main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

11/07/202113:00
Muller de costas usando un ordenador.
Santiago de Compostela

A Xunta intensifica as accións para promover a presenza de mulleres nas empresas tecnolóxicas

  • Os programas Mática, Girl STEAM e Faladoiros en Mancomún, teñen como obxectivo difundir información entre nenas e mozas e presentar experiencias de éxito de mulleres no sector TIC
  • Os campamentos de Mática, que xa comezaron a súa actividade este ano, teñen como obxectivo crear unha comunidade de mozas de entre 12 e 18 anos interesadas nas tecnoloxías
  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia recopila en vídeo declaracións de mulleres asociadas a estas profesións para difundilas entre nenas e mozas en idade escolar
  • Un informe elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) sinala que soamente o 14,3% das empresas tecnolóxicas galegas contan con mulleres en postos de dirección
  • Unhas 8.000 mulleres ocuparon postos de traballo en empresas do sector tecnolóxico galego en 2020, o que representa o 32,6% dos empregos no sector
  • Dende 2015, os empregos femininos no sector TIC creceron nun 13,5 %

A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e en colaboración cos colexios profesionais está a intensificar as accións encamiñadas a fomentar as vocacións tecnolóxicas entre as mulleres para acelerar a redución da fenda de xénero.

Durante este verán, a Amtega e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) están a desenvolver o campamento tecnolóxico Mática, que xa celebrou a primeira das súas sesións, na que participaron máis de 30 mozas de entre 12 e 18 anos. O obxectivo desta actividade é a creación dunha comunidade de mozas interesadas nas tecnoloxías. Os campamentos desenvólvense de xeito presencial nos campus universitarios da Coruña e Ourense e no Campus Vida de Santiago de Compostela. Ademais hai un grupo on line formado por mozas que non poden asistir de xeito presencial.

Os campamentos manteranse ata outubro e as participantes recibirán ferramentas e contidos que lles permitan acceder a tecnoloxías e as súas aplicacións, así como coñecer o traballo das mulleres nos sectores TIC. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia (DigiTalent), impulsado pola Amtega para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado máis novo.

As persoas interesadas poden acceder a máis información na seguinte ligazón: https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/m%C3%A1tica-campamento-tecnol%C3%B3xico

Por outra banda, o programa Girl STEAM, que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto, ten como obxectivo o impulso de actividades de difusión de experiencias dirixidas a nenas para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas). Girl STEAM enmárcase no convenio de colaboración entre a Amtega e a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol).

Os obradoiros formativos prácticos deste programa teñen lugar en 18 concellos de Galicia e distribuiranse en dúas quendas para idades de entre 8 e 11 anos, e entre 12 e 15 anos.

No marco deste programa, cabe salientar a realización no ano 2020, dun total de seis conversas gravadas con mulleres referentes, que achegan a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos.

Para máis información pódese consultar a seguinte ligazón: https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/girl-steam

A Amtega promove tamén os “Faladoiros en Mancomún” que consiste en conversas en formato vídeo nas que tanto as condutoras como as participantes son mulleres relacionadas co mundo tecnolóxico, e especialmente as que están en contacto con temas relacionados co software libre e a cultura libre.

Os podcast destes faladoiros poden ser consultados en: https://www.mancomun.gal/artigo-tic/mulleres-no-software-libre-asi-nolo-contaron-elas-en-2020-en-mancomun-podcast/

Ao mesmo tempo, a Amtega está a recompilar entrevistas a diferentes mulleres asociadas á profesión en Galicia co obxectivo de dispoñer dunha base documental para a súa difusión.

Informe do OSIMGA

Todas estas accións teñen como obxectivo a eliminación da fenda de xénero que aínda se mantén nas profesións relacionadas coas tecnoloxías. Neste sentido, o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) vén de publicar o estudo temático "As mulleres no sector TIC", con datos correspondentes a 2020.

Durante ese ano, o número de mulleres traballadoras no Hipersector TIC, integrado polos sectores tecnolóxico e de contidos foi de 7.963, o que representa un 32,6% dos empregados/as no sector. Dentro do hipersector, o sector contidos é o ámbito no que as mulleres contan cunha maior representación, acadando o 41,1%, mentres que no sector TIC a porcentaxe é do 30,4%.

Debullando os datos, no Sector TIC, as actividades relacionadas coas telecomunicacións son as que contan cunha maior porcentaxe relativa de mulleres, cun 37,1% de traballadoras. En segundo lugar, atoparíanse as empresas dedicadas ás Actividades Informáticas, onde as mulleres representan o 30,2% do cadro de persoal, acadando as 3.767 mulleres.

Afiliacións á Seguridade Social

En termos evolutivos, no ano 2020 as afiliacións á Seguridade Social no Hipersector TIC incrementáronse nun 0,2% respecto ao ano anterior, o que confirma a este sector como un dos máis resilientes na actual conxuntura provocada pola pandemia da Covid-19. Non obstante, desde unha perspectiva de xénero, o emprego feminino no hipersector TIC experimentou un lixeiro descenso con respecto ao ano 2019 (-1,9%). Este descenso concéntrase principalmente no sector contidos, mentres que o emprego feminino no sector TIC mantense estable.

Estas son algunhas das conclusións recollidas nunha nova edición do estudo temático “As mulleres no sector TIC”, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O sector contidos rexistra a menor fenda de xénero do Hipersector TIC

No caso do Sector TIC, o número de mulleres afiliadas á Seguridade Social no ano 2020 acadou as 5.885 traballadoras, unha cifra practicamente idéntica á do ano 2019.
No período 2015- 2020, o emprego feminino no sector TIC aumentou en 700 traballadoras (+13,5%). Non obstante, o peso da muller no sector TIC descende progresivamente en 2,7 puntos porcentuais neste período porque o ritmo de crecemento do emprego masculino é superior (+28,2%).

Un ano máis, o sector contidos e medios audiovisuais rexistra a menor fenda de xénero do Hipersector TIC, aínda que a balanza continúa a favor do xénero masculino. A porcentaxe de mulleres neste sector sitúase no 41,1%, empregando a un total de 2.078 mulleres e confirmándose a maior incorporación das mulleres ás actividades relacionadas con contidos e medios audiovisuais. A evolución da presenza da muller no sector contidos mantense estable no período 2015-2020, cun peso do 41% ao longo de todo o período.

Perfil das mulleres TIC en Galicia

O 69,1% das empresas TIC galegas contan con mulleres no seu cadro de persoal, pero unicamente no 9,3% das empresas TIC as mulleres supoñen máis da metade do seu persoal.
Respecto ás funcións desenvolvidas nas empresas TIC galegas polas mulleres, o 14,7% desenvolve tarefas especificamente TIC, fronte ao 49,3% dos homes. Por outra banda, só o 14,3% das empresas TIC galegas conta con mulleres en postos de dirección.

En canto ao nivel formativo acadado, mentres que o 27,1% dos traballadores do sector TIC son homes que posúen algún tipo de Titulación Universitaria STEM, unicamente o 11,9% das mulleres atópanse na mesma situación formativa, o que supón unha fenda de xénero de 15,2 puntos porcentuais. No caso dos ciclos formativos superiores STEM, a fenda de xénero sitúase nos 14,5 puntos porcentuais.

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.gal

09/07/202108:32
Mar Pereira nunha sesión recente de comunicación telemática.
Santiago de Compostela

Mar Pereira insiste no Parlamento de Galicia na necesidade de que o Estado se coordine coas CC AA para evitar que áreas rurais queden fóra dos obxectivos de banda larga

  • A directora da Amtega comparece ante a Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo e asegura que a Xunta fai un seguimento permanente dos despregamentos derivados dos plans autonómicos dende o inicio da extensión ata 10 anos despois do comezo da súa explotación
  • Lembrou, así mesmo, que a Xunta trasladou ao Goberno de España a necesidade de non esquecer a realidade e dificultades específicas dun territorio cunha poboación dispersa e eminentemente rural como Galicia para o reparto dos 4.300 millóns cos que conta para o despregamento de banda larga

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, expresou hoxe ante a Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento galego a necesidade de que o Estado se coordine coas Comunidades Autónomas para lograr que os fondos comunitarios se empreguen para asegurar os obxectivos europeos de conectividade con banda larga no rural. Mar Pereira defendeu o modelo de colaboración entre administracións para que “a transformación dixital non deixe de lado a unha parte do noso territorio e da nosa sociedade”.

