main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

12/07/201709:07
Lingua de signos.
A Coruña

A Coruña achegará unha plataforma tecnolóxica de vídeo-interpretación en lingua de signos

O Concello de A Coruña quere avanzar botando abaixo a meirande cantidade posible de atrancos que se poidan interpoñer entre a información xerada pola cidade e a cidadanía. Esta semana, anunciou unha intervención directa nos atrancos que atinxen ás persoas xordas e con discapacidade auditiva. O camiño elixido para esta iniciativa é, unha vez máis, o camiño das novas tecnoloxías da información. Así o anunciou a Concellería de Igualdade e Diversidade, que anunciou a vindeira posta en marcha dun servizo de vídeo-interpretación en lingua de signos. Este servizo consistirá, en palabras da Concellería, “nunha plataforma tecnolóxica no que unha persoa intérprete de lingua de signos, dende unha localización remota, recollerá unha vídeo-chamada do persoal municipal ou mesmo da persoa usuaria presente nunha oficina de atención cidadá, e traducirá a lingua oral e de signos o diálogo entre ambas”. 

A licitación do servizo levarase a cabo nas vindeiras datas. O obxectivo específico: “Garantir a accesibilidade e non discriminación das persoas xordas ou con discapacidade auditiva aos servizos de atención cidadá do Concello”. A licitación, explica o Goberno local, suporá a posibilidade de dispoñer dunha bolsa de horas de vídeo-interpretación en liña para rexistros e atención cidadá directa, ademais da interpretación doutras iniciativas municipais, prevendo a posibilidade de requirir a ampliación deste servizo no futuro.

O contrato da área de Igualdade establece unha xornada de traballo na que o persoal aproveitará as devanditas bolsas de horas para, nos tempos dispoñibles alén da atención cidadá, realizar vídeo-interpretación e/ou subtitulado de contidos multimedia municipais (plenos, vídeos de campañas municipais, vídeos para a web do Concello) de forma que, “de xeito progresivo”, poida avanzarse na “necesaria e obrigada accesibilidade universal de todas as persoas aos distintos servizos da Administración”, engadiu a Concellería.

A habilitación do servizo prevé a ampliación dos 10 postos actuais con plataformas de vídeo-interpretación. O tipo de licitación é de 18.000 €, cunha duración máxima de dous anos prorrogables a dous máis, e unha posibilidade de incremento por incorporación de novos postos de até o 50 %. O persoal deberá posuír a titulación de Técnico Superior en Interpretación de Lingua de Signos Española. O texto establece que a modalidade web/online da plataforma, que se integrará no portal www.coruna.gal e terá que cumprir cos criterios de imaxe corporativa municipais, deberá funcionar “nos navegadores máis usados” pola poboación e “non deberá ter restricións en canto ao número de persoas usuarias ou localizacións empregadas”. 

A licitación valora ademais, “especialmente”, a inclusión para o servizo de aplicacións nativas para tabletas ou desenvolvidas en HTML5 que “faciliten maior mobilidade e usabilidade tanto as persoas usuarias do servizo como aos equipos de atención cidadá municipais”.

12/07/201708:54
Talentum.
Santiago de Compostela

Telefónica recunca co seu programa Talentum

Telefónica quere servir de impulso a todos aqueles profesionais e emprendedores que leven dentro un profesional e un emprendedor de éxito (innovador, empresarial, creativo e, por suposto, solidario). E farao a través do programa Talentum, unha iniciativa lanzada para promover o talento da mocidade na economía dixital e que vén de coller máis folgos coa renovación de cadanseus acordos con Ericsson España e a Fundación Adecco (o primeiro deles en 2013 e o segundo en 2014). 

Ao abeiro de Talentum, Ericsson porá en marcha en 2017 o obradoiro Lab 5G, que, como o seu nome indica claramente, encamíñase a favorecer a experimentación e a creatividade arredor da vindeira tecnoloxía móbil, a 5G, desta volta co foco posto no sector turístico e feiral e tirando proveito de recursos que serán de uso común, como a realidade aumentada e virtual. 

Pola súa banda, a Fundación Adecco patrocinará un hackathon social organizado por Talentum, no que os participantes deberán desenvolver unha aplicación móbil que contribúa á inserción laboral de persoas con diversidades funcionais ou cognitivas. 

Talentum é unha plataforma de pulo ao talento novo aberta, integradora e participativa. Ademais de formación, fornece de xeiras de networkinghackathons, eventos e desenvolvemento de solf-skills, ofrecendo diferentes modalidades de bolsas que se axustan ás distintas etapas ou intereses das mozas e dos mozos. Desde 2012, concedéronse case 2.500 bolsas Talentum nas súas distintas modalidades. Ao longo deste ano, a iniciativa repartirá ao redor de 500 bolsas.

12/07/201708:48
Cartel do foro.
Vigo

Esta semana Vigo convértese na capital da innovación universitaria

Esta semana, a partir do mércores 12 de xullo, celébrase no Auditorio de Vigo unha importante xornada de traballo destinada a debater e intercambiar recursos sobre os mellores xeitos de afianzar os campus na Sociedade do Coñecemento e as súas diferentes ferramentas e oportunidades. O foro Tendencias actuais das transformacións das universidades nunha nova sociedade dixital vén da man das nosas tres universidades e mailo Foro Internacional de Innovación Universitaria, unha fronte común integrada por institucións académicas superiores dunha manchea de países destinada a fornecer de apoio aos proxectos tecnolóxico-docentes dos seus membros. O encontro de Vigo, a sétima edición do foro, conta co patrocinio da Xunta, do operador galego R, da Deputación de Pontevedra e máis do Concello. 

No acto de apertura, previsto para mañá ás 9:30 horas, participarán a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación da Universidade da Coruña, Nancy Vázquez Veiga, a secretaria Xeral da Universidade de Vigo, Gloria M. Pena Uris, a vicerreitora de Internacionalización da Universidade de Santiago de Compostela, Almudena Hospido Quintana, e o presidente do Foro Internacional de Innovación Universitaria, Aurelio Villa Sánchez. 

A continuación, o reitor do Tecnolóxico de Monterrey, David Garza Salazar, impartirá a conferencia inaugural Reinventando a universidade: administración do cambio e cultura da innovación, para despois dar paso aos distintos relatorios, comunicacións e grupos de discusión dun encontro académico e investigador que pretende reunir profesionais do ámbito universitario (preto de trinta universidades de distintos países) para reflexionar sobre os cambios e transformacións que as tecnoloxías están a impoñer nos campus así como avanzar nas novas tendencias e o seu impacto no campo do coñecemento.

programa propón catro eixes de análise que contarán coas intervencións de prestixiosos investigadores internacionais: a xestión para a innovación; o deseño curricular e pedagóxico; a innovación e a responsabilidade social e as tecnoloxías aplicadas á educación.

12/07/201708:46
Unha persoa maior utiliza unha tableta.
Santiago de Compostela

Máis do 20% dos internautas maiores cre que navegar pola rede é complicado

  • Cada vez son máis as persoas maiores que acceden de forma habitual a Internet, con todo, moitos deles seguen tendo dificultades para navegar pola Rede

 

En concreto, a porcentaxe de persoas maiores que utiliza frecuentemente Internet alcanza xa o 36,9% do total da poboación maior de 65 anos.

Unha cifra que segue crecendo trimestre a trimestre, pero que segue lonxe doutros cortes de poboación nas que as porcentaxes chegan a situarse no 97,1%, como é o caso dos mozos entre 15 e 24 anos.

En canto ao uso da internet, chama a atención que máis do 20%, é dicir, máis dunha de cada cinco persoas maiores que navegan pola Rede pensa que é difícil ou moi complicado utilizala.

Segundo os datos do Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI), só o 18% dos maiores de 65 anos considera que é “moi sinxelo” navegar por Internet e o 58,9% cre que é máis ben fácil. Porcentaxes moi distintas aos rexistrados entre os mozos, entre os que o 54,1% cre que é sinxelo e o 42,8% máis ben fácil, o que suma case o 97% do total de Internautas entre 15 e 24 anos.

Un dos datos máis positivos do informe e que mostra esa tendencia a un maior uso da internet entre as persoas maiores é a comparación co acceso a Internet hai un ano.

Así, segundo o informe do ONTSI, case o 10% dos usuarios actuais maiores de 65 anos o ano pasado non utilizaba Internet, e máis dun de cada catro internautas, o 25,8%, entra máis na Rede agora que hai 12 meses.

A diferenza do que ocorre entre os mozos, que utilizan Internet desde distintos lugares, o acceso das persoas maiores realízase case exclusivamente no fogar (o 87,5%) ou nas casas de familiares e amigos (14,8%).

En canto á frecuencia de acceso, algo máis da metade dos usuarios maiores de 65 anos accede a Internet cada día, e o 27,1% faino entre 2 e 4 días á semana.

E a que dedican o seu tempo na internet as persoas maiores? Pois principalmente para estar en contacto coas súas persoas próximas. Máis do 75% usa habitualmente as redes sociais e máis dos 90% programas de mensaxería ou de chamadas.

Con menor frecuencia, os maiores tamén utilizan Internet para acceder ao seu banco (59%), para xogar (45,6%), para ver vídeos (38,4%) e para moverse con mapas e GPS (36%).

11/07/201709:34
Logo AMETIC.
Santiago de Compostela

Ametic, CCOO e UXT reclaman medidas para fomentar o talento dixital en España

Ametic, CCOO e UXT incidiron na necesidade de fomentar un ecosistema nacional para o desenvolvemento e o recoñecemento do talento habilitador da transformación dixital en España e aproveitar así as vantaxes "competitivas económicas e sociais" que ofrecen as novas tecnoloxías e a economía dixital.

A patronal tecnolóxica e os sindicatos publicaron o 'Manifesto polo liderado da transformación dixital da economía española mediante o desenvolvemento do talento', no que inciden en que se se quere unha España 4.0 que sexa referente da transformación dixital hai que despregar "de maneira consistente unha estratexia de desenvolvemento de talento dixital que inclúa a todos os grupos de interese, tanto públicos como privados".

Neste sentido, remarcan que é "fundamental" crear ese ecosistema co fin de promover, educar e formar aos cidadáns nas novas competencias dixitais que demandan as organizacións do sector TIC, así como outros sectores que están en proceso de dixitalización e a sociedade en xeral.

Así, resaltan a importancia de involucrar a todas a partes neste proceso desde un modelo de innovación aberta e plataformas de colaboración público-privada. Os asinantes subliñan que unha das claves fundamentais para que a transformación dixital se leve a cabo de forma eficaz e eficiente é unha adecuada formación e capacitación dixital dos cidadáns e traballadores.

"O desenvolvemento da dixitalización require o que todos os axentes involucrados sexamos máis proactivos para liderar o cambio e, sobre todo, a administración, que debe xogar un papel de impulsor, regulador e equilibrador do desenvolvemento do proceso", engaden.

O Manifesto remarca que a demanda de talento dixital "é e será crecente a medida que a imparable revolución dixital implante as súas novas tecnoloxías mentres que existe unha porcentaxe alta da poboación que carece de emprego".

A este respecto, apunta que o desfasamento existente entre oferta e demanda provoca que finalmente haxa "unha gran cantidade de postos de traballo que queden sen cubrir". De feito, a Comisión Europea estima que en 2020 en Europa pode haber unha demanda de perfís dixitais sen cubrir de ao redor de 756.000 postos, 80.000 deles en España.

 

Medidas propostas

Entre as medidas concretas propostas por Ametic, CCOO e UXT no Manifesto atópanse potenciar as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) entre os mozos, e de forma moi especial entre as nenas e adolescentes, incorporando desde a educación primaria materias de contido tecnolóxico, así como un programa de sensibilización permanente sobre a seguridade e a confianza no dixital e fomento da cultura emprendedora.

Ademais, o texto tamén propón promover o equipamento e uso de tecnoloxías no modelo educativo dixital desde os seus primeiros niveis educativos e formar e/ou actualizar aos docentes do sistema educativo no coñecemento e dominio de novas tecnoloxías e aplicacións para o seu uso na aula.

Outra das suxestións é que se vele para que a oferta de profesionais procedente do sistema educativo español (formación profesional e educación universitaria) correspóndase coa demanda de talento das empresas. Para iso, cren que hai que reformular con carácter urxente a formación profesional (FP), especialmente na súa modalidade de Formación Profesional Dual, e a formación universitaria, de modo que se resolva a actual brecha entre a demanda das empresas e oferta de profesionais.

Así mesmo, avogan por realizar un seguimento permanente da demanda das cualificaciones profesionais e da súa evolución nos diferentes sectores produtivos, así como que Ministerio de Emprego e Seguridade Social estableza un observatorio específico do emprego dixital transversal a todos os sectores produtivos.

Outras das medidas propostas é potenciar políticas activas de emprego no posto de traballo durante toda a vida laboral do traballador, especialmente as relativas á formación continua, ou conformar un Plan de Formación de capacitación TIC para desempregados, que facilite a súa reincorporación ao mercado laboral, así como seguir formando aos cidadáns ao termo da súa vida laboral en competencias tecnolóxicas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS