
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Un total de 224 profesores iniciaron esta semana a formación continua para impartir os contidos do Programa “Digicraft non teu cole”, que busca potenciar a formación en competencias dixitais de alumnos de primaria entre 6 e 12 anos. A iniciativa, impulsada pola Fundación, Vodafone inicia a súa segunda edición en Galicia grazas a un acordo coa Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
A formación a profesores estenderanse ao longo de todo o curso académico. Así, tras esta primeira fase, centrada en realidade aumentada e videoxogos, en xaneiro terá lugar un segundo ciclo marcado pola Intelixencia artificial e a Robótica.
Tras o éxito da súa primeira edición, 50 centros da Comunidade que xa participaron o pasado ano seguirán desenvolvendo o programa desde este mes de outubro, polo que máis de 4.400 alumnos galegos beneficiaranse deste proxecto que potenciará a súa formación en competencias dixitais.
Máis itinerarios e unha nova convocatoria
Neste curso académico, a iniciativa “Digicraft non teu cole” incorpora novos itinerarios formativos dirixidos a nenas e nenos de entre 6 e 8 anos, para completar a proposta educativa da comunidade galega, que ata o de agora se enfocaba no alumnado de entre 9 e 12 anos.
O proxecto poñerá ao dispor de todo o alumnado diferentes actividades educativas para aprender competencias dixitais utilizando como vehículo a tecnoloxía, desde intelixencia artificial a realidade aumentada ou deseño 3D dunha forma fácil e divertida, combinando o mundo virtual e o físico. Todo iso articulado a través dunha metodoloxía de aprendizaxe probada e baseada no xogo e a experimentación, deseñada pola Fundación Vodafone España en colaboración coa Universidade de Salamanca.
O despregamento do programa en Galicia completarase cunha nova convocatoria a 200 centros que se lanzará nas próximas semanas. E uníndoo ao resto de convenios asinados co resto de comunidades, DigiCraft chegará neste curso escolar 20/21 a 400 centros escolares e máis de 32.000 alumnas e alumnos en España.
O Consello de Administración de Red.es deu luz verde á compra de máis de 14.500 computadores con conectividade para Galicia, unha medida que busca loitar contra a fenda social tecnolóxica agravada pola COVID e a crise económica resultante, que veu parella, de xeito paradoxal, dunhas meirandes demandas de dixitalización. A iniciativa, que beneficiará aos centros públicos sostidos con fondos públicos, vén cun orzamento de máis de 8,5 millóns de euros, dos que 6,8 son achegados por Red.es a través dos fondos FEDER e 1,7 pola Comunidade Autónoma de Galicia. A medida Posto Educativo no Fogar abéirase ao programa estatal Educa en Dixital.
Os pregos de subministración publicaranse nos próximos días na Plataforma de Contratación do Sector Público, unha vez que se constitúa a comisión de seguimento do convenio Educa en Dixital Galicia, integrada pola Xunta, Red.es e o Ministerio de Educación e Formación Profesional, que é quen determinará o alcance final da actuación. O programa Educa en Dixital contempla dotar aos centros educativos de equipos con conectividade fiable e de calidade para que poidan ser prestados e postos a disposición dos estudantes con necesidades. Tamén abrangue outra serie de actuacións tales como a posta a disposición de aplicacións, ferramentas e recursos curriculares que faciliten a educación dixital, tanto presencial no centro como desde o fogar, co fin de dotar á comunidade educativa de recursos educativos TIC.
A totalidade das Comunidades e Cidades Autónomas adheríronse a este programa que mobilizará inicialmente 230 millóns de euros, dos cales Red.es achegará un orzamento inicial máximo de até 190 millóns de euros, con co-financiamento dos FEDER.
As Bibliotecas Municipais da Coruña puxeron en marcha un novo programa de formación TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) dirixido especialmente a aquelas persoas que sofren “en maior medida as restricións e limitacións sociais establecidas para superar a crise sanitaria”, impedíndolles acceder aos recursos e aos coñecementos precisos para utilizar os medios dixitais.
O obxectivo é facilitar ao máximo o acceso a este tipo de ferramentas, agora que se puxo de manifesto que son a única alternativa a todo tipo de procesos que antes podían levarse a cabo de xeito presencial, procesos relacionados coa comunicación, coa información e coa colaboración. O deseño da formación vén marcado polos condicionamentos e restricións sociais que impón a pandemia da COVID-19.
Ao abeiro deste compromiso contra a fenda dixital, as bibliotecas planificaron cursos presenciais de distinta duración para ensinar, entre outros moitos contidos, a realizar videochamadas, sacar todo o proveito a WhatsApp, coñecer as redes sociais máis populares ou utilizar YouTube como ferramenta de aprendizaxe. En termos máis concretos, a maior parte das sesións de capacitación faranse sobre o alicerce dos teléfonos móbiles do alumnado debido á universalización do seu uso.
As bibliotecas explicaron que a formación “non é puramente instrumental senón que vén acompañada dunha serie de consellos para evitar as noticias falsas ou fake news, facer un uso ético da información ou recomendacións para relacionarse no mundo dixital e a súa nova linguaxe”.
Apoiarase tamén na fórmula da “atención tecnolóxica”, onde “unha persoa experta en cada unha das bibliotecas da rede atende de maneira individual e persoal a calquera persoa usuaria que teña dúbidas ou problemas no ámbito dixital, a configuración de dispositivos ou a realización de trámites en liña”.
O calendario formativo, así como toda a información sobre a atención tecnolóxica está dispoñible na web de bibliotecas.
Un total de 25 profesionais, directivos de pequenas e medianas empresas de distintos sectores, participan desde hoxe e ata o 20 de novembro o Programa formativo “AceleraTech, impulsando a transición dixital”, que desenvolve a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración con IESIDE, o Instituto de Educación Superior da Obra Social de ABANCA
Programa específico para persoal directivo
A iniciativa está dirixida principalmente a persoal directivo, xerentes e propietarias/os de empresas, xa que estas son as persoas con capacidade de decisión e as que poden impulsar e liderar unha transformación tecnolóxica real destas.
AceleraTech é un programa de difusión, sensibilización e formación orientado a que as pemes galegas e os seus directivos coñezan algunhas das novas tendencias tecnolóxicas máis relevantes e os beneficios e condicionantes necesarios para a súa translación á estratexia, estrutura e modelos de negocios das pemes. Todo iso cunha perspectiva moi experiencial, mostrando casos concretos e próximos de éxito que actúen como elemento motivador.
Sesións formativas do AceleraTech
O programa estenderase ao longo de cinco sesións formativas e un taller final. As temáticas das sesións versarán sobre os seguintes aspectos:
Cómpre destacar que a sesión de ciberseguridade enmárcase no contexto do nodo de ciberseguridade CIBER.gal, estrutura de cooperación que implica ao conxunto de Administracións Públicas do territorio galego nesta materia, e en coordinación coas organizacións de referencia a nivel nacional, INCIBE e CCN para o desenvolvemento de actividades que permitan concienciar e capacitar á cidadanía, ás empresas e ás administracións públicas de Galicia en relación á ciberseguridade co obxectivo de garantir unha contorna dixital segura e afrontar de maneira colaborativa os retos neste eido.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai conceder o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino ao Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, pola súa “aposta pola divulgación científica entre a xente nova, co fin de espertar vocacións e incentivar o seu espírito emprendedor”. O galardón será entregado no marco da da XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.
O CPEIG lembra que o parque foi inaugurado en 1992 en San Cibrao das Viñas, en Ourense, e dende aquela non cesou de impulsar diversos proxectos e actividades para espertar vocacións científicas e tecnolóxicas entre a rapazada da nosa terra e toda España, como Galiciencia, STEAM Kids Tecnópole, as Aulas Tecnópole e o campamento tecnolóxico de verán T2 W. Neste panorama, o parque conseguiu que Galiciencia , creada en 2006, se convertese na maior feira científica que se celebra en Galicia, co obxecto de achegar a ciencia á sociedade. Ao seu abeiro organízase un certame científico para estudantes de Primaria, Secundaria, Bacharelato, como punto de encontro para rapaces e rapazas de todas as idades con ideas innovadoras e con ganas de mostralas ao público nos stands que a Tecnópole pon á súa disposición durante tres días no mes de maio.
Tamén para achegar a ciencia e a tecnoloxía á mocidade, pero desde unha óptica artística e creativa, Tecnópole ten o programa STEAM Kids Tecnópole para escolares de 8 e 11 anos. E nesta liña, tamén dispón das Aulas Tecnópole, pensadas para espertar vocacións científicas e incentivar o espírito emprendedor entre o alumnado de 12 a 18 anos. Nestas actividades, os participantes realizan investigacións, constrúen robots programables, voan drons e deseñan instalacións artísticas. E como actividade innovadora neste contexto COVID, a Tecnópole convocou este verán o primeiro Campamento Tecnolóxico Online de Galicia, en colaboración coa Consellería de Economía da Xunta de Galicia. O T2 W –Tecnópole Technological Workshops–, que ata esta oitava edición fora presencial, destínase a mozos e mozas de toda Galicia de entre 12 a 18 anos. Celebráronse dúas edicións con máis de 200 participantes nos obradoiros de programación, robótica, electrónica, eido maker ou biotecnoloxía. Para desenvolver as actividades, os rapaces recibiron no seu domicilio un kit de materiais tecnolóxicos e científicos. Tamén aprenderon a programar placas, iniciáronse na seguridade informática, deseñaron roupa con sensores, construíron o seu propio microscopio e analizaron a luz do Sol con espectroscopios. Derivado deste campamento, a Tecnópole e Atresmedia lanzan unha plataforma educativa virtual de ciencia e tecnoloxía, STEAMbites, para rapaces de 8 a 16 anos de toda España. Os participantes aprenderán a crear aplicacións para móbil, achegaranse á cociña molecular e á realidade aumentada e virtual.
Ciencia e tecnoloxía en feminino
A maiores de todo o devandito, a Tecnópole forma parte do proxecto Ciencia e Tecnoloxía en feminino, que promove a Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE). No marco desta acción, publicou recentemente en galego a guía Que quero ser de maior? para animar ás rapazas a estudar carreiras vencelladas coa ciencia e a tecnoloxía. Asociado tamén a este proxecto para fomentar as carreiras STEM –de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas– entre as mulleres, a Tecnópole celebrou este mes de outubro un espectáculo de ciencia en liña para alumnos de Secundaria, que reuniu a máis de 10.000 rapaces de toda España que realizaron experimentos e xogos para amosar que a ciencia pode ser atractiva e divertida para todos.
A Noite
A Noite da Enxeñaría en Informática en Galicia modificou a súa data de celebración debido ás últimas restricións anunciadas pola Xunta de Galicia, pasando do 30 de outubro ao 27 de novembro, cando finalmente será o acto no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela. Este ano celebrarase un encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática.