main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

31/05/202107:52
artín Varela no improvisado estudio no ximnasio do Centro Cultural Universitario de Ferrol no momento da lectura do fallo do xurado.
Ferrol

O equipo Captioma Steams de Ourense gaña a 7ª edición da FIRST LEGO League Galicia organizada pola Universidade da Coruña en formato virtual

O equipo Captioma Steams de Ourense gañou o sábado a 7ª edición da First Lego League Galicia organizada pola Universidade da Coruña. O podio completouse con Efigy Girls Las Acacias, de Vigo no segundo premio da Universidade da Coruña ao gañador e con Las Acacias Bot, de Vigo co Premio Concello de Ferrol ao Proxecto de Innovación. Estes tres equipos representarán a Galicia na gran final nacional que terá lugar os días 26 e 27 de xuño, en formato en liña emitido desde Tenerife.

Listaxe completa dos gañadores da categoría FIRST LEGO League Galicia Challengue:

  • Primeiro Premio Fundación Scientia ao gañador, Captioma Steams, de Captioma Galicia, Ourense.
  • Segundo Premio da Universidade da Coruña ao gañador, Efigy Girls Las Acacias, do Colexio Las Acacias de Vigo.
  • Premio Concello de Ferrol ao Proxecto de Innovación, Las Acacias Bots, do Colexio Las Acacias de Vigo.
  • Premio Deputación da Coruña aos Valores FIRST, Robot City Pobra, do CEP Salustiano Rey Eiras, da Pobra do Caramiñal, A Coruña.
  • Premio Gabadi ao Deseño do Robot, Peña Clever Bots, do Colexio Peñarredonda, A Coruña.
  • Premio ao Comportamento do Robot, Peña Clever Bots, do Colexio Peñarredonda, A Coruña.
  • Premio ROBOTIX Hands-on learning ás Novas Promesas, H4CKZ4POS, de Gazapo.gal, Narón, A Coruña.
  • Premio ao Adestrador, 100tíficas Trabe, do IES Rego de Trabe, Culleredo, A Coruña.
  • Premio Xunta de Galicia ao Emprendemento, Mega Builder Team, de Mega Ribeira, de Ribeira, A Coruña.

A Universidade da Coruña organizou este sábado, a FIRST LEGO League Galicia (FLL Galicia), que nesta sétima edición se celebrou integramente en liña pola pandemia da Covid-19. A Escola Politécnica Superior do Campus de Ferrol acolleu as reunións telemáticas do xurado e habilitouse no espazo do ximnasio do campus, no Centro Cultural Universitario, un estudo para a emisión de entrevistas e contactos en directo con distintos equipos participantes, no que o mago Martín Varela conduciu todo o evento.

Os premios desta edición entregaranse en formato presencial o vindeiro 5 de xuño, ás 11:00 horas na Escola Universitaria Politécnica, en Serantes, nun acto presidido polo reitor, Julio Abalde, a vicerreitora de Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, e o coordinador da FLL Galicia, o profesor da UDC José Antonio Becerra Permuy.

Na convocatoria do sábado participaron un total de 250 mozos e mozas de 34 equipos procedentes de toda Galicia.

Segundo valorou o coordinador da FLL Galicia, José Antonio Becerra, o formato telemático non incidiu na calidade das propostas presentadas, que se situou no elevado nivel das edicións anteriores, aínda que si lle restou alegría ao campus. O profesor Becerra cualificou esta edición de “estraña” e manifestou o seu desexo de que se poida volver á normalidade presencial o antes posible.

A FLL Galicia conta co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), da Deputación Provincial da Coruña, do Concello de Ferrol e do Conservatorio Profesional de Música de Ferrol Xan Viaño. Ademais, patrocinan a FIRST Lego League Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), GADIS, R, Error Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.

Que é a FIRST LEGO League?

FIRST LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos e mozas, de entre 10 e 16 anos, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovables. Mediante a súa resolución, os mozos e mozas desfrutan coa ciencia e a tecnoloxía. Ao mesmo tempo, aprenden valiosas habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación. Este desafío está conformado por tres ámbitos de traballo:

  • Deseñar, construír e programar un robot.
  • Desenvolver un proxecto científico que dea solución a un problema proposto por eles mesmos.
  • Demostrar uns valores de equipo.

