
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Menos dun 20% do alumnado de informática son mulleres. Concretamente, na Universidade de Vigo, as mulleres só constitúen un 12% do alumnado que este curso se matriculou no seu Grao de Enxeñaría Informática. Co obxectivo de contribuír a contrarrestar esta fenda de xénero á hora de elixir carreiras TIC, do 28 ao 30 de xuño a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acolle un campamento tecnolóxico para rapazas. A iniciativa ten lugar nas tres universidades galegas no marco do proxecto Mática, do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e Amtega.
Cambiar o mundo desde o tecnolóxico
Na inauguración telemática do campamento nos tres campus galegos onde se celebra, Fernando Suárez, decano do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, fixo fincapé na importancia de que as rapazas sexan “conscientes do impacto que ten a tecnoloxía na sociedade e na vida das persoas” e de que coñezan o papel de mulleres destacadas na historia da informática co obxectivo de rachar esa falta de mulleres nos estudos TIC. “Necesitamos talento feminino, rapazas coma vós, para construír un futuro mellor, máis equilibrado, máis xusto”, díxolle ás asistentes na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, na Facultade de Informática da Coruña e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago de Compostela.
Pola súa banda, Mar Pereira, directora de Amtega, amosou nesta inauguración o seu desexo de que “o talento feminino empece a despuntar e a ter cada vez máis interese na tecnoloxía”, afirmando como “este campamento pode contribuír a crear esa rede de mulleres tecnólogas en Galicia desde os seus comezos, desde que as rapazas teñen que decidir os seus estudos”. A responsable institucional recalcou como a tecnoloxía implica a todos os sectores e “nesta revolución tecnolóxica na que estamos loxicamente as mulleres temos que estar aí” pois, subliñou, “se nalgún sitio é bo estar para cambiar o mundo é este, o sector tecnolóxico”.
Tomando exemplo e creando comunidade
O campamento en Ourense, gratuíto, desenvólvese desde este luns e ata o xoves en horario de 9.30 a 14.30 horas nas instalacións da Escola Superior de Enxeñaría Informática, participando rapazas de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional de diferentes centros educativos da cidade. O programa de actividades inclúe talleres de carácter divulgativo e de iniciación á intelixencia artificial, programación móbil, robótica e pensamento computacional. Ademais terán lugar charlas sobre a profesión de enxeñería informática e algunha visita relacionada, concretamente ás empresas Redegal e Viewnext. As actividades están adaptadas á idade das participantes e impartidas profesoras do centro, por profesionais do sector e tamén por alumnas do Grao de Enxeñaría Informática, co obxectivo de que as rapazas “vexan como si hai mulleres estudando ou traballando neste sector e poidan ter referentes concretos e reais que as inspiren”, tal e como sinala Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática.
Destacando a boa acollida que tivo a iniciativa, Francisco Javier Rodríguez indica que “a nosa idea con estes campamentos é facer comunidade, que as rapazas vexan que hai máis rapazas interesadas, que poidan colaborar entre elas e que vexan referentes femininos”. Neste senso, o programa Mática ten o obxectivo de “crear unha rede entre todas as rapazas con intereses nas TIC” “creando lazos de amizade e colaboración” entre elas con accións coma estes campamentos. Entre as rapazas que este luns se achegaron a participar está Eva Barreiro, do IES Blanco Amor de Ourense, que se decidiu a apuntarse a esta iniciativa “para aprender cousas novas en tecnoloxía” xa que o seu desexo é estudar no futuro Enxeñaría Informática, pois “gústame moito, desde pequena gustoume, sobre todo a programación”. Esa preferencia apunta, mantívose no tempo a pesar de que “sempre se pensa que informática é unha carreira para homes, pois xeralmente cando vas a sitios de informática só ves a homes e xa o tes interiorizado”.
Para darlle exemplo do contrario están guiando o campamento no campus de Ourense Ana Rodríguez, Cristina Lavadores e Ana Abad, alumnas de diferentes cursos do Grao en Enxeñaría Informática. Elas participan na organización desta actividade “porque nos encantaría contribuír a achegar a informática ás rapazas, que vexan que isto non é só un mundo de homes senón tamén de mulleres, que saiban que elas son tan válidas coma eles para estudar esta carreira e que vexan que as mulleres tamén estamos aí”. Nos seus cursos, indican, hai arredor dun centenar de estudantes e deles só arredor de dez son rapazas e “esa cifra non debería ser así, hai que mudala, hai que darlle máis visibilidade ás mulleres neste sector”. O feito de que o ano pasado a matrícula no Grao de Enxeñaría Informática non superase o 12% de mulleres, engade Francisco Javier Rodríguez, esixe levar a cabo iniciativas coma este campamento. “O que máis nos preocupa é que esta cifra supón un decrecemento. Non é unha cuestión estrutural que veña de sempre. É un decrecemento global, en xeral, polo que temos que actuar”, afirma.
A aula CeMIT do Concello de Ames programou novos cursos telemáticos para os meses de xuño e xullo, tanto para nenos e nenas como para adultos/as. Farao con horario novo no mes de xullo: estará aberta de 8.00 a 14.00 horas os luns, mércores e venres para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información e usar os ordenadores. Haberá actividades formativas sobre viaxes con Google Maps, como crear un currículo ou como buscar emprego por Internet.
O primeiro curso que se vai impartir está dirixido a un público adulto. Os días 28, 29 e 30 de xuño, de 17.30 a 18.30 horas, levaranse a cabo as sesións de Google Maps: planifica as túas viaxes en verán!. Trátase dun curso no que se aprenderá a sacarlle partido a unha das aplicacións máis útiles do móbil, mostrando como planificar rutas e obter toda clase de información sobre os sitios que queremos visitar. Ademais da versión móbil, tamén se verá como funciona a versión web.
O xoves día 1, o martes 6 e o xoves 8 de xuño, de 17.00 a 18.30, impartirase o curso Crea o teu CV!. Nestas clases, o alumnado aprenderá a realizar un bo currículo orientado á satisfacer as necesidades na busca de emprego, a crear un autoanálise para decidir que poñer no CV e a escribir unha carta de presentación. Na sesión final poderase poñer en práctica o aprendido coa titoría do profesor.
Tamén relacionada coa inserción laboral, a Aula CeMIT organizou o taller Busca de emprego a través de Internet. Desenvolverase o martes 13 e xoves 15 de xullo, de 17.00 a 18.30 horas. Trátase dun curso de introdución á busca de emprego na Rede no que se recibirá unha serie de consellos e trucos para a procura dun posto de traballo, así como unha chea de recursos para atopar ofertas de todo tipo: portais de emprego, boletíns, uso de redes sociais...
Cursos infantís
No mes de xullo haberá dous obradoiros online dirixidos a nenos e nenas. O primeiro en impartirse será o de mecanografía, o xoves 1 de xullo, de 10.30 a 12.00 horas. Ensinarase esta ferramenta fundamental para que os estudantes poidan desenvolverse no mundo da informática, achegando, a través de Youtube, as bases da mecanografía e o funcionamento da plataforma Typing para que os rapaces e rapazas poidan practicar mecanografía dende a casa durante o verán.
Os martes e xoves, dende o 6 ata o 22 de xullo, de 10.30 a 12.00 horas, a rapazada poderá asistir ao curso de Scratch. Trátase dunha linguaxe de programación por bloques moi visual e adecuada para que os rapaces e rapazas comecen a usar a lóxica da informática na programación, dando pé a que logo se adentren na robótica educativa. Para inscribirse nalgunha das actividades será preciso que esteamos inscritos na rede CeMIT. Para máis información ou facer a reserva podes acceder á aula no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns ou poñerte en contacto a través do número teléfono: 682 373 753 ou do enderezo de correo electrónico: cemit.ames@xunta.gal.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), coa colaboración das tres universidasdes galegas, iniciaron hoxe os talleres do programa Mática, destinado a crear unha comunidade de rapazas de entre 12 a 18 anos en Galicia que permita desenvolver as súas competencias no eido das TIC. Mática forma parte das iniciativas previstas no marco do programa Tech Kids, froito do convenio de colaboración asinado polo CPEIG e a Amtega para a posta en marcha de actividades de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías en Galicia. Os talleres de Mática foron inaugurados hoxe telematicamente polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e a directora de Amtega, Mar Pereira.
Segundo explica a vicepresidenta do CPEIG, Susana Ladra, Mática xorde co obxecto de aumentar a presenza de rapazas nos estudos de Enxeñaría en Informática, en parte debido a falta de referentes femininos, o descoñecemento da profesión de enxeñaría informática e a existencia de estereotipos afastados da realidade do sector. “O programa Mática non é só formativo, senón que ten o obxecto de crear unha rede entre todas as rapazas con intereses nas TIC como creadoras e desenvolvedoras de tecnoloxía e as súas aplicacións na sociedade. En particular, permitirá coñecerse a estudantes de puntos moi distantes de Galicia que queiran estudar estas titulacións no futuro, creando lazos de amizade e colaboración” –explica Susana Ladra–.
O primeiro grande evento deste programa é un campamento tecnolóxico que se desenvolve hoxe luns, mañá martes e o mércores 30 de xuño, de forma presencial en tres sedes diferentes en horario de 9:30 a 14:30 horas. Participan un centenar de rapazas na Facultade de Informática da Coruña (FIC) da Universidade da Coruña (UDC), na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago (USC) e na Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) de Ourense da Universidade de Vigo (Uvigo), así como de forma telemática para aquelas que non poidan desprazarse.
As actividades do campamento estarán dirixidas por profesoras e investigadoras das universidades, xunto con estudantes de últimos cursos das titulacións de enxeñaría en informática. Impartiranse talleres de iniciación ao pensamento computacional, programación móbil, robótica e intelixencia artificial, así como charlas con profesionais de recoñecido prestixio ou visitas aos centros de investigación das universidades. Todas as actividades estarán adaptadas á idade das participantes, que estarán dividas en grupos de quince nenas, é dicir, dous grupos dun total de 30 rapazas por sede presencial.
Mática regresará con novas actividades en setembro, polo que se recomenda a todas as rapazas interesadas que estean atentas ao calendario de eventos do programa. Inscricións: https://matica.gal.
Unha nova edición do programa de cualificación dixital Formadores Dixitais estará dispoñible do 1 de setembro ao 28 de outubro deste ano cunha aprendizaxe completamente en liña, en consonancia cunha formación que avanza na dixitalización e que quere ser accesible para todas e todos.
Este programa que renova o Goberno galego está dirixido a todo aquel persoal formador para o emprego interesado en profundizar e avanzar nos seus coñecementos sobre aprendizaxe na rede e estará dispoñible para 100 persoas.
Serán, en total, 90 horas de curso coa suma de vídeos formativos, sesións en directo e titorizacións realizadas por un equipo de 15 persoas de prestixio no ámbito da capacitación dixital. Os e as participantes deberán entregar, ao final do curso, un proxecto final onde reflictan os coñecementos adquiridos. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 23 de xullo a través dun formulario web na páxina http://www.formadoresdixitais.com
Campus Virtual
Esta iniciativa inscríbese dentro da estratexia do Executivo galego dunha formación para o emprego accesible e dixitalizada con medidas pioneiras como a creación dun Campus Virtual que recollerá toda a oferta formativa da Xunta para persoas empregadas e desocupadas. Serán usuarias destes 1.700 cursos un total de 15.000 alumnas e alumnos ao ano. Este Campus estará ao dispor das preto de 1.100 entidades formativas acreditadas en Galicia e dos trece centros de formación da Consellería de Emprego e Igualdade
Nesta vía a Xunta traballa por satisfacer unha demanda da sociedade galega nun ecosistema que permitirá a adaptabilidade e a liberdade na impartición e recepción dos cursos, favorecendo así valores e eixos de cambio como pode ser a conciliación no traballo.
O uso de internet entre as persoas de entre 16 e 44 anos en 2020 foi practicamente universal en Galicia, con porcentaxes moi similares aos da media española e europea. Entre os 16 e os 74 anos, cerca do 88 por cento da cidadanía galega usa internet, a mesma porcentaxe que na Unión Europea e lixeiramente por debaixo da media española, que é dun 93,2%.
Galicia situouse na media europea no uso de internet grazas ao incremento experimentado entre 2017 e 2020, que foi dun 11,9 por cento, fronte ao 10,2 por cento da media española e o 7,3% da UE.
Os datos corresponden ao estudo “Galicia. A nosa vida en dixital. A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2020” elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Segundo o estudo, nove de cada dez fogares galegos (90,3%) ten un servizo de internet contratado. Esta porcentaxe supón un incremento dun 7,4% respecto ao ano 2017 fronte ao 4,6% de aumento da media europea nese mesmo período.
O informe, confirma que, no ano 2020, o proceso de dixitalización da poboación galega consolídase no contexto da pandemia provocada pola COVID-19, impulsada por novos comportamentos e hábitos da cidadanía.
As videochamadas, a procura de información sobre as circunstancias sanitarias, compras on line ou o ocio a través de Internet impulsan os indicadores de dixitalización, e fano máis intensamente entre os colectivos que, tradicionalmente, presentaban unha menor inclusión dixital (persoas maiores ou residentes no rural).
O crecemento na contratación a internet rexístrase especialmente nos núcleos de menos habitantes. Nas entidades de poboación con menos de 5.000 persoas, a contratación de Internet sitúase no 84% e o incremento rexistrado no período 2017-2020 foi do 14%. Nos concellos que teñen entre 5.001 e 10.000 habitantes, a porcentaxe elévase ao 88,4% e o incremento nese mesmo período supera o 18%.
Máis velocidade
O 58,4% dos fogares galegos que ten contratado Internet conta cunha conexión á rede superior a 30 Mbps, o que supón un incremento do 14,5% respecto ao ano anterior. Así se recolle no estudo que destaca tamén que a porcentaxe de fogares con velocidade de conexión a Internet contratada superior a 100 Mbps triplicouse no período 2017 a 2020, situándose no 27,2% fronte ao 9,9% que rexistraba no ano 2017.
Aumenta a nivel de dixitalización da cidadanía galega
Nos últimos anos, os despregamentos de novas infraestruturas de telecomunicacións ou as iniciativas de capacitación dixital como a que ofrece a Rede de aulas CeMIT contribuíron notablemente ao incremento do uso das tecnoloxías na cidadanía galega.
O dispositivo máis estendido entre a cidadanía de Galicia é o teléfono móbil con capacidade de acceso a Internet –smartphone-, do que dispón o 90,8% da poboación. No caso de convivir con nenos e nenas en idade escolar obrigatoria, a porcentaxe de uso de internet ascende ao 95,9%.
En termos absolutos, máis de 1.737.900 persoas de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos últimos tres meses, o que representa un incremento de máis de 169.015 internautas nos últimos catro anos.
Entre os galegos/as que utilizaron Internet nos últimos tres meses, un 89,8% faino a diario, dato que supera lixeiramente a media estatal (89,1%).
Aumento no uso de internet entre as persoas con discapacidade e xubiladas
Estudantes, ocupados e persoas con nivel formativo secundario ou superior acadan un uso practicamente universal de Internet. Non obstante, cabe salientar que os colectivos que máis aumentan o seu nivel de dixitalización no último ano son as persoas con algún tipo de discapacidade (+17,8%), as persoas xubiladas (+11,4%) e as que realizan tarefas do fogar (+7,5%).
Compras a través de Internet e Administración electrónica
O ano 2020 supuxo un punto de inflexión no que se refire ás compras on line e as xestións coas Administracións Públicas a través de Internet. O impacto da pandemia da COVID-19, as limitacións á mobilidade e as medidas sanitarias aumentaron as compras de produtos e servizos a través de Internet e o uso da Administración electrónica.
No ano 2020 as compras por Internet incrementáronse un 12,5%, acadando unha porcentaxe do 58,5%. Os mozos/as con idades comprendidas entre os 25 e 34 anos acadan a maior porcentaxe de compra a través de Internet (88,6%).
No referente á administración electrónica, a porcentaxe de internautas galegos que interactuaron coas AAPP a través de Internet nos últimos doce meses para obter información foi do 75% no ano 2020, o que supón un incremento do 6,2% no último ano e sitúa a Galicia por riba dos valores estatais e europeos.
Ademais, o 70,6% das persoas que utilizaron Internet nos últimos 12 meses tamén enviaron formularios cumprimentados ás Administracións Públicas a través da Rede, cun crecemento do 5,7% respecto á edición anterior. Aínda así, o tipo de interacción coas AAPP que máis se incrementou no último ano foi a descarga de documentos xerados polas propias administracións a petición da cidadanía, que experimentou un crecemento do 18,8% e se sitúa no 61,8%.