
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
As aulas CeMIT dos nosos concellos recuperan o pulso logo das restricións da pasada tempada, que obrigaron a trasladar as actividades ao ámbito virtual. É o caso da aula de Poio, situada na antiga Escola do Campo de Combarro, cuxas instalacións estiveron pechadas durante o primeiro trimestre (aínda que ofrecéndose titorías e formacións vía online) pero que agora recolle o fío das clases in situ, e faino cun programa que inclúe cursos de iniciación ás novas tecnoloxías e de trámites en liña (os máis demandados) aos que suman obradoiros sobre creación de páxinas web e blogs.
Con respecto á programación do mes de xullo, a aula presenta varias novidades. Unha das principais será o Curso de Talento Emprendedor, que terá lugar o día 12, entre as 9.00 e as 14.00 horas. Trátase dunha iniciativa que se desenvolve, ao igual que en edicións anteriores, en colaboración coa Rede Araña. A formación servirá “para achegar asesoramento ás persoas inscritas sobre como desenvolver un plan de empresa e impulsar un negocio”. Ademais, a Concellería de Mocidade levará a cabo parte da súa programación de verán nas dependencias de Combarro, ofrecendo dous cursos para mozos e mozas, sobre xestión de trámites online e uso das redes sociais.
A maiores, a aula CeMIT brindará varias das formacións que adoita a levar a cabo ao longo de todo o ano. A programación do mes de xullo abrirase o día 5, con clases de nivel medio sobre procesador de textos, que rematará o día 9. Entre o 19 e o 21 ofreceranse ferramentas de creación de documentos e o día 22 unha formación sobre a realización de compras de xeito seguro por Internet. Todos os obradoiros desenvolveranse en horario de mañá, entre as 10.30 e as 12.00 (ou 12.30 nalgún caso). As clases realízanse seguindo todas as medidas de seguridade que marcan as autoridades sanitarias en cuestións como aforo, distanciamento e hixiene.
Por último, os responsables da aula e do Concello lembran que tamén existe un horario de Aula Aberta, no cal os ordenadores están a disposición da cidadanía, se ben será preciso solicitar cita previa. O espazo tamén pode ser reservado previamente por asociacións e colectivos locais. O horario durante o mes de xullo será de 9.30 a 10.30 e de 12.00 a 14.00 horas.
Ao abeiro das actividades do Campamento Tecnolóxico Mática, impulsado pola axencia AMTEGA e o CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia) en colaboración coas tres universidades galegas, estes últimos días de xuño as e os participantes no mesmo participaron en diversos obradoiros e charlas na Facultade de Informática da UDC (os días 28, 29 e 30), coordinados polas investigadoras do CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC) Susana Ladra e Aida Vidal, responsables da iniciativa na UDC. O campamento vai destinado a fomentar as vocacións tecnolóxicas das nosas rapazas e rapaces de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos.
Amais, as e os participantes no Campus da UDC visitaron o CITIC en dous grupos o mércores 30 de xuño para coñecer o centro e as súas capacidades, así como diferentes proxectos de investigación, da man do responsable da área de Sistemas do CITIC, Alejandro Mosteiro.
A visita comezou cunha presentación do CITIC na sala Cloud. Posteriormente, coñeceron o Centro de Proceso de Datos (CPD) e o Demostrador Tecnolóxico, onde lles foron mostrados diferentes proxectos de investigación desenvolvidos desde o CITIC. Tamén tiveron a oportunidade de probar as lentes de Realidade Virtual con escenarios virtuais que se están a realizar no centro.
A iniciativa Mática ten o obxectivo de crear unha rede entre mozas con interese no TIC como creadoras e desenvolvedoras de tecnoloxía e as súas aplicacións na sociedade, achegando información que lles permita decidir a súa futura carreira profesional.
Ademais, estas actividades proporcionan coñecemento de mulleres no sector TIC, xa que todas as accións están coordinadas por profesoras e investigadoras das universidades galegas.
O Parque Tecnolóxico de Galicia e Atresmedia teñen en marcha a plataforma de aprendizaxe online STEAMbites, especializada en ciencia e tecnoloxía e enfocada principalmente a nenos e adolescentes. No marco desta iniciativa, este verán vanse celebrar varios campamentos científicos e tecnolóxicos para os máis pequenos, dirixidos a rapaces a partir de 8 anos de idade.
Baixo o nome “Mundos robóticos”, este campamento ten programadas tres quendas, do 28 de xuño ao 2 de xullo, do 12 ao 16 de xullo e do 26 ao 30 de xullo; en horario de 10:00 a 13:30 horas. Os asistentes terán a oportunidade de iniciarse na robótica, descubrindo os segredos que ocultan os robots.
Pola súa parte, no campamento “Somos científicos” aprenderán a experimentar como os científicos, a través dun proxecto novo cada día. Terá lugar do 5 ao 9 de xullo e do 19 ao 23 de xullo, no mesmo horario.
Aos participantes faráselles chegar aos seus domicilios os kits necesarios para poder levar cabo os proxectos propostos en cada campamento. Mediante os diferentes experimentos, os nenos poderán aprender, crear e, sobre todo, gozar.
Unha vez completado o curso, cada alumno recibirá un diploma certificativo emitido por Atresmedia Formación e o Parque Tecnolóxico de Galicia.
Máis información: http://steambit.es
A actividade formativo-tecnolóxica dos nosos concellos non decae neste inicio do verán, collendo impulso a enriquecedora confluencia entre dixitalización e vacacións. É o caso do programa estival da aula CeMIT da Guarda, que programa dúas novas actividades gratuítas en novas tecnoloxías para estas semanas: un curso de deseño dixital e outro sobre manter a salvo as imaxes. Os dous obradoiros son para maiores de idade.
O curso de Deseño dixital con Canva permitirá aos participantes coñecer esta ferramenta e os principios básicos do deseño para poder realizar carteis, imaxes para redes sociais ou postais, entre outras cousas.
Pola súa banda, o curso Non perdas as túas fotos! está dirixido sobre todo a aquelas persoas que se inician na informática e queren ter as súas fotos a salvo ou poder visualizalas en varios dispositivos.
Todas aquelas persoas que estean interesadas poden formalizar a súa inscrición na aula CeMIT da Guarda, no primeiro andar do Centro Cultural, chamando ao 986 61 18 50 ou no enderezo de correo electrónico cemit.aguarda@xunta.gal. Todos os cursos son de balde e con prazas e aforo limitado debido á pandemia.
INCIBE e ONTSI (Red.es) lanzan este 29 de xuño o servizo ObservaCiber, un observatorio conxunto de ciberseguridade destinado a impulsar a divulgación da cultura da seguridade dixital entre os cidadáns e as empresas. Estréase cun estudo no que analiza os hábitos dos españois en Internet e as medidas de protección que adoptan ante os riscos máis comúns.
O observatorio é, nas súas palabras, unha suma das experiencias das dúas entidades en materia de protección tecnolóxica e na realización de produtos de coñecemento sobre transformación dixital. Esta iniciativa nace ademais para unificar e promover baixo un observatorio común, cunha marca unificada, os estudos de ciberseguridade desenvolvidos por ONTSI e INCIBE. Conta co apoio e a participación do Centro Criptológico Nacional (CCN), o Departamento de Seguridade Nacional (DSN), a Oficina de Coordinación de Ciberseguridad (OCC) e o Mando Conxunto do Ciberespazo (MCCE). Como dixemos, estréase co Estudo sobre percepción e nivel de confianza en España. Como se protexe a cidadanía ante os ciberriscos, correspondente ao segundo semestre de 2020. Esta investigación analiza a adopción de medidas de seguridade e avalía as incidencias de situacións que poden constituír riscos, así como o grao de confianza dos fogares españois no uso da tecnoloxía. Segundo os datos recolleitos a través das enquisas a usuarios, en canto a servizos usados en Internet, aumenta unha vez máis o uso da mensaxería instantánea e os chats (71,7%); así como servizos de pagos a través de Internet (58,4%), o acceso aos contidos dixitais de pago (43,4%) ou os trámites a través da Administración Pública Electrónica (42,5%).
Entre outras informacións destacadas, fai saber que o 41,5% dos enquisados cre innecesario cifrar documentos ou datos (“un dato preocupante tendo en conta que se trata dunha medida preventiva para evitar o acceso non autorizado”, engádese), e que se aprecia unha maior tendencia por parte das mulleres a desconfiar das medidas de seguridade das que dispoñen no computador persoal, como no caso do uso de certificados dixitais, onde un 13% declaran non fiarse delas, fronte ao 8,4% declarado polos homes. Ademais, o 65,7% das mulleres realizan con maior frecuencia copias de seguridade dos seus arquivos, fotos ou documentos dos seus terminais móbiles, 2,9 puntos máis que os homes, e utilizan máis o pin ou patrón de seguridade para desbloquear os seus dispositivos.