
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Concello de Tomiño vai organizar actividades formativas para facilitar á veciñanza o uso das aplicacións médicas PassCOVID e SERGAS Móbil, a primeira centrada en achegar información e servizos contra a pandemia, e a segunda centrada en facilitar á veciñanza todos os trámites relacionados coa súa saúde e a atención médica. O obxectivo: conseguir que os cidadáns xestionen de xeito rápido, áxil e cómodo todo tipo de cuestións sanitarias con presenza nas novas tecnoloxías.
As accións formativas van vir da man da aula CeMIT local, que organiza nesta primeira metade de agosto cursos de balde sobre as ditas ferramentas para dispositivos.“Queremos que as veciñas e veciños teñan acceso á sanidade non só de forma presencial ou telefónica, senón tamén dixital, o que ten unha morea de beneficios para a veciñanza”, destacou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, engadindo que outro dos obxectivos é evitar, na medida do posible, que a cidadanía teña que acudir ao seu centro de saúde para realizar trámites e servizos que poden levar a cabo de xeito doado coa axuda das novas ferramentas. Por exemplo a activación da Chave365, un servizo indispensable para obter o certificado de vacinación da COVID-19 e cuxa obtención, grazas a estes cursos, pode ser axilizada.
A aula CeMIT organizará varias quendas deste curso de 2 horas de duración na que as persoas participantes poderán adaptar os horarios ás súas necesidades sempre que coincidan co horario de apertura da aula, de luns a venres de 09.30 a 13.30 horas e os martes tamén de tarde de 16.30 a 20.30 horas. Para inscribirse só é preciso anotarse presencialmente nas instalacións da aula CeMIT, situada no Campo da Feira; chamando ao teléfono 986 62 33 04 ou enviando un correo electrónico a cemit.tomino@xuntal.gal.
A aula CeMIT de San Sadurniño vai achegar á cidadanía, no que resta de ano, unha completa axenda de cursos sobre temas moi diversos relacionados coas TIC, ademais de “solucionar dúbidas ou outras necesidades que lles poidan xurdir ás persoas usuarias da Internet”. Por exemplo, o uso dos aplicativos en liña para obter a Chave365, descargar os certificados de vacinación e utilizar a ferramenta SERGAS Móbil. Por esta razón, de cara ao mes de agosto e principios de setembro, o servizo organiza varios cursos específicos por videoconferencia que se verán reforzados con sesións presenciais nas distintas parroquias para axudar á veciñanza a facer todos estes trámites.
O curso por videoconferencia abordará catro temas principais: como acceder ao certificado de vacinación contra a COVID-19, que é a Chave365 e cal é o procedemento de descarga e instalación da aplicación SERGAS Móbil, así como a información que contén e as xestións que se poden facer con ela. A maiores tamén se mostrará que son os códigos QR e como podemos lelos co móbil. Esta acción formativa impartirase todos os mércores de 10.00 a 11.30h desde o 4 de agosto até o 1 de setembro. Porén, a responsable da aula, Carmen Suárez, tamén programou sesións presenciais nos locais sociais das sete parroquias, que se desenvolverán con cita previa e de maneira individual entre as 10 e as 13.00h nas seguintes datas e lugares:
As reservas para o curso por videoconferencia e as solicitudes de cita previa para a atención presencial nos locais hai que facelas no 616 016 793 ou no correo cemit.sansadurnino@xunta.gal.
O Concello do Porriño informou de que xa están abertos os prazos de inscrición para dous cursos que se van impartir nas instalacións da feira Porremprego no Multiusos de Torneiros. Os cursos serán presenciais, en grupos cun mínimo de 5 persoas, e impartiranse en colaboración coa aula CeMIT local. Un dos cursos, o obradoiro Fagamos un conto!, porá o foco na rapazada de idades comprendidas entre os 8 e 12 anos, e consistirá en familiarizar aos participantes co uso do procesador de textos e a ferramenta GIMP (programa de edición de imaxes) para confeccionar un relato individual.
Ensinaráselles aos asistentes os conceptos básicos destes programas. Establécense catro quendas dunha semana, con inicio os días 2, 9, 16 e 23 de agosto.
O segundo dos cursos é unha actividade formativa sobre trámites electrónicos e Administración Electrónica. Introducirase aos presentes nestes conceptos e ensinaráselles a obter e manexar o certificado dixital e a clave PIN, amais dos principais servizos dixitais que ofrecen as administracións públicas. Tamén se lles mostrará como levar a cabo os diferentes trámites. Inscricións en cemit.oporrino@xunta.gal.
A aula CeMIT de Ribeira vai dar cabida durante o mes de agosto a dous obradoiros gratuítos para a rapazada destinados a aprenderlles a usar a tecnoloxía dun xeito creativo, participativo e construtivo. Trátase de dous talleres abeirados ao programa STEAM, derrubando estereotipos, impulsados pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Os obradoiros celebraranse os días 10 (para rapaces e rapazas de 8 a 11 anos) e 12 de agosto (de 12 a 15 anos) e estarán impartidos por un membro da dita asociación AGASOL. As actividades introducirán aos asistentes nos seguintes contidos tecnolóxicos:
Tamén se introducirá aos participantes en proxectos máis avanzados que requiren coñecementos e experiencia en programación e involucren ou uso de diferentes sensores e actuadores. Poderán elaborar postais pop-up, libros luminosos, papiroflexia interactiva...
As inscricións ábrense este 27 de xullo. Pódense formalizar ben na aula CEMIT de Ribeira ou vía web.
O Grupo de Tecnoloxías da Información do centro AtlantTIC (Universidade de Vigo) desenvolveu unha aplicación móbil para liberar de barreiras o Camiño de Santiago con respecto ás persoas con necesidades comunicativas especiais (trastornos da fala, comprensión lectora e escritora, dificultades da linguaxe, etc). Estamos a falar de PictoXacobeo, unha ferramenta para Android desenvolvida polo dito grupo coa colaboración da Xunta a través dunha achega de case 4.000 euros do programa O teu Xacobeo.
PictoXacobeo, explica a Universidade de Vigo, é unha solución tecnolóxica de inclusión e participación social que permite seleccionar pictogramas e crear frases, facilitando a comunicación entre os peregrinos. Segundo se indica, a principal vantaxe desta aplicación é “a posibilidade de que persoas con dificultades para comunicarse poidan facelo sen dificultade nun escenario específico coma é o Camiño de Santiago e, máis concretamente, nos albergues, no locais de restauración, nas tendas e nas igrexas”, salienta Enrique Costa, investigador responsable deste proxecto, quen fai fincapé en que, ademais, ao estar dispoñible nos seis idiomas máis usados no Camiño (español, inglés, francés, alemán, italiano e portugués), o usuario pode ver a configuración dos pictogramas no seu idioma e ao mesmo tempo xerar a mensaxe noutra lingua, de xeito que estaría en disposición de comunicarse sen problema coas persoas locais ou con outros peregrinos/as que falen outro idioma. “Até o de agora existían nas tendas de aplicacións móbiles varias apps centradas na comunicación usando pictogramas, pero ningunha centrada no que é a comunicación dos peregrinos, cos diferentes perfís que se poden atopar durante o Camiño”, salienta Costa, responsable dun equipo de traballo do que tamén formaron parte Francisco de Arriba, Silvia García Méndez e Francisco Javier González Castaño, investigadores da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, adscritos ao dito centro AtlantTIC.
Segundo indican, a orixe do proxecto estivo nunha lectura na prensa, na que se daba conta dunha iniciativa para habilitar unha guía do Camiño de Santiago de lectura doada con pictogramas, así como de sinalizar todos os albergues públicos con este tipo de sinalizacións gráficas, de cara a incrementar a súa accesibilidade. Os investigadores de AtlantTIC quixeron ampliar este proxecto para que tamén fose posible a comunicación integral dos usuarios ao longo de todo o proxecto.