main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

21/06/202113:07
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

Os axentes galegos do software libre colaborarán coa Amtega no Plan de software libre 2021

  • A Amtega vén de publicar o plan de software libre 2021 con actuacións nos eidos de empresa, cidadanía e administración
  • Mantén a súa aposta polo uso e reutilización de software libre co compromiso de liberación de dúas novas aplicacións no Repositorio de Software Libre
  • A través dos diferentes convenios de colaboración para a difusión e fomento do uso de software libre, a Amtega traballará man a man cos distintos axentes do tecido galego de software libre para acadar este obxectivo

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar o Plan de Acción en Software Libre 2021, que recolle diferentes actuacións co obxectivo de fomentar e promover o uso e reutilización de software libre na administración pública, o impulso dunha oferta de solucións libres e de calidade para as nosas empresas, e incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade.

Como xa vén sendo habitual, unha parte moi importante destas actuacións desenvolveranse en colaboración dos principais axentes do ecosistema de software libre galego. Así asináronse convenios coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); coas Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre (AGUSL); e co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas. Así mesmo, o acordo de colaboración co colexio profesional de Enxeñaría Técnica Informática (CPETIG) inclúe tamén algunha actuación en prol do fomento do Software Libre.

Os acordos asinados permitirán a realización de diferentes tipos de actividades que inclúen dende a tradución de Software Libre, a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o fomento do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade social, a introdución á robótica educativa con software e hardware libre ou a formación en Software Libre nas Universidades.

Software Libre na Administración

No ámbito da administración a Amtega continuará promovendo o emprego de tecnoloxías libres en proxectos de calado para a Administración reforzando a súa posición como referencia e exemplo de políticas de eficiencia e bo uso de tecnoloxías libres grazas á implantación de solucións de software libre na súa infraestrutura tecnolóxica coa consecución de aforro e mellora de produtividade. Así mesmo mantén o seu compromiso de liberación de dúas novas solucións TIC desenvolvidas pola administración pública galega a fin de facilitar a súa reutilización por outras administracións.

Software Libre na empresa

No ámbito empresarial, as actuacións irán dirixidas a promover o uso de solucións libres de calidade que permitan ás nosas empresas mellorar en eficacia e competitividade. Ademais da actividade que se viña prestando a través do Centro Demostrador TIC, a posta en marcha este ano do GaiásTech permitirá seguir achegando solucións de software libre ás empresas, así como novas tecnoloxías emerxentes, nas que o software libre xoga un papel moi importante.

Software Libre para a cidadanía

Finalmente entre as actuacións dirixidas á cidadanía en xeral, destacar que se seguirán potenciando as tecnoloxías libres dentro dos programas de alfabetización e capacitación dixitais da rede CeMIT así como no resto de iniciativas recollidas no Plan de Inclusión Dixital de Galicia.

Un ano máis a Amtega colaborará co CIXUG no Premio ao mellor traballo universitario de fin de grado con Software Libre e que tamén conta coa participación da Asociación GPUL.
Por suposto é neste eido onde se desenvolverán a maior parte das actuacións que se executarán ao abeiro dos convenios de colaboración asinados cos axentes do ecosistema de software libre de Galicia.

Balance do Plan de Software Libre 2020

Xunto co plan 2021 publícase tamén o balance das actuacións de fomento do software libre desenvolvidas pola Amtega e en colaboración cos distintos axentes durante o ano 2020.

A pesar de ser un ano complicado pola situación sanitaria derivada da pandemia provocada pola COVID19 e as restricións motivadas polo ben da saúde pública, acadouse un nivel de cumprimento do plan establecido moi alto. Grazas á rápida resposta de todos os axentes implicados puidéronse adaptar moitas das actividades para seren levadas a cabo.

Así pois, a pesar da situación, leváronse a cabo ata un total de 41 actividades que supuxeron máis de 25.000 horas de formación en software libre alcanzando ata un total de 19.500 persoas. A través do Centro Demostrador TIC, algo máis de 400 empresas participaron nas diferentes actividades desenvolvidas sobre solucións de software libre. O portal Mancomún seguiu a ser o punto de referencia sobre o software libre en Galicia, publicando máis de 500 novas ao longo do ano, artigos técnicos especializados, pílulas en formato vídeo, como a serie especial de ferramentas de software libre para o teletraballo, ou os diferentes programas do podcast de Mancomún, entre os que compre destacar unha serie especial de entrevistas a mulleres que destacan no ámbito das TIC.

21/06/202110:11
Mática.
Ourense

Enxeñaría Informática acollerá un campamento tecnolóxico para rapazas

  • Para contribuír a rachar a fenda de xénero á hora de elixir carreiras TIC
  • A iniciativa celebrarase nas tres universidades galegas no marco do proxecto Mática

Do 28 ao 30 de xuño a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense celebrará un campamento tecnolóxico destinado a promover a vocación tecnolóxica entre as rapazas e contribuír así a rachar a fenda de xénero que existe á hora de elixir carreiras TIC. A iniciativa terá lugar nas tres universidades galegas no marco do proxecto Mática, do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e Amtega.

Talleres e charlas

No caso da UVigo, o campamento, gratuíto, desenvolverase os días 28, 29 e 30 de xuño en horario de 9.30 a 14.30 horas nas instalacións da Escola Superior de Enxeñaría Informática, que organiza a actividade xunto ao órgano colexial. Haberá un grupo formado por alumnas de primeiro, segundo e terceiro curso de Educación Secundaria Obrigatoria e outro de cuarto de Educación Secundaria Obrigatoria; primeiro e segundo de Bacharelato e Formación Profesional. O prazo de inscrición xa está aberto, habendo dispoñibles 30 prazas presenciais. Debido á limitación de prazas, o campamento tamén dá a opción ás rapazas a inscribirse nun grupo virtual, no que se desenvolverán actividades de conexión remota.

Segundo explica Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, o campamento incluirá talleres de carácter divulgativo e de iniciación á intelixencia artificial, programación móbil, robótica e pensamento computacional. Ademais terán lugar charlas sobre a profesión de enxeñería informática e algunha visita relacionada, como a centros tecnolóxicos. As actividades estarán adaptadas á idade das participantes e impartidas por profesoras do centro, por mulleres profesionais do sector e tamén por alumnas dos últimos cursos do Grao de Enxeñaría Informática.

A iniciativa forma parte do proxecto Mática. “Trátase dun proxecto destinado a fomentar as vocacións femininas en carreiras TIC. Este campamento tecnolóxico, que se celebrará nos tres campus galegos onde se imparte a titulación de Enxeñaría Informática, é a súa primeira actividade”, comenta Francisco Javier Rodríguez. Así, ademais de na Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo, a iniciativa terá lugar coas mesmas características na Facultade de Informática do campus da Coruña e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría do campus de Santiago de Compostela.

Unha fenda que está medrando

A idea dos campamentos, comenta o director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, é que as rapazas coñezan cousas que se están facendo en diferentes eidos tecnolóxicos pero sobre todo que “coñezan referentes femininos” e “fagan comunidade”. Así, detalla, os talleres e charlas serán impartidas por enxeñeiras informáticas do eido académico ou profesional para que as rapazas vexan como si hai mulleres estudando ou traballando neste sector e poidan ter referentes concretos e reais que lle inspiren. Neste senso, o responsable académico destaca a importancia da participación nos talleres tamén de alumnas dos últimos cursos do Grao de Enxeñaría Informática, “que son estudantes moi vocacionais, moi implicadas, que tiveron que loitar xa con estereotipos de xénero ata chegar aquí e que poden ser un bo exemplo para as rapazas, que escoiten a súa experiencia en primeira persoa”. Igualmente, a actividade está destinada a “crear comunidade”, que as asistentes  vexan que “hai outras rapazas coas que comparten o seu interese polas tecnoloxías”. Neste senso, o programa Mática ten o obxectivo de “crear unha rede entre todas as rapazas con intereses nas TIC, creando lazos de amizade e colaboración” entre elas con accións coma estes campamentos.   