Os fondos comunitarios permitirán que o Goberno dedique una dotación orzamentaria de máis de 4.300 millóns de euros ao Plan para a Conectividade e as Infraestruturas Dixitais para a Cohesión do que forma parte o Programa de Universalización das Infraestruturas Dixitais (UNICO) para o logro dos obxectivos establecidos pola UE. En 2025, toda a poboación comunitaria debería contar con cobertura de 100Mbps. Ademais, deberán dotarse aos principais motores económicos de 1 Gbps e estender as novas redes 5G en vías de transporte e cidades.

Sobre a parte deses fondos que se deben asignar a actuacións en Galicia, a Xunta trasladou ao Estado que, para o logro dos obxectivos, ten que ter en conta a realidade galega, que presenta unhas dificultades específicas derivadas da dispersión da poboación en núcleos moi pequenos. Galicia ten o 40% dos núcleos de poboación de toda España, e o 90% deles conta cunha poboación de menos de 100 habitantes. A media de poboación por núcleo en Galicia é o máis baixo de España, con 89 habitantes, fronte aos 761 da media española.

A proposta de colaboración da Xunta refírese ao logro dos obxectivos a través da execución dos fondos, pero tamén da cooperación no seguimento dos compromisos de execución e calidade do servizo que deben cumprir os operadores de telecomunicacións beneficiarios de axudas públicas.

A directora da Amtega interveu na Comisión parlamentaria para dar resposta a unha pregunta do grupo socialista sobre o control por parte da Xunta dos contratos de despregamento de fibra óptica adxudicados ás operadoras nos concellos de Galicia e, concretamente, no de Gondomar, na provincia de Pontevedra.

Mar Pereira informou de que o contrato de despregamento que Telefónica está a levar a cabo no concello de Gondomar forma parte do “Programa de Extensión de Banda Ancha” (PEBA) do Goberno central, e non do Plan 2020 da Xunta de Galicia. Neste sentido, lembrou que a Secretaría de Estado de Telecomunicacións é o órgano encargado da subvención concedida a Telefónica neste caso e, polo tanto, é tamén responsable do seguimento e control da actuación.

Nos despregamentos derivados dos plans da Xunta, condicionados e limitados na actualidade pola necesidade de autorización por parte do Estado, a Amtega realiza un exhaustivo seguimento de control, tanto na fase de despregamento, como durante a explotación da rede. Na primeira fase, o seguimento é mensual, para asegurar o cumprimento en forma e prazo dos compromisos. Durante os 10 anos seguintes, a Xunta realiza tarefas de control trimestrais e semestrais para monitorizar o correcto funcionamento da rede.

Durante a súa comparecencia, Mar Pereira lembrou que, no primeiro Plan de Banda Larga, cando o Goberno galego puido dispoñer de máis de 100 millóns de euros, Galicia foi das primeiras rexións europeas en impulsar o despregamento de redes de nova xeración. Estas actuacións permitiron reducir a 7 puntos o diferencial coa media estatal en redes de 100 Mbps en 2015. A partir dese ano, a centralización da execución dos fondo Feder para o despregamento de banda larga no Ministerio competente levou a un aumento na fenda co Estado ata os 15 puntos en 2020.

07/07/202108:48
Cartel da iniciativa.
León

O INCIBE e o ONTSI lanzan "ObservaCiber", o primeiro observatorio público especializado en ciberseguridade

O Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e o Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI) adscrito a Red.es, ambos os dous dependentes da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, lanzaron conxuntamente ObservaCiber "co apoio da Secretaría Xeral de Administración Dixital" o primeiro observatorio público especializado en ciberseguridade.

ObservaCiber aúna a experiencia de dúas entidades consolidadas en ciberseguridade e na realización de produtos de coñecemento sobre transformación dixital. Esta iniciativa nace para unir e promover, baixo un observatorio común e cunha marca unificada, os estudos de ciberseguridade desenvoltos por o ONTSI e o INCIBE. 

O primeiro reto de ObservaCiber será abordar "a través de varios estudos" o impulso e a divulgación da importancia da concienciación sobre a ciberseguridade entre os cidadáns e as empresas, así como noutros grupos de interese para ambas as dúas entidades.

Así mesmo, esta iniciativa nace co espírito de integrar a experiencia doutras entidades públicas do sector da ciberseguridade. Neste sentido, conta co apoio e a participación do Centro Criptolóxico Nacional (CCN), o Departamento de Seguridade Nacional (DSN), a Oficina de Coordinación de Ciberseguridade (OCC) e o Mando Conxunto do Ciberespazo (MCCE).

Entre as funcións do Consello Nacional de Ciberseguridade, está apoiar a toma de decisións do Consello de Seguridade Nacional no ámbito da ciberseguridade, mediante a análise, estudo e proposta de iniciativas no ámbito nacional e internacional; e realizar a valoración dos riscos e ameazas. Doutra banda, a Estratexia Nacional de Ciberseguridade 2019 impulsa o desenvolvemento dun sistema de métricas das principais variables de ciberseguridade que permita ás autoridades competentes determinar o nivel de seguridade e a súa evolución. 

Esta iniciativa impulsará a divulgación da cultura da seguridade dixital entre os cidadáns e as empresas.

06/07/202113:51
Presentación do currículo desta nova materia de Intelixencia Artificial.
Santiago de Compostela

A Xunta implanta a Intelixencia Artificial no sistema educativo galego o próximo curso cun enfoque práctico aplicado á resolución de problemas

  • Os centros poderán ofertar esta materia como Libre Configuración Autonómica para o alumnado de 1º curso de Bacharelato, e contará cunha carga lectiva de 2 horas semanais
  • Román Rodríguez sinala que o sistema educativo galego avanza na transformación dixital coa incorporación de novas estratexias docentes e técnicas pedagóxicas que permitan abordar os retos tecnolóxicos do futuro
  • Impleméntase a Intelixencia Artificial cun enfoque transversal en todas as etapas educativas así como con currículos específicos no caso do Bacharelato e cos novos másteres de FP para a especialización en áreas tecnolóxicas de alto valor engadido

O sistema educativo galego vai incorporar o vindeiro curso a Intelixencia Artificial (IA) como Materia de Libre Configuración Autonómica nos centros públicos, dirixida ao alumnado de 1º de Bacharelato e cunha carga lectiva de dúas horas á semana, co obxectivo de proporcionar ao alumnado un primeiro achegamento á IA a través dun enfoque eminentemente práctico.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez participou hoxe na presentación do currículo desta nova materia coa que se enriquece o catálogo de libre configuración composto ata o de agora por un total de 25 materias nas que o curso pasado estaban matriculados preto de 30.000 alumnos.

Román Rodríguez explicou que o “reto de futuro” do sistema educativo para os vindeiros anos é “o reto do coñecemento, da innovación e da transformación dixital” para o cal o Goberno galego está perfilando un conxunto de accións específicas que quedarán plasmadas na Estratexia Educación Dixital 2030 que se está a piques de pechar e que abrangue a incorporación de estratexias docentes e a introdución de novas técnicas pedagóxicas enfocadas á transformación dixital.

Precisamente un dos ámbitos de actuación máis salientables é a incorporación da Intelixencia Artificial cun enfoque transversal en todas as etapas educativas desde a base do sistema en Primaria ata a universidade e o deseño de currículos específicos para as etapas superiores, entre os que se inclúe esta nova materia de Intelixencia Artificial para Bacharelato.

Segundo subliñou o conselleiro, esta materia abordarase “cun enfoque eminentemente práctico, onde os estudantes aprendan a programar sistemas intelixentes e testar o seu funcionamento real a través da metodoloxía de ‘aprender facendo´ que xa vimos impulsando cos espazos maker nos centros escolares e que imos reforzar cos polos tecnolóxicos en todos os centros educativos”, abondou.

Román Rodríguez referiuse tamén á recén aprobada oferta de Formación Profesional, coa implantación dos másteres de FP para que os estudantes se especialicen en profesións de alto valor engadido e en áreas de futuro como as redes 5G, a intelixencia artificial e big data ou a ciberseguridade.

Currículo da materia

Os centros educativos van ter a súa disposición a materia de Iniciación á Intelixencia Artificial para o alumnado de 1º de Bacharelato, cun currículo organizado en tres bloques que son a introdución conceptual e histórica aos elementos básicos da Intelixencia Artificial, a descrición e solución de problemas concretos das catro áreas principais da IA (percepción e actuación, aprendizaxe automática e representación e razoamento), e un terceiro bloque centrado en ética, aspectos legais e sustentabilidade.

A través do currículo -elaborado por un grupo de traballo de expertos docentes e especialistas universitarios na materia- o que se busca é que os estudantes comprendan os sistemas baseados na Intelixencia Artificial, que sexan capaces de desenvolver solucións a problemas concretos empregando as ferramentas docentes dispoñibles e que tamén afonde na reflexión e o debate sobre como repercute na sociedade, sobre todo no que atinxe a aspectos éticos e legais.

Grupo de expertos

Na presentación desta nova materia interviron Francisco Javier Bellas, experto en Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, e María Jesús Casado, profesora de matemáticas do IES Daviña Rei de Monforte e coordinadora TIC. Ambos forman parte do grupo de expertos en Intelixencia Artificial creado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para o deseño da estratexia de IA no sistema educativo galego.

Ademais deles, este grupo de traballo está integrado tamén por especialistas do eido universitario como Senén Barro (da Universidade de Santiago de Compostela) e Florentino Fernández (da Universidade de Vigo).

No ámbito docente participan Xosé Viñas (profesor do IES David Buján de Cambre, integrante do Proxecto Dixit para a elaboración de materiais para E-Dixgal, en coordinación con Amtega) e Concepción Fernández (profesora de formación do CAFI e responsable da Aula Nova-Space Maker).

06/07/202109:31
Portada do informe.
Santiago de Compostela

O sector TIC de Galicia creará máis de 4.500 novos postos de traballo nos próximos 5 anos

  • No ano 2019, preto de 13.000 alumnos/as estaban matriculados en carreiras STEM, un 21,3% do total do alumnado no Sistema Universitario de Galicia.
  • O 83,6% das persoas tituladas en áreas STEM en Galicia incorporouse ao mercado laboral nos dous anos seguintes ao rematar os seus estudos universitarios. 
  • O sector TIC segue a ser a principal fonte de emprego para as persoas tituladas STEM (29,8%) pero obsérvase a incorporación de perfís STEM a todos os sectores produtivos: Actividades científicas e técnicas (22,3%) e a Industria e construción (20,3%).
  • O 14,4% das empresas TIC de Galicia conta con perfís relacionados cos servizos na nube (Cloud) e un 13,2% conta con profesionais vinculados á xestión do dato (big data). 
  • Unha de cada dez empresas TIC de Galicia conta con perfís STEM nas áreas da Ciberseguridade, IoT, a industria 4.0 e a automatización 
  • O 6,6% das empresas TIC de Galicia conta con perfís STEM na área das tecnoloxías ambientais e a eficiencia enerxética.
  • O 74,8% das persoas egresadas en STEM desenvolven a súa traxectoria profesional en Galicia.
  • Co actual ritmo de crecemento, o sector TIC de Galicia creará máis de 4.500 novos postos de traballo nos próximos 5 anos. 
  • Case tres de cada catro empresas TIC galegas (73,4%) indican que é difícil ou moi difícil cubrir os postos que requiren titulación STEM.
  • Demanda específica de perfís profesionais ao abeiro das tecnoloxías disruptivas: un 47,2% das empresas TIC de Galicia que desenvolve funcións no ámbito da Xestión dos datos demanda perfís relacionados con Big Data e un 42,5% as empresas TIC de Galicia con liñas de negocio no ámbito da Ciberseguridade demanda perfís dixitais especializados nesta materia.

O 14,4% das empresas TIC de Galicia conta con perfís relacionados cos servizos na nube (Cloud) e un 13,2% conta con profesionais vinculados á xestión do dato (big data). Así mesmo, unha de cada dez empresas TIC de Galicia conta con perfís STEM nas áreas da Ciberseguridade, Internet das Cousas (IoT), a Industria 4.0 e a Automatización e o 6,6% das empresas TIC de Galicia conta con perfís STEM nas áreas das tecnoloxías ambientais e a eficiencia enerxética.

Son os resultados do informe: “Talento Dixital: Estudo da Traxectoria profesional dos perfís STEM de Galicia", publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Amtega. Este estudo encádrase no marco da Estratexia Dixital de Galicia 2030, que establece a especialización tecnolóxica e o impulso ao talento dixital como un dos piares sobre os que pivota o futuro dixital de Galicia

Formación e inserción laboral

No ano 2019, no Sistema Universitario de Galicia encontrábanse matriculados 61.029 alumnos/as, dos cales 12.996 corresponden a graos STEM, o que representa un 21,3% do total do alumnado das tres universidades galegas. 

Se ben a demanda de carreiras científico tecnolóxicas segue unha tendencia crecente, o incremento de matriculados/as nas carreiras STEM (2,6% no período 2015-2019) é menor que o do conxunto de estudos universitarios que medraron a un ritmo do 10,3% nese mesmo período. 

A desaceleración no incremento do número de persoas matriculadas e tituladas en estudos STEM que se está producindo nos últimos anos contrasta co alto nivel de inserción laboral dos profesionais deste ámbito. O 83,6% das persoas tituladas en áreas STEM en Galicia está incorporado ao mercado laboral nos dous primeiros anos tras rematar os seus estudos, mellorando o dato global para o conxunto do sistema universitario de Galicia (79,6%). 

Resulta salientable que a inserción laboral das mulleres no mercado laboral STEM acada o 83,9% e supera lixeiramente a porcentaxe que se rexistra entre os homes 83,3%.

Os egresados/as en STEM mostran un alto grao de satisfacción cos seus estudos universitarios. Oito de cada dez egresados/as (80,9%) STEM volvería a cursar a mesma titulación, porcentaxe que ascende por riba do 90% no caso dos graos tecnolóxicos (Enxeñarías Informáticas, Telecomunicacións e Industriais) e acada o seu valor máis alto entre os Matemáticos/as (96,4%).

Traxectoria profesional dos egresados/as galegos/as en STEM

Tras analizar a formación académica e a inserción laboral do persoal titulado en carreiras STEM no Sistema Universitario de Galicia, este estudo aborda a súa traxectoria profesional e caracteriza o seu emprego.

Actualmente, constátase a convivencia de perfís tradicionais coa incipiente presenza doutros novos roles ou profesións no campo das tecnoloxías disruptivas. Así, os perfís STEM comezan a desenvolver funcións no campo da Industria 4.0 e a Automatización, as Tecnoloxías verdes, a Ciberseguridade, as Tecnoloxías Cloud e como científicos de datos (Big Data e Bussiness Ingelligence)

A incorporación de perfís STEM en todos os sectores produtivos xera un efecto tractor da dixitalización no conxunto do tecido empresarial. Trátase dun emprego de calidade e transversal á maioría das áreas da economía. Con todo, o sector TIC segue a ser a principal fonte de emprego para as persoas tituladas STEM (29,8%) seguido polas Actividades científicas e técnicas (22,3%) e a Industria e construción (20,3%). En cuarto lugar, a Administración dá emprego ao 14,9% dos egresados/as en STEM.

A Estratexia Dixital de Galicia 2030 sinala que é necesario asegurar a retención e atracción de especialistas para responder ás necesidades de transformación dixital actuais e futuras. O 74,8% das persoas egresadas en STEM desenvolven a súa traxectoria profesional en Galicia. Esta porcentaxe elévase ao 81% no caso das persoas egresadas en Matemáticas. 

O 20,9% dos perfís STEM traballa actualmente no resto do territorio español mentres que os que optan por desenvolver unha carreira profesional noutro país europeo son minoritarios, con porcentaxes que se sitúan por baixo do 5% en todas as titulacións STEM.

A dixitalización da economía está a crear novas profesións e novas oportunidades laborais pero tamén implica que os profesionais terán que actualizarse ao longo da súa traxectoria profesional. Os resultados deste estudo constatan que os profesionais STEM adquiriron novas habilidades e competencias dixitais ao longo da súa traxectoria profesional. O 68,1% dos perfís STEM amplía as súas capacidades dixitais a través dun máster ou dun doutoramento. En segundo lugar, case un 25% opta por formación non regrada proporcionada por un centro privado e un 21,3% amplía os seus estudos cun segundo título universitario, contando así con dobre titulación. 

Un amplo 84% destes profesionais STEM decide formarse en áreas e temáticas vinculadas ao seu grao universitario e un 11,1% opta por especializacións noutras áreas distintas e non relacionadas coas STEM

Demanda de perfís dixitais no sector TIC de Galicia

O sector TIC empregaba a 19.343 persoas en Galicia en 2020, cun crecemento do 1,9% no ultimo ano. É un dos sectores económicos máis resilientes na actual conxuntura provocada pola COVID-19, e lonxe de contraerse, mantén a súa capacidade para xerar emprego. 

Cabe salientar que no período 2015-2020, o aumento do emprego do sector TIC de Galicia foi do 23,3%. De seguir a evolución actual, o sector TIC de Galicia crearía máis de 4.500 novos de traballo nos próximos 5 anos.

Desde unha perspectiva de xénero, o sector TIC contrata máis homes ca mulleres en todos os niveis educativos. A fenda é maior (máis do dobre de homes) cando se trata de persoal con formación en especialidades STEM. Así, un 27,1% do persoal con titulación universitaria en STEM das empresas do sector TIC son homes fronte ao 11,9% de mulleres. 

Constátase a dificultade existente no sector TIC de Galicia para contratar persoal titulado en carreiras STEM. Case tres de cada catro empresas TIC galegas (73,4%) indican que é difícil ou moi difícil cubrir os postos que requiren titulación STEM, o que nos amosa que a demanda de persoal e expectativa de crecemento do emprego de perfil STEM na empresa TIC galega é forte.

En relación á demanda específica de determinados perfís profesionais, convén resaltar as novas necesidades de contratación que están a xurdir no sector ao abeiro das tecnoloxías disruptivas:

Os datos son a nova materia prima e require talento dixital que xestione a información e xere valor engadido a partir da análise dos datos. Un 47,2% das empresas TIC de Galicia que desenvolve funcións no ámbito da Xestión dos datos demanda perfís relacionados con Big Data. 

O incremento de ameazas á seguridade en Internet require perfís capacitados para desenvolver solucións e implementar medidas de seguridade que freen as ameazas cibernéticas. Así, un 42,5% as empresas TIC de Galicia con liñas de negocio no ámbito da Ciberseguridade demanda perfís dixitais especializados nesta materia.

Ademais, un 41% das empresas TIC de Galicia que desenvolve funcións no ámbito das tecnoloxías verdes require profesionais STEM no ámbito da economía verde e circular que permita a transición a fontes de enerxías renovables, limpas, seguras e eficientes.

Con respecto ás soft skills, a capacidade para a aprendizaxe é a cualidade máis valorada polas empresas TIC de Galicia (90,6%) nas persoas tituladas STEM que contratan. Con porcentaxes que oscilan entre o 85 e o 90%, o sector TIC de Galicia tamén demanda cualidades relacionadas coa motivación, a capacidade para resolver problemas, coñecementos prácticos e adaptabilidade.

Informe completo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS