A Universidade de Vigo vai celebrar con actividades online o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se conmemora este día 11 de febreiro. Así, os tradicionais obradoiros de Elas Fan CienTec, nos que cento de rapazas se achegaban aos laboratorios do campus de Vigo, pasarán a celebrarse virtualmente, ao igual que as charlas divulgativas que se viñan organizando dentro da Iniciativa 11F en centros educativos de toda Galicia e as actividades do Centro de Investigación Mariña (CIM).
Por outra banda, a feira de Exxperimenta en Feminino non se poderá levar a cabo, pero as organizadoras optaron por ofrecer unha páxina web na “que estarán a disposición da sociedade contidos divulgativos sobre mulleres importantes da historia da man de investigadoras do Campus de Ourense”, indicaron. Todo o paquete previsto de actividades, que as docentes e investigadoras da UVigo organizan co gallo do 11-F, buscan dar visibilidade ao traballo das mulleres nestes eidos, amosar ás mozas de Secundaria exemplos de mulleres que desenvolven súa traxectoria profesional no eido da ciencia e a enxeñaría e espertar vocacións nestes campos, “especialmente masculinizados”.
Elas Fan CienTec e charlas divulgativas
Elas Fan CienTec é un programa de obradoiros científicos e tecnolóxicos para rapazas de secundaria que, nesta ocasión, contará con preto de 80 nenas de catro centros educativos da provincia de Pontevedra (IES Val Miñor, IES Rosais II, Colexio Plurilingüe Alborada e IES A Cañiza). Da man de docentes e investigadoras da Universidade de Vigo coñecerán as liñas de investigación e os laboratorios do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio), a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e a Escola de Enxeñería Industrial. De xeito paralelo, ao longo de todo o mes de febreiro, un total de 32 investigadoras e un investigador da Universidade de Vigo ofrecerán a 34 centros educativos de toda Galicia 70 charlas virtuais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Estas enmárcanse na Iniciativa 11 de febreiro, que se organiza a nivel nacional con motivo desta efeméride. Todas estas actividades contan co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo na súa xestión.
11-F no CIM
Outro dos centros que se une á celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia é o Centro de Investigación Mariña (CIM), que organiza actividades en liña para alumnado de secundaria, tanto rapaces como rapazas, de diferentes centros educativos de toda Galicia. O programa desenvolverase o día 12 e contará, por unha banda, coa Asociación Faraxa, que reflexionará sobre a necesidade do 11-F e, por outra, coa directora da Área de Investigación da UVigo, Ana Bernabeu, que presentará os indicadores de igualdade na institución educativa e no CIM e explicará a súa experiencia persoal.
V Concurso de Creación Artística
Tamén o día 11 de febreiro daranse a coñecer as e os gañadores do V Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, convocado pola Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. Nel convidábase ao alumnado de Primaria e ESO da provincia de Ourense a presentar traballos visuais ou literarios sobre as mulleres na ciencia e na enxeñaría ou nas tecnoloxías TIC. Nas anteriores edicións, estes premios entregáronse durante a celebración nestas datas da feira divulgativa Exxperimenta en Feminino, pero debido á pandemia este ano tivo que anularse a súa celebración, polo que a entrega dos galardóns do concurso queda aprazada ata que a situación sanitaria o permita.