AFundación TV emite en directo este xoves 25 de febreiro, a partir das 19.00 horas, a conferencia Protexéndonos, protexéndoos impartida polo hacker e experto en ciberseguridade Bernardo Viqueira. A charla, tras a que os espectadores poderán formular preguntas a través do chat, abordará os métodos actuais nos ataques cibernéticos e cales son os comportamentos dos usuarios que os facilitan. Así mesmo, tamén se tratarán as boas prácticas cos usuarios menores, explicando cales son os principais riscos segundo a súa idade e como se lles pode protexer. O acceso é libre e gratuíto e pódese formalizar xa a través da web de AFundación.
Bernardo Viqueira é enxeñeiro de Telecomunicacións, con diversos mestrados e certificacións na área da ciberseguridade, sendo a súa gran especializade o ámbito do hacking. Grazas a esta vocación, ten traballando reportando fallos de seguridade a empresas sobranceiras como Deezer, Starbucks e Yahoo; colaborado con organismos gobernamentais. Ademais, participa asiduamente en programas de radio e televisión.
Consultor de seguridade en activo, Viqueira está hoxe á fronte da marca Brain. A conferencia enmárcase no novo programa de Saúde dixital de AFundación e compleméntase cun total de oito microsesións formativas, que se emiten todos os mércores e venres do mes de febreiro nas que Bernardo Viqueira ofrece unha visión realista do mundo dixital e axuda ao usuario a xestionar mellor os sistemas informáticos. Nas súas sesións abórdanse as claves para mercar en liña modo seguro, a privacidade e as redes sociais, como protexernos en cinco fases, os menores en Internet ou como configurar un ambiente seguro en casa, entre outros.