main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

16/06/202109:25
Google Cloud.
Madrid

Google Cloud e a Fundación ONCE unen as súas forzas para mellorar a vida das persoas con discapacidade

  • Google Cloud e a Fundación ONCE asinaron un memorándum de entendemento.

Google Cloud e a Fundación ONCE acordaron unir as súas forzas para desenvolver proxectos conxuntos cuxo obxectivo sexa a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade, tendo como panca de cambio o impulso das tecnoloxías da información e comunicación.

Así, Google Cloud e a Fundación ONCE, ambas as dúas entidades asinaron un memorándum de entendemento no que expresan o seu desexo de colaborar de maneira que a Fundación ONCE poida usar os servizos de Google Cloud para desenvolver aplicacións que permitan a plena inclusión das persoas con discapacidade.

Colaboración

Os eixos de actuación da Fundación ONCE son a integración social, a través do emprego e a formación, así como a eliminación de barreiras e o fomento do deseño universal para todos. Neste sentido, ambas as dúas entidades consideran que a tecnoloxía debe servir para fomentar a inclusión e non como unha barreira de discriminación.

Para José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, 'cada un de nós achegaremos o mellor do noso coñecemento e experiencia. Desta maneira, teremos a certeza de que os proxectos que desenvolvamos conxuntamente terán un impacto real na vida das persoas con discapacidade. Sen lugar a dúbida, ir da man de Google Cloud suponnos unha gran responsabilidade e ofrécenos unha oportunidade'.

Pola súa banda, Isaac HernándezCountry Manager de Google Cloud afirma: ''estamos moi ilusionados de traballar coa Fundación ONCE e con este proxecto tan enriquecedor para axudar, mediante a tecnoloxía, a impulsar a inserción de persoas con discapacidade á vida laboral e que isto non lles supoña unha limitación para a procura de emprego''.

15/06/202116:52
5G.
Santiago de Compostela

O desenvolvemento de 30 proxectos piloto sitúa a Galicia na vangarda do despregamento do 5G ao servizo do territorio, da industria e da cidadanía

  • A directora da Amtega, Mar Pareira, participa na inauguración das xornadas “O poder transformador do 5G”
  • O Plan Galicia 5G da Xunta permitirá un despregamento temperán desta tecnoloxía que fai posible cumplir co obxectivo de que toda a poboación dispoña de banda larga, pese as dificultades provocadas pola súa dispersión
  • Mar Pereira defende o modelo de colaboración entre as administracións públicas e co ámbito privado que se reflicte no nodo de Colaboración 5G de Galicia
  • O obxectivo inmediato é que os proxectos piloto en sectores clave, como a sanidade, a educación. o transporte, a industria, a agricultura ou a banca no rural se trasladen á vida real

É necesario avanzar no modelo de colaboración entre administracións públicas e co sector privado defendido pola Xunta de Galicia na introducción da tecnoloxía 5G e noutros obxectivos como o do despregamento de redes, según manifestou hoxe a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira.

Mar Pereira participou está mañá na inauguración das xornadas “O poder transformador do 5G” nas que se está a informar sobre a evolución dos 12 casos de uso que desenvolve Telefónica en Galicia. A directora da Amtega agradeceu a esta empresa que elixira a Galicia como o escenario para a realización das primeiras experiencias piloto de 5G en España.

Este posicionamento de Galicia como rexión de referencia cara ao despregamento desta tecnoloxía foi posible grazas a aprobación a mediados de 2018 do Plan Galicia 5G como ferramenta estratéxica para impulsar as aplicacións da última xeración de telecomunicacións na industria e a sociedade e o despregamento das redes na nosa Comunidade autónoma. Neste sentido, Galicia acolleu a primera experiencia mundial de roaming en 5G e Vigo e A Coruña están entre as primeiras cidades de Europa en dispoñer desta tecnoloxía.

Mar Pereira subliñou que a planificación de Galicia está aliñada coas estratexia do Estado e da Unión Europea e enmarcada na Estratexia Galicia Dixital 2030, e na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, aprobada polo Consello da Xunta da pasada semana.

A directora da Amtega referiuse á importancia da tecnoloxía 5G para os entornos rurais e o papel clave que pode desenvolver para resolver dun xeito definitivo as limitación de cobertura con outras tecnoloxías de determinadas zonas, debido á dispersión da poboación. Neste sentido, a Xunta trasladou ao Goberno as prioridades de Galicia en materia de cobertura, entre as que se atopa a necesidade de priorizar para a dotación de 5G a aquelas zonas ás que aínda non puido chegar o 4G.

Na actualidade, Galicia acolle 30 experiencias piloto cos principales operadores de telefonía. Estes programas implican un investimento de máis de 22 millóns de euros.

12 destes pilotos están sendo liderados por Telefónica nunha Unión Temporal de Empresas (UTE); 13 pola UTE liderada por Orange e 5 pola de Vodafone. Os proxectos integran a máis de 27 entidades públicas e privadas entre participantes, axentes colaboradores e clientes.

Os proxectos desenvolvidos pola UTE liderada por Telefónica refírense a:

  • retransmisión de vídeo en Ultra Alta Definición en Directo;
  • streaming de Vídeo en eventos e situacións de emerxencia:
  • atención médica na contorna rural;
  • túnel conectado (Túnel do Cereixal);
  • internet e TV sobre un acceso fixo radio 5G;
  • inspección e mantemento das vías ferroviarias con drons;
  • Scan 3D, realidade aumentada e modelos 3D para asteleiro;
  • realización e emisión automática de eventos deportivos;
  • exploración e diagnóstico oftalmolóxico remoto;
  • antenas 5G con baixo impacto visual;
  • cobertura en altura para o servizo de drons, e
  • redes flexibles: capacidades diferenciadas por servizos e clientes.

Os proxectos da UTE liderada por Orange son sobre:

  • acceso remoto a cámaras 360º mediante dispositivos de realidade virtual na praza do Obradoiro ao servizo do turismo intelixente;
  • control de empaquetado mediante proceso e imaxe para conserveira;
  • control de acceso con identificación biométrica baseado en vídeo para a lonxa de Vigo;
  • xestión de loxística de vehículos de transporte alimentario;
  • asistencia remota do alumnado con video streaming para a Universidade de Vigo;
  • sistema de vixilancia con drons en entorno portuario;
  • asistencia remota a persoal de campo (da industria e de emerxencias médicas) mediante realidade aumentada;
  • medición de parámetros agronómicos e ambientais;
  • verificación e control de procesos de produción críticos a través de comunicacións sen fíos;
  • servizo de comunicación de banda larga a través de 5G en zonas remotas;
  • xestión intelixente do Campus: control de tráfico, control de accesos... para a Universidade de Vigo;
  • xogos on line multixogador en Cloud Gaming a través de 5G, e
  • retransmisión en directo de eventos deportivos a través de 5G.

Os proxectos da UTE liderada por Vodafone son sobre:

  • mellora na xestión do tráfico comunicando a información entre vehículos e elementos da estrada;
  • alta previsión en GPS diferenciais embarcados en vehículos;
  • primeira experiencia mundial real de conexión transfronteiriza en mobilidade con 5G (entre Tui e Valença do Minho);
  • apoio á xestión dos medios implicados na extinción de incendios con envío de datos e vídeo en tempo real, e
  • conectividade dunha sucursal bancaria móbil para o rural.
15/06/202108:08
Cartel da iniciativa
Ribeira

Ribeira achega cursos estivais de informática para a rapazada e para adultos

En Ribeira a formación tecnolóxica non ten programado descansar no verán, máis ben o contrario: a aula local CeMIT seguirá a ser un punto de capacitación TIC, de actividades dixitais de conciliación familiar (coa axenda de cursos para nenos) e de loita contra a fenda dixital (cos obradoiros para adultos nas parroquias).

O Concello de Ribeira presentou este 14 de xuño os seus tradicionais cursos TIC de balde para esta tempada estival, unha iniciativa que ademais de acoller accións formativas na aula CeMIT no barrio de Cubeliños para nenos e nenas incluirá tamén cursos para adultos nas parroquias.

A concelleira de Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro, deu a coñecer esta programación, que, tocante á parte infantil comezará no mes de xullo coa celebración os luns, mércores e venres dun curso sobre mecanografía-write dirixida a nenos de 7 a 15 anos entre os días 7 e 30 de 10 a 11.30. De 12 a 13.30 haberá outro de informática básica para nenos de 7 a 10 anos.

En canto a agosto, tamén os luns, mércores e venres de 10 a 11.30 horas haberá un curso de programación coa ferramenta Scratch para nenos e nenas de 11 a 15 anos entre os días 2 e 27. E de 12 a 13.30 horas, tamén para a mesma franxa de idade, curso de ferramentas Google. Ademais, Ana Barreiro adiantou que o Concello volve a recuperar os cursos nas parroquias que “non puideron tiveron lugar nos pasados meses por culpa da pandemia” e, con tal motivo, prevese que os martes e xoves dos meses de xullo e agosto se celebren cursos de informática básica e Internet. Haberá dúas quendas en cada un dos meses, en horario de 9.30 a 11 e de 11.30 a 13 horas. As clases concretaranse segundo a demanda en cada unha das parroquias (mínimo 3 persoas apuntadas e máximo 6 por quenda). En todos os casos, as inscricións formalizaranse do 16 ao 25 de xuño na aula CeMIT de Ribeira ou vía web na páxina da aula.

15/06/202108:03
Candado aberto.
Santiago de Compostela

O quinto concurso literario do CPEIG sobre protección de datos xa ten gañadoras

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Cultura e Educación veñen de fallar a quinta convocatoria do Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos 2021, unha iniciativa formativa, creativa e lúdica para sensibilizar ás e aos menores na necesidade de facer un uso axeitado das ferramentas dixitais e de salvagardar a información propia e allea no seu día a día online. Participaron un total de 21 nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria e alumnas e alumnos de 1º a 4º de ESO de toda Galicia.

Os gañadores desta edición foron: Úrsula Pérez Ucha, de 5º de Primaria do CPI Plurilingüe José García, en Ourense, polo seu traballo A historia das filloas máis raras do mundo”, onde conta a historia da avoa María e as súas filloas, as mellores de Galicia, que comeza a promover en Instagram grazas aos consellos sobre protección de datos da súa neta Uxía, pero sofre un hackeo para roubarlle a súa receita secreta; e Inés Rey Torres, de 4º da ESO do CPI de Cova Terreña en Baiona, que resultou gañadora grazas ao traballo Trincheiras enredadas no que relata dúas historias para exemplificar como a falta de anonimato e protección de datos podería ter afectado ás persoas durante os anos da Primeira Guerra Mundial e a Revolución Rusa.

A privacidade das persoas na Rede mantenas seguras. Non debemos permitir que o desexo de información, likes e followers, desemboque na falta de empatía e respecto pola integridade, a intimidade, a dor e o sufrimento das persoas. A favor da privacidade na rede, guerra sen cuartel”, indica Inés Rey no seu escrito gañador.

As dúas gañadoras recibirán unha tableta, ademais dun kit de robótica para a súa aula. Tamén o CPI de Cova Terreña de Baiona recibe o recoñecemento especial do certame ao ser o centro que máis traballos presentou, un total de oito propostas. Este concurso ten por obxecto “que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade, promovendo o coñecemento de cales son os dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos”.

14/06/202110:16
Imaxe dun taboleiro electrónico didáctico que participan no concurso de produtos de apoio de baixo custo.
Barcelona

En busca da mellor tecnoloxía para persoas con discapacidade de 'baixo custo'

En ocasións a tecnoloxía desenvolvida para mellorar a calidade de vida de persoas con discapacidade e persoas maiores ten un problema: o seu prezo. As solucións personalizadas non poden beneficiarse de moitas das vantaxes da produción en cadea e iso conleva un aumento do custo.

Con todo, a aparición doutras tecnoloxías como a impresión 3D están chamadas a facilitar o acceso a estes produtos de apoio, logrando solucións adaptadas ás necesidades de cada persoa a un prezo reducido.

Con este obxectivo en mente, o Esaac organizou unha nova edición do seu concurso de produtos de apoio de baixo custo, no que buscan e premian aquelas innovacións dirixidas a mellorar a calidade de vida de persoas con discapacidade desenvolvidas cun custo reducido.

Tras o parón provocado pola pandemia, o Esaac retoma este proxecto en 2021 da man de Cedetiuc en Chile, Unitec en Arxentina e Teias en Brasil.

Esta será a décimo terceira edición deste concurso que ten como finalidade o desenvolvemento de adaptacións, creación de produtos de apoio, recursos de baixo custo e a súa libre distribución.

Os premios inclúen o recoñecemento a unha entidade, o premio do xurado e o premio á mellor idea de Latinoamérica e Porto Rico, ambos os dous dotados con 1.000 euros, un segundo premio dotado con 500 euros, un accésit ao mellor proxecto 3D, que recibirá 300 euros, e un premio por votación a través da web cunha dotación de 200 euros.

Por agora presentáronse proxectos como un intercomunicador accionado co nariz, unha mesa robotizada, un sistema de alerta automático ou un taboleiro electrónico didáctico.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS