
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre este xoves 3 de xuño o prazo de inscrición no curso de teleformación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática. Así se recolle na convocatoria publicada o mércores 2 de xuño no Diario Oficial de Galicia con 180 prazas para o curso preparatorio previo ao exame presencial que terá lugar a finais do mes de novembro.
Para preinscribirse neste curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como persoas usuarias da rede CeMIT. O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.
O prazo de inscrición, que se realiza por internet a través da web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), é de cinco días hábiles partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG, é dicir, dende o xoves día 3 ata o mércores día 9 de xuño, inclusive.
Unha vez finalizado o prazo de inscrición, realizarase o sorteo público de extración das letras dos apelidos para a establecer a prelación por orde alfabética e se publicará a relación provisional de persoas admitidas para realizar a matriculación na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas provisionalmente recibirán un correo confirmatorio coas instrucións para aboar no prazo de cinco días hábiles desde a data da publicación na web da relación provisional a taxa de 10,63 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídas aquelas persoas aspirantes que non aboen a citada taxa ou non xustifiquen a exención da mesma (demandantes de emprego antes da publicación da convocatoria ou persoas con discapacidade maior ou igual ao 33%)
Plan Formativo Ofimático de Galicia
Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
Pode inscribirse directamente no seguinte ligazón: https://cemit.xunta.gal/gl/actividade/36264, ou a través da web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), baixo o apartado "Actividades Destacadas"
Preto de oitenta persoas con discapacidade están a mellorar os seus coñecementos informáticos e con iso as súas posibilidades de acceder ao mercado laboral, grazas a un curso deseñado pola Fundación ONCE dentro do seu programa 'Por talento dixital', que conta co apoio da Fundación Vodafone.
A formación, que non require de titulación nin experiencia previa, está dirixida a persoas con discapacidade que participasen antes en cursos de competencias básicas dixitais e tecnolóxicas e que queiran mellorar os seus coñecementos informáticos, tanto con fins laborais como persoais.
Impártese a distancia en horario de mañá e de tarde, para facilitar a conciliación laboral e persoal aos estudantes que o requiran, e está dividida en tres categorías, en función do nivel de coñecementos de cada alumno: Ofimática nivel I (curso básico de 200 horas); Ofimática nivel II (intermedio, tamén de 200 horas) e Ofimática nivel III (avanzado, 150 horas). Nos cursos, os estudantes profundan en coñecementos sobre Windows, Word, Excel, PowerPoint, Access e Outlook.
As clases, que finalizarán o próximo mes de xuño, son a distancia con conexións diarias de luns a venres a través de aula virtual e traballo asíncrono na plataforma e-learning destinada a este fin.
'Por talento dixital'
'Por Talento Dixital' é un programa impulsado en 2019 pola Fundación ONCE, xunto con Inserta Empleo, a súa entidade para a formación e o emprego, e co apoio do Fondo Social Europeo.
O seu obxectivo é mellorar os coñecementos, competencias dixitais e o acceso a profesións tecnolóxicas das persoas con discapacidade.
Desde a súa posta en marcha leváronse a cabo máis de 1.160 accións formativas de diversa índole, cuxos contidos van desde as competencias dixitais básicas ata outras máis específicas como programación web (Java, JavaScript, Full Stack, orientada a obxectos, Bases de Datos), márketing dixital, e-commerce, desenvolvemento de aplicacións móbiles, Big Data, QA e testing de Videoxogos, atención a usuarios e instalación de aplicacións cliente, instalación e configuración de aplicacións informáticas, montaxe de compoñentes e periféricos microinformáticos, entre outras.
Entre as accións en marcha ou en proxecto en 2021 figuran, ademais deste curso de ofimática, outro de Boosting Power Platform en colaboración con Microsoft, ou formación en Videoxogos na Escola Superior de Videoxogos e Arte Dixital.
Ademais, están en proceso de deseño e planificación outras actividades formativas como un curso de SAP TS410 (Procesos integrados) con certificación oficial de SAP, outro sobre Ciberseguridade básica e Varios Bootcamps de Programación Full Stack por distintos territorios.
Programa de bolsas
'Por talento dixital' conta cun programa de bolsas e apoio económico que pretende facilitar a realización dos cursos que se ofrecen ao longo do ano. O apoio económico pode ir desde axudas ao desprazamento ata dietas por asistencia, en función da tipoloxía dos cursos e do perfil e necesidades do participante.
Ademais, en febreiro de 2020 lanzouse unha Convocatoria de Bolsas permanente para a formación individual dirixida a estudantes con discapacidade, co fin de apoiar a súa incorporación a accións formativas tipo máster e/ou cursos moi especializados nas principais escolas do ámbito tecnolóxico e dixital e promover a súa inclusión e impulso laboral en empregos técnicos especializados e altamente cualificados.
Trátase dunha convocatoria aberta, cuxos beneficiarios poden obter ata o 80% da contía total da matrícula e un máximo de 10.000 euros por solicitude.
O ano pasado, un total de 45 persoas obtiveron este tipo de axuda para realizar estudos de Marketing Dixital, Big Data e Desenvolvemento de Videoxogos, entre outros campos de coñecemento.
Desta maneira, ademais de mellorar a formación en competencias dixitais das persoas con discapacidade, anímase ao tecido empresarial para que a demanda destes postos de traballo se cubra co talento das persoas con discapacidade.
A plataforma de telemonitorización do Servizo Galego de Saúde, TELEA, vén de ser escollida como unha Boa Práctica por parte da Comisión Europea na súa convocatoria anual. Este feito, por parte da Comisión Europea, é un recoñecemento máis á innovación desenvolvida pola Consellería de Sanidade, onde xa máis de 250.000 personas foron seguidas a data de hoxe por medio de TELEA. Considérase boa práctica aquela intervención ou experiencia realizada, baseada no mellor coñecemento científico dispoñible, que demostre ser efectiva, e que poida ser transferible, ademais de representar un elemento innovador para o sistema sanitario.
TELEA é a plataforma de teleasistencia domiciliaria desenvolvida en Galicia para o seguimento dos pacientes crónicos, e que emprega as tecnoloxías da comunicación para manter en contacto aos profesionais sanitarios e aos seus pacientes, facilitando a monitorización do estado de saúde dos usuarios sen necesidade de desprazamentos. O obxectivo é mellorar a calidade de vida dos doentes a través dun seguimento estreito encamiñado a detectar con axilidade descompensacións nos indicadores de saúde.
Sinalar que, durante os días 1 e 2 de xuño, estase levando a cabo, de forma telemática, un taller de mercado (Marketplace) que mostra as mellores prácticas no campo da atención primaria.
Os representantes dos Estados membros da UE e outros países teñen a oportunidade de recibir información das mellores prácticas procedentes de iniciativas e programas da UE. Neste caso concreto, as autoridades sanitarias dos estados membros de Europa terán a oportunidade de coñecer e preguntar sobre aspectos relacionados con TELEA.
Sesións telemáticas hoxe e mañá
As autoridades sanitarias de Chipre, Francia, Italia, República Eslovaca, Chequia, Grecia, Lituania e Estonia mostráronse interesadas en coñecer o funcionamento de TELEA. Durante dúas sesións dunha hora e media en dous días consecutivos, poderán preguntar sobre aspectos relacionados coa implementación e resultados de TELEA. Na sesión telemática de hoxe, que tivo lugar no Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, participou o subdirector xeral de Ordenación Asistencial e Innovación do Sergas, Alfonso Alonso Fachado.
Ata a data, o número de pacientes que foron seguidos por medio de TELEA é de 251.604, dos cales 164.086 pertencen ao seguemento de contactos estreitos covid positivos, 79.617 pertencen a pacientes con illamento por covid e os restantes pertencen ao seguemento de patoloxías crónicas como 1.638 en pacientes con hipertensión arterial ou os 599 en pacientes diabéticos.
Un Museo Centro Gaiás convertido en contorna virtual en 360º acolle a partir de mañá a Maker Faire Galicia, que repite este ano cun formato enteiramente en liña no que argalleiros de sete países diferentes –España, A Arxentina, O Xapón, México, EE.UU., Portugal e O Brasil– presentarán os seus proxectos. Despois do éxito da pasada edición, na que se convertía nunha das primeiras Maker Faire do mundo en dar o salto dixital, o evento volve apostar por un formato totalmente de balde, 100% virtual, e máis global ca nunca, con preto de 4.000 inscritos, cifras que cuadriplican as da última edición.
Durante as cinco xornadas que dura o evento (do 2 ao 6 de xuño), as persoas visitantes poderán –a través dunha plataforma dixital que recrea o Museo Gaiás– interactuar con makers de todas as idades, tomar parte en diversos talleres ou asistir a charlas e mesas con referentes mundiais no ámbito da innovación.
O secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación do evento, onde destacou que “a innovación educativa ten tamén o seu espazo neste encontro no que tecnoloxía, cultura e educación van da man”. Quixo ademais felicitar á organización por facer realidade este “interesante punto de encontro no que establecer lazos e redes de cooperación, onde compartir experiencias e boas prácticas nun eido, o da tecnoloxía, que está a implicar grandes cambios socias dos que a comunidade educativa non pode quedar á marxe”.
A rolda de prensa, emitida a través de videoconferencia, contou tamén coa presenza da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; da directora da zona noroeste de APD (Asociación para o Progreso da Dirección), Ana Sánchez, e do responsable do encontro, Marcos Saavedra, que debullaron polo miúdo o programa do evento.
Tecnoloxía, innovación e educación inclusiva
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade quixo tamén deterse nalgúns dos contidos que incluirá a xornada da Maker Faire dedicada á educación, que dará “a oportunidade de afondar nas realidades da innovación educativa, a educación inclusiva ou a aplicación das tecnoloxías no ámbito didáctico e que contribúe a traballar competencias clave e formar e mellorar as competencias do profesorado, peza indispensable no proceso transformador que está a vivir o ámbito do ensino”.
Un dos nomes destacados do encontro é o de Valeria Corrales, unha estudante de Huesca que con só 12 anos triunfou na última edición do programa de televisión Got Talent España, abraiando ao xurado cun robot que ela mesma construíu e que resolveu en directo o cubo de rubik en 29 movementos. Ademais do inspirador exemplo desta pequena maker, as persoas asistentes á xornada educativa poderán coñecer máis de 40 proxectos de innovación educativa, que se están a desenvolver en centros de ensino de toda Galicia e tamén do resto de España e Portugal, ademais de compartir coñecemento e oportunidades de aprendizaxe.
Tamén se inclúe como novidade o primeiro EDU Open Space, un espazo para a reflexión ao redor da educación, onde os propios asistentes proporán as temáticas para debater en diferentes mesas redondas en simultáneo. Obradoiros de programación, robótica educativa ou solucións para espazos maker orientadas aos centros educativos completan unha programación especialmente pensada para docentes e para toda a comunidade educativa.
Eventos como a Maker Faire Galicia, destacou o secretario xeral de Educación, “permítennos que os procesos de innovación impregnen a comunidade educativa dando a coñecer iniciativas como a implantación de espazos maker nos centros educativos, algo no que estamos a traballar desde a Xunta co obxectivo de que cheguen a ser laboratorios de ideas e proxectos, e co convencemento de que son espazos que contribúen ao desenvolvemento da creatividade, ao traballo colaborativo e á transformación social, fomentando a inclusión e a desaparición de estereotipos de xénero”, remarcou José Luis Mira.
Biotecnoloxía, videoxogos ou robótica
As dúas primeiras xornadas do encontro, o 2 e o 3 de xuño, estarán máis enfocadas a público profesional e virarán sobre temáticas como dixitalización, biotecnoloxía, robótica, intelixencia artificial ou ciberseguridade. Entre os relatores máis destacados atopamos a César de la Fuente, biotecnólogo galego e profesor na Universidade de Pensilvania, onde lidera un laboratorio de investigación especializado en crear antibióticos con ordenadores a partir de moléculas naturais. Coñecido polo público xeral por desenvolver un test de baixo custo para detectar a covid-19, foi nomeado polo MIT como un dos 35 mozos máis innovadores do mundo con menos de 35 anos, e galardoado co Premio Fundación Princesa de Girona Investigación Científica 2021. Os videoxogos e, en particular, a inclusión neste eido, será outra das temáticas destacadas, con relatoras como Keisha Howard, recoñecida activista en favor da diversidade neste eido, e fundadora da comunidade Sugar Gamers. Con dúas charlas TED no seu currículum, ten traballado con compañías como como SYFY, Watchmojo, AT&T, HBO, Nintendo, HTC, Microsoft ou Google, entre outras.
Outros contidos e relatores destacados
Para pechar esta semana dedicada á innovación e á creatividade, os días 5 e 6 de xuño celebraranse as xornadas abertas a todos os públicos, onde o Do It Yourself, a música ou a arte únense coa tecnoloxía. Charlas como a da mexicana Trindade Gómez, falando do seu Fab Lab co que está empoderando a artesáns indíxenas, ou talleres como o dos arxentinos Alquimétricos son algúns dos pratos fortes destes días. No apartado de proxectos destacan os xaponeses Robot band, unha banda de rock constituída por robots; os brasileiros Batebit, co seu kit musical, ou os minimakers de VermisLAB cos seus proxectos para mellorar o mundo. Tamén se celebrará novamente a Game Maker Jam, unha competición para crear videoxogos en 48 horas da que o xoves se coñecerá a temática e o domingo, na xornada de clausura, o gañador ou gañadora do concurso.
Para ter máis información sobre o evento e como participar só compre rexistrarse na súa plataforma en liña, totalmente de balde.
A sétima edición da Maker Faire Galicia celebrarase nun Museo Gaiás virtual e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura, a Asociación para el Progreso de la Dirección (APD) e o Círculo Financiero de Galicia (dentro do proxecto Capacita Directivos). Ademais, realízase coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación.
A Xunta e a Fundación Ingada presentaron esta mañá unha ‘Guía sobre as novas tecnoloxías’ para axudar ás familias de nenas e nenos con Trastorno do Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) no uso excesivo de ferramentas dixitais como videoxogos ou redes sociais. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do delgado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou neste acto que tivo lugar na cidade herculina.
Fabiola García lembrou que as restricións da pandemia supuxeron un reto para as familias con nenos, especialmente para aquelas con nenas e nenos con TDAH. Neste sentido, apuntou que as condicións propias destes rapaces poden afectar no uso que fan destas ferramentas. Por este motivo, “é importante contar coa información e os recursos necesarios para facelo”, destacou.
Esta guía foi editada por Ingada co apoio da Xunta, que destinou no ano 2020 un total de 60.000 euros a esta entidade. O seu obxectivo é polo tanto atopar a vía para, sen negar o acceso ás novas tecnoloxías, contar coas claves para facer un uso axeitado do mundo online.