A participación nesta acción, e noutras similares que se levan a cabo no centro ourensán, explica o seu responsable, xorde ante “a problemática da falta de alumnas nas carreiras TIC”. Esta fenda, indica Francisco Javier Rodríguez, “non é algo estrutural, de sempre, senón que o decrecemento estase producindo nos últimos anos”. Así, explica, “Enxeñaría Informática non é como outras carreiras na que a fenda de xénero vén de sempre, como podería ser Enfermaría, que foi tradicionalmente cursada maioritariamente por mulleres. Nós o ano pasado tivemos un 13% de rapazas e antes a porcentaxe de inscrición era moito maior”. Enxeñaría Informática, afirma o responsable académico, “é unha carreira que pode ser moi atractiva, que ten moitas saídas laborais, na que hai moitas mulleres traballando e temos que reverter esa baixada na matrícula, que as rapazas vexan que o interese nas carreiras tecnolóxicas non é unha cuestión do xénero, é universal. Non hai carreiras dun xénero ou doutro”.

 

18/06/202108:58
Robótica.
Santiago de Compostela

A Amtega e o CPEIG colaborarán no fomento do talento dixital das persoas máis novas (Tech Kids) e na formación en Ciberseguridade e Blockchain

  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia asina un convenio co Colexio Profesional de Enxeñería de Informática de Galicia
  • O Programa Tech Kids fomentará o talento dixital da infancia a través de tres eixos: Encontros con profesionais TIC, Mática e Ciberseguranza-Kids
  • Unha das novidade deste Convenio é a creación de espazos de networking: ‘Programa tres14.pm’
  • Deseñaranse novos recursos formativos en Ciberseguridade para os axentes da Rede CeMIT
  • O convenio contempla formación específica sobre Administración electrónica e Block Chain

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, renovaron a cooperación entre ambas entidades a través da sinatura dun acordo para a posta en marcha de actividades para o fomento da sociedade dixital no ano 2021.

O convenio, enmarcado dentro da Estratexia Galicia Dixital 2030, recolle a realización de actividades para o fomento do talento dixital das persoas máis novas (Tech Kids), formación en Administración electrónica, Block Chain e Ciberseguridade así como a creación de espazos de networking entre profesionais TIC (Programa tres14.pm)

Tech Kids: Fomento do talento dixital da infancia e mocidade

O programa Tech Kids ten como obxectivo identificar e desenvolver o talento dixital e fomentar o interese pola tecnoloxía e a ciencia entre a infancia e a mocidade galega. O programa Tech Kids estruturarase arredor de tres eixos: Encontros con profesionais TIC, Mática e Ciberseguranza-Kids.

A través dos encontros con profesionais TIC, nenas e nenos desde 6 a 18 anos poderán interactuar cun experto en temáticas relativas á elaboración de personaxes 3D, creación de videoxogos, robótica, intelixencia artificial, impresión 3D ou industria 4.0, entre outras.

A iniciativa Mática consiste na realización dun programa piloto de carácter específico para crear unha comunidade de mozos e mozas de 12 a 18 anos de distintas localidades, a través dun programa de xornadas online que proporcione: Ferramentas e contidos que lles permita ver a tecnoloxía e as súas aplicacións na sociedade, referentes de mulleres do sector TIC de distintos ámbitos (empresarial, administración pública, docente) así como información e coñecemento que lles permita decidir a súa futura carreira profesional.

A actuación Ciberseguranza-Kids desenvolverase a través de 12 xornadas de divulgación en modalidade on line mediante charlas con tipoloxía de contacontos ou outro tipo de actividades de carácter dinámico e participativo. Esta actividade está dirixida a nenos/as de 3 a 12 anos de idade. Ademais, esta iniciativa comprenderá a publicación de vídeos específicos con contido en materia de ciberseguridade para a súa difusión permanente.

Estas tres actuacións tamén forman parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, Plan DigiTalent, impulsado pola Amtega para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado máis novo.

Xornadas formativas sobre Administración electrónica, Block Chain e Ciberseguridade

O convenio contempla formación para o desenvolvemento das potencialidades dos traballadores dos sectores tecnolóxico e das Administracións así como formación específica dirixida aos axentes da Red CeMIT

No marco destas xornadas formativas, cabe salientar a formación en Block Chain, dirixida a un publico técnico e profesional.

Ademais, a formación en Ciberseguridade, enmarcada tamén no Plan de Inclusión Dixital de Galicia, permitirá crear novos recursos formativos e impartir cursos formativos sobre Ciberseguridade dirixidos aos axentes das aulas CeMIT.

Creación de espazos de networking: Programa tres14.pm

Outra das novidades deste convenio céntrase na creación de espazos de debate, opinión, coñecemento e networking para profesionais do ámbito TIC, invitando a expertos/as en distintas materias para que realicen unha exposición sobre a materia e un coloquio posterior, 

As actuacións previstas polo CPEIG completaranse con actividades de difusión para a comunidade de colexiados, profesionais, organismos e empresas do sector TIC galego, en temas de investigación, tendencias de mercado, innovación, etc.

17/06/202114:40
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

O Nodo Galego de Ciberseguridade crea un grupo de traballo dirixido ás empresas

  • A Xunta elabora unha Estratexia Galega de Ciberseguridade que forma parte da transformación social deseñada na Estratexia Galicia Dixital 2030
  • As iniciativas promovidas pola Xunta, como a creación do Nodo CIBER.gal e o Centro de Ciberseguridade de Galicia, enmárcanse nas estratexias de España e Europa
  • Os ciberataques ás empresas creceron un 25% durante a pandemia, o que supuxo un custe superior aos 5 billóns de euros en todo o mundo

Galicia disporá de un grupo de traballo dirixido ás empresas no marco do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, promovido pola Xunta de Galicia e do que forman parte as principais entidades públicas e privadas relacionadas coa seguridade nos ámbitos dixitais.
Este grupo de traballo comezará a súa actividade nas vindeiras semanas e programará accións ao longo deste ano.

A ciberseguridade nas empresas foi o argumento do foro rexional da Asociación Española para o Fomento da Seguridade da Información (ISMS), que se celebrou esta mañá en Vigo e que foi inaugurado cunha intervención da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pareira.

Durante a sesión, o director de Infraestruturas e Seguridade da Amtega, Adrián Lence, presentou o Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, unha estrutura de cooperación que conecta axentes públicos e privados, entre os que se atopan as principais entidades de referencia de España, como o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) ou o Centro Criptolóxico Nacional (CCN). Tamén forman parte do Nodo as catro deputacións galegas, a Federación Galega de Municipios e Provincial (FEGAMP) e a Amtega, ademáis das entidades privadas que se están incorporando.

CIBER.gal dirixe a súa actividade á cidadanía, ás Administracións Públicas e ás empresas e está integrado no ecosistema galego de ciberseguridade, que se completa coa creación do Centro de Ciberseguridade de Galicia, que se construirá na Cidade da Cultura, e cun catálogo de mecanismos e instrumentos ao servizo da seguridade nos ámbitos dixitais. O primeiro destes mecanismos é o Acordo Marco que permite a prestación de servizos neste ámbito á cidadanía, ás administracións e ás empresas. Ambas actuacións foron aprobadas en marzo polo Consello da Xunta.

As actuacións de reforzo promovidas pola Xunta de Galicia en materia de ciberseguridad polo aumento dos incidentes provocado pola pandemia implicarán a mobilización de máis de 12 millóns de euros ata 2023 que inclúen, ademáis do Centro e o Acordo Marco, a creación dunha oficina de apoio ao CIBER.gal.

Segundo os últimos datos dispoñibles, en 2019 rexistráronse en Galicia case 12.000 ciberincidentes, o que supuxo un aumento de casi un 40% con respecto ao ano anterior. En España, o Instituto Nacional de Ciberseguridade xestionou en 2020 máis de 130.000 incidencias, das que o 80% afectaron a cidadanía e empresas. No mundo, os ciberataques ás empresas creceron un 25% durante a pandemia, o que supuxo un custo global para as compañías de máis de 5 billóns de euros.

A Xunta de Galicia traballa dende 2015 en accións específicas para o fomento da ciberseguridade. Desenvolveu os plans directores de seguridade e creou o equipo galego de resposta ante emerxencias informáticas CSIRT.gal. Na actualidade elabora unha Estratexia Galega de Ciberseguridade, dacordo coa Estratexia Galicia Dixital 2030 e aliñada coa Estratexia Nacional de Ciberseguridade 2019. As actuacións do Goberno galego alíñanse tamén coa estratexia europea a través dos nodos tecnolóxicos desenvolvidos pola Amtega.  

16/06/202120:15
Momento da “Charla con Mar Vidal”.
Santiago de Compostela

Mar Pereira defende que as administracións deben liderar dun xeito coordinado a transformación dixital da sociedade

  • A directora da Amtega participou como invitada en representación de Galicia no ciclo de “Charlas con Marc Vidal” de Vodafone Lab
  • Advirte que os fondos de recuperación deben ser xestionados con axilidade e que a complexidade da colaboración inter administrativa non debe lastrar os procesos
  • O principal reto da transformación dixital son as persoas, que deben sentirse seguras e acompañadas nos cambios
  • A “folla de ruta” da Xunta plásmase na Estratexia Galicia Dixital 2030 e na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, e o modelo de colaboración que defende o Goberno galego reflíctese en iniciativas como os nodos de ciberseguridade e 5G

O sector público ten que liderar o cambio que implica a transformación dixital da sociedade a impulsala no resto dos sectores económicos, segundo destacou hoxe a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira.

A directora da Amtega participou esta mañá na sesión correspondente a Galicia e Asturias da “Charla con Mar Vidal”, que organiza Vodafone Lab en toda España co obxectivo de impulsar a dixitalización das empresas.

Marc Vidal é un consultor e divulgador sobre a economía dixital que está considerado unha das persoas máis influentes nesta materia en España.

Durante a charla de hoxe, Mar Pereira sinalou que a tecnoloxía estivo á altura durante o periodo de pandemia pola Covid19 e lembrou que a sanidade xa era con anterioridade un dos ámbitos máis maduros tecnolóxicamente. Neste sentido, destacou o esforzo realizado tanto desde o sector público como por parte das compañías privadas.

Engadiu que as actuacións de continxencia que foron necesarias adoptar implicaron un pulo fundamental na transformación dixital, non soamente na sanidade, senón tamén noutros ámbitos como a Administración pública ou os sectores empresariais e de servizos.

Estes avances deberanse agora asentar e iniciar un camiño ascendente no que a directora da Amtega identificou dous retos fundamentais: por unha banda, simplificar e axilizar os procedementos dos fondos de recuperación e, pola outra, a existencia de perfís valentes e perseverantes nun sector público que ten que arriscarse a afrontar os cambios.

Abogou pola busca de mecanismos máis áxiles para a xestión deses fondos e un esquema de coordenación inter administrativa.

Para a directora da Amtega, os cambios que implica a transformación dixital deben adaptarse ás persoas, que teñen que sentirse seguras e acompañadas e que agardan que ese liderado das administracións se leve a cabo dun xeito coordinado, pese á complexidade que implica.

O marco no que se desenvolverá en Galicia este proceso está previsto na Estratexia Galicia Dixital 2030, que implicará a mobilización de 4.000 millóns de euros de procedencia pública e privada; así como na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, que mobilizará 330 millóns de euros.

O modelo de colaboración defendido dende a Xunta de Galicia plásmase, entre outras iniciativas, na creación dos nodos de ciberseguridade e 5G, dos que forman parte as administracións, os organismos de referencia nestas materias e as empresas privadas implicadas.

A xornada organizada por Vodafone Lab en torno á “Charla con Marc Vidal” incluíu unha mesa redonda na que se abordou o novo modelo de posto de traballo na sociedade dixital.

Neste debate participou a directora da Área de Administración Dixital da Amtega, María José García Sexto, que lembrou que a Xunta de Galicia desenvolve dende 2013 un modelo de teletraballo para o persoal público, dirixido inicalmente a perfís moi determinados. Explicou que a situación provocada pola pandemia mostrou que o funcionamento da administración pública seguiu con normalidade naqueles ámbitos no que o teletraballo estaba máis desenvolvido.

María José García Sexto lembrou que neste momento a Xunta ten en marcha o plan de posto de traballo avanzado para as persoas empregadas públicas que atende a todas as necesidades previstas e favorece un esquema híbrido de traballo presencial e teletraballo, evita duplicidades e garante un escenario de seguridade e comodidade.

Este plan, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia en abril, contempla actuacións por importe de máis de 20 millóns de euros. García Sexto indicou hoxe que os fondos Next Generation supuxeron unha oportunidade de ser más ambiciosos no alcance desta planificación.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS