
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a aprobación no Consello da Xunta da Estratexia Galicia Dixital 2030 que prevé mobilizar 4.000 millóns de euros para aumentar a calidade de vida e o desenvolvemento sostible co impulso de solucións intelixentes no plano social, económico e ambiental.
Feijóo aseverou que “queremos planificar a vindeira década desde o punto de vista da intelixencia artificial, da ciberseguridade, da xestión masiva de datos ou a consolidación do 5G”.
Deste xeito, segundo explicou Feijóo, a Estratexia márcase como obxectivos: situar a Galicia como unha rexión dixital de referencia en Europa; implantar un marco dixital común para todas as administracións públicas galegas; desenvolver un novo marco xurídico que regule a nova realidade dixital, e buscar un ecosistema atractivo para facilitar o investimento privado.
Para acadar eses propósitos, preténdese mobilizar 4.000 millóns de euros no período 2021-2027, dos que 2.450 serán fondos públicos entre partidas da Xunta e fondos da Unión Europea e 1.600 millóns de euros serán fondos de iniciativas privadas. Este investimento, explicou Feijóo, superará en 1.300 millóns de euros o que se mobilizou na última década no marco das dúas Axendas Dixitais (2014.gal e Axenda Dixital de Galicia 2014-2020). Ademais, tendo en conta que cada euro público investido achegará 1,42 euros de retorno, “se vai producir unha inxección na riqueza de Galicia de 3.500 millóns de euros”, incidiu Feijóo.
7 eixos estratéxicos e 1 transversal
A Estratexia Galicia Dixital está dividida en 7 eixos estratéxicos e 1 transversal, que se desenvolverán en 20 programas.
O primeiro destes eixos céntrase no ‘Goberno e Administración Intelixente’ para impulsar a automatización e transformación dixital dos servizos públicos e evolucionar cara un modelo intelixente de posto de traballo do empregado público, así como o expediente xudicial electrónico. O obxectivo é que en 2025 o 70% das persoas e o 85% das empresas usen a canle dixital.
Tamén se aspira a unha ‘Sociedade dixital inclusiva’ para o que se implantarán grandes programas de formación para que no 2025 o 80% dos cidadáns teñan competencias básicas dixitais e “non deixar a ninguén fóra da realidade”, salientou Feijóo.
No eixo do ‘Territorio intelixente, verde e resiliente’ activaranse 4 programas para un territorio máis sostible, máis verde, máis conectado e cun uso más eficaz dos recursos.
En materia de ‘Entorno dixital para saúde e benestar’ aspírase a empregar a tecnoloxía para acadar unha sanidade máis preditiva e personalizada e un paradigma sociosanitario para mellorar a calidade asistencial.
A maiores, Feijóo incidiu na ‘Conectividade dixital’, co obxectivo de acadar o 100% de cobertura con redes de 100 Mbps en 2025 e conseguir “unha Galicia máis integrada e conectada”.
A Estratexia tamén mellorará a conservación do patrimonio cultural dando máis pulo á Memoria Dixital de Galicia no marco do eixo ‘Cultura e turismo intelixente’.
Así mesmo, o eixo ‘Economía dixital’ fomentará a transformación dixital do servizo público de emprego, a transformación dixital de pemes e transición cara a industria 4.0. Segundo dixo Feijóo, a aspiración é “aumentar ata un 50% a porcentaxe de empresas que venden por internet e ata un 15% no caso das microempresas”.
Finalmente, o eixo transversal céntrase na formación. Deste xeito, promoverase o talento dixital e actuarase para fortalecer o sector das TIC. O presidente da Xunta explicou que “queremos que o 25% das empresas e o 50% das administracións usen solucións dixitais inspiradas nestas tecnoloxías”.
Para concluír, Feijóo avanzou a elaboración dun novo marco xurídico coa redacción da Lei de Desenvolvemento de Galicia Rexión Intelixente e coa preparación dun Código Ético de referencia para blindar unha dixitalización segura e responsable. A maiores, crearase o Consello Asesor para a Transformación Dixital de Galicia e a Comisión de Cooperación Interadministrativa para o Desenvolvemento Dixital.
Esta semana GIRL STEM conversa con Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación da Universidade da Coruña e investigadora en proxectos de Computación e Intelixencia Artificial.
Esta entrevista, realizada pola informática galega e Premio Ada Byron, Luz Castro, salienta que temos que corrixir eivas na intelixencia artificial porque nos ofrece resultados que perpetúan os sesgos de xénero en accións tan cotiás como as traducións automáticas ou os asistentes persoais. Sobre o futuro da intelixencia artificial, a profesora Alonso asegura que “a gran revolución vai vir en áreas como a sanidade e o ensino”.
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), continúan así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
Nesta edición, o programa GIRL STEM transfórmase nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19 e para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia.
Así, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos a conversa con Amparo Alonso Betanzos en formato de pílula audiovisual, acompañada dunha unidade didáctica, coas súa biografía, a explicación dos seus traballos e os proxectos que está a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da Amtega.
Amparo Alonso Betanzos, nada en Vigo, é una Enxeñeira Química española, investigadora en intelixencia artificial. É catedrática e coordinadora do grupo de investigación LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) no departamento de Ciencias da Computación da Facultade de informática da Universidade da Coruña. Tamén desenvolve labor investigador no Colexio Médico de Georgia (EEUU) e no departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. Foi a primeira española en recibir o premio internacional L´Oréal-UNESCO For Women in Science.
O próximo xoves 10 de decembro, o programa GIRL STEM publicará a última conversa desta edición, protagonizada pola referente Susana Martínez-Conde, neurocientífica e profesora da Universidade de Nova York, que será entrevistada por Mª José Malmierca, coordinadora de e-learning no CESGA.
Entrevista a Alonso Alonso Betanzos
Co gallo da celebración, o vindeiro 11 de febreiro, do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense volverán traballar conxuntamente para organizar diversas actividades conmemorativas e, tamén, con capacidade para aumentar as vocacións femininas no ámbito STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).
No marco destas iniciativas, veñen de convocar o V Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, aberto á participación de alumnado de Primaria e ESO da provincia de Ourense. A data límite para presentar propostas é o 20 de xaneiro de 2021.
Os obxectivos deste certame, que conta co apoio da Unidade de Igualdade da UVigo, son promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e das súas achegas ao desenvolvemento humano na historia; e, tamén, axudar a que se visualice o papel das mulleres no eido da investigación e que reflicta como son vistas pola sociedade.
Esta iniciativa únese a outras contribucións organizadas desde estes centros (como a exposición virtual Exxperimenta en feminino e a feira divulgativa Exxperimenta en Feminino. Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, anulada para 2021 debido á pandemia) coas que se quere “contribuír a contrarrestar o déficit de referentes femininos nos eidos STEM e fomentar as vocacións científicas entre as mozas estudantes”.
Pode participar neste concurso o alumnado de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria matriculado en calquera centro educativo que pertenza á provincia de Ourense. O certame conta con dúas categorías, unha de Educación Primaria e outra de ESO, e dúas modalidades. A modalidade visual abrangue debuxos con calquera material (lapis de cores, rotuladores, recortes para colaxe...) e recursos como o son, o vídeo ou a fotografía para crear obras ou propostas artísticas. A modalidade literaria está destinada a manuscritos que poderán estar escritos a man ou a computador e que, en calquera caso, enviaranse en formato dixital ao enderezo da organización do concurso. A extensión máxima do traballo será de aproximadamente 900 palabras e deberá ser unha obra inédita e orixinal. Os traballos poderán estar escritos en galego ou en castelán nos xéneros de poesía e narrativa (contos, relatos). A temática das propostas ten que tratar sobre as mulleres na ciencia e na enxeñaría ou nas tecnoloxías TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). A entrega de premios será nun acto especial na primeira quincena de febreiro coincidindo cos actos de conmemoración do Día internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Haberá tres premios por cada unha das categorías e das modalidades.
O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolle este xoves 3 de decembro, con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, unha xornada de presentación de contribucións tecnolóxicas para derrubar obstáculos en materia de diversidade funcional. En concreto, presentarase o proxecto Talentos Inclusivos, que ten o obxectivo de fomentar as vocacións TIC entre estudantes de Secundaria e Bacharelato e visualizar a problemática coa que se encontran no día a día os devanditos colectivos.
Segundo avanza o CITIC, o proxecto desenvólvese conxuntamente con ASPACE Coruña e conta co apoio do Consello Social da UDC. Esta iniciativa recibiu unha axuda de 30.000 euros por parte da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, no marco da Convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación. Así, a formación de grupos entre estudantes de instituto xunto con persoas usuarias de ASPACE Coruña, crea un espazo de traballo diverso e inclusivo co fin de resolver os retos aos que se enfrontan as persoas con parálise cerebral, fomentando a unión de diferentes perfís para propoñer solucións tecnolóxicas innovadoras e aplicadas co fin de mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional. No acto de peche participarán o secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro, o reitor da UDC, Julio Abalde, e o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril. O subdirector do CITIC e investigador principal do proxecto, Javier Pereira, e a xerente de ASPACE Coruña, Sonia Ruiz, presentarán a iniciativa. Ademais, proxectarase un vídeo no que equipos de ASPACE proporán retos tecnolóxicos a resolver e os equipos de estudantes aceptarán o encomendamento.
A Fundación CNSE para a Supresión das Barreiras de Comunicación, en colaboración coa EUD (European Union of the Deaf) e Huawei, puxeron en marcha unha páxina web para que as familias de nenos e nenas xordos poidan aprender a contar contos en lingua de signos, e gozar así da experiencia de relatar historias ás súas fillas e fillos.
Co título 'Lingua de signos para familias. Aprende a contar contos de forma fácil e ao teu ritmo', este espazo virtual pretende dotar a nais, pais e outros familiares de menores xordos das estratexias necesarias para contar contos aos pequenos xordos en lingua de signos. Entre elas, transmitir o relato con entusiasmo sen ningún tipo de vergoña, evitar os nervios, introducir a expresión corporal no relato, respectar o ritmo do neno ou nena, e aprender das súas reaccións.
Contos en lingua de signos
Para a Fundación CNSE esta web, pioneira e única en España, contribuirá a mellorar a comunicación na contorna familiar, xa que a suma de lingua de signos e lingua oral xogan un papel moi importante nas interaccións temperás, e, polo tanto, no desenvolvemento cognitivo e emocional da infancia xorda. Neste sentido, a entidade incide en que a lingua de signos facilita o procesamento mental e a contextualización entre as nenas e nenos xordos, ademais de axudar á identificación e a comprensión de palabras, e favorecer o procesamento das mensaxes faladas: 'Esta lingua é vital para a aprendizaxe da lectura e a escritura, o que permite a adquisición de coñecementos, fomenta a curiosidade e a imaxinación, axúdaos a crecer como persoas, e alimenta o seu espírito crítico'.
Ademais, esta nova web resultará especialmente útil para aquelas familias que viven en pequenas localidades afastadas das grandes cidades e que atopan máis dificultades no acceso aos recursos. Grazas a esta páxina web, estas familias poderán coñecer máis de preto a lingua de signos e compartila e gozala nunha contorna familiar.
'Lingua de signos para familias' vén a engrosar a lista de iniciativas que Huawei dirixiu á infancia xorda, como é o caso de StorySign. Unha aplicación gratuíta e moi atractiva, que utiliza a intelixencia artificial e a realidade aumentada para traducir distintos contos infantís á lingua de signos. StorySign, que está dispoñible en 14 idiomas orais e signados, pretende fomentar o hábito lector entre as nenas e nenos xordos e adentralos nun universo cheo de fantasía e creatividade.