FIRST LEGO League ten unha dobre misión:

  • Fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre os máis novos.
  • Desenvolver habilidades e competencias de futuro.

O DESAFÍO FIRST LEGO League en España

A Fundación Scientia é a entidade que impulsa a FIRST LEGO League en España en colaboración co 20% das universidades españolas, parques tecnolóxicos e entidades de promoción da innovación como socios. Ademais, a iniciativa é posible grazas á colaboración de empresas e entidades que achegan aos participantes aos coñecementos e profesións STEAM. Nesta edición, FIRST LEGO League conta con ROBOTIX Hands-on Learning e Correos como colaboradores do DESAFÍO RePLAY.

Nesta tempada, a FIRST LEGO League celebra os seus 15 anos en España. Ao longo de todo este tempo teñen participado nos distintos Torneos Clasificatorios e a Gran Final máis de 110.000 mozos e mozas organizados en 25.000 equipos.

Como funciona a FIRST LEGO League?

Cada tempada, a FIRST LEGO League desafía aos mozos e mozas a resolver problemas do mundo real, tales como a reciclaxe, a xestión da auga ou as enerxías renovables mediante as oportunidades que ofrece a ciencia e a tecnoloxía. Na edición 2020/21, a través do DESAFÍO RePLAY, proponlles aos equipos que atopen solucións innovadoras para volver a definir e a revolucionar o xeito no que facemos deporte, xogamos ou nos movemos, empregando as ferramentas e a tecnoloxía de hoxe en día.

Os equipos teñen que resolver este desafío en tres áreas de traballo:

  • O Proxecto Científico. Un proxecto científico que explique e detalle a súa solución innovadora como opción de mellora ao problema proposto.
  • O Xogo do Robot. O deseño, construción e a programación dun robot LEGO MINDSTORMS Education que terá que superar divertidas misións nun taboleiro de xogo relacionado co desafío.
  • A integración dos valores FIRST LEGO League. Mentres os equipos desenvolven o Proxecto Científico e o Xogo do Robot, integran os valores FIRST LEGO League: descubrimento, innovación, impacto, inclusión, colaboración e diversión.

Que é a FIRST LEGO Explore?

FIRST LEGO League Explore é un programa internacional dirixido a nenos e nenas de 6 a 9 anos, centrado na promoción da ciencia e da tecnoloxía, para captar a curiosidade dos máis pequenos e dirixila cara o descubrimento e a mellora do mundo que os rodea.

Por equipos, de entre 2 a 6 participantes, os máis pequenos deseñan e constrúen unha maqueta con pezas LEGO e preparan un póster ilustrativo do seu traballo. Un póster que presentan diante do público asistente aos EVENTOS FIRST LEGO League Junior que se organizan nos torneos clasificatorios e na Gran Final.

No desafío desta tempada 2020/21, PLAYMAKERS, os equipos están a revolucionar o deporte e a cambiar o xeito no que xogamos e nos movemos.

Que é a FIRST LEGO Discover?

A FIRST Lego League Discover é un programa introdutorio á ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e ás matemáticas (STEM), dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 6 anos. O programa estimula a súa curiosidade natural ampliando os seus coñecementos e desenvolvendo novos hábitos de aprendizaxe. Os participantes tamén desfrutan do DESAFÍO PLAYMAKERS.

28/05/202108:46
Mans dunha persoa maior sobre un teclado.
Ferrol

En Ferrol remata con éxito o programa municipal para combater con tecnoloxías a soidade dos maiores

Concello de Ferrol anunciou o remate do seu programa de Estimulación Cognitiva para rematar coa soidade das persoas maiores, agravada pola pandemia, botando man das novas ferramentas da información e a comunicación. A edil de Benestar Social, Eva Martínez Montero, apuntou que o plan comezou con 24 usuarios da residencia de Caranza e rematou con preto de 35 como consecuencia “dos bos resultados” entre os beneficiarios. Anunciou tamén que o Concello segue a traballar en actividades análogas que serán activadas en datas vindeiras.

O programa Estimulación Cognitiva comezou a súa andaina a finais do pasado ano para mellorar o lecer e a comunicación dos maiores ante as limitacións e as restricións impostas pola COVID-19, tal e como explicou esta mañá a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero. A iniciativa, que comezou como experiencia piloto, contemplou formación no manexo do móbil, da tableta e da aplicación Alexa. Inicialmente inscribíronse 24 residentes e rematou con preto de 35 “tras observar os residentes os bos resultados nos seus compañeiros”, explicou a concelleira.

Unha psicóloga experta en xerontoloxía foi a encargada de impartir o programa municipal, que conseguiu aumentar a autonomía das e dos participantes no manexo das tecnoloxías en canto á recepción e emisión de chamadas, o cambio do volume e melodías, o uso do Whatsapp e incluso o manexo de aplicacións sobre hábitos saudables ou para ler libros. En canto ao aprendizaxe no uso das tabletas, as responsables do programa comprobaron que os usuarios adquiriron habilidades no uso do Skype e de outras aplicacións destinadas a mellorar hábitos saudables e a estimular as funcións cognitivas.

28/05/202108:14
Pantallazo da web de Canal Sénior.
Santiago de Compostela

A Xunta e a Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors colaboran para achegar as novas tecnoloxías ás persoas maiores

  • Amtega e Fegaus renovan para este verán a oferta formativa na Rede CeMIT cunha programación de seminarios en liña.
  • Os ciclos de seminarios en liña están previstos para os meses de maio a setembro en horarios de mañá.
  • Todos os contidos están orientados a fomentar o uso da tecnoloxía por parte dos nosos maiores e visibilizar as vantaxes do dixital na súa vida cotiá.
  • A formalización da inscrición pode facerse, de xeito gratuíto, tanto nas aulas CeMIT como de xeito online na páxina web da Rede CeMIT ou na de Fegaus.

A Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), no marco das súa prolongada colaboración como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), organiza un novo programa formativo con 3 itinerarios que contan con 19 seminarios online duns 60 minutos de duración con contidos orientados a fomentar o uso da tecnoloxía por parte dos nosos maiores e visibilizar as vantaxes do dixital na súa vida cotiá.

Este novo ciclo de seminarios retransmitirase por videoconferencia coa colaboración da Rede CeMIT a través das súas aulas para conseguir un maior achegamento ao territorio, sobre todo, no ámbito rural onde as necesidades formativas son máis notorias. Aínda que os usuarios/as dispoñen tamén da posibilidade de seguir esta formación de xeito online contando igualmente co asesoramento dos dinamizadores das aulas no proceso de alta e conexións ás sesións.

Igualmente tamén terán a posibilidade de aumentar estes contidos formativos a través do acceso a unha Videoteca onde poder visualizar os seminarios xa retransmitidos e os realizados en colaboración coa Xunta de Galicia para poder complementar súa a formación.

Os contidos formativos, preséntanse mediante emisións en directo a través de Internet con conexións grupais desde as aulas CeMIT que participen na iniciativa para a asistencia de xeito presencial e as sesións terán un carácter interactivo podendo trasladar dúbidas ou consultas durante o transcurso de calquera actividade.

Os 3 ciclos que se impartirán versarán sobre as seguintes temáticas:

  • Dinamízate: Arte e cultura a través de Google, creación de álbums dixitais, organización de vacacións, xadrez online...
  • Rural TIC: Como a internet das cousas revoluciona a agricultura, loT para aproveitar oportunidades no sector gandeiro, tecnoloxías para mudar o futuro do rural, casas prefabricadas con impresión 3D...
  • Voluntariado TIC: Ideas para facerte voluntario/a dixital, competencias dixitais clave ou solidariedade na época dixital.

Como novidade, nesta ocasión o programa de Voluntariado TIC irá acompañado dun reto de voluntariado tecnolóxico que se lanzará aos asistentes cun premio final onde se sorteará un vale de Amazon de 50€ para todos os participantes que rexistren a 3 persoas na aplicación de Canal Sénior ou na plataforma de fegaus.canalsenior.es. Así mesmo, para participar no sorteo que se realizará na sesión do vindeiro 18 de xuño en directo, será necesario cumprimentar un formulario cos 3 mails que se inscribiron grazas a esa iniciativa.

Estas actividades son gratuítas e emitiranse durante os meses de maio a setembro (agás en agosto onde non haberá programación) en horarios de mañá de 10:30 a 11:30 e de 12:00 a 13:00 horas.

Para a formalización das inscricións para participar de xeito presencial é recomendable poñerse en contacto cos responsables das aulas CeMIT participantes en cada un dos seminarios ou a través de internet na web https://cemit.xunta.gal, sendo o único requisito esixible ser ou darse de alta como usuario da Rede ou no caso de seguir os cursos desde a casa, inscribirse desde a web de Fegaus en Canal Sénior, https://fegaus.canalsenior.es/agenda, a plataforma de aprendizaxe coa que colabora nestas actividades, e onde calquera persoa poderá rexistrarse gratuitamente.

Plan de Inclusión Dixital de Galicia - Aliad@s Dixitais

FEGAUS é un dos máis de 920 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia, impulsado pola Amtega, ao que se poden adherir como tales aquelas empresas e entidades interesadas en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia no marco da súa responsabilidade social empresarial, mediante a achega de recursos financeiros, humanos ou, como neste caso, de coñecemento.

O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

FEGAUS agrupa a 7 asociacións de alumnos e ex-alumnos dos Programas de Maiores dos 7 campus universitarios pertencentes ás tres universidades de Galicia: Santiago, A Coruña e Vigo, contando con arredor de 2.000 alumnos sénior.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 91 concellos, está integrada por 97 aulas e está presente en 52 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

 

Datas e horarios dos seminarios en liña por ciclos formativos

Ciclo Dinamízate

Título:

Arte e cultura da man de Google: descobre o arte de museos de todo o mundo

Data:

Venres 28/05/2021

Horario:

10.30 – 11.30

 

Título:

Crea o teu álbum en tres sesións manualidades I

Data:

Xoves 03/06/2021

Horario:

10.30 – 11.30

 

Título:

Crea o teu álbum en tres sesións manualidades II

Data:

Xoves 10/06/2021

Horario:

10.30 – 11.30

 

Título:

Crea o teu álbum en tres sesións manualidades III

Data:

Xoves 17/06/2021

Horario:

10.30 – 11.30

 

Título:

Madurescencia: A revolución das canas

Data:

Xoves 24/06/2021

Horario:

12.00  – 13.00

 

Título:

Ofertas de última hora para as túas vacacións: aplicacións

Data:

Xoves 01/07/2021

Horario:

12.00– 13.00

 

Título:

Toogoodtogo: descontos a cambio de non desperdiciar comida

Data:

Xoves 08/07/2021

Horario:

12.00– 13.00

 

Título:

Xadrez online, aplicacións de xogos de mesa online

Data:

Xoves 15/07/2021

Horario:

12.00– 13.00

Ciclo Rural TIC

Título:

Como o internet das cousas revolucionou a agricultura

Data:

Venres 25/06/2021

Horario:

10.30 – 11.30

 

Título:

loT (Internet das cousas) no sector gandeiro: oportunidades e desenvolvemento

Data:

Venres 5/07/2021

Horario:

12.00 – 13.00

 

Título:

Oportunidades no medio rural: sénior cohousing

Data:

Venres 09/07/2021

Horario:

12.00 – 13.00

 

Título:

Tecnoloxías que mudan o futuro rural de forma excepcional

Data:

Venres 16/07/2021

Horario:

12.00 – 13.00

 

Título:

Casas prefabricadas con impresión 3D: cando o lugar xa non importa

Data:

Venres 23/07/2021

Horario:

12.00 – 13.00

 

Título:

Repobo: territorio innovador rural: casos e ideas

Data:

Venres 10/09/2021

Horario:

10.30 – 11.30

 

Título:

Casos e exemplos de autoconsumo

Data:

Venres 17/09/2021

Horario:

10.30 – 11.30

 

Título:

Impacto da enerxía fotovoltaica na entorna rural

Data:

Venres 24/09/2021

Horario:

10.30 – 11.30

Ciclo Voluntariado TIC

Título:

Competencias dixitais clave na nova entorna: desenvólveas!

Data:

Venres 04/06/2021

Horario:

12.00 – 13.00

 

Título:

Solidariedade na era dixital: aplicacións móbiles que fomentan a cooperación

Data:

Venres 11/06/2021

Horario:

12.00 – 13.00

 

Título:

Ideas para facerte voluntario dixital

Data:

Venres 18/06/2021

Horario:

12.00 – 13.00

26/05/202115:10
Mans tecleando.
Vigo

A Xunta destaca en Vigo a súa aposta pola formación en competencias dixitais “flexible e continuada” ao longo da vida laboral das persoas traballadoras

  • A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participou hoxe nun foro empresarial sobre formación profesional e emprego, onde expuxo as políticas que está desenvolvendo a Xunta neste ámbito e avanzou que se está a ultimar a Axenda Galega de Capacidades
  • Sinalou a importancia de que a formación para o emprego debe “camiñar da man” das demandas empresariais para continuar coa mellora do mercado de traballo
  • A Xunta inviste este ano máis de 72 millóns de euros á posta en marcha de diferentes programas de cualificación dirixidos a incrementar as oportunidades laborais dos galegos

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, ratificou hoxe en Vigo a aposta da Xunta pola formación para o emprego e a importancia da cualificación en competencias dixitais que, na súa opinión, ten que ser “flexible e continuada ao longo de toda a vida laboral das persoas traballadoras” para dar resposta ás demandas que vaia requirindo o mercado de traballo.

Lado, na súa intervención na clausura do foro empresarial sobre formación profesional e emprego, organizado pola Federación Autonómica de Centros de Ensino Privado de Galicia (CECE), expuxo as políticas que está desenvolvendo a Xunta no eido da formación para o emprego e sinalou a importancia de que esta cualificación camiñe da man das demandas empresariais que xurdan en cada momento para continuar coa mellora do mercado laboral.

Neste senso, a directora xeral avanzou que a Xunta está ultimando a Axenda Galega de Capacidades, que se porá en marcha en consenso cos axentes sociais e que permitirá cruzar as necesidades do mercado laboral coa formación.

A formación para o emprego é un eixo prioritario para a Consellería de Emprego e Igualdade. Galicia destina este ano máis de 72 millóns a diferentes programas neste ámbito -un 3,3% máis que en 2020- como son, entre outros, as unidades formativas na empresa ou a formación para ocupados e desempregados que inclúe cursos para 25.000 galegos. Dun lado, a Xunta está a investir 44,3 millóns de euros ata 2022 á formación de 16.600 persoas desempregadas e, doutra parte, o plan de formación para o emprego para persoas ocupadas conta cun investimento de 5,5 millóns de euros en dous anos para chegar a unhas 5.000 persoas. Outros 3.300 traballadores recibirán, ademais, cualificación en novas tecnoloxías e aptitudes ou habilidades brandas para atopar traballo ou mellorar as súas condicións.

A Administración autonómica, ademais, conta con programas mixtos de formación e colocación como son os obradoiros e os programas integrados de emprego, e na actualidade está activo o programa Autónomos Dixitais co que a Xunta formará en comercio electrónico ata finais de xuño e de xeito gratuíto a 1.200 traballadores e traballadoras por conta propia e aqueles que perderan o seu negocio como consecuencia da covid-19 e estean en situación de baixa no réxime de autónomos.

A Consellería de Emprego e Igualdade, así mesmo, conta co programa Son Executiva para formar en liderado, creatividade e empoderamento feminino a 400 mulleres galegas en cinco cidades de Galicia ata o ano 2022.

Recoñecemento da experiencia profesional

Lado, por último, referiuse ao procedemento do Recoñecemento da Experiencia Profesional (REXP) co obxectivo de acreditar a experiencia laboral dos galegos e galegas. Este ano ofértanse 1.209 novas prazas para un total de sete cualificacións: atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio; e en institucións sociais; socorrismo en espazos acuáticos naturais; e en instalacións acuáticas; operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural; vixilancia e seguridade privada; e servizos para o control de pragas. A directora xeral explicou que este procedemento, pioneiro en Galicia, ven realizándose desde 2011 e apuntou que ao longo das súas 14 convocatorias ofertáronse máis de 18.000 prazas, nun total de 19 cualificacións profesionais.

26/05/202108:37
Momento de entrega do premio.
Madrid

O proxecto 'Camiño de Santiago Accesible' da Fundación ONCE, premio Excelencias Turísticas 2020

  • O galardón, concedido polo Grupo Excelencias, entregouse este mércores no marco de FITUR 2021

O proxecto 'Camiño de Santiago Accesible', posto en marcha en 2019 pola Fundación ONCE en colaboración con entidades públicas e privadas, foi recoñecido co Premio Excelencias Turísticas 2020, que outorga o Grupo Excelencias a quen fomenta o bo facer en todos os ámbitos relacionados co turismo.

 

O galardón entregouse este mércores no marco da 41 edición da Feira Internacional de Turismo, no Auditorio Sur do recinto feiral IFEMA. Alberto Durán, vicepresidente executivo da Fundación ONCE, recolleu o premio acompañado de Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE. 

 

O Grupo Excelencias creou os Premios Excelencias en 2005, co obxectivo de fomentar a excelencia en diferentes ámbitos relacionados co turismo. Desde entón, convertéronse nun referente en Iberoamérica para todos aqueles que traballan día a día para lograr a excelencia non só nese sector, senón tamén na gastronomía e a cultura.

 

O 'Camiño de Santiago Accesible' é unha iniciativa posta en marcha pola Fundación ONCE en 2019 para facer máis transitable o Camiño francés, un dos máis visitados polos peregrinos. Conta coa colaboración do Real Padroado sobre Discapacidade, o Instituto Xeográfico Nacional, os ministerios de Fomento, de Sanidade, Consumo e Benestar Social,  de Industria, Comercio e Turismo, e o de Cultura e Deporte, así como coa participación do Xacobeo 2021, Xunta de Galicia, Junta de Castilla y León, A Rioxa, Reyno de Navarra, Gobierno de Aragón e a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e Microsoft.

 

En 2021 o proxecto céntrase en avaliar a accesibilidade de albergues, potenciar o uso de aplicacións e crear unha web informativa con todos os recursos físicos e tecnolóxicos para facer máis transitable o roteiro. 

 

O diagnóstico de accesibilidade realízase sobre unha mostra de instalacións físicas das que os peregrinos fan uso durante o desenvolvemento do camiño, como son os albergues, para que poidan planificar e facer os seus desprazamentos con normalidade. 

 

Ademais, están a instalarse códigos Vumarks ao longo do roteiro para que os camiñantes, mediante os seus dispositivos móbiles, poidan acceder á información de accesibilidade dos puntos de interese máis relevantes.

 

O proxecto tamén pretende potenciar a accesibilidade de aplicacións móbiles de gran uso, centrando os esforzos na app de IGN, e dando a coñecer apps deseñadas para a orientación e guiado de persoas con discapacidade, como Blind Explorer e Microsoft Soundscape.

 

Para axuntar a información dispoñible sobre a accesibilidade física e tecnolóxica no Camiño de Santiago, está a deseñarse un sitio web no que se recollerán as características de accesibilidade das instalacións físicas avaliadas e das tecnoloxías dispoñibles para potenciar a inclusión desta experiencia.

 

Finalmente, farán varios ciclos de test de usuario con persoas con discapacidade para asegurar a calidade da información sobre accesibilidade e das ferramentas TIC ofrecidas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS