
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A contratación de Internet entre as microempresas galegas sitúase no 78,5%, experimentando un aumento dun 7,9% no último ano, e superando amplamente o ritmo de crecemento estatal (2,4%). Por primeira vez, a contratación de Internet nas microempresas galegas supera a media estatal (78,2%). No caso das empresas de 10 ou máis traballadores Galicia practicamente converxe coa media estatal, acadando a práctica totalidade deste segmento empresarial (98%).
Esta son algunhas das conclusións que se extraen da enquisa sobre “O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2019/2020” publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)
As empresas galegas de 10 ou máis traballadores incrementan a velocidade de conexión
Entre as tecnoloxías de acceso, o 67,5% das microempresas e o 94,4% das de 10 ou máis traballadores contrataron Internet a través de conexións fixas. As empresas de 10 ou máis asalariados que se conectan á Rede a través deste tipo de conexións ocupan a terceira posición no ranking de Comunidades Autónomas e superan a media estatal en case 2 puntos.
En canto á velocidade de conexión a Internet contratada, o 63,6% das empresas galegas de 10 ou máis asalariados conta cunha velocidade superior aos 100 Mbps fronte ao 39,8% do ano anterior. Isto representa un crecemento do 60% nas conexións a Internet superiores aos 100 Mbps entre as empresas galegas de 10 ou máis asalariados
Entre os usos de Internet, destacan os trámites coas Administracións Públicas: o 97,5% das empresas de 10 ou máis traballadores e o 73,8% das microempresas interactuou coas Administracións Públicas a través de Internet.
As empresas galegas de 10 ou máis empregados ocupan o segundo lugar na interacción coas administracións a través de internet e superan a media estatal en case 4 puntos. Tamén se sitúan por riba da media na obtención de información das administracións a través das webs, a descarga de formularios e na devolución de formularios impresos.
Galicia por riba da media en Big Data e na dispoñibilidade de páxina web
O 9,2% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores analizou big data, dato superior á media estatal (8,5%), que sitúa a Galicia o 5º lugar entre todas as comunidades.
As empresas de 10 ou máis empregados con páxina web medraron un 3,8% ata chegar ao 80,9% e así superan por primeira vez á media estatal (78,1%), que se mantén estable, máis de 2 puntos por baixo das galegas. O 29,3% das microempresas galegas ten páxina web, situándose tamén por riba da media estatal (28,8%).
Verónica Bolón, investigadora do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC), vén de ser galardoada cun premio Dona TIC, que outorga a Consellería de Políticas Dixitais e Administración Pública da Generalitat de Cataluña ao abeiro do plan do mesmo nome, destinado a visualizar as importantes contribucións das mulleres no eido tecnolóxico-dixital. En concreto, a investigadora galega recibiu o premio na categoría revelación polo seu traballo.
Estes galardóns recoñecen o talento e a afouteza emprendedora de oito mulleres tecnólogas procedentes de diversos ámbitos, como son o empresarial, profesional, académico e iniciativas sociais. A maiores, tamén teñen a finalidade de espertar vocacións, ofrecendo referentes a nenas e mulleres nas disciplinas STEM e a asumir posicións de liderado no sector. As oito galardoadas nesta sexta edición foron seleccionadas entre 85 candidaturas. Verónica Bolón é doutora en Informática pola UDC, secretaria da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA) e está comprometida co fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas, coordinando o nodo do proxecto Inspira STEAM en A Coruña. A investigadora, como lembraremos, ingresou recentemente na Academia Joven de España.
O acto de entrega celebrouse o martes 13 de outubro, como conmemoración do Día de Ada Lovelace, unha celebración internacional dedicada aos logros das mulleres en áreas STEM e que ten lugar cada ano o segundo martes de outubro.
En novembro vaise celebrar a segunda edición dun evento no que se vai falar arreo sobre unha das cuestións máis candentes do panorama tecnolóxico e produtivo actual: a ciber-protección de datos, servidores e comunicacións. Estamos a falar de CyberSec@Gal, o foro galego sobre seguridade na empresa dixital, impulsado pola Cátedra R en Ciberseguridade (materializada pola operadora galega de telecomunicacións en colaboración coas universidades da Coruña e de Vigo) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG. A cita, que este ano porá o foco nos riscos no teletraballo, conta coa colaboración do Centro de Investigación TIC da UDC, o CITIC.
O evento desenvolverase do 2 ao 5 de novembro e abordará a normativa, solucións, retos e ameazas no eido da seguridade do universo dixital no teletraballo. Amais, no capítulo de recoñecementos ao traballo innovador, CyberSec@Gal premiará pola súa excelencia académica a estudantes das universidades galegas cun premio á Tese de Doutoramento en Ciberseguridade, valorado en 700 €; dous premios á Tese de Fin de Mestrado en Ciberseguridade na UVigo e UDC, valorados en 400 € cada uno; e dous premios á Tese de Fin de Grado en Ciberseguridade na UVigo e na UDC, valorados en 300 € cada un deles. As dúas primeiras xornadas de CyberSec@Gal acubillarán obradoiros en liña orientados a estudantes do Sistema Universitario Galego e de Formación Profesional, que teñen como fin captar talento en ciberseguridade. Durante a terceira xornada levaranse a cabo charlas técnicas orientadas a profesionais e lanzarase un ciber-reto online cun premio final de 500 €. O sistema empresarial galego estará tamén representado na cuarta xornada do evento, que se desenvolverá de xeito semipresencial e tratará os riscos no teletraballo nunha mesa redonda específica nesta temática.
Programa de actividades
O Concello de Santiago vai organizar en clave virtual a nova edición da feira de emprego Talentia Summit 2020, a finais de novembro e contando con máis de mil prazas de formación. Amais, o Goberno local fixo saber que participarán máis de 100 empresas. Alén das sesións online, que serán o groso do programa, convocaranse sesións híbridas emitidas por streaming para as poucas actividades que requiran asistencia en persoa.
A nova edición de Talentia Summit ten como obxectivo propor “unha alternativa sólida para a reconstrución económica baseándose nos alicerces da innovación e o talento e, á vez, xerar oportunidades que permitan conectar o talento humano coas organizacións e entidades que actúan como potenciais empregadoras”. Ofrecerá, ademais, formación continua de balde para a mellora da empregabilidade da cidadanía.
O Concello lembra que esta edición conta cos mellores precedentes, entre eles o éxito de participación das edicións anteriores, nas que participaron arredor de 5.000 persoas. “Nesta edición”, engade a organización, “reuniráse de novo a importantes autoridades institucionais, a destacadas empresas, a conferenciantes de renome, e a centos de persoas que pretenden impulsar o seu perfil profesional ou procuran novas oportunidades laborais”. As persoas que se inscriban e/ou participen en Talentia Summit ‘20 poderán presentarse ante os responsables de recrutamento de empresas; acreditarse mediante certificacións de competencias dixitais ou idiomas; asistir a conferencias, obradoiros ou webinars; e outras moitas actividades que as axudarán na mellora das súas competencias profesionais.
Está previsto que a principios de novembro se abra o prazo para reserva de prazas a través da web de Talentia Summit ‘20.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) poñen en marcha a actividade “Encontros con Profesionais TIC”, unha serie de xornadas online entre rapaces e rapazas e profesionais TIC, no marco do convenio de colaboración asinado entre ambas entidades e enmarcado na Axenda Dixital de Galicia 2020.
Neste novo contexto da distancia social e as reunións dixitais que se vive actualmente a causa da pandemia da covid-19, esta actividade desenvolverase nas vindeiras semanas coa celebración de 30 encontros en streaming entre un profesional TIC e un grupo de 12 rapaces e rapazas de 6 a 18 anos, que poderán interactuar co relator e con calquera dos asistentes. Ademais, o resto de persoas inscritas poderán seguir as charlas a través da canle de Youtube “CPEIG VIDEOS” e no Facebook do CPEIG, aínda que só os rapaces partipantes e os profesionais TIC poderán intercambiar impresións e dúbidas durante os encontros. Os interesados en participar poden inscribirse e atopar información sobre os encontros no seguinte enlace: https://www.cpeig.gal/encontrosTIC
Temáticas
As temáticas dos encontros serán sobre axencias dixitais, publicidade en internet, internet das cousas, coches autónomos, asistentes de voz, cidades intelixentes, deporte e tecnoloxía, empresa na nube, robótica, animación 3D ou videoxogos. Nelas participarán diferentes expertos, a maioría deles colexiados e colexiadas do CPEIG, creadores de personaxes 3D, deseñadores de videoxogos, expertos en intelixencia artificial, investigadores e enxeñeiros de software e hardware, especialistas en industria 4.0., expertos en seguridade informática, peritos informáticos, xerentes de tendas de comercio ou directivos de empresas tecnolóxicas.
O primeiro encontro celebrarase mañá martes, 20 de outubro, ás 17:00 horas, entre o xefe de proxecto en Minsait, Diego Cid, e un grupo de doce nenos e nenas de ata 9 anos. O experto falará aos rapaces do proceso de desenvolvemento de software e os diferentes pasos e actores. Diego Cid conta con máis de 15 anos de experiencia en desenvolvemento de software en diferentes tecnoloxías e sectores. Actualmente está implicado en proxectos do sector das administracións públicas.
A continuación, ás 18:15 horas, dirixirá un encontro o presidente do CPEIG, do Consello Nacional de Colexios Profesionais en Enxeñaría Informática e director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Fernando Suárez. Falará a rapaces de todas as idades sobre as cidades intelixentes.