main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

25/06/202109:18
O globo terráqueo escaneado polos rapaces de Lugo.
Lugo

O IES Muralla Romana de Lugo gaña a novena edición do campionato D3Mobile Metrology World League

A novena edición do campionato internacional D3Mobile Metrology World League, impulsado dende o Campus de Lugo (USC) para mostrar o talento da nosa mocidade en materia de deseño e escaneado 3D de precisión co tabletas e teléfonos móbiles, xa ten palmarés. O equipo que tivo unha máis sobranceira actuación nesta edición do certame foi o NIIDEA3D do IES Muralla de Lugo, que se proclamou campión cun modelo 3D dun globo terráqueo. Tamén houbo grandes actuacións dende Italia (o equipo do Istituto Calasanzio de Empoli, Florencia) e dende A Pobra do Caramiñal (o equipo YAG do Instituto de Educación Secundaria da Pobra).

Campións

O equipo NIIDEA3D do IES Muralla Romana de Lugo vén de gañar coa elaboración dun globo terráqueo a novena edición da D3Mobile Metrology World League, campionato convocado polo grupo de investigación CIGEO da EPS de Enxeñaría da USC e que conta con financiamento da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, o Concello de Lugo e a Sociedade Internacional de Fotogrametría e Teledetección (ISPRS). Así, tras avaliar a calidade de medida e visual dos modelos 3D elaborados polos 44 equipos que acadaron a final, o xurado acordou proclamar vencedores da categoría Metrólogos aos alumnos Adrián López Montouto, Nahir Armesto Pallares e Juan Carlos Amedo López, coordinados pola profesora Marta Goy López. Na segunda proba, este equipo de Lugo elaborou un globo terráqueo mentres na terceira proba, conseguiu un erro medio inferior a 0,05 mm nas medicións realizadas nun modelo 3D de 350 mm de diagonal maior.

Subcampións

Os italianos Giovanni Spinelli e Arianna Cioni, coordinados polo profesor Matteo Batistini, obtiveron a segunda mellor puntuación tras escanear en 3D un ave zancuda disecada cun erro medio inferior a 0,09 mm.

Talento da Pobra

Na categoría Artistas 3D resultou gañador o modelo dun transformer escaneado en 3D, elaborado polo equipo YAG, do IES Pobra do Caramiñal, formado polos alumnos Yeray Mariño Gómez, Antía Gómez Rego e Gabriel González González, que estiveron coordinados pola profesora Margarita Saborido Ojea.

Fomento de competencias do século XXI

Outro dos premios establecidos polos promotores da D3Mobile fomenta as competencias do alumnado para realizar unha campaña de difusión dos seus resultados, a fin de conseguir que o público do campionato valore e vote o seu modelo 3D. O equipo da categoría de metrólogos máis respaldado polo público de todo o mundo foi o do IES Aguilar e Cano, de Estepa (Sevilla), formado por Javier Frochoso García, Andrea García Casín e Patricia Martín, coa coordinación do profesor Salvador Páez Díaz. Este grupo conseguiu dar a coñecer o modelo 3D dunhas zapatillas co que obtivo unha gran cantidade de votos. 

Difusión do labor científico da USC

O galardón á difusión do labor científico da USC, unha distinción que requiría que os participantes seleccionaran un obxecto representativo dos resultados de investigacións desenvolvidas por científicos da USC, recaeu no equipo B&W, do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, formado por Isabela Vélez Galego e Brais Lorenzo Uriz. O profesor Miguel Anxo Barreiro Díaz actuou como coordinador deste equipo, que elaborou un modelo 3D da figura dun animal relacionado co Grupo de Investigación Análise e Conservación da Biodiversidade (ACBiodiv).

Promocion da ISPRS

O premio á difusión da Sociedade Internacional para a Fotogrametría e a Teledetección foi para o equipo Pataqueiros, do IES Poeta Díaz Castro, formado por Raúl Paredes Rodríguez, Abel Pena Bondelle e Daniel García Cordeiro. Coordinados polo profesor Miguel Anxo Barreiro Díaz, estes estudantes de Guitiríz realizaron un modelo3D representativo do relevo de Galicia.

Científicas tecnólogas na arquitectura e enxeñaría

A IX D3Mobile Metrology World League , en cuxa organización colaboraron a Universidade de Florencia, o Centro Español de Metrología (CEM) e o Instituto Xeográfico Nacional (IGN-CNIG), tamén contribuíu a sensibilizar a todos os participantes no papel que xogou e xoga a muller na enxeñaría e a arquitectura, co premio D3Mobile-Fundación Mulleres, ao que optaban aqueles equipos que seleccionasen para modelar en 3D un obxecto representativo dunha científica/tecnóloga de éxito nos eidos da enxeñaría e/ou a arquitectura. O premio foi a parar a mans do tamén equipo de Guitiriz Mivecino.com, do IES Poeta Díaz Castro, formado por Laura Deive Xaneiro, Lucía Villar Martíns e Yago Martínez Pena. O profesor Miguel Anxo Barreiro Díaz coordinou a realización do modelo 3D titulado Poción, un traballo feito en homenaxe á bióloga española experta en coronavirus Isabel Soa Gurpegui, que é codirectora do laboratorio de Coronavirus do Centro Nacional de Biotecnoloxía do Consello Superior de Investigacións Científicas-CNB-CSIC.

Gañadores de Galicia e Lugo

O gañador do premio ao mellor equipo de mozos metrólogos galegos, outorgado pola Xunta de Galicia, recaeu tamén no IES Poeta Díaz Castro. Nesta ocasión, o equipo galardoado foi o formado por Érika Bao Castro, Noemí Vázquez Roca e Javier Mulet Maio, que, coordinados polo profesor Barreiro Rivas, escanearon unha forquita. O equipo O Trío, do IES Ánxel Fole de Lugo, integrado polos alumnos Yaiza Cobas Varela, Antía Curral Meilán e Lucía Curral Rivas, coordinados pola profesora Ana Belén Lamas Lombao e que saldaron a súa participación na IX D3Mobile co escaneado en 3D dunha cunca, recibirán o premio outorgado pola Deputación Provincial de Lugo no marco dunha cerimonia que se celebrará ao longo do mes de setembro.

23/06/202113:31
Presentación de GaiásTech.
Santiago de Compostela

A intelixencia artificial e a colaboración público privada na transformación dixital centran a xornada de apertura do centro GaiásTech da Xunta

  • Xornada de apertura do centro para a demostración e experimentación en tecnoloxías avanzadas na Cidade da Cultura de Galicia
  • GaiásTech coordinará a rede de nodos tecnolóxicos de colaboración entre administracións e co sector privado en tecnoloxías como o 5G ou a intelixencia artificial
  • Na xornada de apertura, Amparo Alonso e Senén Barro, participaron nunha mesa de debate coa directora do entorno de Saúde do Instituto de Enxeñaría do Coñecemento, Elisa Martín, sobre a oportunidade de que Galicia avance na especialización en Intelixencia Artificial
  • O presidente do Clúster TIC, Antonio del Corral, moderou a mesa sobre as estruturas de colaboración público privada na que participaron a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións de Vigo, Rebeca Díaz, e o responsable de ciberseguridade de Abanca, Roberto Baratta
  • O Centro ocupa unha superficie de máis de 500 metros cadrados e inclúe un espazo de inmersión para experiencias de realidade virtual e aumentada
  • A Xunta pon en marcha dúas plataformas web para reflectir a transformación dixital da economía, a administración e a sociedade de Galicia: dixiterrae.xunta.gal e gaiastech.xunta.gal

 

A oportunidade que ten Galicia de especializarse en intelixencia artificial foi un dos argumentos da xornada coa que hoxe comezou a súa actividade o centro GaiásTech da Xunta, que ocupa unha superficie de 500 metros cadrados na Cidade da Cultura.

A xornada de traballo estivo precedida das intervencións da directora da Amtega, Mar Pereira, e da directora da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. Así mesmo, o director da Área de Sociedade Dixital da Amtega, Miguel Rodríguez, ofreceu unha visión global do proceso de transformación dixital de Galicia que se reflicte na plataforma DixiTerrae.

A xornada técnica inaugural, baixo o título “Impulsando a dixitalización de Galicia”, acolleu dúas mesas de debate sobre Intelixencia Artificial e sobre a estrutura de colaboración público privada reflectida nos nodos tecnolóxicos de Galicia.

Na primeira das sesións, a directora do entorno de Saúde do Instituto de Enxeñaría do Coñecemento (IIC), Elisa Martín, moderou unha mesa de debate na que participaron a coordinadora do Grupo Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA) da Universidade da Coruña, Amparo Alonso, e o director do Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) da Universidade de Santiago, Senén Barro. Ademais, Elisa Martín tivo unha intervención sobre o uso da intelixencia artificial para a innovación.

A segunda sesión estivo coordinada polo presidente do Clúster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez, e contou coas participación da directora da Escola de Enxeñería de Telecomunicacións de Vigo, Rebeca Díaz, e o directivo do ISMS Forum e director de Prevención de Perda, Continuidade de Negocio e Seguridade de Abanca, Roberto Baratta. Os participantes nesta mesa puxeron en valor a estratexia de colaboración entre administración públicas e co sector privado, que se plasma nos nodos tecnolóxicos promovidos pola Xunta de Galicia.

Un centro para unha transformación dixital ao servizo das persoas

O centro GaiásTech que hoxe iniciou a súa actividade na Cidade da Cultura de Galicia actuará como un espazo para a demostración e experimentación en tecnoloxías avanzadas e de concentración do coñecemento ao servizo da transformación dixital das empresas, das administracións e da sociedade galega.

O centro estará á disposición das máis de 3.800 empresas tecnolóxicas de Galicia e das máis de 24.000 persoas profesionais do sector TIC da nosa Comunidade. Terá tamén a función de fomentar as vocacións tecnolóxicas e a promoción e retención do talento dixital en Galicia. A súa superficie, de máis de 500 metros cadrados, contará cun espazo de inmersión interactivo e coa superficie proxectada, orientado a experiencias de realidade virtual e aumentada. Conta tamén con salas de ideación con equipos interactivos para acoller actividades e desenvolver proxectos.

O novo centro ofrecerá servizos como o GaiasTechCloud, para a realización de probas de software na nube, demostracións de solucións tecnolóxicas, reservas de espazos ou o desenvolvemento de xornadas temáticas. Incorporará tamén un servizo de vixilancia tecnolóxica para a identificación de tendencias dixitais. Funcionará, así mesmo, como un centro de asesoramento que porá á disposición de industria e do coñecemento espazos para experimentación con equipos de realidades virtual e aumentada. De xeito paralelo a este espazo físico, GaiásTech disporá dun “xemelgo” dixital no que se localizará a axenda tecnolóxica de Galicia, disporá dos seus propios espazos virtuais e actividades e permitirá a retransmisión e participación non presencial en calquera actividade.

GaiásTech será un escenario central para a posta en marcha da Estratexia Galicia Dixital 2030, especialmente do seu eixo transversal, que ten o obxectivo de promover a especialización tecnolóxica a través do reforzo das capacidades e infraestruturas dixitais da nosa Comunidade.

O GaiásTech será tamén o espazo dende o que se coordinará a actividade dos nodos tecnolóxicos de Galicia, baseados na colaboración público privada e que aliñan a estratexia de transformación dixital da nosa Comunidade coas estratexias europea e española. Os nodos están formados polas administracións, as institucións de referencia e as empresas implicadas no desenvolvemento de tecnoloxías como o 5G, a Intelixencia Artificial, a Ciberseguridade ou o BigData.

Ademais de ofrecer soporte e asesoramento especializado aos sectores tecnolóxicos, o GaiásTech disporá e divulgará o mapa de capacidades dixitais de Galicia. Entre os seus obxectivos está tamén o de fomentar e atraer o talento dixital.

Novas plataformas na web

O inicio da actividade do GaiásTech coincide coa posta en marcha por parte da Xunta de dúas plataformas na web que reflicten a transformación dixital da sociedade galega, e ofrece información sobre as utilidades prácticas e solucións que proporciona este proceso.

O novo centro e as súas actividades e servizos pódense coñecer a través da plataforma gaiastech.xunta.gal, que centra os seus contidos no impulso do ecosistema dixital galego.

Pola súa banda, a plataforma dixiterrae.xunta.gal ofrece á cidadanía información sobre o proceso de transformación dixital e facilita o acceso e o coñecemento sobre os recursos e ferramentas dispoñibles.

23/06/202108:46
Peche do proxecto “Talentos Inclusivos”.
A Coruña

Trenor destaca a aportación do proxecto de "Talentos Inclusivos" para mellorar a calidade de vida de personas con parálise cerebral grazas á tecnoloxía

  • O delegado da Xunta participou no acto de peche do programa e na entrega de recoñecementos aos retos máis destacados
  • O obxectivo deste programa foi espertar vocacións STEM entre os mozos e mozas e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou no acto de peche do proxecto “Talentos Inclusivos”, que se está levando cabo grazas á colaboración da Consellería de Educación, Cultura e Universidade, Aspace (Asociación de padres de persoas con parálise cerebral) e a Universidade da Coruña a través do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións).

O obxectivo deste programa foi espertar vocacións STEM entre os mozos e mozas e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.

Trenor destacou que este programa "foi un reto, un exemplo de unión, de colaboración e de innovación. Unha boa mostra de que o traballo en equipo divide os esforzos e multiplica os resultados”.

Neste programa participaron 120 persoas nos equipos colaborativos entre persoas con parálise cerebral, mozas e mozos e profesorado, 30 profesores da UDC, institutos e centros de Formación Profesional e leváronse a cabo 45 retos tecnolóxicos propostos por ASPACE. Os retos encádranse en cinco apartados: produtos de apoio e impresión 3D, control do entorno do fogar, rehabilitación, acceso ao ordenador, ao móbil e aos sistemas de comunicación e ocio.

Concretamente recibiron o seu recoñecemento os alumnos, profesores e usuarios de Aspace dos seguintes proxectos: creación dun sistema anticolisión para as cadeiras de rodas; robot controlado coa man ou a cabeza, creación de produtos de apoio con impresión 3D, adaptación de xogos clásicos de máquinas recreativas e creación de premedores adaptados, creación de traxes de led con control remoto adaptado, adaptación de xoguetes infantís, adaptación de coches de exploración temperá e dron controlado coa man ou a cabeza e sistema adaptado para o acendido e apagado do computador.

Os centros educativos participantes foron: IES Miraflores de Oleiros, colexio Calasanz PP Escolapios, CPR Salesianos San Juan Bosco, IES David Buján de Cambre, IES As Mariñas de Betanzos, IES Terra Trasancos de Narón, IES Ortigueira e IES Sofía Casanova de Ferrol.

O representante do Goberno autonómico incidiu en que todas estas actividades tiveron como obxectivo facilitar a vida diaria ás persoas con parálise cerebral e potenciar o seu rol como actores proactivos no futuro. Ademais, engadiu, “búscase favorecer que os mozos e mozas exploren e experimenten con tecnoloxías innovadoras, detectando as necesidades identificadas durante os diferentes restos e o impacto psicosocial da solución tecnolóxica na vida diaria dos participantes”.

22/06/202112:55
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A Xunta recoñece cos premios do Super Reto Digicraft a alumnado dos colexios Corvillón, de Cambados, e Vista Hermosa, de Ourense

  • O alumnado e os profesores de 3º e 6º curso elaboraron murais tecnolóxicos interactivos nos que describen como consideran que debe ser o colexio do futuro
  • O Super Reto está enmarcado en DigiCraft, o programa de competencias dixitais para a infancia e a mocidade da Fundación Vodafone, e está aliñado coas actuacións do DigiTalent, EduDixital e a Estratexia Galicia Dixital 2030 da Xunta de Galicia
  • Na última convocatoria de DigiCraft participaron máis de 300 colexios de España, dos que máis de 100 son de Galicia, con máis de 8.000 escolares da nosa Comunidade implicados
  • A Xunta desenvolve programas para o fomento das vocacións STEM, como o TechKids, encontros con profesionais, promoción da ciberseguridade e actuacións específicas para reducir a fenda de xénero

A directora da a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; o secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, José Luis Mira, e a directora xeral da Fundación Vodafone, Gloria Placer, entregaron esta mañá os premios do Super Reto DigiCraft a alumnado dos colexios Corvillón, de Cambados e Vista Hermosa, de Ourense.

O Super Reto é un evento enmarcado no programa DigiCraft de competencias dixitais de Fundación Vodafone dirixido a nenos e nenas das comunidades autónomas de Galicia, Madrid e Andalucía. Na presente edición foron convocados arredor de 300 colexios, dos que máis de 100 eran de Galicia, onde participaron máis de 8.000 escolares. Na actualidade está en marcha unha nova convocatoria para o curso 2021-2022 na que entrarán 50 novos centros educativos galegos, cuns 2.500 nenos e nenas e 150 profesores e profesoras.

O alumnado, xunto co profesorado, realizou a través da colaboración un mural interactivo que reflicte a súa idea de como será o colexio no futuro. O obxectivo do programa DigiCraft é o de presentar ás aulas como un itinerario formativo que pretende espertar no alumnado o interese polo mundo dixital.

Na súa presentación, os escolares amosaron as posibilidades de interacción co mural a través dunha tablet e un dispositivo “Makey Makey” que permite converter calquera superficie en teclado ou rato para transmitir instrucións ao ordenador.

O curso de 3º do CEIP Corvillón de Cambados presentou un mural no que explicou que o colexio do futuro debería dispoñer dun “aula de croma e gravación”, robótica e “maxia” tecnolóxica, realidade virtual e videoxogos e un obradoiro de reciclaxe e ecoloxía. Por esta proposta resultaron gañadores de Galicia na categoría de 6 a 8 anos.

Pola súa parte, o alumnado do curso 6º do CEIP Vista Hermosa de Ourense construíu una mesa de “pinball” na que os escolares utilizaron tecnoloxía de impresión dixital e empregaron materiais reciclados, como tapóns de botellas. A súa idea do colexio do futuro é un centro autosuficiente dende o punto de vista enerxético; que teña a disposición mapas de realidade virtual e holografías para aprender conceptos, viaxar ao espazo, mergullarse no mar ou ver museos e que use a robótica. Con este traballo resultaron gañadores na categoría de 9 a 12 anos.

O fomento das vocacións en áreas de coñecemento STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) forma parte do modelo educativo e de transformación dixital en Galicia a través de programas como o Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent; a Estratexia Galega para a Educación Dixital, EduDixital, ou a propia Estratexia Galicia Dixital 2030.

Durante o acto de entrega dos premios, a directora da Amtega, Mar Pereira, salientou que o DigiTalent desenvolve accións dirixidas ao alumnado de Galicia, como os programas TechKids, ou Ciberseguranza Kids, xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría de Informática, ou encontros dos escolares con profesionais das áreas tecnolóxicas.

Mar Pereira lembrou que as mulleres representan soamente o 16,8 por cento do alumnado en enxeñarías tecnolóxicas e o 38,5 por cento en enxeñarías STEM, cando son o 55,2 por cento do total do alumnado do Sistema Universitario de Galicia.
Neste sentido, destacou que DigiTalent desenvolve tamén accións como o programa Girl STEAM, para motivar as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado feminino, ou o programa Mática de obradoiros para alumnas do rural.

A Amtega desenvolve outras accións para fomentar as vocacións STEM, como campamentos de verán sobre o manexo e voo de aeronaves non tripuladas, programación de robots, creación de vídeos mediante videomaping ou edición de videoxogos.
Pola súa banda, o programa EduDixital permitiu a implicación de máis de 12.000 escolares en actuacións sobre competencias STEM, o despregamento de máis de 750 kits de robótica, programación e impresión 3D, a posta en marcha de 167 contratos programa para mellorar a competencia STEM e o desenvolvemento de 12.000 horas de formación nas que participaron máis de 8.800 docentes.

En canto a transformación dixital do sistema educativo, a Xunta ten en marcha o Plan Edu100 que permitiu xa a dotación con fibra óptica de 1Gbps e renovación dos servidores do 100% dos colexios públicos; a extensión da wifi a todos os espazos docentes; a dotación de portátiles para o alumnado en risco de exclusión; e permitirá antes de 2023 a extensión a todo o alumnado entre primeiro de primaria das aulas dixitais; a extensión do libro dixital Edixgal ao 70 por cento do alumnado entre 5º de Primaria e 4º da ESO e a dotación de equipamentos PC e portátiles ao profesorado e ciclos formativos. En total, estas actuacións implicarán un investimento de 134,6 millóns de euros.

21/06/202113:54
Talentos inclusivos.
A Coruña

O CITIC da Universidade da Coruña pecha o proxecto Talentos inclusivos coa presentación dos traballos do alumnado dos oito institutos participantes

  • Usuarios da Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral, ASPACE, propuxeron unha serie de retos tecnolóxicos para mellorar o seu día a día. Máis de 150 estudantes de institutos da Coruña, Betanzos, Cambre, Ferrol, Narón e Ortigueira desenvolveron as propostas co apoio do CITIC.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña dará a coñecer o martes 22 de xuño os resultados do proxecto Talentos Inclusivos, posto en marcha xunto con ASPACE Coruña co obxectivo de espertar vocacións tecnolóxicas entre estudantes de secundaria e bacharelato e visibilizar a diversidade funcional, a través de equipos colaborativos e inclusivos que traballaron durante todo o curso académico. A iniciativa contou co apoio do Consello Social da UDC e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

O proxecto consistiu no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas, por parte de máis de 150 estudantes de centros educativos da provincia, ante retos propostos por persoas con parálise cerebral, usuarios de ASPACE Coruña. No acto de presentación, os oito equipos presentarán os traballos desenvolvidos, entre os que se atopa un robot e un dron controlados coa man ou a cabeza, un sistema anticolisión para cadeiras de rodas, xoguetes infantís adaptados e produtos de apoio con impresión 3D.

A mesa de peche do acto estará moderada polo reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, e contará coa participación do delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzálo Trenor López; a directora xeral da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, Imma Aguilar Nàcher; o concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego do Concello da Coruña, Jesús Javier Celemín Santos; a presidenta de ASPACE Coruña, Mª Carmen Barreiro Santos; e a membro do pleno do Consello Social da UDC, Nona Inés Vilariño Salgado. O director do CITIC, Manuel F. González Penedo, será o encargado da apertura, mentres que os traballos serán introducidos polo investigador principal do proxecto e coordinador no CITIC, Javier Pereira Loureiro, xunto co coordinador do proxecto en ASPACE Coruña, Rubén Carneiro Medín.

Talentos inclusivos é un proxecto de innovación en que 25 usuarios e usuarias de ASPACE propuxeron unha serie de retos tecnolóxicos cos que resolver algunha das necesidades ou intereses que teñen no seu día a día. Máis de 150 estudantes dos centros IES David Buján, Cambre; Colexio Calasanz PP. Escolapios da Coruña; IES Miraflores, Oleiros, IES Sofía Casanova, Ferrol; IES de Ortigueira; IES As Mariña, Betanzos; IES Terra de Trasancos, Narón e CPR Salesiano San Juan Bosco da Coruña responderon aos retos propostos, co apoio científico do profesorado de Tecnoloxía dos seus centros educativos así como do persoal investigador do CITIC.

ACTO: Peche do proxecto Talentos Inclusivos

HORARIO: Martes 22 de xuño de 11:00 a 13:00 h

LUGAR: Sala Cloud do CITIC (Campus de Elviña, s/n, A Coruña)

Evento híbrido con retransmisión a través da canle de Youtube do CITIC

É imprescindible a confirmación de asistencia para acceder ao acto

 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS