravación
  • O número de equipamentos de videoconferencia a disposición das sedes xudiciais de Galicia, tanto fixos como móbiles, é de 185
  • Entre xaneiro e marzo de 2021, os xulgados galegos emitiron máis de 2,2 millóns de comunicacións telemáticas

Nos xulgados de Galicia graváronse no mes de marzo deste ano un total de 10.175 vistas, o que supón un incremento dun 124.47% con respecto ao mesmo mes do ano anterior. Trátase do mes con maior número de vistas gravadas nos últimos tres anos, dende o comezo da implantación da aplicación eFidelius.

Tras acadar o obxectivo de que todas as salas das sedes xudiciais de Galicia dispoñan do sistema para a gravación das vistas, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) está a acometer un proceso de instalación de novos equipamentos que integra ademais o sistema de videoconferencia.

Un total de 66 das salas galegas (un 34% do total) son xa completamente dixitais, o que implica que dispoñen dun deseño e compoñentes destinados a facilitar o uso do Expediente Xudicial Electrónico durante a celebración das vistas. Estas salas integran o equipo de videoconferencia que permite tamén a gravación das vistas no sistema eFidelius. As salas dixitais aseguran unha correcta visualización de todos os elementos do Expediente, tanto en papel como en soportes dixitais.

Por provincias, A Coruña dispón de 26 salas de vistas dixitais; Pontevedra ten 21; Ourense, 12 e Lugo, 7.

Na actualidade atópase en marcha o proceso de licitación para a subministración, instalación e posta en marcha de 60 salas dixitais máis, por un importe de 1,67 millóns de euros. O prazo para a presentación de ofertas remata o 28 de abril.

As sedes xudiciais de Galicia dispoñen dun total de 185 equipos para a realización de videoconferencias, das que 100 son fixos e 85 móbiles. A localidade galega con máis equipos de videoconferencias é A Coruña, con 36; seguida de Vigo, con 21; Pontevedra, con 19; Ourense, con 16; e Santiago e Lugo, ambas con 13.

Por outra banda, todas a sedes xudiciais de Galicia dispoñen tamén de sinatura electrónica integrada co sistema de xestión procesual Minerva. Na actualidade, este sistema permite a presentación electrónica de procedementos monitorios civís e sociais para todos os partidos xudiciais de Galicia. Permite tamén a presentación electrónica de demandas de xuizo verbal nos órganos de Primeira Instancia da Coruña, Ourense e Lugo. Dende Minerva, os profesionais da xustiza poden descargarse os vídeos coas gravacións das vistas.

Durante o mes de marzo deste ano asináronse electrónicamente un total de 392.222 documentos, dos que o 96,42% foron tramitados dende Minerva. Os principais usuarios desta funcionalidade son os letrados da Administración de Xustiza, que asinaron un 82,89% do total. Entre xaneiro e marzo de 2021 asináronse de xeito electrónico algo máis de un millón de documentos.

Os xulgados de Galicia emitiron entre xaneiro e marzo de 2021 máis de 2,2 millóns de comunicacións telemáticas a través do sistema LexNet. A maior parte delas foron notificacións (1,68 millóns) e escritos de trámite (483.000).

26/04/202109:46
Mozo tombado na herba cuns cascos na cabeza.
Madrid

Unha luva de vibracións que permite ás persoas xordas 'sentir' a música

  • O CESyA continúa apostando pola accesibilidade ao mundo cultural coa súa última invención: unha luva de vibracións destinado a que as persoas xordas poidan 'notar' a música a través das súas mans.

Álvaro García López, investigador do Centro Español do Subtitulado e a Audiodescripción (CESyA), gañou o premio ao mellor póster e presentación de traballo doutoral no XXXV Conference on Design of Circuits and Integrated Systems cunha luva de vibracións que fai posible que as persoas con discapacidade auditiva poidan experimentar as sensacións e emocións que transmite a música.

CESyA continúa apostando pola accesibilidade ao mundo cultural coa súa última invención: unha luva de vibracións destinada a que as persoas xordas poidan 'notar' a música a través das súas mans. Este dispositivo modula unha serie de vibracións sobre a pel, que activan as mesmas zonas do cerebro que determinadas notas musicais. Deste xeito, unha persoa con discapacidade auditiva total pode facerse unha idea bastante aproximada das sensacións e emocións que transmite unha determinada melodía.

O investigador que está a levar a cabo este proxecto, Álvaro García López, é doutorando no Grupo de Displays e Aplicacións Fotónicas (GDAF-UC3M) da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M), e a súa tese ten por obxectivo ofrecer unha canle alternativa de estimulación emocional a persoas con discapacidade auditiva.

Para levar a cabo este estudo, o CESyA e a UC3M están a colaborar con neurólogos do departamento de psiquiatría, e expertos na área audiovisual do departamento de Comunicacións Aplicadas da Universidade Complutense de Madrid (UCM). A partir desta colaboración, están a deseñarse e construíndo sistemas de estimulación vibrotáctil que traducen a música a vibracións que percibe o usuario. Para validar estes sistemas, utilízanse electroencefalografías para comprobar se a resposta emocional que provocan estes estímulos a persoas con discapacidade auditiva é a mesma que nas persoas oíntes.

O CESyA e a inclusión das persoas con discapacidade na cultura

CESyA é un centro dependente do Real Padroado sobre Discapacidade do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, xestionado pola UC3M e con sede no seu Parque Científico. Conta coa colaboración do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e o seu proxecto multidisciplinar consiste en favorecer a accesibilidade na contorna dos medios audiovisuais a través dos servizos de subtitulado e audiodescripción.

O centro colabora coas asociacións de persoas con discapacidade, coa industria, con institucións no ámbito da cultura, cos radiodifusores ou coas universidades para crear e implantar solucións que melloren a accesibilidade aos medios audiovisuais.

Ademais da luva de vibracións, o CESyA desenvolveu outras ferramentas para o acceso ao lecer e a cultura, como a Axenda Cultural Accesible (cuxa aplicación está dispoñible de forma gratuíta en Apple Store e Google Play), que permite que o usuario, independentemente de onde viva, poida coñecer a oferta cultural española en calquera rexión, filtrando os resultados por provincia, tipo de accesibilidade e data. Outro artefacto patentado polo centro foi un prototipo de lentes de subtitulado con realidade aumentada que permiten a unha persoa con discapacidade auditiva, ou que non entenda o idioma, ver unha película con subtítulos de forma individual, grazas a un microcontrolador e un monóculo que proxectan os subtítulos no cristal da lente. O devandito enxeño foi elixido pola revista Time como un dos dez mellores inventos do ano 2007.

26/04/202109:41
Unha muller maior utiliza a tecnoloxía de Rehametrics acompañada dunha enfermeira.
Santiago de Compostela

Unha rehabilitación máis divertida grazas á tecnoloxía

O proceso de rehabilitación ao que se enfrontan moitas persoas maiores, con discapacidade ou que sufriron unha lesión pode ser complicado e duradeiro. Por iso é tan importante a aposta pola gamificación destes procesos a través da tecnoloxía que fixo a empresa Rehametrics e que xa aplican entidades como Mutua Montañesa.

O obxectivo da gamificación é incorporar un compoñente divertido a procesos tediosos como adoita ser o dunha rehabilitación. O obxectivo está claro, o paciente goza máis con exercicios amenos logrando unha actitude máis positiva que mellora o proceso de rehabilitación.

Neste sentido, a compañía Rehametrics creou unha solución dirixida á rehabilitación física e cognitiva que, a través do uso da tecnoloxía, estimula e motiva aos pacientes con exercicios amenos.

Ademais, o uso desta tecnoloxía facilita unha monitoraxe detallada do proceso de rehabilitación, permitindo analizar a evolución do paciente, e crea informes clínicos avanzados.

Rehametrics está pensado tanto para o seu uso en contornas clínicas como en domicilios e utiliza tecnoloxía coñecida como Kinect, webcams, pantallas táctiles ou ratos.

Este innovador proxecto xa foi adoptado por entidades como Mutua Montañesa, que utiliza a solución de Rehametrics nos seus centros de Santander, Torrelavega, Barcelona e Valladolid.

Esta plataforma incorpora máis de 220 exercicios e os propios rehabilitadores destacan os seus beneficios. No caso desta mutua, os seus doutores sinalan que é unha ferramenta 'moi útil' tanto polos beneficios sobre os pacientes como pola mellora nas posibilidades de seguimento e avaliación.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS