
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Fundación ONCE celebra do 15 ao 19 de novembro o IV Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade. O encontro, que terá lugar de forma online, conta coa colaboración da OMT e a Rede Europea de Turismo Accesible (ENAT).
Nesta cuarta edición o congreso incide na importancia do turismo como motor das economías de moitos países, como é o caso de España. Neste sentido, recalca que ter en conta a accesibilidade supón un incremento nas oportunidades do sector, xa que se vai a poder contar cun segmento do mercado que, a pesar dos progresos realizados, aínda se atopa desatendido.
'O desexo de viaxar de todas as persoas non se debe ver truncado porque non se as tivo en consideración á hora de desenvolver os produtos e servizos turísticos. Pero tampouco se debe deixar de lado a oportunidade de obter máis beneficios por parte dos empresarios do sector turístico', sinalan os impulsores.
A situación provocada pola COVID-19 e os consecuentes confinamentos e restricións á mobilidade provocaron un arrefriado alarmante do turismo a nivel mundial con repercusións moi negativas a nivel económico en países nos que o turismo é unha das fontes principais de ingresos, como o caso de España no que representaba un 15% do PIB antes da pandemia.
Unha vez que se supere esta situación o sector advirte que vai haber unha competencia feroz por recuperar os números anteriores, e mesmo aumentar o número de visitantes. 'E é aí onde a accesibilidade pode ser un elemento clave e un valor engadido que o diferencie do resto de destinos competidores. Será un factor de calidade e para conseguilo a Tecnoloxía é unha peza fundamental', insisten.
Desde a Fundación ONCE consideran que a celebración deste IV Congreso é unha oportunidade para que os empresarios, emprendedores, estudantes, formadores, usuarios, etcétera, poñan en común e coñezan boas prácticas, novas ideas, novas perspectivas, solucións e os adiantos que a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes e os produtos de apoio ofrecen para mellorar a calidade de vida de todas as persoas.
'A capacidade de adaptación, a resiliencia, de empresas, de currículos formativos, etcétera, verase enriquecida se esta inclúe a accesibilidade, xa que supoñerá unha vantaxe competitiva, ofrecendo unha calidade que o resto non ten', engade.
Temáticas e comunicacións
Nesta edición, que será completamente online, trataranse temáticas relacionadas co Turismo e a Tecnoloxía aplicadas ao Turismo, pero tamén temáticas propias de cada ámbito, como a robótica, interacción persoa máquina, impresión 3D, telemedicina, teleasistencia, exoesqueletos, wearables ou videoxogos.
Contará con relatores de ámbito internacional e nacional e programaranse actividades que fomenten a participación dos asistentes. Ademais, habilitarase un espazo de networking que facilite o intercambio de coñecemento.
Desde a Fundación ONCE animan á presentación de comunicacións ata o 15 de xuño. O Comité Científico será o encargado de seleccionar as que se presenten no congreso e ademais incluiranse no Libro de Comunicacións que se colgará na web.
Máis información na web do Congreso de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade.
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou, esta mañá, acompañado pola directora-xerente de Aspace Coruña, Sonia Ruiz, unha das actividades do programa Talentos Inclusivos, que se está levando cabo grazas á colaboración da Consellería de Educación, Cultura e Universidade, Aspace (asociación de padres de persoas con parálise cerebral) e a Universidade da Coruña a través do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións). O obxectivo deste programa é espertar vocacións STEM entre os mozos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.
A actividade celebrada esta mañá en Sada consistiu no reto de manexar un dron programado cun microbit para que o poidan empregar as persoas con parálise cerebral coa man e coa cabeza. Trenor informou que neste programa participan 75 persoas nos equipos colaborativos entre persoas con parálise cerebral, mozas e mozos e profesorado, 30 profesores da UDC, institutos e centros de Formación Profesional e estanse a levar a cabo 45 retos tecnolóxicos propostos por ASPACE.
Os retos encádranse en 5 apartados: produtos de apoio e impresión 3D, control do entorno do fogar, rehablitación, acceso ao ordenador, ao móbil e aos sistemas de comunicación e ocio.
Os centros educativos participantes son: IES Miraflores de Oleiros; colexio Calasanz PP Escolapios, CPR Salesianos San Juan Bosco; IES David Buján de Cambre; IES As Mariñas de Betanzos; IES Terra Trasancos de Narón, IES Ortigueira e IES Sofía Casanova de Ferrol.
O representante do Goberno autonómico incidiu en que todas estas actividades pretenden facilitar a vida diaria ás persoas con parálise cerebral e potenciar o seu rol como actores proactivos no futuro. Ademais, engadiu búscase favorecer explorar e experimentar con tecnoloxías innovadoras, detectando as necesidades identificadas durante os diferentes retos e o impacto psicosocial da solución tecnolóxica na vida diaria dos participantes.
A Cámara de Comercio de Santiago vai activar este 19 de abril unha iniciativa moi indicada para quen teña interese en adicarse profesional ou empresarialmente ao ámbito dos videoxogos. Trátase do programa formativo Videoxogos e Emprendemento, unha actividade formativa de balde impulsada polas Cámaras (Fundación INCYDE) e a Xunta de Galicia e que inclúe seis semanas de aprendizaxe en liña e unha semana de traballo de campo. A presentación será en streaming este 19 de abril, data de inicio do programa.
Trátase, segundo apunta a organización, de desvelar as posibilidades da industria dos videoxogos, “unha industria nova en plena expansión con crecementos acumulados nos últimos anos”. En concreto, estes son os obxectivos do programa: preparar aos alumnos para entender como funciona unha empresa do sector dos videoxogos; coñecer os roles do equipo técnico, a tecnoloxía empregada e as ferramentas; e formar aos presentes nas estratexias e canles adecuadas para expor unha idea de negocio e pola en marcha. As sesións van dirixidas a mozas e mozos que desexen iniciarse no desenvolvemento de videoxogos, así como a aqueles interesados en ampliar e consolidar os seus coñecementos no eido da creatividade dixital.
Na mañá deste 12 de abril o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor López, e o xefe territorial da Consellería de Cultura e Educación para a provincia da Coruña, Indalecio Cabana Leira, acudiron á sede de ASPACE Coruña en Sada para coñecer en primeira persoa os avances do proxecto Talentos Inclusivos, o proxecto de tecnoloxía anti-barreiras que impulsaron o Centro de Investigación da Universidade da Coruña (o CITIC), ASPACE Coruña e o Consello Social da UDC, en colaboración con diferentes centros educativos da provincia.
O proxecto ten o obxectivo duplo de fomentar vocacións científicas entre a mocidade e mostrar polo miúdo a problemática da diversidade funcional, achegando solucións tecnolóxicas específicas e creadas especialmente para mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral. En concreto, Trenor e Cabana asistiron á sesión de seguimento entre ASPACE Coruña, o CITIC e CPR Salesiano San Juan Bosco de A Coruña. Este centro, segundo informaron ASPACE e máis o centro coruñés, está a desenvolver un dron programado con microbit para que poida ser controlado “cun joystick adaptado, que permita ser utilizado co movemento da man ou da cabeza”. O CITIC lembrou que o equipo de estudantes está explorando a posibilidade de programar o dron a través dunha placa controladora e diversas tecnoloxías sen fíos.
Na visita a ASPACE Coruña, Trenor e Cabana tamén puideron ver o funcionamento doutras propostas deseñadas polos centros educativos, como xoguetes adaptados e o Makey Makey, un mando para adaptar a todo tipo de xogos.
Na sesión de seguimento, os representantes da Xunta de Galicia estiveron acompañados polo presidente de ASPACE Coruña, Antolín Rodríguez; a directora xerente do centro, Sonia Ruiz; o director do CITIC, Manuel F. González Penedo; o subdirector do CITIC, Javier Pereira; e o director técnico do Consello Social da UDC, Jesús Expósito. O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor López, destacou que Talentos Inclusivos é un “proxecto único e moi innovador, cun beneficio social para as persoas con parálise cerebral e que implica ao alumnado, a través da tecnoloxía, nunha realidade decote descoñecida”.
Axuda da FECYT
Segundo se lembrou durante a visita, a iniciativa recibiu unha axuda de 30.000 euros por parte da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Galiciencia, a maior feira científica galega, celebra a súa 16° edición do 26 ao 28 de maio. De novo, será online por mor da COVID - 19. Este ano, a feira contará cun concurso de fotografía, que xa ten aberto o prazo por medio de Instagram. Nel poderá participar o alumnado e profesorado de Secundaria, Bacharelato e FP de toda España. O concurso xira en torno a innovación postCOVID a través da revolución do talento. Polo tanto, as fotografías deben ter como punto de referencia calquera obxecto ou contorna relacionados con este tema.
O número máximo de fotos que se poden presentar por persoa é de 3. Estas poden realizarse en branco e negro ou en cor. É fundamental que os participantes sexan os autores das mesmas.
As personas interesadas en participar, precisan subir as fotografías a Instagram etiquetando a Galiciencia co cancelo #concursogalicienciaonline2021. Os participantes deberán sinalar o centro educativo ao que pertencen. O prazo de presentación das imaxes comeza hoxe, 12 de abril, e remata o 28 de maio. A resolución do xurado farase pública o 4 de xuño e o gañador recibirá un diploma e un obsequio.